Donosiña, drama en tres autos

Páxina Anterior

Terceiro acto.

 

m2xquintanilladonosiña003.html

AUTO TERCEIRO

A mesma decoración do prólogo. No centro unha mesiña, alumeada por un quinqué, con pantalla. Ô redor d'ela, sentados, Andrés, Sr. Cura, y-Euxenio, xugando ô tresillo. Andrés â direita d'Euxenio. A o piano, qu'estará aberto, sentada, Madanela, repasando papés de música. Á sua veira de pé, Lela. Un sofá â esquerda.

Sr Cura - (A Euxenio) Está vosté mui desgraciado ista noite. É iste o terceiro codillo que lle dou.
Euxenio - (Baraxando as cartas) Eu teño rachas no xogo.
Sr. Cura - Pois xa sabe vosté qu'o qu'é desgraciado no xogo...
Andrés - Si, é certo. Euxenio é un afortunado, pro mui afortunado n'amores.
Sr. Cura - Nada pódese decire. Xa sabe vosté, D. Andrés, qu'os derradeiros serán os primeiros.
Euxenio - (Que foi dando cartas) Pois está vosté trabucado, Sr. Cura. Son, sin dúbida, un verdadeiro desgraciado en custiós d'amor.
Andrés - Eu paso.
Sr. Cura - Pois eu xogo.
Madanela - Tés eiquí un mañífico archivo de música. Beethoven, compreto. Cuaseque todo ó de Mozart. As divinidades de Bach...
Lela - Pois eu dou eso, todo eso, por unha soila canzón nosa. Fai falla o mago qu'esperte, pra o mundo do arte, todo o mundo de xurdia poesía qu'hai na música do noso pobo.
Madanela - Pois eu son de Beethoven. Tanto ó quero e ó sinto, paréceme tan crara a sua música, que teño dudado moitas veces - de sere certo ó que din os espritistas - si eu terei sido, noutra vida, o mesmo Beethoven.
Sr. Cura - (Ôs xogadores) Con permiso... O espritismo, señora, é cousa do diaño. (Siguen xugando) Esto non quere decir que seia cousa mala, pois o diaño, pra nos engayolare, âs veces fai cousas -non direi boas- pro si sorprendentes. Quizáves, si; a sua ánema fose, n'outros tempos, unha ánema xemela da grande músico. ¿Quén sabe a verdade?
Andrés - ¡A verdade! ¿Vosté coida, Sr. Cura, que non é posibre sabere a verdade?
Sr. Cura - Toda enteira, non. Anaquiños d'ela, si. Ô que pasa, meu señor, é qu'as veces un anaco de verdade a coidamos a verdade enteira.
Euxenio - Codillo, Sr. Cura. Desquiteime.
Sr. Cura- O diaño da conversa mo fixo. Descuideime. Eu debin lle poñere o rei de bastos.
Andrés - Esa era a xugada, pro de parte non podía se librare.
Euxenio - Deixaremol-o xogo pra mañán...
Andrés - Por min...
Lela - Estou pensando, Sr. Cura... ¿Vosté crê nos mortos?
Sr. Cura - ¿Cómo si creio nos mortos?
Lela - Quero decire si crê na sua presencia, en que poidan nos dirixiren, nos alentaren, conviviren con nosco...?
Sr. Cura - ¡Ouh, rapaza, rapaza! ¡Pois non te metes ti en poucas enfunduras! Xa che teño dito qu'eu creio en todo... menos no pecado. ¡Eu que sei, miña nena! Pergúntallo ô teu pai, qu'é home de mundo.
Andrés - Vosté, Sr. Cura , é home de fé e a fé será dona do mundo.
Sr. Cura - Pois... eu non sei, non sei que che decire. Houbo eiquí, na parroquia, un enterramortos que morreu moi velliño. Era un petrucio sinxelo, bó, home de gran corazón. Y-él diciame que, moitas veces, ten visto ôs mortos. ¡Non lles tiña medo! Falaba d'eles como de bós amigos. Âs veces chegaba á miña casa e decíame: - Sr. Cura, hai que facere unha misiña pol-a intención do Fulano... Sei que pena; non s'atopa á gusto na sua cova - E decíamo con tal seriedade e con un aquel, qu'eu creia....
Madanela - Logo ¿vosté, crêe?
Sr. Cura - Creio... qu'el creia, qu'el reialmente vía ôs mortos. Os vía, si; pro non sei si os vía pol-a sua fé, ou porque, verdadeiramente, os mortos andan, com'os trasgos, pol-o mundo adiante...
Lela - Ponme medo, Sr. Cura.
Sr. Cura - Pois non teñas medo, neniña. O noso enterramortos non tiña medo y-era porqu'o vello cimiterio non poñía medo a ninguén. Atopábase dentro das ruinas d'un vello tempro gótico, do que se conservaban, ainda, os arcos oxivales, postos en pé por un verdadeiro milagre d'equilibrio. Pol-as noites a lúa entraba no cimiterio como na sua casa e todo falaba alí de calma, d'agarimo, de pracidez. Unha vés, fai d'isto xa anos, veu â parroquia un gran amigo meu. Era cego e tocaba o violín. Pol-a noite - él ó quixo - fumos ô cimiterio. Era noite de luar crariño. Viase ô lonxe o mare com'un espello de prata. Pol-o día fixera moita calore, pois nos atopábamos no mes da Virxe. E o meu amigo, na soedade feiticeira da noite, encomenzou á tocare o seu violín. Primeiro un nouturnio de Chopin; dimpois unha romanza descoñecida. Eu lembrarei aquela noite como unha das mais sereas da miña vida....
Lela - (Berrando, histericamente, asustada) ¡Ai!
Andrés - ¿Qué é?
Sr. Cura - ¿Qué che pasa, Leliña?
Lela - ¡Ai, non sei, non sei! Sentín com'unha mau fria que me tocaba na frente; com'un salayo que me bicaba os ouvidos...
Andrés - Ti estás tola, nena.
Euxenio - Non se pode falare d'istas cousas diante de mulleres.
Lela - (Abraza ô seu pai) ¡Meu pai! ¡Meu paiciño! ¡Non foi medo, non! ¡Setin a sua friaxe...!
Andrés - Vamos, acouga. Eres mui nerviosa.
Madanela - ¡Xesús! ¡Qué medo púxome ista rapaza! (A Euxenio) (Debaixo da tapa do piano tés a chave)
Lela - ¡Non; non foi medo, meu paiciño! Agora mesmo sinto que vai pasar algo, que che van facere algo.
Andrés - ¿A min? ¡Non seias tola, Leliña!
Sr. Cura - Pro Lela, por Dios. ¿Non che da vergonza de sere eisí?
Euxenio - (Collendo a chave debaixo da tapa do piano) ( ¿Esta?)
Madanela - (¡Si!)
Lela - ¡E non me creen, non me creen! ¡Pois eu ó vexo tan craro! ¡Sei qu'o daño que ch'iban facere xa cho fixeron!
Andrés - Vaya, vaya; que me vou incomodare contigo, nena.
Madanela - ¡Ai, qué tonterias, Lela! ¡Pareces parva!
Sr. Cura - E a culpa a tiven eu. ¡Vaya por Dios! Non quixen facere un mal e ó fixen.
Andrés - Non lle faga caso, Sr. cura. Esto é cousa de nervios, nada mais. ¿Pasouche?
Lela - Si, vaime pasando. ¡Qué medo sentin, papai!
Euxenio - ¿Está xa tranquía?
Lela - Si, xa estou tranquía. Perdonádeme. ¡Por algo chámanme Lela! E pol-a miña causa pasáchedes un mal rato. Pro ¿por qué serei eu eisí?
Sr. Cura - O principal é que xa che pasara a grima. Ti non debes te preocupare de nosco.
Lela - Pois por vostedes ó sinto. ¿Perdónasme, papai? ¿Perdonádesme?
Andrés - Estás perdonada. E imos seguire a nosa veladiña.
Madanela - A nosa velada xa está interrumpida. Nin habria gusto nin tranquilidade suficiente pra seguire departindo com'amigos.
Euxenio - ¡Calade! ¿Non ouvides?
Andrés - ¿Qué é?
Sr. Cura - Un can qu'ouvea.
Madanela - Asomella un agoiro.
Lela - ¡Sinto medo outra ves, papai! ¡Qu'ouveo mais triste! ¡Parece un ánema en pena, que se queixa!
Euxenio - ¡Ouvea com'un doente!
Andrés - É o noso can: o Leyal. ¿Qué lle pasará?
Sr. Cura - Vamos. A noite está pra sustos. Nin qu'o can asistira â nosa conversa.
Lela - ¡Cómo se laya, probiño!
Madanela - ¡Qu'ouveo mais triste! ¡Pon friaxe nos osos! ¡Andrés, por Dios; que fagan calare ese can!
Andrés - ¿Calar? ¡Qu'ouvee!
Euxenio - Pois vaya un gusto. Asustare âs mulleres.
Andrés - (Chamando) ¡Maruxa! ¡Maruxa! Agora ó farán calare. ¡Calade vosoutros!
Lela - ¿Non ouvides como xeme? ¡Qué tristeiro é o seu ouveo!
Maruxa - (Pol-o fondo) ¿Chamaba, señor?
Andrés - Si. ¿Non ouces o can? Pois baixa ô xardín e céibao. Fai unhas noites que non quere estare preso. Ceibándoo, calará.
Maruxa - ¡Probiño! ¡O can non fai daño a ninguén! Ninguén ten de pasare pol-a finca, pois atópase pechada a verxa, e pode estare ceibe o Leyal. ¡Eisí non ouveará!
Andrés - Pois baixa axiña. (A Madanela) ¿Estás satisfeita? (Vaise Maruxa)
Madanela - Si, si. (Agarimosa) ¿Por qué non querias que calase?
Andrés - Non sei, non sei. Porqu'hai en min, quizáves un ouveo íntemo, n'un recuncho da miña ánema, e parecíame o ouveo do can... unha armoñia cos meus sentementos.
Lela - ¡Ainda sigue ouveando! ¡Qué nerviosa estou!
Euxenio - Acougue, Leliña. Son cousas dos animaes. Eso non val nada. É que vosté está desacougadiña e todo lle parece sobrenatural.
Lela - ¡Todo! ¡Síntome tan fora de min! ¡Cómo si m'arrincaran de min mesma e unha forza misteriosa levárame pol-os aires, en âas invisibres!
Andrés - Xa calou o can.
Sr. Cura - Si, xa calou. (Un pouco de silenzo)
Lela - Dame agora mais medo iste silenzo. Parece que no aire hai unha friaxe... (Silenzo longo, mui longo. Todos calan e coas testas baixas ollan pra o chan)
Madanela - (Salayando) ¡Ai!
Lela - (Salayando) ¡Ai!
Sr. Cura - Bueno, voume. Pol-a culpa da miña conversa todos estamos arripiados.
Andrés - Eu ó acompañarei, Sr. Cura.
Sr. Cura - Non, de ningún xeito. Chamarei a Maruxa por mor do can, non vaya á facere comigo unha falcatrúa. Ela acompañareme.
Andrés - Como vosté queira.
Sr. Cura - Bueno, señores, boas noites que descansen tranquiliños. O sono esvairá todol-os mouros pensamentos do seu pensamento. (A Madanela) Señora...
Madanela - Vosté descanse, Sr. Cura.
Sr. Cura - Adios, Leliña. Perdóname. A min si que tes que me perdonare. Pol-a miña culpa...
Lela - Non foi nada, Sr. Cura. Xa estou ben.
Andrés - Adios, Sr. Cura. Boas noites.
Maruxa - (Pol-o fondo) Xa ceibei o can, señor. Saltaba com'un tolo, cheo de ledicia. ¿Vai marchare o Sr. Cura?
Sr. Cura - Si, voume.
Maruxa - Pois irei cando vosté, se nón o can...
Sr. Cura - Adios eh... Descansade ben. (Vanse Maruxa e o Sr. Cura)
Madanela - ¡Estou cansadiña! Voume pra o leito.
Euxenio - Si, é houra de se retirare.
Andrés - ¿Ti non te deitas, Leliña?
Lela - Si, tamén eu voume pra o leito.
Euxenio - Pois boas noites e deica mañán.
Lela - Boas noites, Euxenio.
Euxenio - Adios. E non soñe con cousas de medo. A noite é de luar crariño, boa pra pensamentos de ledicia. Adios, Andrés. Hastra... mañán, Madanela.
Madanela - Adios. Hastra... mañán. (Vaise Euxenio pol-o fondo)
Lela - Papai. Voume deitare. Dame un biquiño. Direille á Maruxa que durma no meu cuarto, pois soila teria medo.
Andrés - Adios, nena. Descansa ben. (Vaise Lela pol-o fondo)
Madanela - (Pausa. Andrés vai car'a ela. Fai un xesto de desprezo e vai marchare) ¿Vaste, Andrés?
Andrés - (Brusco) Si. Voume. ¿Qué queres?
Madanela - Nada. ¿Por qué non estás comigo un pouco?
Andrés - ¿Queres, reialmente, que che faga compaña?
Madanela - Si non-o quixera non cho diría.
Andrés - Madanela... ¡Qu'eres pra min o inferno e o ceo ô mesmo tempo! ¡Qu'eu xa non sei si eres o diaño ou si eres un anxe! ¡Qu'eu non sei xa si ch'esnaquizare entr'as miñas maus ou si che collere nos meus brazos pra ch'apreixare contra o meu corazón! ¡Madanela... que sufro com'un doente!
Madanela - Pro ¿qué quêr decire todo esto? Non ch'entendo. ¿Por qué, falándome con verbas d'amore, fálasme, ô mesmo tempo, con verbas d'odio?
Andrés - Porque ámote e ódiote á un mesmo tempo. Porque quérote tanto que xa non sei si tamén a xenreira que che teño é agarimo. Porque estando cheo de odio pra ti, xa non sei, tampouco, si a miña xenreira é dozura infinita.
Madanela - ¡Andrés! ¡Endexamais falácheme d'iste xeito! ¿Qúe tés? ¿Qué che pasa?
Andrés - (Apreixándoa feramente) ¡Non o sei! Ôllame nos meus ollos. Dame os teus ollos. Eisí. Ôllame frente á frente e cara á cara. ¿Qué dis?
Madanela - ¡Nada! ¡Nada... e todo! Qu'o fondo dos teus ollos é com'unha aberta de pas. Qu'o fondo dos teus ollos é tan sereo y-está tan cheo de dozura qu'asomella a dozura mesma.
Andrés - Bícame. Dame os teus beizos. ¿Qué dis agora?
Madanela - Qu'os teus beizos son volvoretas do desexo e quéimanse no lume dos meus beizos.
Andrés - Apréixame. Apréixame rexamente e deixa que t'apreixe. ¿Qué dis, Madanela?
Madanela - Qu'ainda qu'eres forte, e a forza dos teus brazos é brutal, desfaise no meu corpo, e asomella agarimo d'unha mauciña agarimosa.
Andrés - ¡Mintes!
Madanela - Pior pra ti. ¿Queres qu'os teus ollos non seian doces? ¿Qu'os teus beizos non seian volvoretas? ¿Qu'en troques d'agarimo... os teus brazos carifenme bestialmente?
Andrés - Mintes, mintes. Ti non ves dozura nos meus ollos. O que ves n'iles é tan mouro que che pon medo na-y-alma. Ti non ves desexo nos meus beizos, senón maldiciós. E nos meus brazos, ansias de morte...
Madanela - ¿De morte? ¿E quen pensa na morte, meu Andrés; meu Andresiño? (Despregando toda a sua feminidade) ¡Qué toliño eres! Eu non sei que mouros pensamentos aniñan en ti. Pro sei que en min todol-os meus pensamentos son brancos e puros como a neve das montañas. ¡Qué síntome tan felis ô teu rente! Mira. Dame as tuas maus: eisí (Colléndoas) Son as maus que m'encariñan na vida, que m'agaruxan, que me poñen leda. Estes dediños os teño bicado moitas veces e os hei de bicare moitas, ainda. Chei de facere, como aos nenos, xogos cos dediños e direiche qu'este xantou un oviño, qu'este ó probou... ¿parezo unha nena, verdade? Pro é que sentíndote tan forte e sentíndome tan deble â tua veira, paréceme que son com'a tua filliña, que son unha picariña rebuliceira...!
Andrés - ¡Madanela! ¡Non veñas con meiroas! ¡Non fales da miña forteza! ¡A forte eres ti! Ätasme de pés e maus pol-o amore que por ti sinto. ¡Tesme toliño, miña nena! ¡Madanela! ¡Xúrame que me queres! ¡Qué non m'engañas!
Madanela - ¿Qué che engaño? ¡Andrés! ¡Aldráxasme! Pro... che perdono. Che perdono porque ti tamén eres un neno. E ademais porque o non te perdonare sería mágoa pra min.
Andrés - Non sei que che decire. Son-o teu dono y-eres ti, reialmente, a miña dona. Quero sere forte contigo e son com'un probe bimbio, que ti dobregas â tua vountade. Hai momentos en que teño a seguranza ausoluta de que m'engañas, de qu'eres falsa e mintireira. Pro de pronto, teño vergoña dos meus pensamentos e coido que cada un d'eles é unha inxuria imperdonabre pra ti. ¡Eu quixera saber a verdade, toda a verdade! ¡Ainda qu'a verdade fose un coitelo que me desfixera as entranas! ¡Moito millor a ferida sangrante, delorosa, qu'ista dúbida infernal qu m'embruxa feramente! ¡Son pedras que me baten no cráneo os meus pensamentos, agullas que me firen a carne, frechas que m'aguilloan os sesos...!
Madanela - ¡Eso é que me queres, meu Andrés! ¡Qué me queres moito!
Andrés - ¡Moito!
Madanela - É que se non me quixeras a miña vida seria pra ti indifrente. Pro é tan forte o teu amore, que tés medo de qu'o meu non seia tan forte como o teu. ¿Ti non sabes da dureza do buxo? Pois eisí é o meu esprito pra o teu amore: firme e forte será decote.
Andrés - ¿Non m'enganas, Madanela?
Madanela - ¡Andrés! ¡Incomódasme! Eu xa non debia falare mais d'iste asunto contigo. ¡Son unha muller, Andrés! ¡A tua muller! Ti, ô fin e ô fallo, eres home, e como tal rudo, bestial, dominadore. ¡Ai, Dios mio! ¡Qué sempre a vosa forteza ten de sere torrenteira que nos desfaga! ¡Un pouco de delicadeza, Andrés, pra min! ¡Pol-o amore que me tés! ¡Aldráxasme! ¡Miña naiciña: que m'acalentache pra entregarme, inerme e abandonada, nos brazos rudos d'iste home!
Andrés - ¡Madanela! ¡Miña Madanela! ¡Miña neniña! ¡Perdóname, pol-a tua nai! ¿Fíxenche daño, pequena? ¡Pois perdóname! Xa verás que boiño hei de sere contigo. Eu farei penitenza, a penitenza que ti m'impoñas, o castigo que ti queiras.
Madanela - Déixame. Déixame soila. Estou magoada, ferida pol-os teus aldraxes. Perciso m'atopare soila... Non coidei endexamais que t'envileceras d'iste xeito, pois envilecéreme a min é aldraxarte a ti mesmo. ¡As sospeitas tuas non son dinas d'un home! Si sospeitas, eu non debo merecere de ti senon o desprezo. A unha muller non se lle fala de sospeitas. Ou se ll'amostra o ceo azul da fé ou o inferno da mala fé. Déixame, Andrés.
Andrés - Pro... ¿Perdónasme?
Madanela - Non sei. Déixame. ¡Eu que sei! ¡Son unha desgraciada e as miñas bágoas valen mais qu'as tuas verbas de consolo!
Andrés - ¡Non chores, ña Madanela! ¡Pol-o que mais queras! ¡Non chores!
Madanela - Déixame. Deéixame, por Dios.
Andrés - ¡Ouh, que canalla son! ¡Qué besta son! ¡Eu tiña de m'arrincare a lingua, que ch'aldraxou!
Madanela - Son moitos delores xuntos os d'ista noite. Mañán falaremos con calma. Eu verei si podo esquencere as tuas verbas. Quérote tanto qu'é posibre qu'as esquenza.
Andrés - ¿Quéresme? ¿Quéresme moito?
Madanela - É a primeira penitencia que ch'impoño: a de non che decire si te quero.
Andrés - ¿E a segunda?
Madanela - Que me deixes. Que te vayas...
Andrés - ¿Dasme un bico?
Madanela - O que ó desexes é a terceira penitencia.
Andrés - ¿Cantas faltan?
Madanela - Xúzgate ti mesmo... e verás ó que mereces.
Andrés - Tés razón. (Acompañándoa hastra a porta da direita) ¿Hastra mañán, Madanela?
Madanela - Si, hastra mañán. E toma... ista contra penitenza. (Bótalle un bico e pecha correndo a porta. Andrés vai car'as fenestras. Abre unha d'elas. Entra a lúa no estrado. Pasa un anaco asomado, respirando o recendo da noite. Dimpois colle o quinqué, aceso, e vaise, paseniño, co-il na mau, pol-a porta do fondo)
Andrés - ¡Xa sabrei a verdade! (A escea queda soila por un bó anaco. Pouco á pouco ábrese a porta do fondo e aparece n'ila Euxenio. Con moitas precauciós vai car'a porta da direita. Ábrese ista e sal Madanela)
Euxenio - ¡Madanela! ¡Miña Madanela! ¡Por fin!
Madanela - ¡Vaite, vaite! ¡Vaite, por Dios! ¡Ti non sabes ó qu'acabo de sufrir!
Euxenio - ¿Qué pasou?
Madanela - Andrés ¿sabes? sospeita... Tén cuaseque a certidume do que pasa. Tiven que facere mil esforzos pra dominalo, pra finxirme morta d'amore por il. ¡Vaite, por Dios!
Euxenio - ¡Ouh, non; non me vou! ¡Ainda que se desfaga o mundo enteiro! ¡Ainda que s'abra a terra e tráguenos á todos!
Madanela - Vaite, Euxenio. Ainda teño o corpo cuberto de suor frio. ¡Sentinme morrere nos brazos d'Andrés! Nos atopamos ô borde do abismo, Euxenio. O roubo das alhaxas tense que se descubrire d'un dia á outro. Eu xa non sei como Andrés non está enterado. Virán as averiguaciós. Eu non sabrei finxir. ¡Descubriránnos! ¡E perdereite, Euxenio; perdereite pra sempre! Pol-a imprudenza d'un dia podemos perdere a felicidade de todo tempo.
Euxenio - ¡Non m'importa! ¡Eu non sayo d'eiquí!
Madanela - Pro ¿estás tolo, Euxenio?
Euxenio - Si, estou tolo, tolo por ti. Xa nada m'importa. ¡Xa todo m'é igual! Qu'o seipan todo. Que me leven á presidio. Pro enantes quero bebere na tua boca, pr'apagare ista sede d'ela que m'esliga. ¡Estou tolo! ¡Tolo de fame por ti. De fame dos teus agarimos, da tua carne, do teu amore! ¡Quero loitare por ti, e te defendere, defendere a tua posesión! ¡Defendela com'unha besta maldita, á dentadas, á couces, mordendo á quen me morda, cravando as miñas uñas en quen te queira... ¡Abrásanme os celos! ¡A seguranza de qu'hai quen che toca, que ch'apreixa nos seus brazos!
Madanela - Pois non pode sere, Euxenio. ¡Cálmate, pol-a tua nai, pol-o noso amore! Eu non teño a culpa de todo isto que pasa. ¡Xa cho decia eu, Euxenio! Xa che decia que pra nos tiña de sere imposibre ista vida. Temos moitos enemigos e xa ves ó que che pasa con Rosendo. ¡Eu xa non sei si todo isto será un castigo de Dios!
Euxenio - ¿De Dios? Mira, non me fagas brasfemare, que sinto qu'a brasfema venme â gorxa. ¿Qué pecado fixen eu? ¿Cal é o meu delito? ¡O de te querere con azos de morte; quererte tolamente, rabiosamente! E si Dios puxo en min este amore, qu'é a miña vida enteira, ¿por qué Dios m'ha castigare? Por ti levo feito todo ó que fixen. Por ti a miña vida é moura, como noite sin luar, pro non a cambeo por resprandore ningún. Por ti ¡Madanela! fun ladrón. Por min tamén ti eres ladrona. ¡Y-eu serei asesino! ¡Eu serei criminal! Pro... que non me separen de ti!
Madanela - Pois ¿por qué non fuximos?
Euxenio - Si, fuxiremos. Escaparei ôs meus enimigos. Pro esta noite, non. Esta noite ten que sere noite d'amore. Unha noite d'amore con lembranzas de mortos y-ouveos de cáns. ¡Bicos que seian como agoiros e apertas qu'asomellen meiguerias! Ven pra eiquí, preto da fenestra (Van cara á ela) Deixa qu'a lus do luar che dé na cara. eisí. ¡Déixame vel-o infinito do ceo no fondo abismal e infinito da tua mirada!
Madanela - Euxenio... ¡Mátasme! ¡Toléasme!
Euxenio - Un bico, Madanela!
Madanela - ¡Teus beizos, Euxenio! (Bícanse. Madanela d'espaldas â fenestra, iluminada pol-a lúa)
Euxenio - ¡Esto é vivire, Madanela! Os teus beizos son com'unha vara máxica que fan encantamento de todo o que tocan.
Madanela - Por eso os teus beizos, xa encantados pol-os meus, son-o meu encantamento.

Unha pedra vén, rápida, de fora. dalle na testa á Madanela. Ista vacila, xeme e vai caere. Euxenio a tén nos seus brazos.

Euxenio - ¡Madanela! ¡Madanela! ¿Qué che pasa? ¿Qué foi? ¿Qu'é isto, meu Dios? ¡Madanela! ¡Miña Madanela! ¡Sangue! ¿Non m'escoitas, Madanela? ¡Miña pícara! (Ábrese, de pronto, a porta da direita. Aparece n'ela Andrés, c'un revolver na mau)
Andrés - ¡Ah, ladrón, canalla!
Euxenio - ¡Andrés! (Sin deixare a Madanela)
Andrés - Si, eu... Que sospeitaba. ¡Qu'ó via craro todo! ¡Qué saltei como un ladrón pol-a fenestra do cuarto de Madanela e o vin valeiro! ¡Qué pra sorprendere ôs ladróns tiven que chegare ocultamente, com'un ladrón mais!
Euxenio - (Solta a Madanela. Esta desprómase, morta, no sofá) ¡Ouh, pro defendereime! Eiquí non hai inxuria pra ninguén ¡pois eu era o dono desta muller! ¡O tocare a ista muller tén pena de morte!
Andrés - ¿De morte?
Euxenio - ¡Si, de morte!
Andrés - ¡Pois esa pena vas tere! (Andrés quêr disparar. Euxenio bótase riba d'él. É unha loita salvaxe, bestial. Caen pol-o chan. Mórdense coma cáns doentes. Na loita Euxenio consigue arredarse d'Andrés e tirarlle, c'unha forza titánica, unha silla, que se creba no chan. Volven á agarrarse e o revolver cai das maus d'Andrés. A loita adequire côres tráxicos. Todo o deseio dos dous homes é collel-a arma. Euxenio, preto d'ela, dalle unha patada e aléxaa. Por fin Euxenio líbrase d'Andrés. Duda un momento e tírase pol-a fenestra aberta. Andrés vai, rápido, e colle o revolver. Corre cara â porta do fondo. Ábrese ista e sal Lela.)
Lela - ¿Onde vas, meu pai?
Andrés - ¡A matalo! ¡A desfacelo!
Lela - (Agarrándose, de xionllos, âs pernas d'el) ¡Non vayas! ¡Fun eu quen tirou a pedra! Estaba eu no xardín, pra vere si escorrentaba o medo. E vinnos na fenestra ôs dous, vinnos que se bicaban ¡meu pai! Acordeime de ti. ¡Acordeime da miña naiciña e sentin outra vés a mau fria que me tocaba na cara! ¡Alí estaban os dous, os canallas: un nos brazos do outro! Collin unha pedra e pechei os ollos. ¡E aló foi a pedra, com'un lóstrego! ¡Sentin o berro de Madanela, un berro d'anguria! ¡Mátame, meu pai!
Andrés - ¡Matarte! ¡Ti fixeche xusticia! ¡Pro déixame sair! ¡Qué s'escapa o canalla y-estou sedento do seu sangue!
Lela - ¡Non, non vayas! ¡Teño medo por ti!
Andrés - ¡Déixame, Lela! ¡Déixame ou non respondo de min!
Lela - ¡Non, non vayas! ¡Non quero que vayas!
Andrés - ¡Qué non queres que vaya!
Lela - ¡Non, non quero! Ehí tés á Madanela. Miraa. Mira que lle pasa...
Andrés - ¡Madanela? (Véndoa) ¡Ouh, si, meu Dios! ¡Madanela! (Collea e abálaa feramente) ¡Madanela!
Fuco - (Pol-o fondo. Arrepiado. Cos ollos fora das órbitas) ¡Señor! ¡Meu señor! ¡Señorita! ¡Ai, que desgracia!
Lela - ¿Qué? ¿Qué pasa?
Fuco - ¡O can, señorita! ¡Ai, que desgracia na casa!
Lela - Pro ¿qué é? ¿qué pasou?
Fuco - Non-o sei, señorita. O can tiña d'estare ceibe. Conócese qu'o señorito non-o sabia. O Leyal botouse á el. Ouvin os seus ladridos e os berros do señorito e fun, correndo, con Maruxa. ¡Ai, señorita! ¡Eu coido que D. Euxenio está morto! ¡Non fala! O Leyal botóuselle â gorxa ¡A Maruxa costoulle traballo arredar o can!
Lela - ¡Morto!
Fuco - ¡Si, señorita! ¡Coa cara desfeitiña e teso com'un pau!
Andrés - ¡Madanela! ¡Miña Madanela! ¡Ainda sabendo ó que sei... querote con toda a miña-y-alma! ¡Madanela!
Fuco - ¡Corra, señorita, por Dios!
Lela - ¡Morto! (C'un berro tolo) ¡Euxenio! ¡Meu Euxenio!
Fuco - ¡Veña axiña, señorita! (Vaise)
Andrés - ¡Madanela!
Lela - ¡Euxenio! ¡Qu'agora sei ó que sentia por ti! ¡Euxenio! (Vaise)
Andrés - (Saloucando) ¡Madanela! ¡Miña Madanela!
Lela - (Fora da escena) ¡Euxenio!... ¡Euxenioo!
Andrés - (Desesperadísimo) ¡Madanela!
Lela - (Mais lonxe) ¡Euxenioo!
Andrés - ¡Madanela!
Lela - (Mui lonxe) ¡Euxenioo! ¡Euxenioo!


Cai o pano, rápido.

No Ferrol a 20 de Mayo de 1919.

Glosario
Baraza: novelo, madeixa.
Caritar: bater na cara deixando feridas.
Cativo: neno, rapaz.
Codillo: perda no xogo do voltarete.
Cousiliña: cousiña
Día d'espeto: día de sol forte.
Enfurruxar: encabuxar, enfadar.
Esligar: morrer de sede.
Limentiño: alimentiño.
Meiroa: mimo, aloumiño.
Ña: miña
Pachena, de: panza arriba
Penla: bola ou masa de manteiga.
Xuncras: Xudas

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega