Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae"

Páxina Anterior

I. Moito antes do galeguismo xa había "cristiáns galegos"

Páxina Seguinte

Galegos e cristiáns - I



1. A monxa Exeria, Prisciliano e Paulo Orosio (s.IV-V)


I. O galeguismo propiamente dito é un fenómeno de "última hora" na historia de Galicia, pouco máis dun século. Pero se queremos falar dun cristianismo enraizado na terra galega, teríamos que ir moito máis atrás no tempo.
     E teríamos que falar, por exemplo, da monxa EXERIA, unha muller de temple e moi piadosa, que a finais do século IV (os últimos estudios falan que puido ser entre os anos 381-384 (1) ) fixo unha peregrinaxe á Terra Santa, para visitar os santos lugares da Biblia. Non é de estrañar, que San Valerio lle escribira ós monxes do Bierzo :

"Contemplade á benaventurada virxe Exeria, máis valente que tódolos homes do seu século. En tempos en que a fe católica estaba abrollando ...emprendeu, inflamada no amor a Deus e coa súa axuda, unha viaxe ó redor do mundo" (2).

     Tan importante coma esta ousada viaxe, tendo en conta as circunstancias históricas, é o valioso Diario que escribiu esta muller narrando as súas experiencias. Este diario, chamado Itinerarium ou Peregrinatio, converteuna na primeira escritora galega, como afirma o mesmo Vicente Risco (3); aínda que non fora en galego, senón en latín, a lingua que se falaba daquela en Galicia. Non é unha obra literaria clásica, pero coa escasa actividade literaria das mulleres escritoras, agás na modernidade, ten unha importancia non desdeñable tanto para Galicia como para a historia da Igrexa. É particularmente importante para nós por ser unha testemuña cristiá, de gran importancia mesmo na renovación moderna da liturxia, ó referir no seu libro as celebracións litúrxicas daqueles lugares tan referentes para o cristianismo.
     Avelino Gómez Ledo xa se ocupou dela en varios artigos da revista Logos, e non dubida en dicir cheo de orgullo, por ser galega: "Exeria era unha desas cultísimas mulleres que son a honradez da nosa caste e da nosa historia" (4). Nos temos que falar hoxe cunha persepectiva histórica menos romántica e máis crítica, ata o punto de poñer en cuestión ata a mesma realidade galega desta egrexia muller. Pero, tanto no seu caso coma no de Prisciliano coido que comprirá, de calquera xeito, seguir valorando o símbolo, ás veces tan importante como a mesma realidade histórica (5).



II. Do mesmo século é PRISCILIANO, moito máis coñecido, e merecidamente. Foi un bispo galego, cualificado coma teólogo xenial, pero que morreu decapitado en Tréveris (Alemania) coma o primeiro cristián axusticiado por razóns heréticas (6). A súa persoa e as súas ideas acreditaron as opinións máis encontradas entre os galegos. Desde as opinións que o defenden como representante xenuíno dun cristianismo enraizado en Galicia e chegan a presentalo coma o prototipo da espiritualidade ancestral dos celtas (o historiador Manuel Murguía), ata quen o descalifica coma un noxento herexe que deu a luz "inmundas teorías" (o tamén historiador López Ferreiro), ou quen di simplemente que "ninguén puido probar a súa conexión coa nosa alma racial" (Pedret Casado) (7).
     Otero Pedrayo califícao de "Poderosa individualidade, a maior, tal vez, que Galiza xenerou" e creador dun "movemento de adaptación da relixiosidade céltica ao mundo católico ... unha forma de cristianismo máis próximo do vello sentimento celta do mundo e o ultramundo" e mesmo "a primeira expresión literaria do espírito galego" (8). Castelao tamén o defende como mártir da intolerancia, "perseguido por enxertar na doutrina católica o sentimento panteísta do seu país e a liberalidade moral dos seus coterráns". Na defensa da galeguidade do cristianismo de Prisciliano di Castelao que: "O seu sangue foi xerme da reforma católica e o librepensamento", e que foi víctima da "inquina dos bispos españois, non galegos", pero "o priscilianismo botou raíces tan fondas na ialma mística de Galiza que, a pesares das pauliñas dos cregos, o noso pobo aldeán segue sendo heterodoxo" (9).
     Compre dicir que estas afirmacións teñen un carácter máis romántico e mítico que de expresión fidel da realidade, pero reflexan todo un xeito de pensar sobre este un galego (histórica ou só simbólicamente "galego"), que foi considerado por egrexios galegos coma o "pai dun cristianismo galego orixinal", aínda que non soubera encaixalo ben no conxunto da nacente teoloxía cristiá e caera nunha herexía que deforma a mesma mensaxe cristiá. Sen dúbida, se a persoa e a doutrina de Prisciliano acadou un eco tan grande na Galicia do século IV foi porque atopaba resonancias nas almas dos galegos, pois posiblemente conectaba con formas relixiosas sobreviventes dun estadio precristián (10), formas relixiosas enraizadas no sustrato antropolóxico galego e que, dalgunha maneira, seguiron pervivindo no cristianismo, aínda que de xeito convenientemente "bautizado".



III
. O historiador, teólogo e presbítero PAULO OROSIO é outro dos egrexios persoeiros galegos destes primeiros séculos da historia cristiá de Galicia, aínda que algo posterior ós anteriores. Considerado polo papa Gelasio "o máis erudito entre os escritores cristiáns" do seu tempo, a súa obra ocupa os primeiros 30 anos do século V. Natural da "Provincia Gallaecia", como afirma San Braulio e hoxe parece fora de dúbida, andou nos primeiros anos tocado pola doutrina de Prisciliano, pero abandonou esas ideas da man de San Agostiño, de quen foi discípulo e amigo. Esta amistade naceu nunha viaxe que fixo a África e Palestina, pasando por Hipona, de onde era bispo San Agostiño. Unha viaxe motivada, segundo as súas palabras, non pola procura de riqueza e honores, senón para combater "as falsas e perniciosas doutrinas, que destrozaban dos habitantes de Hispania, con meirande estrago que os bárbaros destrozaban os corpos" (11). En Palestina coñece tamén a outro dos grandes Padres da Igrexa, San Xerónimo.
     A importancia grande de Orosio para a historia galega son os seus libros, a súa Xeografía e sobre todo a súa Historia, escrita a instancias de San Agostiño, que por esas datas escribiu La ciudad de Dios. A obra de Paulo Orosio é considerada por Menéndez Pelayo coma "o primeiro e prodixioso ensaio dunha historia universal". Para nós é particularmente interesante polas referencias a Galicia.





2. San Pedro de Mezonzo (s.X)

     Na lembranza dos primeiros cristiáns galegos egrexios, despois de nomear unha muller medio lexendaria e mesmo a un "herexe", non podemos deixar de traer aquí a un gran santo e un gran galego: Pedro Martínez Exióniz, máis coñecido como San Pedro de Mezonzo (930-1003) (12), monxe de Mezonzo, abade de Sobrado e de San Paio Antealtares e bispo de Compostela, é "unha das figuras máis brillantes e suxestivas da historia galega no s.X" (13). Manteño con claridade no meu maxín o prado da parroquia de Présaras, no concello coruñés de Vilasantar —onde asistín á miña primeira escola— no que, nun pelouro que hai no medio, din que este venerado monxe escribiu a Salve Regina, unha das oracións marianas que máis éxito popular acadaron, non só en Galicia, senón en todo o mundo católico. Comprirá achegarse a figura e a obra deste home; aínda que sen deixar de ser críticos frente ós excesos haxiográficos, ó uso nas "vidas de santos", o historiador riguroso tamén ten moito que dicir deste gran home.
     Naquel condado de Présaras naceu o santo monxe, de familia labrega. Coa axuda dos condes, o cativo decidiuse de contado pola carreira eclesiástica. Un día chamou ás portas do convento próximo a Santa María de Mezonzo —fermosísima igrexa románica— e alí vestiu a cogula benedictina e recibiu o presbiterado. Pasa logo ó veciño mosteiro de Sobrado; alí vai medrando a súa sona de sabio e de santo, mesmo con gran formación literaria, polo que ó pouco tempo é nomeado abade. Eran tempos difíciles, sobre todo por causa das invasións normandas, que chegaron ata esas terras. Dalí vai a Compostela, ó mosteiro de San Paio Antealtares, tamén como Abade, sendo amigo de San Rosendo. No 985 é elixido bispo de Compostela, daquela diócese de Iria Flavia, onde saíu airoso de numerosos conflictos cos distintos mosteiros e señoríos, gracias á súa sabencia e á fama de santo que tiña. O bispo de Mezonzo foi un bo administrador, ademais de persoa relixiosa e santa. "Sabio, prudente e santo", chámao Cesáreo Gil; e o soberano que gobernaba no seu tempo aquelas terras, o rei Vermudo II —que depuxera ó bispo Paio precisamente por non ser moi santo—, chámao "Amado de Deus" ("Dilectus Dei"), que segundo refire Cesareo Gil, ninguén fixera a bispo algún naquela época. M. Rubén fala, ademais, da súa santidade e sabencia, da súa capacidade literaria:


"Coñecemos varios documentos escritos por Pedro de Mezonzo. Son textos que retratan a súa alma, os riscos persoais nos que deixou a pegada do seu máis fondo sentir. Distínguense todos eles polo lirismo dos seus exordios, pola súa altura poética e teolóxica á vez, nunca acadada polos notarios e escribanos daquel tempo. Foi o s.X un século de rudeza incompatible co florecer da vida do espírito" (14)

     Autor de varias oracións coñecidas, s. Pedro de Mezonzo é sobre todo o autor da Salve, unha oración que se entende mellor coñecendo a dura situación histórica que lle tocou o bispo de Compostela, sobre todo cando as tropas de Almazor arrasaron a cidade. Conta a lenda que a atoparon deserta, tan so deron cun monxe na catedral, era o bispo Pedro. "Ningunha diócese poderá alegar un tal cúmulo de adversidades nesa época como sufriu Compostela —di M. Ruben—, obxecto das violentas incursións normandas, primeiro, e sobre todo das devastacións de Almanzor, despois". Non é difícil comprender como nesas circunstancias un devoto da Virxe estalara nunha pregaria coas verbas coñecidas da Salve:

"¡Salve Raíña, Nai de misericordia!.
Vida e dozura e esperanza nosa ¡Salve!
Por ti chamamos os desterrados...
Por ti salaiamos, sufrindo e chorando neste val de bágoas.
Señora e avogada nosa, volve cara a nós eses teus ollos de misericordia.
E, despois deste desterro,
móstranos a Xesús, froito bendito do teu seo..."

     No medio da violencia e do terror, no medio dun milenarismo que amedrentaba á xente coa fin do mundo, vendo anticristos por todas partes e desesperando da salvación, Pedro de Mezonzo ora con verbas de esperanza e confianza nun Deus de amor, e non de vinganza e castigo.





3. Diego de Xelmírez, o Mestre Mateo (s.XII) e Alvaro Pelaxio (s.XIII)

     Moitas cousas separan ó arcebispo Xelmírez e ó Mestre Mateo, como son o seu talante persoal e o poder que chegou a acadar o primeiro, ademais dos anos. Pero úneos a súa confesión de fe cristiá —máis ou menos consecuente—, o amor a Galicia e o entroncamento na realidade galega, nunha época especialmente rica para esta nación do Finis Terrae.


I. DIEGO DE XELMÍREZ, é outra das figuras máis admiradas da historia galega, particularmente polos homes da xeración "Nós" (1065-1140). Otero Pedrayo dedícalle unha novela (A romeiría de Xelmírez) e moitas páxinas máis dos seus escritos. "Nel o prelado, o fino artista psicólogo, o idealista cangado de experiencia —di—, coordinánse esencialmente no galego" (15). A figura de Xelmírez exerce unha fascinante atracción sobre Otero polo seu amor a Galicia; como eclesiástico e político traballou polo seu engrandecemento e non parou ata conseguir de Roma a dignidade metropolitana para Compostela (16). Non lle importa a Otero a realidade histórica do Xelmírez autoritario e mundano, guiado polos turbios intereses persoais. Cousa que non dubida en criticarlle Castelao: "O gran Xelmírez ...por engrandecer a sede Compostelá matou o pulo intuitivo de Galiza, entregándose a sorte de Castela" (17), referíndose ás loitas políticas de Dona Urraca.
     Sen dúbida, é mérito de Xelmírez colaborar para que Compostela e Galicia acaden momentos de plenitude. El é o forxador da "Galicia compostelá", en contraposición á "Galicia bracarense", como recoñece o P. Oro, "consciente de que a nova Galicia ten que se erguer desde a supremacía da Igrexa de Compostela e a súa organización xurisdiccional, señorial e social" para chegar a ser verdadeiro Reino independente (18). Diego de Xelmírez é o primeiro arcebispo de Santiago, o que traslada a capitalidade diocesá de Iria Flavia a Compostela e chega a converter esta na "capital relixiosa da Europa Occidental", como lle chama Vicente Risco. Da man de Xelmírez —"un astro na Igrexa hispana dos seus días e sobre todo na Galicia compostelá" afirma o P.Oro— Galicia vai creando toda unha cultura propia en expansión crecente, sendo expoñentes deste magnífico momento o Codex Callixtinus, a lírica galaico-portuguesa nacente e as grandes creacións do románico.



II. É o tempo do románico, como ben dixo Otero Pedrayo, "de seguridade e conciencia determinada no destino de Galicia"; neste tempo "Galicia está segura" (19). Otero chega a dicir que "Galicia só pode explicarse completamente como céltica, románica e barroca" (20). "O románico —dille nunha ocasión a Victor Freixanes— é a espiritualidade que vai a procura de Deus".
     No contexto desta arte e desta cultura brilla con luz propia a fe e a xenialidade creativa do MESTRE MATEO . Da súa procedencia e actividade non se sabe practicamente nada; só coñecemos a súa actividade en Santiago, entre 1161 e 1217. Pero sen dúbida é un dos persoeiros galegos máis coñecidos, como manifesta a vella tradición do "santo dos croques", onde levaban as nais ós seus fillos a recibir a sabencia do homiño que fixera aquela obra tan fermosa da catedral. "A palabra divina nunca aspirou a materializarse de modo tan eficaz como na obra do Mestre Mateo", di Otero Pedrayo no Ensaio mencionado repetidamente. O Pórtico da Gloria da catedral compostelana, foi chamado con moito acerto verdadeiro "catecismo en pedra", pola súa riqueza teolóxica e a súa expresividade catequética para as xentes máis sinxelas que acudían á catedral. Con razón manifesta para Otero "unha doutrina e unha filosofía do amor... Foi sen dúbida o Mestre Mateu un dos primeiros en formulala sen aparellos de argumentos teolóxicos e escriturarios" (21).



III. Finalmente, nestes anos, compre lembrar a outro cristián galego menos coñecido aquí, pero tamén importante, o frade franciscano ALVARO PELAXIO. As ordes mendicantes (franciscanos e dominicos) chegan no s.XIII a Galicia polo Camiño de Santiago para traer o seu aire evanxélico e anovador.

"Os mendicantes aportan a resposta relixiosa do cristianismo máis cálido e emotivo que os labregos e os burgueses (dos burgos ou cidades) estaban procurando: un Cristo sinxelo e popular, pobre e maltratado, que xunto cos seus rudos compañeiros, os pescadores de Galilea, evanxelizan con xestos sinxelos e na lingua popular, e que ten por nai unha pobre labrega de Nazaré. O frade ou irmán é o novo ministro que quere anunciar e lexitimar esta visión de Xesús" (22)

     Galicia ofrécelles ós frades unha acollida rápida e xenerosa, e a Compostela viñeron os seus fundadores San Francisco de Asís e Santo Domingo de Guzmán cos seus irmáns, e pronto os conventos de Santo Domingo e san Francisco amecíanse ós tres mosteiros benedictinos de Santiago.
     Alvaro Pelaxio, nacido nas terras do Salnés, estudiou cánones en Bolonia, dando clases na prestixiosa universidade italiana, pero renunciou os beneficios de canonista e repartiu os seus bens entre os pobres para ingresar na orde franciscana. Logo é nomeado bispo dunha sede portuguesa e morreu en Sevilla. A súa importancia é sobre todo polas obras que escribiu, entre as que destaca De statu et planctu Ecclesiae, moi importante para coñecer a Igrexa no s XIV, e a vida galega nese tempo (23).





4. O P. Feijóo, o P. Sarmiento, o P. Sobreira e o Cura de Fruime (s XVIII)

     Tras un longo paréntese de catro escuros séculos de castelanización, nos que, como escribe Queiruga, "Galicia e a Igrexa galega deixan de vivir centradas en si mesmas, estrañadas do seu destino e recibindo desde fora as pautas decisivas da súa andaina" (24), aparecen coa Ilustración, no século XVIII, dous grandes frades e un cura que merecen con toda xusteza o apelativo de cristiáns galegos, sobre todo os últimos.



I. O P. FEIJÓO, a pesares de ser de orixe aristócrata, non esquece a súa patria galega e a súa realidade cultural. Benito Feijoo y Montenegro (1676-1764), aínda que ingresou na orde benedictina no mosteiro de Samos, e viviu moitos anos nos de Lérez e Poio, fixo toda a súa carreira fora de Galicia. A súa magna obra é ante todo de carácter pedagóxico e divulgador, froito da súa preocupación por combater a ignorancia na que el vía a raíz dos males do país. Foi un gran e prolífico ensaísta de carácter crítico e polémico, o que lle valeu que a Inquisición censurara parte da súa obra. Os seus libros e artigos gozaron de gran celebridade no seu tempo, aínda que o aprezo pola súa obra decaeu coa chegada do Romanticismo.
     Como home polémico e bo "removedor de conciencias", soubo reaccionar contra o castelanismo uniformador da cultura dominante e non comparte esa especie de odio que profesaban os eclesiásticos do seu tempo contra o galego. Ten unha breve pero significativa defensa da dignidade da lingua cando na súa monumental obra Teatro crítico universal demostra que "o galego non é ningún dialecto nin corrupción do castelán".



II. Aínda que non é unha figura tan relevante na literatura e na historia universal como Benito Feijoo, é para nós moito máis significativo o P. SARMIENTO, do que estamos a celebrar o centenario do seu nacemento (1695-1772). Foi discípulo de Feijoo en Lérez, pero máis popular e pasional (25). Este "Gran Galego", como foi chamado, "prototipo da poligrafía enciclopédica do seu século" (26), fixo do estudio da Historia Natural e a defensa da xeografía, a historia e a cultura galega, a teima de toda súa vida. Mesmo dedicou gran parte do seu traballo intelectual ó estudio da lingua galega con métodos que se adiantan ó seu tempo. O amor a Galicia e á súa lingua, parello coa súa fe relixiosa e o seu amor á ciencia, son unha constante en toda a obra de Sarmiento. "A Galicia do recordo, a do exilio e a do vituperio asoman sempre doorosamente ás súas páxinas e poucos hai no seu tempo que se preocuparan tanto por remediar a súa miseria, e denunciar os seus abusos", recoñece a Enciclopedia Galega.
     El é o primeiro en interesarse por recoller, documentar, estudiar e escribir na vituperada lingua galega; e aínda defendela e dignificala. Filgueira Valverde, que recoñece a Sarmiento coma o "verdadeiro iniciador do rexurdimento galego", escribe del:

"Sarmiento é a labor do galeguista que refai a lingua dos antergos. Os traballos de botánica e de zooloxía son o esforzo para chamar a cada herba, a cada paxaro coas verbas fondas e xustas dos avós" (27)

     Frei Martín Sarmiento, que deixou moi poucas páxinas escritas en galego (apenas as Coplas de Perucho e Maruxa e anacos de cartas (28) ), atopa un famoso texto do Marqués de Santillana que fala da literatura en galego da Idade media e dedica o seu tempo á procura dos Cancioneiros. "O P. Sarmiento clama no círculo reducido en que se move en Madrid contra o ensino en castelán e lanza unha manda ós profesores de latín que tardamos douscentos anos en cumplir" (29). Queixábase Sarmiento de que os galegofalantes recibían un trato por parte da Igrexa con menos consideración que os indíxenas de América, porque mentres a aqueles lles mandaban misioneiros que tiñan que saber a lingua na que ían evanxelizar, ós galegos mandábanos un clero de calquera rexión española sen se preocupar de se entendían a lingua das súas ovellas que non comprendían o que eles lles predicaban. Por iso, propuxo a edición de textos en galego e a creación de cátedras para o seu ensino (30). El deixou escritas cousas tan significativas coma estas:

"Galicia llora y chorará sempre. No los gallegos, sino los no gallegos, que a principios del siglo XVI inundaron el Reino de Galicia, no para cultivar sus tierras, sino para hacerse carne y sangue de las mejores, y para cargar con los más pingües empleos, así eclesiásticos como civiles; esos han sido los que por no saber la lengua gallega, ni por cargar de palabra ni por escrito, ha introducido la monstruosidad de escribir en castellano, para los que no saben sino el gallego puro. Esta monstruosidad es más visible en los empleos eclesiásticos.

No se como toleran los obispos que curas, que no son gallegos ni saben la lengua, tengan un empleo ad cura animarum y sobre todo la administración del Santo Sacramento de la Penitencia. ¿Que es el coloquio de un penitente rústico y gallego con un confesor no gallego, sino un diálogo de sordos?. Son innumerables los chistes vergonzosos que se cuentan de esa inicua tolerancia. Habrá 15 dias que un cura gallego natural me dijo que confesando a una gallega le dijo que ya se había confesado antes con un castellano, pero que no creía que hubiese sido confesión, porque ni el castellano entendió a la gallega, ni ésta al castellano" (31).

     Sarmiento foi moitos anos, como denuncia Filgueira Valverde, "un nome louvado cunha obra descoñecida", como adoita a ocorrer con outros moitos que todo mundo cita e poucos teñen lido (¿cantos galegos leron Sempre en Galiza?); a súa obra empezou a ser coñecida nas últimas décadas. O mesmo Filgueira apunta, como conclusión, tres forzas que se conxugan "para mover a asombrosa vitalidade de Sarmiento":

"Un ideal relixioso sincero e fondo; o servicio a Galicia, a súa identidade e ás súas xentes; e o amor á verdade con afán de transmitila, entrando os seus saberes en escritos que perduraron. As claves da súa acción cífranse nun epitafio: GALAICUS... SEMPER DOCUIT, SEMPER LEGIT, SEMPER SCRIPSIT" (32)




III. O labor lexicográfico do P. Sarmiento foi continuado por outro frade benedictino, o P. SOBREIRA (1745-1805), do que Filgueira recoñecía nun escrito hai xa anos que os mozos do "Seminario de Estudos Galegos" non foran xustos con el.

"Dabámoslle pouco creto. Ollabámolo como un irmán menor de Feixoo e Sarmiento, que non acadar a universal sabencia deles nin tiña a vizosa erudición do un nin as xurdías intuicións do outro. Non reparáramos que en que a súa vida non fora parella ca deles ... Sobreira era un destes homes que sempre está a facer outra cousa... O descubrimento de Galicia polo P. Sobreira foi serodio, e a través do plan Aletophilo do Estudos Galegos de Sarmiento" (33)

     O P. Sobreira deixou inédito un importante material cos títulos Idea de un Diccionario de la Lengua Gallega e as Papeletas de un Diccionario Gallego. Estes ilustres frades galegos "supoñen unha radical discordancia entre unha élite castelanizada que afogaba as súas voces" como recorda Ferro Ruibal (34).



IV. Por estas mesmas datas, outro clérigo, o CURA DE FRUIME, Diego Antonio Zernadas de Castro (1698-1777), tamén defendeu ardorosamente a aldraxada lingua e cultura galega cun berro de protesta. Fácil versificador, escribiu versos malos e prosaicos, pero apaixonados, bariles e populares, que cumpriron á perfección a súa función apoloxética ("foi tan gran galego como cativo poeta", di Filgueira Valverde). Aínda que foran en castelán, como algúns sonetos apoloxéticos en defensa de Galicia "mirada con ollos limpos e sans". Tamén fixo en ocasións en galego ardorosas defensas de Galicia, coma ésta:

   "Co desexo de acordarvos
que en Galiza o seu fundaxe
ten a vosa nobre fruxe
viu en galego falarvos.
Disto non hai que estrañarvos;
antes ben, facendo gala
desta nación, estimála,
e, se porque moito dista,
non a coñeceis de vista,
coñecedea pola fala".

          (Décimas á marquesa de Camarasa)

     A súa copiosa poesía relixiosa, dedicada sobre todo á Virxe, foi maiormente en galego. É o máis fecundo poeta galego do s XVIII. Fernández del Riego escribe que nel "descúbrese a arfada da alma dun pobo e a fe íntima que o trato campesiño da. Ven ser, sen dúbida, por este feito a primeira figura galega do s.XVIII". E en palabras de Murguía, as súas obras son "un berro da indignación de Galicia contra as inxusticias de que era víctima, por iso resoaron gratamente no corazón dos galegos".
     Este crego, que merece ser lembrado a carón de Feijoo e Sarmiento non pola súa erudición, pero si pola súa afervoada galeguidade. Non quixo postos importantes, mantívose toda a súa vida na pequena parroquia de Fruime, preto de Noia. Desde alí berrou o seu compromiso cristián e galego, aínda que non predicara seguramente en galego, como afirma románticamente Ferro Ruibal, pois os tempos aínda non eran chegados (35)
     Destaca tamén o autor do libro a actitude aberta e realista, moito menos clerical que os curas do seu tempo. Aínda que lle achaca "caer nunha especie de nacionalcatolicismo galego" (pax. 130). Así, chega a dicir: "Galicia, el solar más antiguo de la Religión Católica de España, que tiene en cabeza de mayorazgo la preciosísima prenda del Sagrado Cuerpo del fundador, y se distingue entre todas con el sigular blasón del Augustísimo Misterio de la Fe". (Citado na pax. 130).









NOTAS


(1) Así opina Eduardo López Pereira, que publicou recentemente a primeira edición galega da obra de Exeria. Exeria. Viaxe a Terra Santa, Ed. Xerais Vigo 1991.
(2) Tomado do artigo da Enciclopedia gallega.
(3) V. Risco, Historia de Galicia, Galaxia, Vigo 1971, px.56.
(4) A.Gómez Ledo, "Unha esquirtora galega do século IV", Logos 7, 1931, px.13. O artigo esténdese nos números 4, 5, 7, 8 e 9 (1931).
(5) Ademáis da obra de López Pereira citada na nota 1, é de moita utilidade para o tema de Exeria e Prisciliano outro libro seu, saido anteriormente El primer despertar cultural de Galicia, Biblioteca de divulgación de la Universidad de Santiago, Serie Galicia 1, 1989. Alí se atopará abundante bibliografía: Sobre a situación político-administrativa e sociocultural de Galicia nos séculos IV-V, confer pxs. 37-39. Sobre a literatura latina perdida da Gallecia, confer pxs. 93-98; sobre a que se conservou, pxs. 110-114. Sobre Exeria e a súa viaxe, confer pxs. 132-144; a destacar tamén as pxs. 171-176 sobre Gallaecia, cuna dos primeiros historiadores hispanos. Tamén Atti del Convegno Internazionale sulla Peregrinatio Egeriae. Nel centenario della publicazione del Codex Aretinus 405, Arezzo 23-25 Out. 1987, Accademia Petrarca di Lettere, acti e sciencze, Arezzo 1990.
(6) "Moita Roma en Tréveris, e pra Galicia unha tráxica lembranza —escribe Filgueira Valverde —. Eiquí chegou un día, aló polo ano 385 a pedir xusticia o noso Prisciliano. Tiña escontra del a intolerancia, a envexa, os mestureiros... Non atenderon as súas razóns relixiosas e remembraron as súas meiguerías dos tempos mozos" Segundo Adral, Ed. do Castro, A Coruña 1981.
(7) Manuel Murguía, Historia de Galicia, Lugo-Coruña 1865-1913; López Ferreiro, Estudio histórico sobre el priscilianismo, Santiago 1978; Pedret Casado, "Xesús ante o priscilianismo", Logos 28 (1933).
(8) Otero Pedrayo, Ensaio histórico sobre a cultura galega, Guimarães, Lisboa 1954, páxs. 52-56
(9) Castelao, Sempre en Galiza, Akal, Madrid 1976, páxs.36, 50-51
(10) Estudios máis realistas e científicos sobre o priscilianismo foron os de López Caneda, Prisciliano y su problema histórico, Cuadernos de estudios gallegos, Santiago 1966, quen bota por terra a conexión que Otero e Castelao atopaban coa relixiosidade celta, aínda que sinala que ten raíces na relixiosidade precéltica. E outros máis modernos coma o estudio de Chadwik Priscilian of Avila, Oxford 1976; ou o de S. Simonetti "Prisciliano y los priscilianistas" en Patrología III, BAC, Madrid 1981. Uxío Romero Pose ten publicado diversos artigos sobre o tema en Encrucillada, a destacar particularmente "Estado actual da investigación sobre Prisciliano", nº 12 (1979). No citado loibro de López Pereira pode atoparse máis bibliografía, e máis recente, sobre prisciliano e o priscilianismo, particularmente en Galicia, nas pxs. 73-79.
(11) Datos collidos do documentado artigo na Enciclopedia gallega.
(12) Non será ocioso lembrar que os outros tres grandes santos galegos son: San Froilán (833-905), o patrón de Lugo, un lucense que foi bispo de León; San Rosendo (907-977), patrón de Mondoñedo, onde estudiou e foi bispo e monxe ("Si algún día se quere facer a historia dos místicos galegos, forzosamente hai que facer a San Rosendo cabeza da súa época", dixo Gumersindo Placer); e San Paio (912-925), o máis popular de todos, aínda que morreu de rapaz, mártir; como outra santa popular Santa Mariña de Augas Santas. En Logos Gumersindo Placer dedicoulles cadanseu artigo, e máis modernamente fixo nun volume Cesareo Gil, Santos gallegos, Porto, Compostela 1976, onde se laia da pouca lei que lles teñen os galegos, tanto os dos libros como as xentes populares.
(13) M. Rubén García, "San Pedro de Mezonzo y la Salve Reina", Grial 9, 1965, páxs. 67-74. Do mesmo autor San Pedro de Mezonzo. El origen y el autor de la Salve. Tamén, o capítulo correspondente da obra citada de Cesareo Gil, con ampla bibliografía.
(14) Op. cit. páxs. 68-69.
(15) Ensaio histórico... páx. 110.
(16) Recentemente viu a luz un interesantísimo libro de Otero sobre Xelmírez, que permanecía inédito: Xelmírez, xenio do románico, Galaxia, Vigo, 1993. O longo título de Otero é ben expresivo da súa paixón por este home: "Xelmírez ou o xenio afectuoso, creador e humorístico do tempo do románico. Vida e glosas á súa vida".
(17) Sempre en Galiza px. 224.
(18) J. García Oro, M. Regal Ledo e A. López Rivas, Historia da Igrexa Galega, SEP, Vigo 1994. O primeiro intento de facer a historia da Igrexa Galega, co que significa de pioneiro e por tanto con importantes valeiros, aínda que con grandes acertos.
(19) Ensaio ... páxs.122-123.
(20) "Morte e resurrección", en Ensaios, Galaxia, Vigo 1983 páx.43.
(21) "Meditacións do pórtico" en O espello no serán, Galaxia, Vigo 1966 páx. 237.
(22) Historia da Igrexa Galega, op.cit. páx. 110
(23) Tamén se poden ver máis datos no longo artigo da Enciclopedia Gallega.
(24) A.Torres Queiruga, "La religión y la Iglesia" en Los gallegos, Istmo, Madrid 1976, páx. 491.
(25) Filgueira Valverde fala da amistade entre Feijoo e Sarmiento desde os tempos do mosteiro de Lérez, e compáraos dicindo: "O P.Sarmiento é pontevedrés, burlista, apaixonado, amante das ciencias da natureza e das leituras de vagar. Entroques, o P.Feijoo é un ourensán, pero escéptico, frio, amante da matemática e do estudo erudito. Feixoo é un médico, Sarmiento rise da medicina. Feijoo é un universalista, un espírito aberto ás derradeiras novedades alleas; Sarmiento é un enxebrista, a percurar unha cultura propia no seo do terron labrego... Dúas posicións opostas, máis complementarias na ciencia e na vida". "Ourense e Pontevedra. Feijoo e Sarmiento", en V Adral, Ed.do Castro, A Coruña 1989, pax.215
(26) Filgueira Valverde, Fray Martín Sarmiento, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña 1994.
(27) Filgueira Valverde "Ourense e Pontevedra...", art. cit. páx. 216
(28) Filgueira Valverde, Fray Martín Sarmiento, op.cit. páx. 83.
(29) Xesús Ferro Ruibal, A Igrexa e a lingua galega, Consello da Cultura Galega, Santiago 1987, pax. 36.
(30) "O gran benedictino non só profesou a erudición en tódalas ramas do saber galego, senón que deixou un completo plan de investigacións sobre os máis diversos aspectos da nosa terra" Filgueira Valverde, op. cit., páx. 87. Este plan de estudios galegos de Sarmiento titulouno el mesmo Onomástico Etimológico de la Lengua Gallega, impreso polo arcebispo Lago González en 1923, e veu ser lectura obrigada dos fundadores do "Seminario de Estudos Galegos", segundo conta Filgueira.
(31) Do seu libro Elementos etimológicos.
(32) Ibidem, pax. 94.
(33) Filgueira Valverde, "Manuscritos do Padre Sobreira" en Segundo Adral, Ed. do Castro, A Coruña 1981, px. 374.
(34) Ferro Ruibal, op. cit. pax. 39.
(35) Hai uns anos viu a luz un libro que é á vez estudio monográfico e antoloxía da obra do Cura de Fruíme: J. M. Rivas Troitiño, Diego Antonio Zernadas y Castro, un precursor del galleguismo, Porto, Santiago 1977. O libro é ben interesante, aínda que non tivo moita difusión. Destaca o seu autor, á par que as cualidades do cura de Fruíme o seu amor a Galicia, os galegos e a súa lingua, a presencia e importancia do relixioso na súa obra:
"A dimensión relixiosa ocupa unha parte considerable da obra zernadiana. No podía ser doutro modo, cando a súa propia denominación de cura de Fruíme traduce a súa predilecta autoconsideración... A súa condición sacerdotal e a súa exemplaridade en todo o que iso implica, está fora de toda dúbida... A permanencia voluntaria en Zernadas... e o inxente da súa producción relixiosa, manifestan por si soas a sinceridade e a profundidade da súa vivencia relixiosa" (pax. 129).

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega