Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae"

Páxina Anterior

III. Nos albores do galeguismo político

Páxina Seguinte

Galegos e cristiáns - III



1. Antolín Faraldo (1822-1853)

     Risco chamouno "o primeiro nacionalista", o que resulta, sen dúbida, excesivo, pois a teoría nacionalista estaba por crear; pero si foi dos verdadeiros precursores do nacionalismo galego, e nacionalista nun senso amplo, máis visceral que político. Coma expresión da "concienciación da personalidade de Galicia dentro das súas posibilidades históricas concretas —di Rodriguez Pampín nun artigo sobre algúns cristiáns nacionalistas da primeira época—, si que podemos integrar a Faraldo e ós seus compañeiros e continuadores dentro da militancia nacionalista ...Despois das luzadas individuais dos ilustrados, foron os primeiros en ter unha conciencia clara da personalidade galega" (23).
     A súa corta vida física, e mesmo a súa mais corta aínda vida intelectual dedicada a Galicia (1840-1846), non foi obstáculo para que Murguía o chamara "o primeiro e o mellor" dos periodistas galegos da primeira época. Aínda que ó seu carón estivera xente tan valiosa como Vicetto, Neira de Mosquera e Romero Ortiz. Espallou as súas ideas mozas, que transparentaban unha fonda vocación política galeguista, desde El Recreo Compostelano, primeiro, e logo desde El Idólatra de Galicia —onde comezou a colaborar precisamente cun artigo sobre a relixión— e El Porvenir, a gran obra periodística de Antolín Faraldo. A súa participación na revolución de 1846 e o verbo incendiado dos seus escritos (Galicia é a "madre patria" e fala da "nacionalidad gallega"), fixeron del unha figura mítica, agrandada pola interpretacións de Murguía e Risco.
     Pampín apunta xa as curiosas contradiccións que presenta no aspecto relixioso, cando apela co mesmo fervor a figuras tan diferentes coma Lamennais e De Bonald, Lacordaire e Chateaubriand; aínda que queda patente a influencia do xornal progresista francés L'Avenir. Mesmo, desde El Porvenir chama ó socialista Fourier "Mesías do século XIX", e defende ás burguesas "damas da caridade" compostelás chamándolles "tesouros de bondade". Este socialismo utópico semella quedar claro cando di que o seu século "mais intelectual e moral, predicou ós homes que Deus quería a xustiza, que a base da felicidade social é o amor". O cristianismo, "irmandado coa liberdade" atravesa os artigos de El Recreo Compostelano (1842). A relixión apoiou moitas veces ó príncipe, pero outras moitas "botoulle a man ó escravo e inspiroulle pensamentos revolucionarios":

"La palabra del anunciado por los profetas resonó fuertemente por el mundo, y la fraternidade cristiana, base de la sociedad futura, penetró en todos los corazones como principio eminentemente social y civilizador".

     Respecto de Galicia, afirma Faraldo repetidamente —tal como farán logo os persoeiros da revista Nós— que homes, tradicións e institucións están informados pola relixión "soberana árbitra dos seus destinos". Por iso, non repara en dicir:

"La unidad religiosa hará nacer la gran unidad política que anhelamos, y la fuerza política y moral del pueblo gallego hallará sólida base en sus instintos y creencias... Cultivar el sentimiento religioso, engrandecerlo, ilustrarlo y conducirlo por el camino del progreso es afianzar con solidez uno de los elementos de granito que han de formar la organización gallega...
Los sentimientos religiosos dilatan el alma, la abren y engrandecen".

     E anos despois desde El Porvenir (1845), escribe cousas coma estas:

"En el Evangelio está escrito todo el catecismo político con que una generación escogida conquista el mundo...
La Humanidad, hasta ahora dividida en castas será en el porvenir una familia que tendrá a Dios por Padre".

     Que non interprete o lector mal avisado estas verbas coma dun home reaccionario e nacionalcatólico, senón dun home demócrata e liberal, simpatizante do socialismo utópico, como víamos antes. "Faraldo fala de principios e non de dogmas clericalmente impostos e estatalmente pactados", recoñece acertadamente Pampín.



2. Aurelio Aguirre (1833-1858)

     É un poeta inspirado que, aínda que non nos deixou versos en galego, configurou a inquedanza espiritual dunha xeración nova nos anos 1850-1860, que quixo coller o testemuño de Rosalía e Pondal nas veladas literarias compostelás do convento de San Agustín. Mesmo parece ser que os seus Ensayos poéticos influíron directamente na poetisa galega. Otero Pedrayo chamouno "un Chesterton que non achou no seu país nin o amparo dunha superior cultura, nin o escenario da súa dor" (24)
     De todos xeitos, non merecería este espacio Aguirre, a non ser polos seus polémicos versos no famoso "Banquete de Conxo", celebrado na carballeira do ex mosteiro santiagués o 2 de marzo de 1856, coma un acto de confraternización entre obreiros, estudiantes da universidade galega e intelectuais, que significaba —en palabras de Barreiro Fernández— "o inicio dunha nova xeira do galeguismo, lamentablemente truncada, de aproximación da intelectualidade galeguista ó mundo obreiro" (25). Entre os organizadores, ademais de Aguirre, estaban Pondal, Rosalía, Murguía, Neira de Mosquera e outros, dos que fala Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea. No acto, Aurelio Aguirre le unha poesía que, entre outras cousas, di de Xesús de Nazaret:

"Todos hijos de un padre hemos nacido
y es mengua el privilegio de la cuna:
honra da la virtud, no el apellido
ni el halago de la próspera fortuna.
Cristo es hijo del pueblo. El ha querido
que la familia humana fuese una
y que solo los justos desiguales
fuesen ante la ley los criminales.

Al nacer de un honrado carpintero,
desnudo en un portal, lección sublime
ofrece de igualdad al mundo entero
Ve que la humanidad esclava gime,
y generoso espira en un madero
por librarla del yugo que la oprime,
¡Y el hombre imbécil, mísero gusano,
se transforma en verdugo de su hermano"
(26).

     Estas sinxelas e ilusionadas verbas, que hoxe soarían inxenuas e pacatas, causaron unha denuncia do poeta, que o levou ó pazo episcopal, onda o bispo, quen lle obrigou a rectificar, expoñendo a paternidade de Xesús mais de acordo co dogma. Aínda que non é difícil de adiviñar que o problema estaba máis no escándalo da burguesía polo brindis "igualitario" de Aguirre, e significaría tamén o intento de imposibilitar unha aproximación entre a intelectualidade, católica e inicialmente socialista, e o mundo obreiro.
Logo Aguirre escribiría, confesando a súa fe, unhas verbas que refire Murguía en Los Precursores:

"Pura religión guardo en mi pecho
del hombre justo que murió en la cruz".




3. Alfredo Brañas (1859-1900)

"Temos patria, temos lingua, temos fe ...¡Estamos salvados!".
"Todo, absolutamente todo, mesmo o meu amor propio, sacrificoo en aras da rexeneración da miña patria, da liberdade de Galicia" (27).

     Estas verbas son dun home católico e conservador, pero fondamente galeguista, nun tempo en que os carlistas levaban a palma no panorama político católico. Non é de estrañar que Curros lle fixera grandes louvanzas, Vilar Ponte fale del coma o home "daquel inolvidable apostolado rexionalista que acolleu amorosa e fraternalmente Cataluña", e Castelao o chame "gran patriota e home extraordinario". Tampouco o historiador Francisco Carballo non ten problema e recoñecerlle o seu bo talante galeguista, consciente de que os seus parámetros históricos non son os nosos; "rexionalismo-nacionalismo non é o problema de comezos de século na Galicia", di.
     Gran orador e un escritor áxil e prolífico, deixou unha gran producción periodística e sobre todo a súa gran obra, madura a pesar de ser obra de mocidade, El regionalismo. Obra recoñecida dentro e fora de Galicia, particularmente en Cataluña.
     Non nos sorprende que Pampín titulara o apartado de Brañas "Un paradóxico conservador". O mesmo fai exaltados discursos independentistas, coma o da apertura do curso 1892-93, no que chegou a invitar ós estudiantes galegos que imitasen ós de Hungría, Polonia e Irlanda nas súas loitas pola independencia. E solicita para Galicia poder soberano, poder lexislativo, xudicial e executivo, ademais de lingua e mesmo moeda propia. Que bota discursos reaccionarios, atacando todo o que soase a liberal, coma o caso dun soado discurso no Congreso Católico de Burgos.
     Galeguista afervoado e católico conservador, admirador de Santo Tomé de Aquino, militante da Acción Católica, animador asiduo dos Círculos Católicos de Obreiros. O seu pensamento social ven marcado polas ideas do papa León XIII, cuxas encíclicas, sen embargo, foron das máis progresistas dos papas por esas datas. Apela constantemente ós escritos deste papa sensible á realidade do proletariado, atacando o individualismo liberal e o socialismo; apelando a un "socialismo católico" ou "catolicismo social", segundo recorda Cores Trasmonte desde a Enciclopedia Gallega. Así, escribe cousas coma estas:

"La negación, la duda y el odio nos trajeron el individualismo económico, el aislamiento obrero y la destrucción del régimen corporativo; la fe y el amor han de devolvernos la organización antigua del taller y del trabajo, el principio de la asociación gremial y la transformación de la gran industria ... Así lo ha demostrado León XIII en sus sapientísimas encíclicas" (28)

"El individualismo y el socialismo son dos extremos igualmente viciosos; el primero todo lo subordina al interés personal, el segundo todo lo somete al Estado, a la colectividad. El socialismo católico se halla equidistante de ambos peligros extremos; el egoismo engendra la explotación del débil por el fuerte; la omnipotencia del Estado o de la clectividad engendran la tiranía gubernamental y el despotismo de las masas" (29)

     "Home combativo por natureza —recoñece Pampin—, denunciador de toda inxusticia e máis se levaba o nome de galega; conseguintemente tamén foi moi combatido". Non é doado adscribilo a unha corrente política determinada, pois, según parece, aínda que foi tachado de carlista, Brañas aclarou en máis dunha ocasión que a súa amistade co líder carlista Vázquez de Mella e o seu catolicismo obedecían a postulados moi distintos, tal como recoñece Cores Trasmonte.
     Para rematar, é bo traer un texto citado repetidamente. Trátase dun anaco do seu discurso nos Xogos Florais de Tui:

"Moitas veces dudei da existencia do esprito nacional galego; vin tal apatía, tal esquecemento, tal abandono nos fillos desta terra valente e sofrida... sentín tal friaxe e temblor no meu corpo cada vez que vía unha queixa inxusta, unha palabra ousada, un aldraxe sanguento, que ó ver resucitar a nosa terra cos seus antigos brios, o seu xenio reflexivo, constante, enérxico, enmendei o meu xuicio e escorrentei os meus temores".

 



NOTAS


(23) X.M. Rodriguez Pampin, "Cristiáns galegos de militancia nacionalista (1840-1936)", Encrucillada 2, 1977, páx.53.
(24) Ensaio..., op. cit. páx. 240
(25) Art. cit. páx. 9
(26) Aurelio Aguirre, Poesías selectas, La Coruña 1901. "Brindis", paxs.127-28. Ainda se pode atopar nas librerías unha edición facsímile.
(27) Recollido en Prosa Galega 1, Galaxia, Vigo 1976.
(28) Citado por Cores Trasmonte no artigo da Gran Enciclopedia Gallega.
(29) Citado por Rodriguez Pampin.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega