Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae"

Páxina Anterior

IV. Un bispo e varios curas

Páxina Seguinte

Galegos e cristiáns - IV



"Si se pensa que a nosa cultura en galego non ten un corpo xigantesco será doado dicir cal é o posto, o importante posto que o clero ocupa nela. Desde o gramático Saco e Arce ao poeta Faustino Rey Romero hai moitos nomes relevantes... Algúns, nótese ben, son primeiras figuras en certos temas ou en certos xéneros" (30)

     Ferro Ruibal confesa no seu libro a tristura que lle deu un manifesto da UPG, nos primeiros actos da súa aparición pública, titulado Acusamos. Era unha dura acusación contra a Igrexa galega polas ofensas cometidas polo clero ó longo da historia de Galicia (31). Compre recoñecer que moitas das acusacións non son discutibles, e moito habería que purgar da actuación da Igrexa na historia galega. Pero o triste e inxusto era non recoñecer nin sequera unha aportación positiva en tantos séculos de historia.

"Foi un manifesto tendencioso que conseguiu o efecto contrario do que, se cadra, pretendía: algo así coma esa xente que se empeña en meter un neno pequeno pola forza na auga do mar, co que o que conseguen é que o neno lle colla medo para a vida á auga do mar. O renacente galeguismo pechou as portas do diálogo cunha institución que, anque está a facer unha viaxe con máis lonxano destino, podía se-la súa leal colaboradora no traballo de perfeccionar este mundo... Aquel Acusamos foi un exceso de cera que houbo queima-la Igrexa. E aínda hoxe padecemo-las consecuencia. Porque ó clero galego os novos tempos quitáronlle o prestixio social sen tansequera agradecerlle os servicios prestados" (32).

     ¡Canta razón non ten o Ferro! Non lle teño oído poucas veces a compañeiros curas que mal nos teñen agradecido nos círculos nacionalistas o "apoio á causa". ¡Moita miopía houbo para recoñecer que estabamos no mesmo barco, e que eramos tan poucos nel, que era absurdo botar a algúns remeiros fora!. Aquel nacionalismo dos 60 axudou moito para ir creando conciencia galega, pero ¡cantos fallos irreparables non cometeu!. Os suficientes como para decatarse de que debería ser algo máis compresivo cos fallos e contradiccións desa Igrexa á que tanto denigrou, e á que tanto lle debe, polo menos a algúns sectores dela.
     Certamente, compre distinguir entre as posturas tomadas pola alta xerarquía da Igrexa, maiormente reaccionarias e marcadas por actitudes intolerantes, herdadas da vella Inquisición —tal como estudiaron detidamente Carballo e Magariños en La Iglesia en la Galicia contemporánea (33)—, e as posturas de outra parte do clero, con máis luces intelectuais e máis honradez nas conductas (34).
     "A loita de crases que se da na sociedade —segue o documento—, reflexouse na mesma Eirexa e a división aparece crara, por unha parte a Eirexa oficial, da que forman parte as súas altas xerarquías e incruso amplos sectores dos cregos que a índa non viron crara a súa utilización ou que se atopan millor así, e pola outra un novo movimento de cregos que se opoñen, algúns teóricamente, outros na práctica diaria, a seguir sendo instrumentalizados como opresores do pobo". Martinho Montero manifestaba esto hai anos nun excelente e documentado artigo:

"En certos casos o clero fixo labor de pioneiro no Renacimento galego: o primeiro intento de diccionario galego débese ao sacerdote santiagués X. Rodriguez, a primeira gramática galega propriamente tal é obra do sacerdote ourensano Saco Arce, a segunda novela galega foi publicada polo coéngo compostelano López Ferreiro. Pero compre dicir, en honor da verdade, que o labor brillante destas e doutras figuras eclesiásticas non responde a unha actitude xeralizada da Igrexa galega, foron individualidades solitarias" (35)

     O valor e a importancia destes cregos é recoñecido por Barreiro Fernández na súa Historia de Galicia. Edade Contemporánea:

"Sempre houbo un grupo do clero, normalmente vencellado ós compromisos máis intelectuais, que no medio desta escura noite de pedra souperon mante-la raiola de luz que fai posible a esperanza. Cregos que xa desde o século XIX mantiveron a súa dignidade sacerdotal sen necesidade de venderse a liberales ou absolutistas, que foron quen de defende-la súa independencia persoal contra o acoso dun integrismo disfrazado de laicado, contra a presión da xerarquía e contra o atractivo de posturas seudorevolucionarias. Un clero que sempre se recordará pola súa limpa traxectoria" (36)

     Polo que levamos dito, xa vimos o moito que lle debe a causa galeguista os cregos e frades; vimos como estaban presentes xa entre as primeiras voces proféticas modernas en defensa de Galicia (o P. Feijoo, o P. Sarmiento, o P. Sobreira, o cura de Fruime). Pero entre o século pasado e este, o feixe de curas que viviron unha fonda paixón por Galicia e polos galegos, facendo da súa vida unha causa a prol da súa redención nacional —evidentemente, con desigual intensidade e amplitude de compromiso, algúns só reducido á lingua—, é un feito incontrovertible. Só se pode negar mentindo e falseando a realidade.
     Non se trata só dos persoeiros máis coñecidos, que veremos algo máis polo miúdo, senón de moitos máis curas; o que manifesta que a defensa da realidade galega non era un caso tan excepcional entre o clero galego. Na Real Academia galega houbo varios cregos (como se irá vendo en páxinas sucesivas), igualmente no Seminario de Estudos Galegos, ademais dun predominio dos católicos, houbo tamén un grupo importante de cregos (P. Pedret, S. Portela, X. Carro, R.Mª Aller Ulloa, X. Couselo Bouzas, Aureliano Pardo, ...).





1. Manuel Pardo de Andrade e outros curas galeguistas menos coñecidos

I. No tránsito dos séculos XVIII-XIX, MANUEL PARDO DE ANDRADE (1760-1832) foi un cura liberal galego, coruñés de orixe aristocrática, que publicou en 1813 un libro que chegaría a ser un best-seller: ¡Máscara fora!. Rogos dun gallego establecido en Londres, dedicado ós seus paisanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias e o demáis que verá o curioso lector. O libro, como confesa Filgueira Valverde, tivo unha fortuna editorial insólita: tres edicións nese ano, unha en 1820 (de 10.000 exemplares!) e outra en 1841 (37).
     Os rogos dun gallego pretende presentar o Santo Oficio sen carantoña, polo que tivo que fuxir a Francia e morreu en París. Está dedicado á Virxe, o que manifesta que non é a obra dun "cura renegado"; é a ela a quen lle roga "librádenos dos nubeiros/ da maldita Inquisición". Velaí algúns versos:

"Miña Virxe, vós que sodes
Madre da Consolación,
librádenos dos nubeiros
da maldita Inquisición.

Meigas, feitizos e bruxas
que persigue a Inquisición,
sin máscara socaliñas,
de cregos e frades son.(...)

Prediquen os nosos curas
un Dios de bondade e amor,
e déannos bon exempro
que é o mellor predicador"

     A obra, feita en verso, é "unha boa mostra da literatura de combate, da poesía militante", confesa Filgueira Valverde, e ten o mérito de ser unha das pezas importantes do Prerrexurdimento. "Non houbo periódico, nin libro algún que obtivera tal popularidade en Galicia coma esta especie de romance de cego, escrito na lingua do país", escribe Martínez de Salazar en 1892 (38). Carballo Calero califícao coma "unha figura moi importante na historia da prensa galega", que "desenrolou unha grande actividade patriótica e liberal" (39).
     Manuel Pardo de Andrade, "de vida azarosa e novelesca, clérigo, agustino, capelán castrense, secularizado ...paladín das liberdades e víctima de sucesivos exilios", como escribe Filgueira Valverde na Presentación dun libro recente sobre este crego liberal (40), non foi un escritor casual nin ocasional. O libro aludido é unha mostra da súa vocación literaria e do moito que saíu da súa pluma. Por iso Filgueira chámao "paradigma dos aristócratas ilustrados", e mesmo "radicalmente galego", ligado á recuperación literaria da fala. Fundou o primeiro periódico de A Coruña en 1808 (Diario de La Coruña), logo fundaría tamén Semanario Político, Histórico y Literario de La Coruña, Correo de la Diputación de La Coruña, ...; tamén colaborou profusamente noutros con diversos e variopintos pseudónimos. Xa Carré Aldao escribira a comezos de século sobre este aspecto pioneiro de Pardo de Andrade (41), que se complementa con outras publicacións de carácter científico e literario, en español, italiano e francés.



II. Polas mesmas datas, JUAN ANTONIO POSSE (1766-1854) foi outro cura ilustrado e liberal, que alguén considerou nada menos que "o primeiro nacionalista galego". Nacido en Soesto, preto de Laxe, foi un sinxelo pero intelixente crego rural que exerceu de párroco nunhas parroquias leonesas. Sufriu persecución e presidio polas súas ideas liberais-constitucionais e o seu ataque á Inquisición. Cos liberais no poder (1820-1823) renuncia a un bispado que se lle ofreceu, e escribe ós seus amigos galegos estas ousadas verbas:

"Por esta desconfianza y presentimiento de nuestra ruina, escribí a La Coruña y a mi país, Galicia, para tratar de hacerse independiente, erigiéndose en República libre y separada de los demás, pués tenían todo lo necesario para poder gobernarse por si mismos. Y en este caso podían hacerse confederados de los otros españoles, aliados natos de los ingleses y otras cosas de esta especie que entonces me ocurrieron.
No gustó esta protesta, y aún fué causa de que se me tuviese por loco en lo sucesivo, y me vi precisado a recoger velas, no volviendo a hablar de ello". (42)

III. En 1889 en Bos Aires, outro cura orador, FRANCISCO SUÁREZ SALGADO pronunciou un discurso en galego, que Carballo Calero considera o primeiro da época moderna.
     Pero máis importante foi o labor de ANTONINO CERVIÑO (1852-1928), coengo da catedral de Tui e amigo de Lago González. Foi numerario da Real Academia Galega e asiduo colaborador nos xornais do seu tempo. Con fama de gran orador, pronunciou un famoso "sermón rexionalista" en 1891 na catedral de Tui, no que clama pola redención e a emancipación de Galicia e di que o castelán non serve para os galegos. No prólogo co que introducía a súa publicación en La Patria Gallega, órgano oficial da Asociación Regionalista de Galicia, fai esta declaración de principios:

"Ningún pueblo es tan desgraciado como el gallego y ninguna clase más digna de lástima que el labrador de nuestros campos. He aquí la primera causa de mi regionalismo... Queremos ahora curar nuestras llagas y para eso que nos dejen en paz los que hasta ahora nos han chupado la sangre... Llevamos en el corazón una espina que debe interpretarse por un ansia de una nueva existencia, por un deseo de que Galicia se emancipe y viva una vida libre e independiente...
El castellano expresará muy bien lo que allá se siente, lo que allá se piensa, pero no puede expresar lo que sentimos y pensamos los gallegos; eso solo puede espresarlo nuestra habla, que es brote de nuestra naturaleza, expansión de nuestra alma y manifestación viva de nuestro sentimientos" (43)

     "A faciana máis singular deste home foi o seu afervoado rexionalismo que en el traspasou ás ideas daquel tempo ata converterse, as veces, en verdadeiro nacionalismo, impensada postura para aqueles intres, realmente precursora", escribe Alvarez Blazquez en Encrucillada (44).





2. Manuel Lago González (1865-1925)

"Na cadeira arcebispal de Compostela, téñense apousado uns poucos arcebispos xa. Deles, algúns foron galegos de nacemento. Tíduo de galegos certos merecérono ben poucos aínda. O arcebispo Lago González cecáis si".

     Con estas verbas comezaba Valentín Arias o seu discurso na real Academia Galega (45) sobre o arcebispo que ocupara unha das súas cadeiras, na xornada en que esta institución lle dedicou o Día das Letras Galegas (1973). E con palabras semellantes acollíano os galeguistas desde A Nosa Terra ó enteirarse do seu nomeamento como arcebispos de Santiago: "Galicia está de noraboa, pois, ao fin, ocupa o solio de Xelmírez un galego de verdade" (1º Abril 1923); parece ser que esta emoción se sentiu en tódolos estamentos sociais, desde o pobo sinxelo ós intelectuais. Logo, coa súa morte prematura, a mesma publicación nacionalista escribía:

"Temos manifestado canta era a simpatía que nos inspiraba o ilustre arcebispo galego. Porque nós víamos nel un constante paladín do rexurdimento de Galicia, especialmente no orde literario e artístico.
Sabiamos do seu amor polo noso idioma... E non iñorabamos da súa constante protección para canto representase honor ou beneficio para Galicia...
A morte trunca unha vida exemplar... Deixanos unha obra literaria fondamente galeguista e a lembranza do que foi para Galicia...
Fondamente apenados choramos a morte do bon galego que fixo do galeguismo un culto... Galicia está de loito con tan doorosa perda..." (1º Abril 1925).

     Ademais de acadar unha das primeiras cadeiras da Real Academia Galega (1905), que ocuparía á súa morte Antón Vilar Ponte, foi membro de honor do Seminario de Estudos Galegos (1925), entrando á par que Castelao, e gozou de gran acollida no mundo galeguista do seu tempo, non tanto pola calidade da súa creación literaria, senón pola súa significación galeguista. Esta xa se manifestara na mocidade, cando participara nos Xogos Florais de Tui en 1891, cunha "Louvanza da Lingua Galega", título semellante ó do seu discurso de ingreso na Academia.
     Dos anos de mocidade é o poema "A loita pola patria":

"Alá están os que venden
ista terra bendita e nola aldraxan;
aquí viven os fortes
que saben ir á loita pola Patria.

Ai fillos de Galicia!
erguédevos agora e rescatala;
que non é bon galego,
nin ten o corazón da nosa raza,
quen a súa nai ve presa
en miserable escravitude, e cala!"
(46)

     E os versos ó xeito pondaliano de "O derradeiro celta":

"Alá van os nosos eidos,
A miña casa alá vai;
Xa me mataron os fillos,
Matáronme a muller xa;
Morreon os nosos homes
Que souperon pelexar,
Morréronnos os druidas
Servidores de Teutás,
E matáronnos as virxes
Que andaban ó pe do altar"
(47)

     Xa de bispo, fixo historia para sempre unha moi coñecida frase súa, pronunciada no discurso de recepción na Universidade Galega, frase que xungue perfectamente galeguismo e cristianismo: "Amando a Galicia amaremos a Deus e seremos profundamente relixiosos". Todo un programa e todo un símbolo. "Nada máis e nada menos terá que mostrar aquí toda teoloxía que queira ser cristiá, é dicir, cristolóxica e encarnada", dixo Torres Queiruga comentando estas verbas (48). En realidade non é máis que a traducción actual das verbas do Apóstolo Xoán: Soamente amaremos a Deus a quen non vemos, se amamos ó irmán concreto a quen vemos cada día ó noso carón (Cf. I Xn 4, 20).
     Tamén son ben coñecidas as súas derradeiras verbas, xa no leito de morte, con ton de testamento: "Deus o quere. Fágase a súa vontade. ¡Hai que unirse! ¡Hai que defender a Galicia!". De novo a síntese entre Deus e Galicia, entre fe cristiá e fe galeguista; agora con toda a carga combativa do "hai que unirse e defender a Galicia", creando comunión entre os galegos e defendéndose contras os que quere acabar con esta Terra.
     Certamente, o arcebispo Lago non nos deixou unha reflexión teolóxico-pastoral que poidamos dicir minimamente elaborado. Pero o testemuño da súa vida, coas súas contradiccións, manifesta, como recoñecía Queiruga no seu Día das Letras Galegas, "unha vida marcada a lume por dúas preocupacións fundamentais: a preocupación pola fe e a preocupación por Galicia", dúas preocupacións demasiado separadas na nosa historia, e moito máis na nosa historia episcopal. Foi un labor episcopal truncado nada máis agromar e resulta van especular que tería sido. Como ben di Queiruga no artigo citado sobre Lago:

"Sería caer nunha perigosa trampa o perderse en ensoñacións de paraísos perdidos... O que temos diante é unha chamada. O que a lembranza do Arcebispo Lago nos trae é un desafío no difícil camiño da autocrítica eclesial e a da fidelidade á Mensaxe é ó home"

     Ramón Cabanillas dedicoulle o fermoso poema "As pombas do perdón", cando foi elixido para a sé compostelá. E Antón Vilar Ponte, tantas veces crítico co clero galego —que, como denunciou en máis dunha ocasión, apoiaba a monarquía e a Dictadura de Primo de Rivera, e, o que era máis grave, resultaba "en xeral enemigo das reivindicacións rexionais"— fixo unha afervoada louvanza de Lago González, a pesar de que este tamén manifestara publicamente o seu apoio á Dictadura:

"Lago González foi membro esgrevio da única aristocracia inmorrente: a dos homes de fonda intelixencia e de nobre corazón que saben converter o coñecemento en virtude e o sentimento en fontenla de consolos para os que esligan coa sede de xustiza...Recibírono cos brazos abertos e o corazón alatexar todos os bos e xenerosos na nosa terra... O arcebispo enxebre co que todos fóramos soñar" (49).

     O historiador galego Barreiro Fernández ten unha opinión ben distinta, e fai unha dura crítica de Lago González nun artigo de Encrucillada que quere desmitificar a figura deste bispo, tan ensalzada polos galeguistas do seu tempo, que ben habían saber tamén das súas contradiccións (¿quen non as ten, amigo Barreiro?). Tras situalo no carlismo máis integrista, recoñece o seu galeguismo, pero asenta que este non se manifestou oficialmente no seu paso como bispo de Tui e Santiago, "fora dalgunhas públicas manifestacións en discursos". O tamén historiador Francisco Carballo considera, en cambio, que Lago González tiña unha mente moito máis ampla que a reaccionaria xerarquía eclesiástica da súa época; e sobre todo tiña algo moi bo "o aspecto reivindicador da identidade galega" que non tiñan outros bispo máis liberais. Por outra banda, respecto do apoio que o arcebispo compostelán recibiu da Dictadura de Primo de Rivera, recoñece Carballo que "todos picaron coa Dictadura, polo seu posicionamento anticaciquil, ata Cambó, os da Liga, os socialistas de Prieto e as mesmas Irmandades".
     A verdade sempre é algo bo, pero un dubida que sexa bo asañarse con persoeiros cos que, aínda que non coincidamos completamente coas súas posicións políticas, manifestaron unha aposta polos valores dun pobo e unha cultura, que o poder se empeñou secularmente en esquecer. E por iso o pobo recoñece e agradece a súa valía. Do contrario, sempre atoparemos razóns para fagocitar, suicidamente, a tódolos nosos líderes. A postura de Castelao con Risco coido que é un bo exemplo a seguir. ¿Por que non a de Vilar Ponte con Lago González?





3. Antonio López Ferreiro (1837-1910)

     Tamén tradicionalista, carlista e rexionalista foi o crego e coengo compostelán Antonio López Ferreiro, que deixou unha amplísima obra de investigación histórica sobre Galicia (23 libros e ducias de artigos) e tres novelas en galego (A Tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre, O Niño das Pombas), ademais de numerosos artigos de diversos temas en xornais e revistas. A Historia de la S.A.M. Iglesia de Santiago de Compostela e outros estudios coma Galicia en el último tercio del siglo XV, Fueros municipales de Santiago y de su tierra ou Alfonso VII rey de Galicia son referencia obrigada para o estudio da historia galega, aínda que adoezan de providencialismo e excesivo fervor apoloxético, pois para López Ferreiro o fundamental é o sistema de valores da tradición católica. É por iso que outros coma os Estudios sobre el Priscilianismo, queden hoxe rebasados.
     "O seu único tema foi Galicia", afirma Barreiro Fernández, que esta vez non lle censura ó crego colega o seu tradicionalismo carlista e recoñécelle:

"o seu compromiso de historiador e científico en recuperar a conciencia histórica do seu pobo, podemos constatar o sentimento galeguista que o conmovía cando recuperaba para a ciencia o pasado de Galicia. Podemos afirmar aínda máis: esta foi unha tarefa sacra que se impuxo, tan sacra como a defensa de Deus e a defensa dos seus ideais máis profundos" (50)

     Ese compromiso coa historia de Galicia maniféstase na vontade de ir elaborando unha historia documentada e apoiada nos datos, mesmo crítica e aséptica. A esta vontade se debe en primeiro lugar a publicación de abundantes fontes documentais, desde revistas por el fundadas (Galicia histórica, El Eco de la Verdad) ou noutras xa especializadas, xa de pensamento, ou divulgativas."E todo esto —recoñece Barreiro— fixo López Ferreiro sen subvencións estatais... sen man de obra de que dispoñen os Departamentos das nosas Universidades" (51). E en segundo lugar, os seus estudios históricos, de gran valor, aínda que a súa metodoloxía se vexa condicionada polo tradicionalismo e pola aceptación dos principios teolóxicos da Igrexa "urxindo a fidelidade ata extremos que hoxe advertimos eran esaxerados e limitativos da liberdade do intelectual". Pero, con todo, compre recoñecer que estas limitacións non lle restan valor ó inxente material histórico que aporta López Ferreiro e a súa perspicacia para saber captar os acontecementos e a súa ilación. E, sobre todo, que os mellores medievalistas galegos beben na súa obra.
     Ademais, o cóengo compostelán era consciente de que o seu traballo axudaba ó pobo galego a conquerir a conciencia da súa personalidade histórica, imprescindible para ir acadando unha clara conciencia nacional. Deste xeito, o seu compromiso histórico foi, no fondo, máis que o compromiso intelectual, un compromiso político nacionalista, como lle recoñece Barreiro, sen ocultar o seu tradicionalismo carlista. Así escribía o historiador e cóengo compostelán, que tamén fora cura rural na parroquia de Vedra, nun prospecto do xornal La Emancipación en 1872:

"Dedicaremos el folletín a recoger las tradiciones, leyendas, memorias y otros datos históricos que nos sea dado hallar en Galicia, a fin de avivar de este modo nuestro amortiguado espíritu patrio" (52).






4. Xoán Antón Saco e Arce (1835-1881)

     Este crego ourensán, catedrático de Latín e Grego en Ourense e Pontevedra, ocupa un lugar destacado nas Letras Galegas por ser o autor da primeira Gramática Galega moderna (1868), que Carballo Calero non dubida en cualificar coma "a primeira verdadeiramente científica". Sen esquecer todo o seu labor lexicográfico e a súa creación literaria.
     O primeiro campo, louvado por Risco e Otero Pedrayo, está recollido nos seus estudos de Literatura popular de Galicia e no inédito Textos para el Diccionario de Autoridades. Filgueira Valverde tamén escribiu sobre esta faceta de recolledor da literatura popular de tradición oral, cualificando a obra de "tesouro da literatura popular" (53)
     A súa obra poética está recollida no libro Poesías de Don Juan Antonio Saco y Arce, con poemas en galego e castelán. Os poemas en galego son todos de tipo relixioso: "A Virxen Santísima", "A Xesús", "Arrepentimento", ... Entran dentro da tradición da poesía mística castelá, lembrando a Frei Luís de León. Tamén contén boas traducción de coñecidas composicións latinas coma o "Stabat Mater" e "O Sol salutis". "Os ensaios, felizmente realizados, de poesía mística, dan singularidade a Saco e Arce dentro da nosa literatura", recoñece Carballo Calero (54), que valora tamén este traballo como a superación de prexuízos sobre a incapacidade do galego para as composicións de tipo relixioso e abstracto, que formulara Emilia Pardo Bazán.
     Eis uns versos do seu poema "Arrepentimento":

"Como bon Deus, como lonxe
de ti refulxente lume,
glorias cobicei que en fume
desfacerse cedo vin?
(...)
Ti es, Señor, porto seguro
de saúde e de bonanza,
faro vivo da esperanza
que alumea inmenso mar.
Fai que volva a ti, Señor,
entre as ondas da nau miña,
cal torna leda andoriña
na antiga trabe aniñar (...)"






5. Xosé Crecente Vega e outros cregos poetas

     O Seminario de Mondoñedo foi un verdadeiro berce de escritores, moitos deles curas e outros que desenrolaron a súa vida por diferentes derroteiros. Por este seminario pasaron Crecente Vega, Chao Ledo, Castro e Neira, Iglesia Alvariño, Leiras Pulpeiro, Pastor Díaz, Celestino Cabarcos, Pernas Nieto, Noriega Varela, Iglesia Alvariño Díaz Castro, e un longo etc. Certamente, non é o mesmo escribir uns poemas en galego que ser galeguista, pero a causa de Galicia e do galego débenlle moito a estes curas escritores en galego, sobre todo cando era en tempos en que "as musas deixaron de falar en galego en letras de imprensa", como recorda Carballo Calero, que se gababa dos seus moitos amigos curas, particularmente do franciscano P. Isorna.
I. Un frade franciscano foi precisamente SAMUEL EIXAN (1876-1945), a quen, a pesar de ser pouco coñecido, Carballo Calero dedica un importante espacio na súa Historia da Literatura; ben é certo que recoñece non ser unha poesía de gran calidade ("Eixán non era un Verdaguer nin un Cabanillas"). Escribiu numeroso poemas de inspiración relixiosa. Destaca o libro Froliñas de San Francisco: romanceiro seráfico-galicián, publicado en 1926.

"Os versos deste autor están acugulados dunha incurabel melancolía —di Carballo Calero—. Hai neles moito pesimismo respeito dos bens do mundo. Esta actitude resólvese en ascese, e ten como pegada literaria a expresión das coitas da alma cristiá que loita pola perfección. A poesía mística deste freire reanuda o fío da de Saco e Arce, e gracias principalmente a Eixán temos en galego poesía relixiosa" (55)




II. XOSÉ CRECENTE VEGA (1896-1948), fixo os estudios eclesiásticos en Mondoñedo e Lugo, e a Licenciatura en Filosofía e Letras en Salamanca. Párroco e catedrático de Latín, morreu en Segovia. É autor dun só pero valioso libro de poemas en galego, Codeseira (1933). Poemas de temática labrega, "unha poesía franciscana, como a de Noriega Varela", escribe Carballo Calero (56). Iglesia Alvariño supervisou o libro. Velaí uns versos representativos:

"Señor,
polo teu amor ...
Pra o probe que amosa a man
un bocadiño de pan.
Pra o que morre de secura
unha sede de auga pura.
Pra o que aterece de frio
dunha raiola o desfío"...
( "Oración", Codeseira)

III. XOSÉ MARIA CHAO LEDO (1844-1894), vilalbés e fillo de labregos, non renegou da lingua dos seus pais e escribía poemas en galego moitos anos antes (Poesías). Era un verdadeiro poeta popular "que soubo expresarse nun galego enxebre" e ó que Carballo Calero louva a súa naturalidade. O seu biógrafo Lence Santar califícao de "crego sabido, sinxelo, falangueiro, amigo de dar esmolas e amante, como poucos da terra galega" (57). Un parente deste crego poeta, o escritor Xosé Chao Rego (do que era tío-bisavó), no mesmo libro fala da "paixón telúrica" que manifesta o amor á Terra que tiña o poeta vilalbés (58).

IV. DANIEL PERNAS NIETO (1884-1946), crego nacido en Abadín e que tamén estudiou no Seminario de Mondoñedo. Publicou un libro de poemas galegos, A fala das musas, en 1936, en plena Guerra Civil, "cando as musas galegas deixaron de falar en galego en letras de imprensa", como recoñece Carballo Calero (59). O prólogo en castelán é de Cunqueiro.

V. ANTONIO REY SOTO (1879-1966), crego ourensán, Carballo Calero recoñécelle o ser un dos máis destacados poetas modernistas galegos, maiormente en castelán, pois a súa producción en galego é escasa, pero a suficiente como para ocupar un apartado na súa Historia da Literatura Galega (60). Tamén Castelao, amigo con quen mantivo correspondencia e a quen casou, recoñeceu a súa significación galega facéndolle unha famosa caricatura. Filgueira Valverde defíneo coma "un crego adicado ás letras e á erudición; máis de vida inqueda e de obra arrebatadora" (61). Ademais de poesía, fixo teatro, periodismo e mesmo cine. Con outro crego máis coñecido, Basilio Alvarez crea a revista A Galerna, e ten colaborado tamén en O tío Marcos da Portela con poemas e cunha proclama galeguista. Ingresou na Real Academia Galega en 1920.

VI. FAUSTINO REY ROMERO (1921-1971), crego e poeta galeguista e antifranquista, que naceu en Rianxo e estudiou en Tui e Salamanca; a súa azarosa visa rematou en Bos Aires. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e un dos fundadores do Pedrón de Ouro en 1964. "Recalcitrante cos autoritarismos e condescendente cos fieis, vai gañando fama de cura progresista para uns e libertario para outros" (62). Versifica en galego e castelán asuntos da vida cotiá como cantor sinxelo da natureza e das criaturas; evoluciona cara a reflexións teolóxico-filosóficas cun certo xeito de existencialismo cristián, froito do seu espírito inquedo.
     O seu articulista de Encrucillada chámao "Cura polémico pola súa vida independente, anque solidaria co pobo, e de ideas progresistas, tanto no campo da relixión coma da política, dentro dun galeguismo socio-cultural activo... Crego-poeta-filósofo-nacionalista-innovador-teólogo-humanitario...". Entre as súas obras: Florilegio poético (1949), Escolanía de melros (1959), Poemas de materias sagras (1960),... Na súa obra completa, editada recentemente, atopamos esta fermosa "Plegaria do afiador":

"Señor, a ti che pido, pois es o que gobernas
o mundo, no que ando constantemente soio:
que nunca falten azos para estas miñas pernas,
nen para o meu descanso a palla dun alboio.
Eu vou para nengures e vou a todas partes
(cuitelos e navallas os hai na terra toda!)
só pido que os perigos do meu camiño apartes,
e a paz vaia conmigo detrás da miña roda"
(63)


VII. TEOLINDO CORTIÑA TOURAL (1884-1972), cura lugués e párroco rural (Penas-Monterroso), publicou versos anticaciquís nun galego enxebre e popular baixo o título Caciquismo en solfa (1923), obra que completaría logo con Os caciques e a "nena" (1966).
     Fala tamén Carballo Calero das composicións galegas doutros curas como Xosé Maria López (1884-1931) Contos de polavila, e Francisco Portel Pardal (1887-1939) Costumes da terriña, Mariano Piñeiro Groba (1873-1940) Soaces dun abade, tamén de ton claramente anticaciquil, Xosé Rubinos (1917-1963), a quen lle dedica varias páxinas ós seus libros de poemas en galego, etc. Aínda se podería alongar ben máis a lista, tan só con facer a nómina dos cregos escritores en galego que recolle Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega.
     Finalmente, non se pode esquecer tampouco a Xosé Manuel Cabada Vázquez (Codeseda, A Estrada 1902-Linares, Jaén 1936), que fixo os estudios eclesiásticos en Santiago e foi discípulo predilecto do gran pensador Amor Ruibal. Publicou un fermoso libro de poemas en galego Vagalumes (1931), recentemente reeditado na súa Estrada natal con prólogo e notas de Alonso Montero (A Coruña 1989). O seu sobriño Manuel Cabada Castro, xesuita e filósofo, profesor nas Universidades de Comillas e a Complutense en Madrid, publicou un documentado artigo : "Xosé Manuel Cabada Vázquez, poeta, galeguista, educador" (Grial 105, 1990).





6. Angel Amor Ruibal (1869-1930)

     Angel Amor Ruibal foi unha das personalidades intelectuais meirandes da historia galega, na que ocupa un lugar fundamental no pensamento, aínda que non fora o galeguismo o que centrou fundamentalmente o seu labor. Foi un "erudito illado en terra allada", coma o cualificara hai anos Filgueira Valverde; estudiou en traballou sempre en Compostela, aínda que tivo unha proxección universal, recoñecida en toda Europa. A fondura da súa análise e do seu pensamento espallouse na Filosofía e Teoloxía, pero tamén na Filoloxía e o Dereito. Particularmente, pasou á historia do pensamento católico a súa aportación nas dúas primeiras disciplinas enumeradas, sobre todo pola crítica do pensamento escolástico e o diálogo co pensamento moderno.
     O seu pensamento, aberto e liberal, está sobre todo na obra inacabada Los Problemas Fundamentales de la Filosofía y el Dogma. Esta obra, que non tivo a difusión que merecía, en parte pola modestia do autor, é unha aportación moi creativa no mediocre panorama da teoloxía católica no seu tempo, porque representa un esforzo orixinal de saír dos camiños trillados da neoescolástica, filosofía oficial da Igrexa:

"No tempo de Amor Ruibal o teólogo semellaba ser un home encadeado na súa Turris ebúrnea... Non é ese o caso de A Ruibal, aínda que sexa unha illa no océano da mediocridade, el ten unha rexa personalidade que lle fai entrar en diálogo frontal coa problemática relixiosa do seu tempo (64)

     Sempre sentiu un vivo interese pola realidade galega e polo galego, pero este medrou sobre todo polos anos 20 coa chega das Irmandades da Fala, a revista Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Ademais dalgunhas publicacións coma o artigo "La lengua gallega y su léxico etimológico" (1925), os materiais para un Diccionario etimolóxico galego, e o único artigo que publicou en galego "A extensión", na revista Logos, foi o impulso que lle deu a esta revista galeguista e cristiá a súa meirande aportación á conciencia nacional de Galicia. Así o recoñece Filgueira Valverde, un dos creadores desta revista:

"O Dr. Amor Ruibal deunos azos pra que publicásemos un boletin de cultura relixiosa e mesmo o apadriñou...: Coidamos —nos decía— que esa nova pubricación, galega e galeguista, terá que encher o espazo valeiro que se atopa nas demáis pubricacións que na actualidade ven a luz en Galicia... O LOGOS sofría coa morte de D.Anxel Amor Ruibal unha dura perda. Houbera sido a ponte entre o pensador e a intelectualidade galega. Porque el pasou pola vida distante, anque non arredado" (65)

     Aínda que era politicamente conservador, como era habitual no clero da súa época, non consta que tivera vencellos co carlismo, e, de todos xeitos, foi moi respectado e estimado intelectualmente no seu tempo. Formou parte do grupo dos corenta numerarios fundadores da Real Academia Galega. Sobre o seu aprezo polo galego escribe Filgueira Valverde na introducción a revista Logos:

"Moitos non sabían a lei que lle tiña á fala galega, medio íntimo de expresión, coñecido e amorosamente estudado, defendido nas poucas contribucións periodísticas".

     Outro tanto recoñecía o seu discípulo Cabada Vázquez nas "Verbas de loito" con que se abría o primeiro número da revista:

"Do seu amor e interés por Galicia e polos asuntos da Terra, non é mester falar, pois é de todos ben coñecido. Non embargantes, os que tivemo-la dita de vivir cabo del e de escoitalo a cotío en conversas íntimas e familiares, poidemos decatarnos máis craramente delo...
O rexurdimento da nosa fala —nos dixo algunha vegada— ten de vir como efeito obrigado da nosa integración etnolóxica e cultural; porque, así como non se pode chegar na Península a unha unidad etnográfica, do mesmo xeito será sempre disparatado e utópico o querer xunguirnos a tódolos habitantes da Iberia a un soio medio de expresión... O esperanto chamouno en algunha ocasión o aborto máis grande da Filoloxía...
Temos de expor tamén en LOGOS o parecer de Amor Ruibal encol da predicación en galego, cousa á que debe chegarse axiña".

     Do mesmo Amor Ruibal son estas palabras sobre o galego:

"Si el gallego es lengua que en su aptitud para el lirismo puede competir con los más armoniosos de Europa, sin exceptuar el griego y el italiano, es tambien capaz de formas severas de la historia y de los rasgos majestuosos de la epopeya" (66)






7. Paulino Pedret Casado e outros curas de "Logos"

     LOGOS foi unha revista relixiosa integramente en galego, con certo parello coa máis coñecida Nós, coa que coincidiu no tempo, polos anos 20-30, aínda que a vida da primeira foi máis curta (1931-36). Mesmo tiveron colaboradores comúns, non só os máis píos (Risco, Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas), senón o mesmo Castelao.
     O seu lema era o mesmo dos Irmandiños: "Deus Fratresque Gallaeciae" (Deus e os irmáns de Galicia). E xurdirá coma un esforzo de galeguizar a esmorecente Igrexa Galega, froito dos esforzos dos leigos agrupados en "Labor Galega", e un grupo de cregos, frades e seminaristas, apadriñados por Amor Ruibal, como víamos. Entre os leigos, estaban á cabeza Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle como fundadores; e na longa lista de colaboradores nomes significativos como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao (que fixo tódolos gravados), Ferro Couselo e Ramón Cabanillas. No clero regular estaban á cabeza os mercedarios de Poio con Gumersindo Placer), logo os bieitos de Samos (Maximino Arias) e os franciscanos de Santiago (A. López). Polo clero secular destacan Paulino Pedret Casado, Antonio Aller Ulloa e Avelino Gómez Ledo, Aller Ulloa e o seminarista Xosé Cabada Vázquez.
     O obxectivo de Logos é a galeguización da Igrexa, e para iso propóñense desde o comezo coma un dos obxectivos máis importantes a predicación en galego, pero tamén o estudio da liturxia, festas e haxiografía galega. O seu contido ideolóxico pódese concretar nestes puntos: Loita pola autonomía espiritual e política de Galicia, polo triunfo da concepción católica do mundo e da sociedade e pola liberdade da Igrexa.

I. PAULINO PEDRET CASADO (1899-1969) foi un dos cregos máis activos da revista. Doutor en Dereito e Filosofía, dominaba varias linguas. Pertenceu ó Seminario de Estudos Galegos e logo ó Instituto Padre Sarmiento. Foi tamén membro numerario da Real Academia Galega desde 1941. Deixou unha vasta producción publicada en revistas e xornais, galegos e extranxeiros. Dos primeiros, destacan os seus traballos publicados en Logos e en Nós. Na primeira aparece entre os firmantes dun famoso manifesto: "Afirmación Católica dun Grupo de Nacionalistas [galegos]". Noutro artigo seu, que apareceu co título "Pola cultura relixiosa de Galicia", lemos a admiración polo catolicismo nacionalista dos cataláns e a conseguinte chamada para os galegos:

"Sempre aboguei por que os galegos consideremos os exempros que nos amostran os irmáns do laborioso país do Nordeste... Un amor activo á Patria como o deles, debe ser o motor principal de tellas abaixo das labouras nosas".

     Esa admiración céntrase particularmente nun bispo nacionalista, Torras Bages e na súa obra La tradició catalana. Láiase de que non teñamos en Galicia un bispo coma este, "cuia soma protectora agarimou hastra o desenrolo subrime de hoxe o sentimento patriótico e cristián de moitos fillos de Cataluña. Penso que é ben doroso que nós non teñamos un libro así, no que se falase, cun pensamento unitario, humán e vivificado polo esprito relixioso da Tradizón galega". No bispo Lago González ve ese "galego culto e patriota", pero a súa morte prematura truncou as posibilidades de levar adiante un labor semellante.
     Pedret Casado ten claro que galeguismo e catolicismo non son dúas cousas contrapostas, senón mesmo necesariamente vencelladas, como escribiu en A Nosa Terra:

"Por ser nacionalismo integral o noso, debe ser relixioso, e nada teñen que temer del as dereitas verdadeiramente católicas".


II. AVELINO GÓMEZ LEDO (1893-1977), crego que foi alumno e amigo de Amor Ruibal, coma el da Real Academia Galega, foi ensaísta e traductor de obras clásicas ó galego (fixo mesmo unha traducción do Novo Testamento desde o texto grego, editada por Bibliófilos Gallegos), e tamén poeta en galego reseñado por Carballo Calero (Composteláns, Borreas, Terra nai). Del fala Filgueira Valverde, con quen tivo moito trato, lembrando a súa obra científica e literaria; e lembra o seu derradeiro mandado: "Quero que escribades na miña lousa: morreu galego" (67).
     Recentemente A Nosa Terra loaba a súa figura de poeta relixioso e "o maior traductor ao galego de textos relixiosos", e denunciaba o esquecemento do centenario do seu nacemento pola Real Academia Galega, o mesmo cabido compostelán e a cultura galega en xeral. X.M. Eiré lembra no seu artigo que Gómez Ledo cultivou o galeguismo de dereitas, tendo unha relevante amizade con Otero Pedrayo, que queda refrexada na súa correspondencia. Por iso fala da "tremenda inxusticia social que tantas e tantas veces se comete co galeguismo de dereitas, simplemente por ser de dereitas. Non lle virá mal á sociedade galega reflexionar e percatarse de que o galeguismo non é patrimonio da esquerda" (68)

III. Compre falar tamén do frade mercedario GUMERSINDO PLACER (1904-1982), investigador de temas galegos (as romarías galegas, os Cancioneiros, Rosalía,...) e poeta, foi un dos fundadores da revista, e membro da Real Academia Galega.

IV. Outro crego particularmente interesante, que tamén ten unha presencia notable nas páxinas de Logos: RAMÓN MARÍA ALLER ULLOA (1878-1966). Aller Ulloa, ademais de ser Doutor en Teoloxía, era licenciado en Ciencias Exactas e sentou as bases da Astronomía Galega; o seu observatorio de Lalín foi o primeiro que existiu en Galicia, e os seus estudios eran moi respectados polos científicos europeos. Numerario da Real Academia Galega, ademais doutras institucións científicas, tivo a singularidade de escribir parte dos seus artigos de ciencia en galego, lingua practicamente allea ata daquela no traballo científico. En galego, o mesmo fala da teoría da relatividade ou de física quántica, coma das estrelas "cefeidas" (69).

V. Non se pode esquecer, finalmente, ó crego XESÚS CARRO (1884-1973),"un dos fillos que máis quixeron honrar a Compostela e que serviron afervoadamente a Galicia no eido das humanidades", di coa súa proverbial xenerosidade Filgueira Valverde (70). Investigador no eido da arqueoloxía galega, membro do Seminario de Estudos galegos e logo do Instituto Padre Sarmiento, e correspondente da Real Academia Galega. Ten numerosas publicacións (Estudios jacobeos, A pelerinaxe ao Xacobe de Galicia, ...); é de destacar o seu traballo en Terra de Melide, ó lado de Cuevillas, Risco, Otero, etc. E publicou numerosos artigos, ademais dos de Logos, en Nós, A Nosa Terra, Arquivos...; cultivando o galego na escrita e na fala, aínda que non fora a súa materna.





8. Basilio Alvarez, o "abade de Beiro" (1877-1943)

"¡Sementador! O trigo dos beirais
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces, afiadas,
teñen tráxico brillo de puñais.
O teu verbo, estalante nos piñais,
troca, ao chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfais".

     Estes versos de Ramón Cabanillas dedicados a Basilio Alvarez fálanos do significado que esta gran figura tivo na sociedade galega do seu tempo, aínda que logo quedara en figura case esquecida. "Basilio Alvarez —recoñece o seu articulista na Gran Enciclopedia Galega—, clérigo de esquerdas, tivo na súa vida toda a publicidade que agora lle falta. Cantado pola prensa republicana e ata a socialista". A súa fogosa personalidade mereceu en máis dunha ocasión o lapis do mesmo Castelao.
     Home polémico, as súas verbas e a súa pluma defenderon ós labregos desde o movemento agrarista, defenderon a Galicia e tamén ós seus compañeiros cregos e á súa Igrexa, aínda que non calara cando tiña que criticala, e tivo que sufrir as censuras do seus superiores eclesiásticos. A súa primeira publicación levaba por título El cura rural, e era unha defensa desta figura ante críticas republicanas. Entre o seu Ourense natal, Galicia, Madrid e a emigración transcorreu a súa azarosa vida, repartida entre o traballo pastoral, o traballo periodístico e o traballo político. En Madrid dirixe a revista Galicia, é cofundor e director do xornal El Debate e, cun grupo de xente inqueda funda tamén o movemento "Acción Gallega". Poucos anos despois, abandonando un prometedor futuro, deixa a capital e vense de párroco a Beiro, unha polémica parroquia ourensá, na que mataran ó anterior párroco.
     Xa en Galicia, predica a rebelión dos labregos contra os foros e a opresión caciquil, protagonizando durante anos un movemento cada vez máis radicalizado. As ideas das súas campañas agraristas recolleunas no seu libro Abriendo el surco. Basilio Alvarez chega a converterse nun verdadeiro modelo de axitador político, e os seus discursos rematan por valerlle as censuras do seu bispo, que o bota da parroquia de Beiro, coa conseguinte rebeldía dos fregueses, e logo o progresivo abandono do traballo como cura do mesmo Basilio Alvarez. Esa radicalización vaino aproximando paulatinamente a posturas socialistas, recomendando as súas candidaturas desde a revista La Zarpa, que el fundara en Madrid. Trasladado de novo a Madrid, non esquece as loitas da súa Terra e segue a colaborar na campaña agrarista. Aínda que cede no seu fogo esquerdoso cando sae deputado polas listas do Partido Radical.
     Coa Guerra Civil, volve ó seu fogoso labor propagandista, pero xa desde a emigración, na Arxentina, onde ten que enfrontarse a vellos amigos, como deixou recollido no seu derradeiro libro España en el crisol, e vai esmorecendo a súa figura. Pero, a pouco da súa morte, o Centro Galego de Bos Aires faille unha gran homenaxe póstuma na que Castelao, amigo e crítico á vez, pronuncia un louvatorio discurso.
     Non se trata de acaparar a Basilio Alvarez para o clericalismo, como denunciaba hai anos Barreiro Fernández, pois certamente non é un cura típico, senón un home de talante predominantemente político. Pero non deixa de ser sintomático que abandonara a carreira civil de Madrid para virse de cura a unha parroquia rural. E sempre se sentiu crego, aínda que non exercera moito nos últimos tempos. Tampouco se sabe que renegara da súa fe. ¿Por que negar que no fondo da súa opción había un posicionamento que nacía desa fe, aínda que recibira as censuras do seu bispo e dos seus mesmos compañeiros?
     Como recoñece Francisco Carballo en Encrucillada (71), a gran figura como político, orador e xornalista de Basilio Alvarez, ten moitas sombras que alumear, sobre todo referente á súa liña ideolóxica, pero estas non poden ocultar a talla deste home nin "a súa paixón incontenibel, abraiante, por Galicia". A pesares das súas contradiccións "soubo selar cun exilio na pobreza e no servicio a limpeza do seu ideal pola liberdade dos pobos e as xentes".


NOTAS


(30) X. Alonso Montero, O que compre saber da lingua galega, Alborada, Buenos Aires 1969, pax. 89
(31) O documento é recollido no libro de M. Camaño e X.M. Pampín Pro e contra da Liturxia galega. Historia dunha polémica, SEPT, Vigo 1980, paxs. 83-87. Entre outras cousas dicían: "Acusamos publicamente ao clero galego de non estar á altura da nosa época, desertando, non soio da súa función pastoral, sinón tamén dos intereses socio-culturais da nosa Patria, en aberrante compenetración cuns Prelados alleos á nosa nacionalidade... Acusamos ao clero galego de nemigo do pobo, agora e sempre... Acusamos ao clero galego de eisplotar aos noso labregos en foros e demáis rendas... Acusamos ao clero galego de 1965 de vivir amancebado coa dictadura que nos aferrolla ...e mais declaramos que o feito de proscribir o galego da liturxia é un grillón máis da cadea..."
(32) Ferro Ruibal, op. cit. pax. 42.
(33) Carballo-Magariños, La Iglesia en la Galicia contemporánea. Análisis teológico del período 1931-36, Madrid 1978. "Inmensa serie de obispos eclesiásticos para quienes el cristianismo es antagónico de toda idea de evolución o cambio, de cualquier género de democracia política ..." px.125.
(34) Teño diante tamén un Manifesto da UPG aos cregos de Galicia, de setembro de 1974, no que esta organización revolucionaria, tras acusar a Igrexa católica como "instrumento ideolóxico da colonización e asoballamento galegos... por parte da xerarquía e de amplos sectores do clero", recoñece o novo papel da Igrexa tras do Concilio Vaticano II, no que —di, manifestando a man asesora dalgún crego afín á organización— "xurde unha gran refleisión como intento de adoptar posturas de honradez, de compromiso e de esprito evanxélico". "Esta actitude levounos cara a unha posición crítica respecto á postura tradicional da Eirexa como aliada das crases esplotadoras —continúa o documento—... e cara a unha revisión dela a carón da clase obreira e do pobo na loita contra da opresión capitalista e imperialista, pra formar realmente a Eirexa dos pobres".
(35) Xosé-Martiño Montero Santalla, "Panorama da Literatura Relixiosa galega", Encrucillada, 4, 1977, paxs. 30-31
(36) Barreiro Fernández, op. cit px. 198.
(37) X.Filgueira Valverde, "Manuel Pardo de Andrade contra a Inquisición", en IV Adral op. cit. paxs. 30-34
(38) Citado por Ferro Ruibal, px. 43.
(39) Carballo Calero, op. cit. px. 39.
(40) Manuel Pardo de Andrade. Los artículos del "Diario de Madrid" (1794-1800). Selección e introducción de Maria Rosa Saurín de la Iglesia, A Coruña 1989. A autora di na Introducción, que esta grosa colección de artigos de Pardo de Andrade é tan só "parte da súa abundantísima e multiforme producción literaria".
(41) E. Carré Aldao, "El precursor de los periodistas coruñeses", Boletín de la Real Academia Gallega, IX, 1916, nº 102
(42) Memorias del cura liberal D.Juan Antonio Posse sobre la Constitución de 1812, Siglo XXI, Madrid 1984. In X.Mª Lema, A arte relixiosa na Terra de Soneira, Santiago 1993.
(43) No artigo de D. Alvarez Bázquez, "Don Antonio Cerviño, un crego que clamou dende o púlpito, hai 87 anos, pola redención da nosa Terra", Encrucillada, 10, 1978, paxs. 34-35
(44) Ibidem, pax. 35
(45) En Lembranza de Lago González, Galaxia, Vigo 1973.
(46) En Logos, 41, pax. 69
(47) Ibidem, pax.71
(48) Andrés Torres Queiruga, Rolda de ideas, SEPT, Vigo 1984, pax. 88
(49) Do seu Discurso de Ingreso na Real Academia Galega, na que ocupou a súa cadeira. En Lembranza de Lago González,op. cit.
(50) Barreiro fernández, "López Ferreiro e a recuperación da conciencia histórica de Galicia", Encrucillada 8, 1978, p.3
(51) Barreiro Fernández, op. cit. px.7
(52) Citado por Barreiro Fernández, art.cit nota 44
(53) X.Filgueira Valverde, "No centenario de X. A. Saco e Arce", IV Adral, pxs.136-40
(54) Carballo Calero, op. cit px. 114.
(55) Carballo Calero, op. cit. pax. 503
(56) Carballo Calero, ibidem. pax. 561
(57) Eduardo Lence-Santar, "Notas biográficas de D.Xosé María Chao Ledo", en X. Mª Chao Ledo, Poemas galegos, Ed. do Castro, A Coruña 1976
(58) No Epílogo ó libro citado do poeta
(59) Ibidem pax. 559
(60) Op. cit. pax. 606
(61) X. Filgueira Valverde, "Centenario de poetas: J.B.Andrade e A.Rey Soto", no Segundo Adral, Ed.do Castro, A Coruña 1981, paxs. 398-400
(62) X. Santos Suárez, "Faustino Rey Romero. Obra poética e filosófica", Encrucillada, 52, 1987, pax. 66
(63) Faustino Rey Romero, Obra poética e filosófica, Rianxo 1985.
(64) López Nogueira,"Unha recepción viva de Amor Ruibal", Encrucillada 7, 1978 páx.17.
Foi Andrés Torres Queiruga o que estudiou fondamente a súa teoloxía na tese de doutoramento Constitución y evolución del Dogma. La teoría de Amor Ruibal y su aportación, Madrid 1977 e logo na obra correspondente ó doutoramento en Filosofía Noción, religación y trascendencia. El conocimiento de Dios en Amor Ruibal y Xabier Zubiri, A Coruña 1993. Ver máis adiante.
(65) Limiar á edición facsimil de Logos. Revista de Cultura Relixiosa, Sotelo Blanco, Barcelona 1983.
(66) Collidas da introducción do libro de J.L.Barreiro Barreiro, Mundo, hombre y conocimiento en Amor Ruibal, filósofo gallego, Santiago 1978.
(67) X.Filgueira Valverde, "Avelino Gómez Ledo", en Adral, 1979, paxs.408-410
(68) Xosé Manuel Eiré "O poeta relixioso Avelino Gómez ledo, esquecido no labor xubilar", A Nosa Terra 587, 16-IX-1993, pax. 23
(69) E. Vidal Abascal publicou unha pequena monografía sobre este crego astrónomo Ramón Maria Aller Ulloa. Unha vida apaixoada pola ciencia e chea de bondade, Vigo 1979.
(70) X. Filgueira Valverde, "No centenario de Don Xesús Carro", V Adral, A Coruña 1989, paxs. 369-70
(71) Francisco Carballo, "No centenario de Basilio Alvarez", Encrucillada 5 1977 pxs 72-74.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega