Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Chega de saudade

 

v2sousajimenezacuareladobrasil098.html




Chega de saudade


     Di sempre Umbral que fai falla moita imaxinación para ver a realidade. Dígoo tamén eu contemplando as fotografías en branco e negro de Cristiano Mascaro sobre São Paulo. Aproveitando que se inauguraba onte unha exposición súa no Centro de Comunicação e Artes da capital paulista, pensaba comezar unha serie de reportaxes desa megalópole (familiarmente chamada Sampa), pero despois de dous anos escribindo sobre Brasil, quedei sen folgos para seguir. Con São Paulo xa non podo. É moita realidade e as cidades, á fin e ao cabo, hai que vivilas para entendelas.
     Río é diferente para min, aínda que agora non estou nela. Estes artigos semanais, a medio camiño entre a columna e a crónica, son, hai que confesalo, froito dunha impostura, dun engano, dunha ficción se se quere. Visitei varias veces Brasil e gustoume tanto o país —a xente, a lingua, as paisaxes, a historia...— que imaxinei converterme nunha especie de correspondente "virtual"
para O Correo Galego.
     Descubrín as incribles posibilidades que ofrece a navegación por Internet. E levei unha vida de correspondente, atento sempre a calquera novidade, dedicado á lectura de periódicos e revistas, a escoitar a radio e conversar a través de rede, fabuloso invento, cos meus amigos brasileiros —os meus ollos— que me poñían ao día.
     Pareceume unha aventura e un desafío. Tiña a vantaxe de non ter que convencer ao director do xornal dos asuntos a tratar como está obrigada a maioría dos correspondentes. O tamaño do país, ademais, axudaba co seu manancial de noticias á miña disposición. E contaba cunha periodicidade asegurada, o que permitía a continuidade para o lector, algo que se bota sempre de menos cando se fala dos países do chamado Terceiro Mundo, que saen nos medios de comunicación só para comprobarmos que o seguen sendo. Interesan menos cando van mellor. Hai dous anos, por exemplo, o daquela reporteiro de El País Ricardo Soca, lamentábase da "falta de noticias relevantes no Brasil", consecuencia, dicía, de que "había certa estabilidade".
     ¿Para que valen os correspondentes nestes tempos?, habería que preguntarse en alto. A responsabilidade que teñen é grande na formación dunha imaxe ou opinión. Levan nas costas a representación dunha parte do mundo para outra, polo que non resulta difícil caer nos prexuízos e tópicos (un combinado de fútbol, samba, carnaval, praia e violencia para o caso de Brasil). Estase a ver estes días en todos os periódicos do mundo destacando —había tempo que non saía o país— a dramática crise financeira e a desvalorización do real...
     Desvalorización do real. ¿Onde está o real? A realidade, xa se sabe, existe só no papel e nas pantallas dos medios de comunicación. O periodismo é unha trampa. E eu tamén son un tramposo. Pero con São Paulo xa non podo. As fotos de Cristiano Mascaro danme medo. Todo ten os seus límites á fin e ao cabo. Fáltame a materia prima. Con Río era diferente. Alí síntome como un peixe na auga. E podía vivir de lembranzas, como fai un rumiante da herba que antes cortou. Abonda xa, chega de saudade.
     Quero traer agora aquí, salvando as distancias, a frei Vicente Salvador, un franciscano natural de Bahía que axudou a construir o convento de Santo Antonio de Río e escribiu unha Historia de Brasil en trece volumes. Está feita co bo estilo e moito humor. O mesmo que tivo para rematala dicindo que "xa era tempo de tratar só da súa vida e non das alleas". Pois iso.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega