Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Tiradentes

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil097.html




Tiradentes


     Os pasados días foron infernais aquí en Brasil. E non precisamente pola calor do verán. Todos pendentes dun fío, das nerviosas liñas dos gráficos das bolsas de Río e São Paulo, que máis parecían os cardiogramas dun enfermo grave. A matemática resulta implacable: o país saíu máis pobre despois da acumulada desvalorización do real. E o futuro inmediato segue a ser unha nebulosa coa moeda agora fluctuando libremente nos mercados co poderoso dólar.
     Veñen agora os laios e as acusacións mutuas. Para o presidente Fernando Henrique Cardoso as causas da grave crise financeira hai que buscalas, en primeiro lugar, na irresponsable actitude dos deputados do Congreso —algúns dos partidos que en teoría o apoian— que se negan a aprobar con urxencia as duras e necesarias medidas de axuste fiscal. Pero, sobre todo, responsabiliza da perda de credibilidade da economía ao gobernador de Minas Gerais, Itamar Franco, por decretar a moratoria de pagamento das débedas do seu estado coa Unión (algo, por certo, que adiantamos aquí hai dúas semanas).
     Itamar Franco, pola contra, acusa ao goberno federal da gravidade da situación actual por adiar as indispensables reformas administrativa e tributaria e estar máis pendente da súa reelección. Para o ex-presidente a política económica foi un erro por fomentar "infelicidade e desemprego e entregarlles a riqueza e a industria nacionais ás empresas estranxeiras co obxecto de financiar o astronómico déficit público".
     A solución só pode ser política. A gran batalla vai estar na confrontación entre os estados —a maioría coas contas en vermello— e a Unión. Os gobernadores da alianza gubernamental, reunidos hai uns días, apostaron por un novo pacto federal e a adopción de novos mecanismos de compensación. Os da oposición van máis lonxe e ameazan con novas moratorias e recursos na Xustiza contra o goberno federal. Onte reuníronse en Belo Horizonte, na sede do goberno de Minas Gerais, arredor de Itamar Franco dispostos a mobilizar o país.
     "Actúo como Tiradentes". Abondaron estas palabras de Itamar Franco, pronunciadas o outro día perante un grupo de cen alcaldes de Minas, para que se dispararan todas as alarmas. Sorprende a súa pretensión de trazar un paralelo con ese personaxe histórico, e entre as súas medidas e a chamada Inconfidencia mineira, un levantamento do final século XVIII contra a cobranza de impostos da coroa portuguesa considerado precursor da independencia do país.
     A Inconfidencia mineira foi un movemento minoritario, máis teórico que práctico, dunha elite rica contra a abusiva recadación de tributos. Dela formaban parte negociantes, poetas, militares, relixiosos e intelectuais que estudiaran nas universidades europeas. Excepción foi a participación de Joaquim José da Silva Xavier, procedente dunha familia máis modesta, un gran propagador da independencia que pagou coa súa vida a difusión das súas ideas. Ao quedar orfo moi cedo, foi adoptado polo seu padriño, un cirurxián que lle aprendeu os rudimentos para ser dentista, o que lle valeu o alcume Tiradentes. Supoño que na comparación feita, o gobernador non se refería —sería moi doloroso para o país— ao torpe xeito de exercer este oficio que tiña o heroe nacional.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega