O Pago, drama en tres actos

 

Acto I

Páxina Seguinte

m2leandrocarreopago.html

Personaxes

María, 25 anos
Luisa, 18 anos
Paquiña, 25 "
Miguel, 30 "
Ramón, 60 "
Don Camilo, 50 anos
Ernesto, 35 "
Xan, 20 "
Don Ventura, 40 "
Antonio, 20 "


Época actual. Dereita e esquerda as do actor. Lugar da aición unha cidade calquera de Galicia.




Acto 1º
Sala moi modesta. Portas laterales e balcón no foro. Forillo imitando as casas da acera contraria. É día.



Escena I
María e Ramón
María cosendo diante do balcón. ramón entra pol-a dereita. ven da rua; deixa o sombreiro enriba d'unha silla.


Ramón.- ¡Negouse!

María.- (Que deixa a costura e chégase á él impaciente) ¿De maneira...?

Ramón.- Que xa non séi que facer, nin como procurarme ese diñeiro que precisamos.

María.- ¡E Miguel ten que ir â aldea!

Ramón.- Si, ten que ir â aldea; ten que saír d'esta casa sen sol, sen âr; e de non poder ir á Suiza, á un sanatorio, ten que ir â aldea...

María.- ¡Oh! ¡É horrible esto, meu Dios, é horrible!

Ramón.- Horrible e vergoñoso, María. Levar toda a vida traballando, buscar e facer a riqueza para outro, e á final, cando o corpo doente, fatigado ou podre de vivir á sôma, respirando o pô dos almacés insanos, vivindo en locaes antihixíenicos, precisa un descanso ou un sanatorio, atoparse con que por toda consideración aquel que o noso traballo e a nosa intelixencia enriquecen nos dá como unha esmola a mitá do sueldo que tiñamos... e tal vez se a enfermedá dura moito, hastra ese socerro é suspendido.

María.- Pobre Miguel... Mais que á min coase quería a casa en que traballaba, onde foi deixando a saúde...

Ramón.- Non traballaría mais se o comercio fose seu.

María.- ¡E o pago dos seus desvelos...!

Ramón.- Para Don Camilo, os corenta pesos que lle daba ao mes eran remuneración espréndida.

María.- Moi pouco val para eses señores comerciantes a vida dos seus dependientes.

Ramón.- A vida non lles importa; o traballo é o único que lles interesa, e o traballo... ¡Bah! oito ou nove horas diarias... Despachar xéneros no mostrador, facer unhas anotaciós nos libros... eso non é gran cousa para eles.


María.- Pero eles solos non podían facelo todo.

Ramón.- Nada. A maioría nada podían facer sen os seus dependientes; non pasarían de ser unhos malos tendeiros... O mesmo Don Camilo ¿creer que chegaría a ter o gran comercio que hoxe posee sin os seus dependientes?

María.- ¡Oh! non, Miguel tenme contado cousas...

Ramón.- Que demostran sempre un gran egoísmo e unha cobiza enorme; pero que revelan tamén a sua torpeza e mais o desconocemento ausoluto do comercio.

María.- E hastra das mais elementaes regras da escritura comercial.

Ramón.- Miguel foino guiando... Organizou a propaganda, dirixiu o escritorio e atendeu ao mostrador. xaquín tamén, coa sua simpatía para o púbrico, foi aumentando a clientela, logo, co crédito que lle abríu o Banco Comercial ensanchou os negocios seguindo sempre o consello de Miguel...

María.- Miguel non pensaba mais que no comercio. Andaba de cote preocupado por unha letra que vencía, por tal ou cal pedido que non chegaba...

Ramón.- Gastóu a sua vida en facel-a riqueza de Don Camilo... e xa ves, agora él padece, sofre... ¡morrerá! porque o que enriqueceu négase á, non digo darlle, ¡négase a emprestarlle unhos centos de pesetas para que atenda â sua curación!

María.- ¡Cando o seipa!

Ramón.- Non o saberá; non debe sabelo porque eso sería moi triste para él. Mellor é non lle dicir nada.

María.- ¿E que facer? ¿Como procurarnos ese diñeiro?

Ramón.- Non sei, non sei... pero de calquera maneira que sexa... é necesario... Veremos.



Escena II
Os mesmos, Luisa e Miguel. Luisa ven dándolle o brazo á Miguel que se apoia nela e nun cayado que trae na outra man. Miguel está enfermo, pálido, ollos hundidos; esquelético. Tuse, afógase.

Luisa.- Anda, anda, imos un pouquiño ao sol.

Miguel.- ¡Oh! Si; moito sol, moito sol... sinto frío, teño o sangue callado.

María.- (Que vai ao seu encontro, cariñosa) É claro; estás sempre encollido... espílete, sal, pasea un pouco.

Miguel.- Non, andar non é posibre. Domeánseme as pernas; xa non teñen forza para termar do corpo.

María.- Morriña fora, home; o que tês é preguiza... anda un anaquiño xa verás como te sintes mellor.

Ramón.- Imos dar xuntos un paseíño.

Miguel.- Non. A sentarme un pouco ao sol. Sentado estou ben... (tuse) Ves, en canto me poño dereito, este maldito tusir... Non alento.

María.- Ven; séntate daquela aquí, ao âr (lévao diante a porta do balcón)

Miguel.- Ao âr... ao âr d'este calexón, que non ve a loz do sol endexamais. ¡En que casas temos que vivir os pobres! (tuse) ¡Non me acabarás de arringal-as entranas!

Luisa.- Acouga, home, acouga. Non te desesperes; xa desaparecerá, xa te deixará tranquilo!

Miguel.- (Tusindo) Non me deixa, non me deixa ¡Acabará comigo!

María.- ¡Xesús, home!

Ramón.- Aquí estás mal; é mellor que vais ahí à praza.

Luisa.- Si, anda, anímate.

María.- Papá irá contigo.

Miguel.- Déixame estar. Atópome ben aquí, á carón teu; á carón da miña María... tan amantiña, tan boa con este pobre doente que non lle pode dare a felicidade que merece.

María.- Vamos; déixate d'eso... As cavilaciós non che fan ben.

Miguel.- Ben sei. Pero, que queres; eu véxote fermosa, chea de vida, e pensso que é un crime terte suxeita a min que son un espantallo, un corpo morto...

maría.- Dios fará que a vida volva animalo.

Miguel.- ¡Dios!

María.- Hai que ter esperanza nel.

Luisa.- E fé.

Miguel.- Tévenna sempre, sempre... pero vouna perdendo xa. cada novo día síntome mais fraco, mais deble; arreféceme o sangue nas veas, sinto frío no corazón.

María.- Estás amorriñado... Sal, espílete un pouco. Pasea ao sol; xa verás como a sua quentura faiche ben.

Luisa.- Si, anda, vai con papá (érgueo)

Miguel.- Imos logo (Déixese erguer sin vontade. Tuse) ¡Oh! ¡Dios!

María.- Acouga, home.

Ramón.- Non te desesperas.

Miguel.- Xa nin paciencia teño.

María.- Así non é posire mellorar.

Miguel.- Non, non é posibre, ben sei... Eu xa non poderéi poñerme bon, non voltarei a ter saúde endexamais.

Ramón.- Vamos, vamos (calmándoo)

Miguel.- E o pensalo alrítame, éncheme de carraxe contra... (ergue o puño pechado para o ceo)

María.- ¡Miguel!

Miguel.- Se dende que casamos non tivemos un istante de felicidade; se a nosa unión é de sofrimento, de penar...

Ramón.- Anda ven. Imos un pouquiño ao paseo.

Miguel.- Unido a ti por sempre... e ti por sempre sofrindo, y eu padecendo por sempre...

María.- Tolo, tolo... atende â saúde; a poñerte bon... anda vai.

Miguel.- Si, si... â saúde... ¡Oh! que crueldade a de quen, podendo darlle a felicidade aos seus fillos, estrózalles a alma!

Ramón levao. Ao saír dalle a tus. María que acompañounohastra a porta, volve chorando. Luisa sentase tristeira.



Escena III
María e Luisa.
Luisa érguese e bótalle os brazos á María, cariñosa.


Luisa.- ¡Pobre irmâ, canto sofres!

María.- Si, podes compadecerme... sofro moito, moito. O meu penar é dos que destrozan o corazón... Velo enfermo... saber que quizais, seguramente, unhos centos de pesetas poderían devolverlle a vida, e non sabelas buscar, non poder atopalas!

Luisa.- Pero Don camilo... pedíndollas...

María.- Negouse. Teme que á pesar dos coidados so Sanatorio Miguel non sanará e nós non poderemos devolverllas nunca...

Luisa.- ¿Y ese home...?

María.- Ese home é un comerciante, Luisa.

Luisa.- Pero...

María.- Aproveitóu canto podía dar o traballo de Miguel...

Luisa.- (Interrumpíndoa) Que foi moito mais do que poidera facer el mesmo en toda a sua vida.

María.- E agora que xa está rico, que ten unha gran casa acreditada e forte, coida que fai de mais pagándolle a mitá do sueldo en consideración aos moitos anos que levaba na casa.

Luisa.- ¡Oh! Eso é unha infamia, porque foi Miguel o que a acreditóu, o que o fixo chegar ao que hoxe ten ¡Ese home é un...!

María.- Si, ben sei o que ibas dicir... Certamente á Miguel correspondíalle unha gran parte do capital que hoxe posee Don Camilo... pero Miguel traballóu co nome d'él e á él foron as ganancias.

Luisa.- ¡Que inxusticia!

María.- Para eles eso é natural e xusto; Miguel non era mais que un dependiente...

Luisa.- (Erguéndose) Pareceume que chamaban (Sal pol-a dereita voltando de contado) Un señor pergunta por papá.

María.- ¿Dixo quen é?

Luisa.- Dis que é o dono da casa que fomos ver en Montrove.

María.- ¡Ah! Faino pasar.

Luisa.- ¿Decidides ir por fin?

María.- Si aparecen os cartos... (Luisa sal e volta con Don Ventura)



Escena IV
As mesmas e Don Ventura

Ventura.- (Saudando) ¡Señora...!

María.- Papá non está neste momento, pero faga o favor de sentarse.

Ventura.- Con permiso (séntase) Pois, viña saber que deciden con respeito â miña casa de Montrove.

María.- Pol-o d'agora non pensamos aínda... Se poidera agardar un par de días... É tan cara...

Ventura.- ¡Oh! Por Dios, non diga. É unha finca preciosa.

Luisa.- A casa moi vella xa.

Ventura.- Pero está ben conservada... E aquela horta... Eu teño xa moitos pedidos para ela; pero como vostedes foron os primeiros, claro, dévolles a atención de agardal-a sua decisión.

María.- Agradecémoslle esa deferencia, e veremos... mañá ou pasado terá a nosa resposta.

Ventura.- Espero que será afirmativa (érguese)

María.- Quizais.

Ventura.- E perdoen a miña impaciencia; pero comprenderán que é natural ¡Son tantos os que me piden a casa!

María.- Si, si.

Ventura.- (Saudando) ¡Señoras, seu servidor!

María.- Páseo ben... E mañán ou pasado...

Ventura.- Conforme (fai unha reverencia e vaise pol-a dereita)

María.- (Que simula acompañalo hastra a porta volve cavilosa) ¡Quinientas pesetas!

Luisa.- (Que estivo cavilando, érguese supetamente) ¡Vou saír!

María.- ¿A onde?

Luisa.- Xa cho diréi logo... acordeime dunha cousa... (mutis pol-a esquerda)

María.- (Séntase tristeira e chorosa) ¡Quinientas pesetas! A saúde, a vida de Miguel... ¡Eu, pobre muller, como hei d'atopalas! ¡Non hai traballo que mas depare! (Chora en silencio, con fonda dôr)

Luisa.- (Que volta coa mantilla posta e unha carteiriña-moedeiro na man) ¿Que é esto?

María.- ¡Choro! Teño que chorar, porque eu quixera darlle a vida á Miguel, e daríalla se traballando día e noite poidera gañar o que necesitamos... pero a costura, o bordado, todal-as labores da muller páganse tan pouco, que traballaría toda a vida e non resolvería nada.

Luisa.- (Consolándoa) ¡Bah! Non penses agora neso... Eu voltarei de contado e poida que che traia unha boa noticia.

María.- ¿E logo, onde vas? ¿Non mo podes dicir?

Luisa.- Logo, logo (Vaise pol-a dereita. María a mira e logo sal paseniñamente pol-a esquerda)



Escena V
Ramón, Miguel e Xan.

Miguel.- (Sentándose fatigado) Son moitas escaleiras para estas debles pernas.

Xan.- Si, son moitas escaleiras.

Ramón.- Deixa que logo tomaremos unha casiña na aldea, e alí poderás estar ao sol, pasear, respirar aire puro.

Miguel.- Aire puro, sol. Pouco disfrutéi d'eles na vida.

Ramón.- Pois agora teralos sempre, coma bôs compañeiros.

Miguel.- Si, si. E grande cousa o sol para os que temos a friaxe nos ósos... aquécenos o corpo... dá quentura ao noso sangue, e parece que fai revivir en nós a forza da mocedade.

Xan.- ¡Oh! si, é certo... Eu cando podo saír algún día e vou andando baixo as rayolas aloumiñantes, síntome outro; noto que nas miñas veas bule o sangue...

Miguel.- Namentres que no comercio, no escritorio, traballando non se nota, pero si por un momento queda un parado, síntese a morriña que entala o noso corpo, a friaxe que se vai metendo nos ósos...

Xan.- É certo, é certo.

Miguel.- Eu sentino moitas veces, pero non fixen caso; o traballo deixábame pouco tempo libre, e afervoado, sen acougo, funme resistindo enganado, funme sostendo... (tuse) hastra que... (tuse) venceume... (tuse) e logo a tus ¡esta tus!

Ramón.- Te escitas, non fales tanto.

Xan.- ¡Oh! si, estese calado; non debe falar, e por min... sentiría...

Miguel.- Non, se non me fai mal... (tuse) a tus é o que me mata... esgázame as entranas.

Ramón.- Acouga, acouga.

Xan.- Vounos deixar... ¡Temos tanto que facer!

Miguel.- ¿Sigue ben todo?

Xan.- Si, si... (mete a man no peto e tira d'el un sobre comercial) Don Camilo díxome que cos seus recordos, e o deseo de que mellore lle entregue esto...

Miguel.- ¡Ah! Si, gracias... delle moitas gracias da miña parte.

Ramón.- Moitas gracias.

Xan.- Serán dadas... Eu tamén, como os demais compañeiros, deséolle melloría.

Miguel.- Gracias, gracias a todos.

Xan.- E hastra outro día (mutis pol-a dereita)

Miguel.- Adiós.



Escena VI
Os mesmos menos Xan.

Ramón.- ¿O sueldo?

Miguel.- Si, o... medio sueldo. Don camilo é un pouco tacaño; pero en medio de todo é natural... non ten obrigación de pagarme.

Ramón.- Mais que a obrigación moral.

Miguel.- El precisa outro que lle faga o meu traballo, tenlle que pagar e non pode dar dous sueldos.

Ramón.- Non faría nada de mais.

Miguel.- ¿E si enfermaran outros empleados?

Ramón.- Non todos enfermarán. E si enfermaran, cando o negocio dá, como dá o de Don camilo, e sendo os empregados co seu traballo tanto como él co seu nome, non debía negarlles o sueldo íntegro, como non lles debía pagar un xornal mesquiño cando eles o ganan moi grande; tan grande que en poucos anos, e ti ben o sabes, Don Camilo fixo unha fortuna.

Miguel.- Neso tes razón, pero...

Ramón.- Deixa, deixa... tempos virán...



Escena VII
Os mesmos e María.

Miguel.- (Indo ao seu encontro) Toma, Don Camilo, inda que con rebaixa, continúa pagándome.

María.- Estase portando moi ben.

Miguel.- Regularmente.

María.- Estivo aquí o Señor da casa de Montrove.

Ramón.- ¿Quere saber se quedamos ou non co'ela?

María.- Si.

Miguel.- Paréceme algo vella, pero ten sol, ten âr, e aquela vista preciosa da ría... ¡alí débese vivir!

Ramón.- Pois nada, aceptala.

María.- Si, si, haina que aceptar...

Miguel.- E logo, poderei estar sempre respirando o recendente aroma dos piñeirales... Alí mellorarei seguramente, alí poñereime bon...

María.- Si, si.

Miguel.- Xa verás como non tês que andarme pinchando para me facer pasear... a mesma natureza convida.

Ramón.- Pois dala por nosa; e canto mais antes...

María.- Si, pero... papá... (pausa)

Miguel.- ¿Qué? ¿Hai algún ostáculo?

Ramón.- Non.

María.- ¡Bah! unha pequeniña dificultade facil de vencer.

Ramón.- Nada, nada... Eu buscarei medio de arranxalo.

Miguel.- ¡Ah! si. Creo que acertei... é preciso pagar adiantado, trasladar os cachivaches, necesítase diñeiro...

Ramón.- Aparecerá, non te preocupes.

María.- É tan pouco que será facil...

Miguel.- Pedireillo á Don camilo, e non creo que me negue...

María.- Non, agardar primeiro á que chegue Luisa.

Miguel.- ¿Luisa?

Ramón.- ¿E onde vai?

María.- Saíu fai un pouco, non séi a onde, non mo quixo dicir; pero quizais traia o que precisamos, e sería mellor non lle pidir nada a ese señor, que d'abondo fai con seguirte pagando.

Ramón.- Tês razón.

Miguel.- Agardaremos logo ¿pero como vai atopar esa rapaza unha cantidade...?

María.- Non sei; pero cando marchou parecía segura... quizais... (como con medo)

Ramón.- ¿Que sospeitas?

María.- Non sei, non sei... (cavilosa, triste)

Miguel.- ¿Qué, María, qué?

María.- Non debín deixala ir sola... é unha criatura...

Ramón.- ¿Temes?

María.- (Desolada) Hai un señorito moi rico que lle fai a corte, e temo que lle vaia pedir a él...

Ramón.- ¡Ah! ¿Onde vive?



Escena VIII
Os mesmos e Luisa, moi triste, pol-a dereita.

Miguel.- Aquí está.

María.- ¡Luisa! (vai ao seu encontro)

Luisa.- (Dalle unhos billetes e rompe a chorar) Toma, esto é todo... duascentas pesetas...

María.- ¿Pero?

Luisa.- As miñas alaxas... ¡as miñas pobres alaxas pouco valían!

María.- (Abrazándoa, chorando) Gracias, gracias.

Luisa.- O que mais sinto foi o anelo de mamá.

Ramón.- ¿Vendíchelo tamén?

Luisa.- Si; era preciso, é o que mais val de todo...

María.- O único recordo que tiñas d'ela.

Luisa.- Se mamá me ve dende o ceo, estóu segura de que non lle parecerá mal. (as duas irmàs abrázanse, enternecidas)

Miguel.- Non podo consentir eso (caviloso, con decisión)

Cai o pano

Fin do primeiro acto

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega