O Pago, drama en tres actos

Páxina Anterior

Acto II

Páxina Seguinte

m2leandrocarreopago002.html

Acto 2º
Escritorio da casa comercial de Don Camilo. Portas lateraes. No foro libreirias con archivadores de correspondencia e facturas; copiadores e demais propios de un gran comercio. Na esquerda buró de Don Camilo. Na dereita mesas dos escribientes. Máquina de escribir, prensa de copiar, caixa de caudaes.

Escena I
Don Camilo e Xan
Don Camilo sentado diante da máquina escribe c'un dedo, moi vagorosamente. Xan, na sua mesa, escribe nun talonario de facturas. No cabo d'un istante, érguese Don Camilo.


Camilo.- Xan, acabe de escribir esta carta... Estes traballos non sirven para min.

Xan.- Si, señor (Séntase â máquina e escibe rapidamente)

Camilo.- Claro, está un afeito á traballar intelectualmente, á pensar, e non ten axilidade nos dedos... (A Xan) ¿Entenderá o borrador?

Xan.- Si, señor (Escribe, tituvea, volve á mirar o borrador)

Camilo.- A miña letra é... claro... como escribo á presa (toma o borrador) Será mellor que lla lea, non vaia ser que se equivoque (lee) "Como notará pol-o membrete, esta casa é unha das mais importantes no ramo da rexión, e anuncio moito pois gasto bastante en propaganda e regalos aos meus clientes, e nos períodicos, e vou facer un cliché e tamén fago mentes de reimprimir outra vez o catálogo xeneral de algús ouxetos que teño a esclusiva, e vostede será ben servido en todol-os encargos que me faga porque esta casa é moi seria, e sempre cumpre, e o primeiro vaiselle servir con todo esmero para que quede contento, é que me siga honrando coa seus pedidos, pois terei moito gusto en servilo ben para que quede contento e repita. E xa verá que os artículos que vende eata casa son de primeira calidá porque así o penso dicir no catálogo, e teño por norma servir ben pois merco nas mellores fábricas e o que non atopo en España o pido ao Estranxeiro ou á Alemania e espero que vostede quedará contento e me pedirá mais. De vostede... etc..." (dalle o borrador, falado) Claro, como antes despachaba a correspondencia Miguel... Boeno, con eso farase mais ao meu gusto, porque Miguel era demasiado lacónico... (vaise para o seu buró)

Xan.- (E ti demasiado... ¡vaia unha cartiña!) (sigue escribindo)

Camilo.-(Remexendo papés) ¿Onde poñería Ernesto a factura de Berliet? ¿Xan, sabes onde está a factura de Berliet?

Xan.- (Érguese e busca) Non sei... Tal vez estea no Borrador...

Camilo.- ¡Caramba! Nunca atopo as cousas que busco! ¡Este Ernesto!

Xan.- (Que atopa por fin a factura, entregándolla) Aquí está.

Camilo.- A ver (Xan volve â máquina. Don Camilo pousa a factura na sua mesa, colle un períodico e ponse á leer. Pausa) Xan ¿Non veu Ernesto aínda?

Xan.- Aínda non, señor.

Camilo.- É moito modo de tardar. E logo, non sei como é, pero él sempre ten que salir á algo; así é que un quere perguntarlle, facer unha consulta, e nunca está aquí para responder. En vez de meterse nun escritorio, ese rapaz debíase adicar á corredor... (pausa)

Xan.- (Remata de escribir a carta e lévalla a Don Camilo) ¿Irei agora a ver se están despachados eses fardos na alfándega?

Camilo.- Si, vai; e de camiño á ver se consigues de Carballeira que che pague esa factura do mes pasado.

Xan.- Aínda non fai os trinta días.

Camilo.- Non importa. Sempre é mellor ter o diñeiro na casa, gañando intereses. A él o mesmo lle dá pagar hoxe que dentro de dez días... Pódeslle dicir que... Boeno, xa verás ti a maneira de facer que pague.

Xan.- Está ben.



Escena II
Os mesmos e Ernesto.

Ernesto.- (A Xan) ¿Onde vai?

Xan.- Vou â alfándega e â casa de Carballeira.

Ernesto.- Xa irá mañán; agora hai que facer outra cousa (A Don Camilo) Arranxada a quiebra de Peñalba, conseguín tres mil pesetas.

Camilo.- ¿Nada mais?

Ernesto.- E gracias.

Camilo.- ¡Un crédito de dez mil!

Ernesto.- Pois cobrar as tres ou perdelo todo.

Camilo.- ¡Tres mil! ¡O trinta por cen!

Ernesto.- A Comisión liquidadora aseguroume que conformándose co'eso podemos cobrar logo.

Camilo.- (Esaltándose) ¡Sete mil pesetas perdidas d'un golpe! ¡Bon negocio! E inda hai quen coida que todo no comercio é ledicia, beneficio, que se gañan os cartos ás mans cheas...

Ernesto.- Vaia que non é vostede o que mais debe queixarse, que despois de todo, esa perda non sinifica gran cousa no seu balance.

Xan.- E os dependientes... ¡mentras non atopen outro emprego!

Camilo.- Si, claro, cada un ve as cousas baixo o seu punto de vista... (pausa) ¡O trinta por cen! Pero claro, coa vida que levaba Peñalba! Era de esperar o trambullón... Aquel home derrochaba; por moito que gañase, a tal xeito de gastar, por forza tiña que chegar a esto...

Ernesto.- ¿A esto? Si, certamente...

Camilo.- Non todos teñen esta miña vontade de estar sempre á pé do cañón, traballando sen preocuparse da vida como non sea o indispensable.

Ernesto.- ¡Bah! Tamén non todo vai ser traballar.

Camilo.- É a mellor distraición; a mais honesta, a mais práitica, e a que evita a ruína.

Ernesto.- ¡Ah! ¿Pero vosté coida que Peñalba quedou arruinado?

Camilo.-¿Non é así?

Ernesto.- ¡Que vai ser! Peñalba o que fixo foi largarse con canto puido arrecadar! Un negocio redondo, rápido e definitivo.

Camilo.- ¿Será posible?

Ernesto.- A casa marchaba perfeitamente, como se ve nos libros.

Camilo.- ¿De maneira...?

Ernesto.- Que a Comisión liquidadora paga un trinta por cen dos débitos... e despois continuará esplotando o negocio, que non é malo.

Camilo.- Daquela... ¡claro! Eu non vou conformarme co'ese trinta por cento ¡Teño dereito a que mo paguen todo!

Ernesto.- Foi un convenio cos acreedores. Se quixeran todo quedarían sen nada, porque a Comisión faría entrega da casa ao Xusgado, e como as esistencias mal vendidas non chegarían nin á un vinte por cento, pois...

Camilo.- Si, si, claro, é claro; haise que conformar.

Ernesto.- Un bonito negocio o de Peñalba ¿eh?

Camilo.- ¡Un cochino negocio!

Ernesto.- ¡Ah! si, para vostede si, pero ¡para él! (Ernesto séntase e colle libros disposto á traballar. Don Camilo remexe papés no seu buró)

Xan.- (Indo á pé de Ernesto) ¿Que é eso que hai que facer?

Ernesto.- ¡Ah! si. Agora nos ocuparemos déso.



Escena III
Os mesmos e Antonio.

Antonio.- Don Camilo, unha señora que desa falarlle.

Camilo.- ¿A min?

Antonio.- Si, señor.

Camilo.- Pois dille que pase (Sal Antonio)

Xan.- (Mira pol-a porta) É a señora de Miguel.

Camilo.- ¡Ah!

Ernesto.- Xan, veña (Mutis Ernesto e Xan)



Escena IV
Don Camilo e María.

María.- (De mantilla) Perdóeme que veña molestalo.

Camilo.- Dígame en que podo servila.

María.- Señor. A enfermedá de Miguel veu como unha disgracia terrible á estrozar a nosa felicidade; pero o médico asegura que pasando unha grande tempada na aldea, vivindo en prena natureza, o seu organismo volverá recobral-o vigor, a saúde...

Camilo.- (Movendo a cabeza, duvidando) A enfermedá d'ese rapaz non é das que curan.

María.- É grave, moi grave... mortal se continúa vivindo na cidade, nesa pobre casa onde moramos... falto de sol e de alimentos...

Camilo.- Eu pásolle mensualmente a mitá do sueldo que tiña na miña casa; sinto moito que non s'arregle co'eso, pero é canto podo facer.

María.- ¡Oh! perdón. Nós agradecémoslle ese socorro; sabemos que non está obrigado á facelo... pero, comprenda, Don Camilo, ¡son vinte pesos por mes!

Camilo.- É pouco realmente, si, pero...

María.- Don Camilo, por Dios... É necesario que Miguel vaia â aldea... Confiábamos no seu nobre corazón, na sua xenerodidade... A vostede o facilitarnos as quinientas pesetas que precisamos...

Camilo.- ¡Quinientas pesetas!

María.- Moito para nós; como que son a vida de Miguel; para vostede non representan nada.

Camilo.- Nada, nada... Eso coidan vostedes, eso se figuran todol-os que non viven a nosa vida... ¡Agora mesmo acabo de perder sete mil pesetas, e aínda me piden quinientas mais!

María.- Perdón, Don Camilo. Non sabía... dispénseme, se por eso é (moi triste) Eu coidaba... realmente, parecíame que lle sería facil axudarnos... Era a miña esperanza... a saúde de Miguel (chorando) Será preciso velo morrer, xa que non hai maneira de evitalo...

Camilo.- Señora, por Dios, non chore...

María.- Eu traballaría, eu sacrificaría a miña vida por devolverlle a sua, e nada conseguirei...

Camilo.- (¡Oh! é bonita, lástima de muller) Acougue. Eu, créame, que si poidera... Téñolle moito afecto á Miguel... estímoo moito, e vostede... éme tamén simpática...

María.- (Mírao chorosa) Nesta casa levou Miguel toda a sua vida de traballo, aquí enfermou... hasta certo punto...

Camilo.- ¡Oh! eso non importa, non importa... Eu, xa llo digo, podendo... (pásalle a man pol-o hombro, afectuoso) Acougue, acougue... Teñen en min un amigo... E, querendo vosté... unha muller sempre ten medio de procurar canto precisa...

María.- ¡Don Camilo!

Camilo.- Perdón, non me espriquei ben. Quixen decir que...

María.- Miguel virá logo quizais. Eu adianteime para rogarlle que nos atenda... ou que non o recibase lle ha de dar unha negativa.

Camilo.- Veremos, veremos... Pero quixera que vosté; vamos... non sei espricarme... eu... Realmente unha muller fermosa coma vosté...

María.- (¡Oh!) Por Dios, Don Camilo, concédalle ese socorro, e o meu agradecemento...

Camilo.- Pois ben... farei o que poida... E no tocante a seu agradecemento... vostede ten modo de demostralo... Eu, con quen se porta ben comigo, con quen é agradecido, tamén seime portar... (Acompáñaa hastra a porta. María mutis) ¡Oh! Se ela quixera... ¡quinientas pesetas! pouco representan certamente na miña conta... e, como dixo Ernesto, non todo vai ser traballar... E sen me perder, coma peñalba, algo tamén pódese vivir a vida... Se os axudo quédanme obrigados... ela está disposta a sacrificar a sua vida...

(Este monólogo remata sentado no seu buró, coa chegada de Ernesto)



Escena V
Don Camilo e Ernesto.

Ernesto.- ¡Mais pronto! Aquí están as tres mil pesetas da Comisión liquidadora de Peñalba.
Camilo.- (Recolle os billetes que lle entrega Ernesto)

Ernesto.- (Escribe un recibo namentras Don Camilo garda o diñeiro na caixa de caudaes, e logo dallo a firmar) Firme o recibo.

Camilo.- (Firma) ¿De maneira que lle ragalo sete mil pesetas?

Ernesto.- Un regalo forzoso.

Camilo.- Sete mil pesetas...

Ernesto.- Que o señor Peñalba gastou ou gastará coa sua querida.

Camilo.- ¡Eso é indinante!

Ernesto.- ¡Bah! (Sal co recibo e atrás d'él Don Camilo)



Escena VI
Miguel, Ramón e Xan.

Xan.- Séntense, sentense, logo virá Don Camilo.

Miguel.- (Séntase) ¿E quen é agora o que leva a contabilidá? ¿ostede?

Xan.- Non. Eu quizais poidera facelo gracias âs suas leiciós; pero non teño representación... É un tal don Ernesto... Viste elegantemente; é de boa familia, e recomendado pol-o interventor do banco Comercial.

Miguel.- ¡Ah! E naturalmente, inda que faga o mesmo traballo, co'esas condiciós estraordinarias ¿terá mellor sueldo?

Xan.- Naturalmente. Como di Don Camilo: "A un señor tan ben traxeado, tan fino, non se lle pode pagar con corenta pesos"

Miguel.- (Con amargura) Naturalmente.

Ramón.- Pero ¿non é o traballo o que se paga?

Xan.- Eso coidaba eu, pero non é así.

Miguel.- (Tristemente) Non é, non, o traballo: é tamén, mais que nada, a representación, a fachenda... Tiven ocasión de comprobalo moitas veces.

Ramón.- Si; é verdade.

Xan.- Este don Ernesto é de boa familia, inda que algo calavera... Agora parece que sentou a cabeza, e meterono aquí para que teña unha ocupación durante o día e arredalo así do vicio, da perdición; e, de camiño, lle depare unhas pesetas para ir vivindo, pois o que herdou do seu pai levouno o demo...

Ramón.- ¿Casado?

Xan.- Temporalmente. É un luxo que xa o ten posto en algós apretos, según puiden observar, pero do que non sabe privarse.

Miguel.- É unha necesidade.

Ramón.- Si, cando o casamento é unión de duas almas; pero cando é sômente xuntanza de dous corpos é un luxo y é tamén un vicio.

Xan.- Verdade, verdade... Pero, aquí ven Don Camilo; coa sua licencia.

Miguel.- Hastra logo (mutis Xan)



Escena VII
Miguel, Ramón e Don Camilo.

Camilo.- Caramba, home, caramba ¿para que molestarte...? ¿Como vai esa saúde?

Miguel.- Mal. Don Camilo, mal...

Camilo.- Magriño estás, magriño estás; pero eso pasa. Agora lévase adiantado moito na cencia de curar ¡Como en todal-as cencias, claro, eso é! Pois xa verás como sanas.

Miguel.- Esa esperanza hai que ter.

Camilo.- Si, home, si ¿E que, a dar un paseíño?

Miguel.- E a pedirlle a vostede un favor...

Ramón.- Eu non quixera que o molestase... tratei de impedir...

Miguel.- Un grande favor, Don Camilo... ¿A quen había de recurrir con mais confianza e seguridade?

Camilo.- A ver de que se trata. Xa sabes que te estimo, e podendo...

Miguel.- Gracias, gracias... Si, pode, si... Eu espero que non me destenderá.

Camilo.- Di, home, di.

Miguel.- Mándame o méddico que vaia â aldea... pore eu non teño... non podo dispoñer...

Camilo.- Comprendo, comprendo...

Miguel.- Un préstamo, Don camilo, como un préstamo que lle devolveréi tan pronto como poida, pídolle unhas pesetas... para vostede poucas pesetas...

Camilo.- ¿Poucas?

Miguel.- Quinientas.

Camilo.- ¡Caramba! Quinientas pesetas...

Miguel.- Prométolle que tan axiña como poida...

Camilo.- Si, si... Pero non é eso; non se trata d'eso agora... Vosté sabe que no comercio hai días... apurados, eso é... e precisamente mañán teño unha letra importante que...

Miguel.- ¡Ah! Don Camilo; día mais, día menos... Eu o que desexo é saber se podo contar co'ese préstamo... unha xuda, un favor que eu estimareille...

Camilo.- Veremos, veremos... Os tempos están malos, Peñalba acábame de alcanzar en sete mil pesetas...

Miguel.- ¡Ah!

Camilo.- En fin, xa veremos.

Miguel.- Pero...

Camilo.- Si podo facilitarllas... desde logo, Miguel, xa sabes canto te aprecio.

Miguel.- Gracias.

Ramón.- É decir...

Camilo.- Que mirarei como sallo d'este apuro, e si é posibre... eu xa chas mandaréi (vainos despedindo hacia á porta, botándolle o brazo pol-o hombro a Miguel e levándoo)

Miguel.- Páseo ben Don Camilo.

Ramón.- As suas ordes.

Camilo.- Adiós, adiós (Mutis Miguel e Ramón. Don Camilo chégase ao buró, séntase caviloso e logo érguese e sal)



Escena VIII
Ernesto e Paquiña.

Paquiña.- (Entra e séntase, con moito aire, aparentando enfado) ¡Pouca vergonza, si señor, pouca vergonza!

Ernesto.- ¡Paquiña!

Paquiña.- ¡Pois non! Preséntame aos seus amigos, ao seu patrón, como a muller, e logo déixame que me vaia c'un calquera.

Ernesto.- Pero muller ¿quéreste ir? pois...

Paquiña.- ¡Ah! Homes, homes, mintireiros, mintireiros, traidores...

Ernesto.- Descarrías, Paquiña, o mintireiro e o traidor neste caso non é un home.

Paquiña.- Si, si, por xurarme un amor que non sinte! porque sé me quixeras non consentías que marchara con outro.

Ernesto.- Libre eres...

Paquiña.- (Zalamera) Ti debíasme acompañar; ti debías vir comigo pra seguirmos xuntos sempre, queréndonos moito, sendo moi falices.

Ernesto.- Pero Paquiña, eso é unha loucura; eso non pode sere (pausa, impaciente e duvitativo) non pode ser, non. Eu agora... ¡non!

Paquiña.- Ven, ven, non me deixes ir... Ven ti comigo. Non podemos separarnos así...

Ernesto.- É preciso. Ademais inda que quixera non podo... non teño... (Nun arranque que cota axiña)

Paquiña.- ¿Cartos? ¡Bah! Pouco é preciso. Eu gañarei para os dous; o meu contrato dará o necesario... ¡Ven ti, Ernesto, ven ti!

Ernesto.- (Loitando consigo mesmo) Non, déixame; non pode ser.

Paquiña.- ¡Non queres!

Ernesto.- (Alritado) ¡Non!

Paquiña.- Adiós logo, Ernesto... Bícame, home, bícame ¿Non queres darme un bico, o derradeiro bico?

Ernesto.- (Duvidando, liotando cos seus pensamentos) ¡Vaite, vaite!

Paquiña.- Boeno... (Dende a porta, volvéndose) Se o pensas mellor e decides vir, xa sabes que te agardo... Son as doce, âs duas sal o tren... ¡Adiós! (mutis)

Ernesto.- (Movimento de ir tras ela) ¡E vaise... con outro! ¡Ah! non; pol-o d'agora é miña, miña... (Quédase parado, triste) Ela foi de cantas conocín a que mellor soupo comprenderme, soportal-os meus caprichos... Pero... (Duvida, logo diríxese â caixa) Si eu... (retrocede) Eso non, non... O meu gasteino, tireino... ¡era meu, podía facelo! Esto non é meu; non debo tocarlle... (Vai resinado â sua carpeta) ¡Esto non é vivir!... Pero á esto debo asuxeitarme... (colle un libro para facer un asiento) Andrés Peñalba, en quiebra: recibido da Comisión liquidadora tres mil pesetas; as sete mil restantes á pérdidas... ¡Peñalba! Este si que vivirá á conta da sua falcatruada! E como se reirá d'estes á conta dos que goza e s'adivirte... (Deixa o libro con noxo, érguese e pasea caviloso) ¡Bah! Non podo traballar, estou nerviosísimo... ¡Diñeiro, quen tivese diñeiro! (como respondendo a unha pergunta mental) ¡É mais facil!... (loitando, duvidando) Non, non... ¡Despois de todo!... (pasea) ¿pro vouna perder?... ¡Con outro! ¡Eso non!... (Diríxese â carpeta e escribe nervosamente, ponlle sobre, pousao no buró de Don Camilo, diríxese logo â Caixa, con temor, mirando si o ven, retrocede) ¡Oh! ¿Que vou facer?... (pásase a man pol-a frente, decídese) Esto non é vida e hai que vivir... (Novamente volve â Caixa, pilla os billetes, gárdaos, pon a carta outra vez no buró e sal decidido)



Escena IX
Don Camilo e Xan.

Camilo.- ¿Pero non estaba aquí Ernesto?

Xan.- Estaba, si señor.

Camilo.- ¿E onde vai?

Xan.- Non sei.

Camilo.- (Collendo a carta e abríndoa) ¿Que é esto? (lee) ¡Como! ¡Esto é inaudito, infame...! ¡Vaise e leva...! ¡Oh! (pausa, pasea caviloso) Pero, é mester calar... Un rapaz de tan boa familia... e recomendado pol-o interventor do Banco... ¡Que calaverada! En fin, que lle imos facer... xa está... (Supetamente, á Xan) Xan, apunte ahí, no libro de Caixa... gratificación a Ernesto, tres mil pesetas.

Xan.- (Asombrado) ¡Gra...tificación! (apunta)

Camilo.- Claro, sempre viviu ben... (como falando para si) O traballo é pouco agradable, e sômente os que nel nacimos... Todos queren vivir, todos queren gozar da vida... Eu non sei, certamente, o que é vivir... Traballéi, amontonéi riqueza... ¿De que me servíu? (Despois d'un paseo, diríxese tamén â caixa, pilla tamén algun billete) ¡Se poidera conseguir...! (A Xan) Apunta tamén: gratificación a Miguel... quinientas pesetas (Xan apunta)

Cai o pano
Fin do acto segundo

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega