O Pago, drama en tres actos

Páxina Anterior

Acto III

 

m2leandrocarreopago003.html

Acto 3º
A mesma decoración do acto primeiro.



Escena I
María, Luisa, Miguel e Ramón.

Miguel.- Eu agardo que me servirá.

Ramón.- Ao parecer... El mostrouse atento.

Miguel.- Si, si; como poida, e poderá seguramente (tuse) porque o negicio iba moi ben (tuse) moi ben (tuse fortemente)

María.- Vamos, cala; está calado. Non che fai ben falares tanto.

Miguel.- Boeno, calaréi, calaréi,... Pero é a ledicia o que me fai falar... (tuse) Boeno, boeno; veremos quen vence...(tuse) Agora xa non me asustas, non; vou vivir ao sol, ao âr libre... (tuse) en prena natureza... (tuse fortemente)

María.- Cala, Miguel... Ves, tuses mais...

Luisa.- Estás fatigado, febril.

Ramón.- Si, é comenete que descanses un pouco.

Miguel.- (Indo ao balcón) ¡Descansar! Xa veredes como descanso no campo ¡Ah! agora non me pon medo o âr frío d'este calexón, a friaxe d'esta rua que non ve o sol endexamais... Pouco tempo xa me resta de vivir aquí...

María.- ¿Sômente de pensalo xa te sintes mellor?

Miguel.- Si; púlame o corazón conmais vigor.

María.- Endebén que desbotaches esa morriña que te entalaba.

Luisa.- Pois xa verás despois.

Miguel.- Xantaremos na horta, baixo a parra, ou no piñeiral.

Luisa.- ¡Que bonito o piñeiral! que solene maxestade teñen os altos pinos; e o balbor das suas copas, sempre verdes, que somella un doce arrolo...

Miguel.- Un doce arrolo que convida á dormir... Non, para min era outra cousa; cando eu eatba deitado â sôma, o rumor do vento parecíame como unha fala cariñosa que me alentaba... verbas de amor: amor da natureza, amor da vida... unha nova vida chea de paz, chea de sol, ¡ah! ¡o sol!

Ramón.- Sol, terra e paz.

María.- Cariño xa non te falta, e verás como o sangue volve bulir nas tuas veas, coma o lume da saúde arderá novamente nos teus ollos.

Miguel.- O lume da saúde, e do amor, María; porque o amor parece que tamén morreu no meu corazón.

María.- Do teu querer estóu segura.

Miguel.- Ben o séi.

María.- Daquela...

Miguel.- Hai veces que eu sinto un egoísmo atroz, paréceme que non me servides ben; que non tedes para min todos os coidados e atenciós que merezo, que preciso...

Ramón.- Eres inxusto Miguel; non podes queixarte de María, que ten para ti todol-os agarimos e desvelos.

María.- Desculpa merecen as suas queixas.

Miguel.- Non, non merecen desculpa... Eu mesmo reconozo o voso costente sacrificio e o moito cariño que me tés para suxeitarte á min; para soportar as miñas rarezas de enfermo e os meus egoísmos infames...

María.- ¡Bah! pareces un neo... Déixate agora d'esas cousas.

Luisa.- E lembrarse de ir facendo os preparativos.

María.- Hai tamén que avisar ao dono da casa.

Luisa.- ¿Queredes que vaia eu á pé de Don Ventura?

Ramón.- ¿Para decirlle que queda por nós?

María.- Vai daquela, e dille que mañán ou pasado...

Luisa.- Si, entendido... (mutis pol-a esquerda)

Miguel.- Agora é canda vou comezar á vivir, á vivir, á estar sempre á teu rente, a...

María.- A ter tranquilidade, âr e sol; que é o que mais precisas para poñerte bon.

Miguel.- E poñereime, xa verás, poñereime... (bótalle o brazo pol-a cintura e vanse os dous xuntos esquerda)

Ramón.- Como relouca de alegría este infelis coa sola esperanza de virvir en prena natureza, onde coida ?coitado! que o seu deble organismo recobrará vigor e saúde... ¿e se agora non hai posibilidade de facer realidade esa esperanza? ¡Oh! non; sea como for, é mester que vaia ao campo, é mester...



Escena II
Ramón e Luisa, de mantilla.

Luisa.- Hastra logo, papá.

Ramón.- Luisa, escoita; será mellor que non vaias aínda.

Luisa.- ¿E daquela?

Ramón.- Agardaremos á ver se Don camilo decide.

Luisa.- ¿E si nada manda?

Ramón.- ¿Nada? (pequena pausa) Vai, vai... ¡Se nada manda, se non cumpre co seu deber, pois deber seu é atender á quen paga coa vida os sacrificios e traballos con que s'el enrriqueceu ¡obrigarémolo!

Luisa.- ¡Obrigalo!

Ramón.- ¡Obrigalo! ¡Si! Eses homes que mais trafican cos seus dependientes que coas mercancias, non teñen entranas; pero tampouco teñen talento nin corazón. Están afeitos á mandar e ser obedecidos sen réprica e hai que acabar co'esa tiranía, hai que lles facer ver que os dependientes tamén son homes, que teñen dereito â vida; que teñen dereito á unha parte dos beneficios; e si por boas non llo queren reconocer ¡por malas hai que ir! E pol-as malas faréi que Don Camilo conceda á Miguel o que este necesita para atender â sua saúde, se non quere concederllo pol-as boas.

Luisa.- Pero... eso... ¡Reñir, poñerse á mal co'el!

Ramón.- Sea como sea. Eu non podo consentir que Miguel morra por falta de coidados, porque o seu "amo" lle negue unha presa de cartos â que ten dereito.

Luisa.- ¿E si se enfada e deixa de pagarlle o sueldo?

Ramón.- ¡O medio sueldo! Non. Enfadarase tal vez, hastra poida que nos chame ladrós... ¡Bah! Os insultos da xente sin concencia...

Luisa.- ¡Ladrós!

Ramón.- Os insultos asoman sempre aos beizos d'aqueles á quenes se lles recrama algo xusto, que eles quixeran arrecadar para si.

Luisa.- Papá, acouga, estás afervoado... Endexamais vinte tan alritado, tan...

Ramón.- É que a mansedume vaise esvaíndo xa. A sofrida crase media, pandote de todo o mundo, está farta de inxusticias, de aldraxes, de sofrimentos, e ten que revoltarse; ten que recramar tamén os seus dereitos...

Luisa.- Pero sen alritarse, papá, sen alritarse; que as cousas, pedíndoas humildemente, se son xustas, non deixan de reconocerse e de concederse.

Ramón.- ¡Que enganada estás, miña filla! Reconocer, quizais... conceder non. Sempre buscan pretestos, sempre atopan voltas e disculpas para negar, ¡negar sempre!

Luisa.- Ou non

Ramón.- ¡Hai que recramar con valentía, hai que ameazare! É triste ter que recurrir a estremos violentos, pero hai que facelo (transición) Vai, vai á casa de Don Ventura ¡mañán levarémoslle os cartos!

Luisa.- Pero tranquilízate, papá... xa verás como Don Camilo non precisa que o ameaces... non ten mal corazón...

Ramón.- Non é caridade o que pedimos, Luisa: é xusticia.

Luisa.- Si, si... Despois de todo eso é cuestión de nome... nos o que pedimos son cartos...

Ramón.- Vida, vida... Recramamos a vida de Miguel... a vida d'un home, que, feita diñeiro, está disfroitando tranquilamente Don Camilo sen nos querer conceder a xusticia do noso dereito á ela (pausa)

Luisa.- Papá ¿por que non ves comigo? Un paseíño non te sentará mal.

Ramón.- Tês razón... Sinto arder a miña cabeza... Imos.



Escena III
Os mesmos e María.

María.- (A Luisa) ¿Aínda estás aquí?

Luisa.- Estiven falando con papá... e convencéndoo para que me acompañe.

María.- (A Ramón) ¿Decídeste?

Ramón.- Si, hastra logo (mutis Ramón e Luisa)

María.- ¡Meu Dios, meu Dios! ¿Conseguiremos, por fin salvar este infeliz doente? ¡Oh! ¡Maldita enfermedade! (Campanillazo na porta) ¿Chaman? (Diríxese â porta, na dereita, fora; logo volve á entrar con Don Camilo)



Escena IV
María e Don Camilo.

María.- Pase, pase, Don Camilo, e séntese. Avisaréi a Miguel.

Camilo.- Non, non o avise. Quero primeiro falar con vostede duas palabras.

María.- ¿Comigo?

Camilo.- Si.

María.- Séntese... e diga...

Camilo.- (Séntase) Perdóeme se algo digo que... vamos... se non acerto á espricarme ben...

María.- ¡Por Dios, Don Camilo, non faltaba mais!

Camilo.- Espero que vosté cavilaría no que lle dixen cando foi aló... â miña casa... ao comercio...

María.- ¡Don Camilo! ¿Que quer dicir?

Camilo.- Quero dicir... pero non... está vostede un pouco desacougada...

María.- É que... estamos nunha situación...

Camilo.- Si, é certo... un pouco... un pouco... (pausa, un pouco enfadosa)

María.- Don Camilo, agradeceríalle...

Camilo.- Si, si. Serei conciso... Falaréi craramente... como no comercio. No comercio imos craramente dereito ao asunto, ao negocio. Pois... (pausa)

María.- ¿Atende â nosa súprica?... ¿Non pode?...

Camilo.- (Mete a man â carteira e dalle unhos billetes) Si, si, con moito gusto... Claro que a cantidade... ¡son quinientas pesetas! As quinientas pesetas que me pediron.

María.- ¡Gracias, Don Camilo, moitas gracias! Vou chamar a Miguel para decirllo, para...

Camilo.- Non... non o chame. Miguel non debe saber que viñen eu...

María.- ¡Oh! tiña razón él ¡Que bon é vostede! (collelle as mans e bicallas)

Camilo.- (Cobizoso, luxurioso) Non, non é para tanto...

María.- Si, señor, si; a saúde a vida de Miguel representan estes billetes...

Camilo.- Pero... (pausa, ela olla para él estranada, recelosa) Séntese, temos que falar... Como lle dixen... quero saber... Eu...

María.- ¿Que? (tremendo de medo)

Camilo.- Cóstame un sacrificio o desprenderme d'eses cartos...

María.- ¡Ah, si! ¡Ben o comprendo! ¡Por eso o noso agradecemento é maior!

Camilo.- Non... non se trata d'eso... ¡agradecemento! Si; sempre agrada que lle agradezan a un... pero... pero...

María.- ¿Que?

Camilo.- Boeno... craro, falaréi craro, como no comercio... dereito ao negocio... ao asunto...

María.- Don Camilo... non sei... non entendo...

Camilo.- Un sacrificio... O meu foi un sacrificio... e vamos... é natural que un sacrificio se corresponda con... con...

María.- ¿Con que? ¿que quere dicir?... Paréceme adiviñar o seu deseo. Teño medo de adiviñalo...

Camilo.- Con outro... outro sacrificio...

María.- ¡Outro sacrificio!

Camilo.- Si... boeno; sacrificio... hastra certo punto... para vostede... sacrificio, tanto como sacrificio non sería...

María.- ¡Para min...!

Camilo.- Reflexione: Miguel está enfermo... Vosté é moza; eu... eu... con un pouquiño de... de...

María.- ¿De que?

Camilo.- De amor, de cariño...

María.- ¿Eu?

Camilo.- Algo de voluntá que me tuviera...

María.- ¡Cálese por Dios, cálese! ¡Que se co'esa intención me dá o diñeiro...!

Camilo.- A saúde, a vida de Miguel pode conseguila vostede c'un pequeno sacrificio...

María (Desesperada) ¡A vida de Miguel! ¡Meu Dios, a vida de Miguel...!

Camilo.- De vostede depende.

María.- ¡A costa de...! (chorando, saloucando)

Camilo.- (Acariciándolle a cabeza) Non chore, acougue... El nada saberá... E a muller ben pode sacrificarse un pouco pol-a vida do marido...

María.- ¡Sacrificarse...! (vencida pol-a delor, chora)



Escena V
Os mesmos e Miguel.

Miguel.- (Na porta) ¿Que sucede?

Camilo.- (Sobresaltado, medoso) ¡Miguel!

Miguel.- (Adiantándose á María) ¿Por que choras?

María.- ¿Eu? ¡Ah! si... choro, choro... de agradecimento... (Dalle os billetes) Toma... Don Camilo que... (rompe á chorar)

Camilo.- Por Dios, pero...

Miguel.- (Fitando á Don Camilo) ¿Agradecemento? ¡Non se chora así por agradecemento!

Camilo.- ¿Eh?

Miguel.- (A María) Dime ti ¿por que choras?

Camilo.- ¡Miguel! ¿dudas de min? ¡Non che consisto que me ofendas!

Miguel.- Non hai ofensa non habendo culpa. Eu nada dixen que poidera ofenderlle, se nos seus feitos ou no seu pensamento non houbo...

María.- Miguel, por Dios, Miguel.

Miguel.- ¿Pero que é esto?... Eu maxinaba outra cousa; eu coideu que a causa... (indinándose)

María.- Xa cho dixen.

Miguel.- Non, non foi eso... ¡engánasme, engánasme!

Camilo.- Cala e tranquilízate, home (tratando de escabullirse)

Miguel.- Non, ¡a verdá! eu quero saber a verdá... (colle por un brazo a María) ¡Dime ti... fala!

María.- ¡Miguel, Miguel!

Camilo.- (Amable, separándoo) Te esaltas sen motivo, acouga, acouga...

María.- (Cariñosa, chorando) Non te enfades... e agradécelle a Don Camilo...

Camilo.- Nada... nada... non me agradezades nada... (índose) Adiós.

Miguel.- Don Camilo, perdóeme... ¡a enfermedá!... E moitas gracias... moitas gracias... (Don Camilo mutis pol-a dereita. Miguel déixese caer afogante nunha silla, chora) Non sei o que me socede... sinto unha saudade... unha mágua... (María acódelle cariñosa)



Escena VI
María e Miguel.

María.- Miguel, Miguel.

Miguel.- Déixame chorar; teño ganas de chorar...

María.- Pois chora; desfoga esa pena, como cando eras neno e chorabas no colo da tua nai, que coas suas mans aloumiñantes escorrentaba as acedumes do teu corazón (Atráelle a cabexa que apoya no seu peito agarimosa)

Miguel.- Tamén ti, tamén ti sabes amainar a turboada que se formou no meu peito.

María.- Santo amor, Miguel, é quen fai eses milagres.

Miguel.- E cheguei á dudar...

María.- Como eres, Miguel; mira que...

Miguel.- Si... Non son dono de min... Pero é que nas tuas bágoas e na tua atitude pareceume ver... ¡Que sei eu! A enfermedade esta tenme tan afervoado de cote, alritame tanto... (tuse, cuspe no pano)

María.- Descansa un pouco, necesitas acougo...

Miguel.- Si, si... voume deitar... Hoxe esciteime... encóntrome algo deble... (mutis esquerda)

María.- ¡Maldita enfermedade! ¡Meu Dios! (chora)



Escena VII
María e Luisa, logo Miguel.

Luisa.- (Pol-a dereita) Listo. Xa está á casa para nós ¿Pero que pasa, que tés... por que choras? (acércase cariñosa â irmâ)

María.- ¡Ai, Luisa, é horrible, horrible...!

Luisa.- Conta, muller..

María.- Despois que saíchedes... veu él, Don Camilo... (na porta da esquerda aparece Miguel que escoita ansioso)

Luisa.- ¿E non pode axudarnos?

María.- ¡Eu non sei que sería mellor!

Luisa.- ¿Pero logo...?

María.- ¡Canta maldá, canta ruindade aniña no corazón d'algús homes!

Luisa.- ¡Asústasme!... ¿quizais...?

María.- Imaxina os deseos mais viles, (saloucando) as proposiciós mais infamantes...

Luisa.- ¡Foi capaz...! ¡Ah! miña pobre irmâ... (abrázaa)

María.- ¡O infame... despois de esgazar a vida de Miguel... pretende aínda estrozar a sua honra...

Miguel.- (Sen poderse conter, lanza un berro de indinación e d'anguria, mais ben un ruxido) ¡Ah! (bota as mans â cabeza horrorizado e tolo, retírase)

María.- (Erguéndose asustada) ¿Eh?

Luisa.- (Idem) ¿Que foi?

María.- Pareceume oir... (Miguel dentro salouca, afógase) ¡Miguel, Miguel!

Miguel.- (Aparece acorante, tusindo, cuspindo, afogante) ¡María, miña santa, miña vida... (María e Luisa acódenlle)

María.- ¡Miguel! ¡Meu Dios...!

Miguel.- (Caendo nunha silla) ¡Afógome... non podo mais! ¡Ah, canalla... canalla... Matoume... Matoume...!

María.- Non, Miguel, non... acouga... non morres... non morrerás.

Miguel.-¡Ar... âr!... Agora non quixera... non quixera morrer ... e afógome... Pero... é mellor así.

María.- ¡Miguel!

Miguel.- É mellor... devolvédelle ese diñeiro... e cuspídelle no rosto... da miña parte... ¡canalla... canalla...!

Luisa.- Meu Dios, meu Dios (casi como un rezo)

Miguel.- A vida... xa vai; ... a honra... ¡non! eso non... María... eso non... (acora, morre)

María.- (Espavorida, tráxica) ¡Miguel, Miguel! ¿Morto? ¿morto?

Luisa.- (Abrazándoa) ¡Yrmâ...! (Saloucan ambas)

Cai o pano
Fin do drama

Marzo de 1919

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega