Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario

Páxina Anterior

Adro

Páxina Seguinte

INTRODUCIÓN


"La historia de Galicia es gloriosa cual no otra, al registrar esta grandeza del siglo IV. Prisciliano fue el primer hereje condenado a la pena capital".
Teodosio Vesteiro Torres, Galería de gallegos ilustres, Lugo, 1879.
 

     Á maneira antiga, ímonos convocar no adro da igrexa parroquial, macro-sala de estar, antes e despois da nosa entrada no templo. Claro está que esta autoconvocatoria non é para reunírmonos a propósito de nengunha cerimonia oficial ou da celebración de rito dogmático nengún. Imos entrar, en comuñón cordial, na igrexa da renacencia galega (Chao Rego dixit), para, en anágnórise necesaria, reencontrármonos con nós mesmos, isto é, coa historia que nos fixo e da que vimos. Contamos, para este labor, cun magnífico guía, périto en moitos camiños e autor de moitas páxinas documentadas sobre a historia particular do cristianismo galego e sobre múltiplos temas relacionados coa historia, a teoloxía, as novas doutrinas da liberación... E sempre desde a Galiza e co horizonte na Galiza, ao xeito dos mellores pensadores e escritores da nosa cultura contemporánea. O noso guía, Victorino Pérez Prieto, bebeu desde moi novo nas augas dunha galeguidade voluntaria, propositalmente adquirida, na intelixencia de que calquer profisión eclesiástica ou, en xeral, calquer maxisterio cristián, só merece tal nome en (re)afirmando o compromiso do pastor coa súa terra e co seu tempo, tal e como Xesús de Nazaret (que predica en arameo e non no idioma dos poderosos: lembremos o magnífico artigo de Curros, "El símbolo", a pouco da súa chegada a Cuba) practicara. Exercicio, por certo, ben preciso na Galiza de arestora, onde aínda seguimos educadas-os en grande parte na ignorancia ou indiferentismo verbo de nós mesmos e onde, por isto, a práctica normal da nacionalidade non é unha redundancia senón unha adquisición.

     Victorino oferécenos nesta obra máis unha proba -no mellor da súa madurez intelectual, coidamos- do seu rigor e do seu entusiasmo á hora de incrementar a ciencia e as humanidades galegas. É este volume sobre Prisciliano unha obra rigorosa porque convoca e recompila, para facérmonos as leitoras e os leitores unha adecuada idea do estado da cuestión, toda a erudición priscilianista que unha dilatada diacronía histórica coñeceu. É entusiástica a respeito da causa da cultura galega, porque reivindica o noso direito colectivo a posuírmos mitos de noso como ingrediente fundamental dunha historia complexa que non se alimenta só de documentación convencional ou académica senón doutras moitas fontes. Mérito non menor para a leitura é a súa habelencia narrativa, a súa amenidade, e, por suposto, todo o seguimento que se realiza do pouso priscilianista ou da homenaxe priscilianista na literatura galega clásica e contemporánea. Con ela, coa leitura deste volume, achamos resposta a varias interrogantes que outros textos anteriores sobre Prisciliano nos suscitaron, mesmo nunha consulta ou coñecemento ben limitado. Sempre nos chamou a atención o especial interese de Castelao por facer del abandeirado da nosa historia nacional. Cando pudemos ler (por compra afortunada dunha edición orixinal) La vocación de Adrián Silva, de Otero Pedrayo, asociamos decontado a figura de Pola, personaxe feminina principal, á atmosfera priscilianista. Lemos con avidez, nun volume (que tamén temos na edición orixinal) dedicado á orixe e mais ás vicisitudes do Estatuto galego, as afervoradas evocacións de Portela Valadares sobre o noso compatriota. Entusiasmounos, xa moito máis recentemente, o libro de Xosé Chao Rego ao noso personaxe dedicado (non hai un só volume deste autor de cuxo coñecemento non saiamos coas alforxas ben cargadas de saberes...). E, agora, co desfrute deste libro que tedes nas mans, decatámonos de canta -e que oceánica- era aínda a nosa ignorancia ao respeito, e, por tanto, canto aprendemos del e con el. Son múltiplas e variadas as incitacións que esta nova entrada na xa ben nutrida bibliografía de Victorino Pérez Prieto contén, múltiplas tamén as súas suxestións e as excursións que nos permite facer por outros terreos da historia ou da literatura galegas. Veremos de resumilas:
1ª. Semella claro como Prisciliano, "mártir galego", "primeiro galego universal" inaugura unha historia moi "á galega", onde poderes eclesiásticos e poderes civís actúan de mans dadas para cadraren a súa represión nas mesmas vítimas. O que como mártir (= confesor) confesa e profesa colide radicalmente, na súa pureza, na súa volta ás orixes cristiás, evanxélicas e comunais, cos poderes estabelecidos, coa política fáctica das forzas vivas, xa convenientemente monetarizadas e mundanizadas pola parte eclesiástica e en alianza estreita coas autoridades civís e militares.
2ª. Érguese así o noso personaxe, signo e símbolo primicial, como a primeira e superlativa vítima do constantinismo que inicia, xa nos primeiros anos do século IV, en que el nace, a alianza a que nos acabamos de referir. A volta á ortodoxia e mais á ortopraxe primixenias que o priscilianismo defende e practica confróntase á forza cos definidores da nova ortodoxia e das súas prácticas, o cal obriga a redefinir -onte coma hoxe- o moderno e avanzado, non ecuacionábel en absoluto a novo e actual.
3ª. Para os novos poderes eclesiástico-civís, os pecados de Prisciliano e as súas e os seus seguidores eran difíceis de consentir ou de aturar: estima dos textos apócrifos (por tanto, capilaridade das verdades parciais, non absolutismo dogmático); defensa implícita do librepensamento e camiño aberto para a libre interpretación das Escrituras; afastamento das riquezas e denuncia da acumulación... e, como sempre, o pecado máis pecaminoso, a fenda máis irritante para a estabilidade da orde sexista: a inclusión das mulleres na esfera social e pública, a través da súa socialización igualitaria, a súa consideración de pares verbo dos varóns (reunións intersexos sen que existise parentesco), a elevación á condición de auctoritas (doutoras)... Demasiada heterodoxia e, sobre de todo, demasiada heteropraxe para o que o sistema dominante estaba disposto a admitir...
4ª. Esta reflexión sobre como as mulleres, historicamente, sempre foron o corpo do delito principal, o eixo sobre o que gravita a intensidade do cambio social e da reforma xurídico-política, levounos da man a todo un xogo de novas interpretacións. Así, a teoría e a praxe priscilianistas serían nen máis nen menos que unha das liñas de forza temáticas, un dos alimentadores principais, da mellor literatura galega: telurismo; relativismo moral; anti-dogmatismo; apoteose da natureza panteisticamente ollada; animismo; relixiosidade abertamente pagá ou, como mínimo, sincrética verbo de crenzas moi anteriores ao cristianismo oficial...
5ª. É así como Ruinas (1866), a terceira novela de Rosalía de Castro, lémola de novo como unha narración priscilianista, a través do seguinte triángulo actoral: Dona Isabel, a campiona da independencia feminina; don Braulio, o comerciante anti-capitalista, que se arruina pola súa prodigalidade; Montenegro, o fidalgo arruinado, marxinado por tolo e "místico"... Releitura posíbel, aventuramos, noutras pezas canónicas da nosa literatura.
6ª. Que coñezamos tanto dos detractores de Prisciliano e que se demorase tanto en achar restos ou testemuños da súa produción; así mesmo, que a persistencia da persecución ás súas ideas e prácticas sociorrelixiosas durase tanto e tanto tempo, dan idea do tamaño e consecuencias do que se vía preciso reprimir con todos os instrumentos ao alcance do establishment: a caída da cabeza degolada de Prisciliano na Porta Niger de Tréveris ¿non podemos vela, hoxe, como indiciaria da queda profunda do Reino de Galiza, como sinal avant la lettre do descabezamento das súas clases dirixentes?
     En fin, a caza de bruxas á galega comeza xa no século IV da nosa era. O coñecemento de Prisciliano -a que este libro contribúe de forma esencial- parece proclamar a berros a distintividade dunha historia da Galiza que estudiosos como o latinista J. Eduardo López Pereira cualifican con caracteres nacionais nítidos desde este tempo histórico. A escisión (dúbida amorosa, que diría Castelao) de historiadores e escritores do XIX e do XX entre a admiración e o rechazo que tal personaxe lles provoca é tamén indicativa dunha bifurcación intelectual e política: a reverencia da verdade dogmática imposta (polas autoridades eclesiásticas e / ou pola autoridade académica: Menéndez Pelayo, por exemplo...) versus a ansia por se dotar dun símbolo nacionalitario tan potente e mais o abraio por personalidade tan suxerente. A mesma citación inicial de Vesteiro Torres que utilizamos para encabezar estas liñas así o certifica: "herexe", si (non esquezamos que o libro o edita a "Imprenta Católica"...), mais "grande" da historia da Galiza, tamén... Igualmente, xa en tempos tan remotos, observamos a aplicación á Galiza da mentalidade e óptica apendicular: Hitacio fai a Prisciliano fillo de Marcos de Menfis, non xenio orixinal.
     Ben deitamos deste novo traballo científico de Victorino Pérez Prieto; talmente semella que a vida, obra, paixón e morte de Prisciliano sexan cifra da propria historia da Galiza: tanto da libre e autónoma como da mortificada e exorbitada. Coidamos, aliás, que é un acerto absoluto reclamar con toda naturalidade o direito de nós, galegas e galegos de hoxe, a coñecermos e valorarmos os nosos proprios mitos: ¿ou é que, en facéndomos caso imprudente dos colonizados de dentro e dos colonizadores de fóra, habiamos resignarnos a sermos tan pequenos e limitados que nen mitos pudéramos ter?
     Victorino: desculpa que gostase tanto deste teu estudo que me entrasen saudades dos meus lonxíncuos tempos de estudante e me aprestase a tentar resumilo competentemente. El, o teu libro, merece moito máis do que unha leitura "escolar". A que eu fixen é egoísta, porque tirei moito proveito del e aprendín inmenso de todos os itinerarios de coñecemento que traza. De certo que o mapa bibliográfico galego mudará cualitativamente con esta túa aportación. Parabéns e mil grazas! Verémonos, máis unha vez, no adro hospitalario e ricaz da nosa cultura, a de onte actualizada, a de hoxe, coa aspiración a que teña a mesma potencia nacional que a dos nosos antepasados! Adro a que convido cordialmente a vir, leitura mediante, a todas e todos os nosos compatriotas.

         María Pilar García Negro (Universidade da Coruña)
         Galiza, A Coruña, 6 de Marzo de 2009

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega