Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 20

Páxina Seguinte

Epílogo

VERSOS PRIMOS

AZILAG


Ergueuse Galaaz no seu cabalo branco
para enxergar os bordes da parede xigante

dende o fondo granítico dun inmenso barranco

que parece berrarlle: Non sigades adiante!"

Mira e mira o valado, sopesando o atranco,
o baril cabaleiro de arriscado talante,

ollos verdeazulados de mar alto e bravío e

cabelos de trigo candeal en estío.


Vai en busca do santo Graal o cabaleiro;

recibira o encargo do mesmísimo Arturo,

aquel rei namorado dun soño milagreiro,

por iso mira ousado cara ao alto do muro.
Xa soña os seus cabelos ornados de loureiro

pois ten a excalibor e constrúe o futuro.

Así, dando na pedra fortes golpes de espada

empezou cunha fenda e acabou cunha escada,


segundo nos informa Sallinabac, o bardo,
que cantou nunha noite de estrelas o suceso.

Comezou Galaaz a subir, ao resgardo
das escadas labradas polo gládico exceso,

cando ollou como un vulto ou titánico fardo

de color amarela que atrancaba o acceso:

era a mole soberbia de Azilag, o letal
gardián das sete estrelas, do sol e do Graal.

 

Un negro corvo gralla máis alá, no castelo,

como negro presaxio do inminente intrusismo,

mentres os contrincantes aplícanse con celo

a gañar o futuro, a defender o abismo;
move o guerreiro a espada, e provoca un desvelo;

move o dragón un pé e xa provoca un sismo;
sete veces intenta coroar as escadas
e sete é rexeitado por sete labaradas,


e na sétima vez o guerreiro teimudo
pronuncia sete veces o esconxuro sagrado

e aparece Lebasi maxestoso, varudo,
coa coroa cinguida no cabelo dourado
e un nimbo misterioso servíndolle de escudo.

Erguendo a man dereita cara ao dragón irado

falou, con voz tronante e altiva maxestade,

na mirada un sereno claror de eternidade:


Malia ti, que detés o progreso do mundo!

¡Malia ti, que te opós ás sagradas empresas!"

O dragón amarelo resollou, iracundo.
"En castigo estas veigas, castelos e devesas

serán de agora en diante e para sempre fundo

de magos e señores". "Non arrisques promesas

porque hai para evitalas no alto deste cume

moita alma no corpo, na lingua moito lume".

 

Levanta entón o mago a man dereita e traza

sete cruces no aire, e sete veces berra
un potente esconxuro que o dragón adelgaza

e converte nun boi dos que aran a terra,

manso boi e marelo que inaugura unha raza.
Berra rudo o guerreiro forte brado de guerra

pois xa ten un camiño rutilante de luces
e o poder de cambiar as estrelas en cruces.


Mentres tanto o que fora dragón, humildemente, reclámalle a Lebasi que o mate ¡malpocado!:

"Evítame o martirio de vivir entre a xente
con fasquía de boi". Achégate ao meu lado!

Vivirás entre os homes e serás obediente,

mais, para que non sufras recordando o pasado, tirareiche a conciencia de que fuches dragón

gardián das sete cruces, do pan e do copón".


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega