Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 21

Páxina Seguinte

Epílogo

VERSOS PRIMOS

NOITE VELLA (ANO 2100)


No Medulio espectral, ignoto e místico

reúnese a periódica asemblea
dos esqueletos cívicos
da Estantiga poeta.


Acoden a escoitar as verbas doces d

as que foron noutrora vivo templo;

agardan en silencio
que rematen os últimos acordes
para oír as palabras, que non poden

pronunciar - metafísico alimento -

na periódica vez que se pronuncian;

e comeza a soar
a mensaxe do Président da Xunta:


-"Cidadáns de Galicia,
como é costume vello nesta terra

hoxe vouvos falar na lingua anterga

e darvos a mensaxe de Aninovo..."


Na lúgubre asemblea
cruza un vento espectral de desacougo.

¡Ai, o cántico aquel, sublime e tráxico

da lingua de roibén e rosicleres
dos crepúsculos púrpura,
do glauco rechouchío dos paxaros,

das palabras eupátridas e músicas!

 

Salouca Rosalía
acariñando o cravo que a traspasa;

berra Curros con rabia,
sen voz, o seu degoiro en sete tríades,

Pondal, fidalgo e mudo
soña xestas barís para Os Eoas,

sentado nun curruncho
rega Breixo sen lágrimas as follas

das camariñas fósiles;
Celso Emilio esmorece, pois non pode

xa máis dicir Moraima;
Suso Rábade evoca o troupeleo
dos cabalos noitébregos na Matria,

queima Alonso Montero
con lóstregos de furia as tristes páxinas

daquel informe tráxico e profético...


O discurso do Président galego

resoa apocalíptico
no inútil cumio do Medulio céltico.


-"...e xa cumprido o vello requisito

quérovos desexar Paz e Alegría.

¡Happy New Year!"


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega