Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 29

 

Epílogo

ESCONXURO

QUEIMADA

 

                                                           Para Luís Felipe, que verteu

                                                    a súa sensibilidade xusta e precisa

                                                                 neste rito de noso.


     Non te convido, amigo, eu a queimada
como non te convidan
a gozares da vida as bolboretas,
porque elas e ti sodes a vida,
como non pode convidar o sol
ás pingas da voaxa
a gozaren do máxico espectáculo
da luz en disidencia,
pois o arco da vella
é luz e auga a partillar o aire.

     Por iso non te podo
convidar a queimada, meu amigo,
esa ofrenda de ola e de benvidos,
de quérovos e vinde,
de pombas cantareiras,
de calor.

     E non te podo, non,
amigo, convidar eu a queimada,
ofrenda solidaria
de roibéns a estralar nos corazóns,
de brazos como lapas encarnadas
que xuntan os espíritos
nunha aperta de albízaras en flor.

     Pero ven, meu amigo,
vai berrar a queimada silandeira
con lingua de vermella tradición
ofrendas de partillas e de bicos,
de pompas de alegría,
de cancións...

     Ven compartir comigo luz e calma
na policromía dese instante infinito,
eterno, no que as almas
se funden en telúrico crisol
no sublime aquelarre
de transmutarnos todos en QUEIMADA.


 

 

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega