Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 28

Páxina Seguinte

Epílogo

ESCONXURO

ESCONXURO

Polos catro elementos, auga e lume xunguidos
en fogueira telúrica que conforta os espíritos;
a terra que nos tivo, que nos ten e teranos,
e o aire que aureola e avivece este facho.
Polos catro recantos que ten o cataventos:
neve, sol, neboeira e chuvia de esperanza;
polos sete misterios que son o noso teito,
polos sete luceiros que fan a nosa alma
e polas sete cruces da nosa encrucillada

¡esconxúrote, lingua
de lume, labarada
de cóchegas crisálidas,
libélula flamíxera
ou grímpola incendiada,

polo pouso que habita na borralla do tempo
e mais polo poder fermoso do Pax Tecum.

 

E convoco os espíritos,
e convoco as conciencias,
e convoco as entrañas,

pra que a lingua de lume reviva cada día
e nos preste, emprestándonos axóuxeres de vida.
¡Que estralen rosicleres de cósmica alegría!
¡Que o espírito mirífico do lóstrego vinícola
enchoupe as nosas ánimas de cóchegas catárticas!

¡Arrenégote, brétema,
arrenégote, bágoa,
arrenégote, bélica
actitude fanática!

¡Escoita o meu apóstrofe, fogueira engaiolada
no círculo telúrico da pírica cerámica!
¡Tres veces te esconxuro e tres veces che mando
estes tres mandamentos polo número máxico!

O primeiro: ¡debúxanos
polícromas as almas!
O segundo: ¡derrétete
en pétalos de cántiga!
O derradeiro: ¡apágate
e vírate QUEIMADA.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega