Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 5

Páxina Seguinte

Epílogo

COMPAÑEIRA

FOI EN GONDOMAR


Alí tiña que ser, en Gondomar,
onde o aire era aurora cromática e radiante,

exultante burbulla de colores,
alegre pompa de policromía;

tivo que ser alí, en Gondomar,

rúas de pedra queda,
onde a calma andaba ceibe pola vida

señoreando paseniñamente
cada alegre canción, cada palabra,

cada raio de luz de cada estrela,

de cada sol, de cada pensamento.


Tiña, tiña que ser en Gondomar,

rúas de calma pétrea,
onde as pedras se viraban bolboretas

cando as mirabas ti;
tivo que ser alí
no Gondomar aquel entusiasmado e xove

habitado de pedrasbolboreta,
onde aquela estreliña luarenga
derretía pingueiras
de luz de Gondomar nos nosos ollos,

dianas de arrebol;
alí, no Gondomar de calmas casas,

rúas de bolboretas empedradas,
onde a pequena fonte
esparexía chorros de vida cantareira

sobre o noso rebumbio de silencios.

 

Tiña que ser na vila de casas exultantes,

de calmas de arrebol, onde os salgueiros

cantaruxaban solermeiramente
anainas de colores pra arrolaren
a nosa algarabía silandeira.


Alí tiña que ser,
nese xove arrebol de bolboretas calmas

e policromía luarenga
ocupado por ti;
en Gondomar, en fin.


E foi alí
onde o mundo se fixo primavera.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega