O surrealismo. Unha achega documental

 

Limiar

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo.html

Limiar

Os surrealistas tiñan unha triada maldita: familia, patria, relixión. A esta triada contrapuñan outra: amor, liberdade, poesía. De aí que ao tentaren realizar esta última triada nas súas propias persoas substituíran os vínculos "naturais" da primeira triada polas relacións excepcionais e paixonais. Elexir a persoa amada, constituírse en grupo á parte de individuos libremente asociados. Individuos libremente asociados que non queren constituír ningunha nova escola literaria, nin unha potente vangarda (1), nin unha mafia de pintores e escritores. Os surrealistas asócianse para levaren a cabo unha actividade colectiva non conformista. Quizais sen máis fins que a destrución pola destrución. Unha destrución, porén, que debe cambiar ao individuo surrealista, pois surrealista é soamente aquel que non só pratica a escrita automática, que non só participa nas actividades colectivas e afectivas do grupo, senón que prolonga a ética surrealista na súa vida íntima e nas súas ocupacións profisionais.
     Victor Crastre, nun belo libro que abala entre o ensaio e a memoria, lembra que no grupo non había "nin compromisos nin covardías, por outra parte, o horríbel problema do diñeiro non se puña en rapaces que a penas entran na vida -a xenerosidade duns palía a miseria doutros.- É en comunidade que viven estes xoves homes: comunidade dos bens como das ideas, poisque o surrealismo é a conquista de todos" (2). Unha comunidade, engade máis adiante o propio Crastre, "(...) que non pretendía encarnar a 'intelixencia' francesa, ninguén pensaba na historia, ninguén soñaba coa gloria: cadaquén obedecía nas súas creacións, ou no seu rexeitamento a crear, a unha escura mais todopoderosa necesidade interior" (3).
     O surrealismo non é un movemento literario, aínda que goce das caraterísticas destes (4), non é unha acumulación de procedementos e técnicas literarias e artísticas para a produción dunha obra de maior ou menor calidade. O surrealismo non é un grupo de vangarda, non é rupturista (os surrealistas souberon ver no pasado que amaban sinais do futuro que amaban; ou, se se prefere, o pasado que aman convértese en tensión cara ao futuro) O surrealismo non foi, só, en palabras de José Carlos Mariátegui: "(...) unha difícil, penosa, disciplina. Podo temperala [esta expresión], moderala, substituíndoa por unha definición: que é a difícil, penosa, procura dunha disciplina" (5). Tampouco foi un movemento político, nin social. E sendo todas estas cousas, foi, é, algo máis: unha utopía surrealista.
     Nun interesante ensaio publicado na revista norteamericana Telos: "Utopian conciousness and falsa conciousness" (6), o psiquiatra de orixe húngara Joseph Gabel distingue dous conceptos de utopía: o concepto surrealista (a utopía como fermento de acción e principio de esperanza) e o concepto subrrealista (a utopía como ensoñación estéril de estrutura esquizofrénica -as utopías que aman tanto os uniformes e aos uniformes, e a uniformidade). Só o segundo concepto é para Gabel corolario de falsa consciencia. Como exemplo do primeiro, o autor analiza a utopía sionista. Se ben se pode considerar esta como un erro, léase, unha inxustiza, non se pode falar respecto dela de falsa consciencia. A utopía sionista constituíu unha reacción contra a reificación e a marxinación do pobo xudeo no Ghetto. A utopía surrealista do surrealismo é unha reacción contra todas as forzas que oprimen o home, sexan morais, políticas, económicas, filosóficas, psicolóxicas, culturais, físicas, etc., aliénandoo cultural, moral e politicamente. O surrealismo tenta, consegue, acabar con elas. Porque é unha utopía, o surrealismo é algo máis que un ismo literario, que un grupo de vangarda. É como utopía que o surrealismo se dispón, en palabras de Walter Benjamin, a organización do pesimismo revolucionario: "desconfianza no destino da literatura, desconfianza no destino da liberdade, desconfianza no destino da humanidade europea, mais, sobre todo, desconfianza, desconfianza, desconfianza en todo entendemento: entre as clases, entre os pobos, entre este e aquel outro" (7). Desconfianza e organización do pesimismo, que non é outra cousa "que transportar fóra da política a metáfora moral e descubrir no ámbito da acción política o ámbito das imaxes de pura cepa" (8).
     O surrealismo é unha utopía e, como tal, leva en si o xérmolo dunha revolución. Nas páxinas que se seguen intentarase descubrir que foi (que é) esa revolución, de onde vén, aonde chegou...





NB.- O que segue a continuación quere ser, máis que unha historia do surrealismo, unha introdución a un movemento que aínda continúa vivo. Unha introdución, xa que logo, histórica e poética desde dentro do surrealismo, tratándoo como un ser vivo, polemizando en certa maneira con el desde dentro e, tamén, desde fóra. Nunha palabra, máis que un estudo, as presentes páxinas queren ser unha "incitación" crítica ao surrealismo. Por outra parte, centrámonos no grupo francés deixando de lado grupos tan importantes como o belga, o checo, o danés, o portugués, ou personalidades senlleiras como o peruano César Moro e outras.





 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega