O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Capítulo 1. Para unha historización do surrealismo

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo002.html

1. Para unha historización do surrealismo.

Se ben é certo, como afirmaba Hans Arp, que "só os imbécis e os profesores españois poden interesarse nas datas", usarémolas ás veces neste traballo, mesmo ao risco de cansar ao paciente lector, mais son necesarias, non por aquilo de quen foi o primeiro ou o segundo, senón para sabermos que hai problemas que se pensan se puxeron hoxe e son de hai xa máis de 70 anos. Para comezarmos con elas, diremos que o surrealismo ten data fixa de nacemento: novembro de 1924, cando André Breton publica O manifesto do surrealismo (coñecido despois como Primeiro manifesto). Mais como todo acto humano, o surrealismo ten unha historicidade, non é eterno, aínda cando no escrito de disolución do movemento -da súa sección francesa, véxase máis adiante- Jean Schuster chega a falar dun "surrealismo eterno". O surrealismo ten unha historicidade, evidentemente, ora ben, tamén é certo que a súa historicidade radica nos poemas dos homes e mulleres que pertenceron ao grupo, que configuraron -coa súa poesía e súa pertenza- a utopía surrealista. Por iso, quizais, unha verdadeira historia do surrealismo debera ser unha análise do político dos seus poemas ao longo dos anos -e, claro, dos manifestos e intervencións individuais e colectivas. Ou, tal vez, como demandaba Breton, a verdadeira historia do surrealismo sexa aquela que narre as vicisitudes da escrita automática. Non é ese o traballo que nos trae hoxe, senón un moito máis sinxelo: unha periodización do movemento surrealista desde o momento en que comeza a dar os primeiros pasos -un pouco antes- até o momento da súa disolución oficial.
     Nos distintos historiadores do movemento, que son multitude, de Maurice Nadeau -o segundo por orde de aparición- até Jacqueline Chénieux-Gendron (persoa para quen o surrealismo é unha bolsa, como para Henri Béhar, Michel Carassou, etc., que dirixen diversas revistas universitarias dedicadas integramente ao surrealismo), pasando por Claude Abastado, Juan-Eduardo Cirlot, Durozoi e Lecherbonnier, Robert Bréchon, etc., as divisións están feitas, maiormente, a partir de feitos exteriores ao movemento, aínda cando os acontecementos que se suceden dentro do surrealismo estexan presentes.
     Nós propomos, desde unha perspectiva que ten tanto que ver co movemento, é dicir, co que René Lourau chama Variábel Orientación (9), é dicir, os fins, obxectivos, estratexia, mito que fai existir o movemento no plano ideolóxico, como coa variábel Período, ou sexa, duración, histórica, fases personais, sen esquecer a variábel Velocidade, que ten que ver coa velocidade de aparición do movemento, o seu ritmo de desenvolvemento e mais a súa institucionalización, se esta existe, a seguinte división:
1) 1918-1923. Período dadá; cara ao movemento surrealista (1921- 1923): o movemento dadá que nacido en Zurich desenvólvese en Francia a partir da chegada de Tzara a París a finais de 1919. Rotos os vínculos con dadá, unha parte dos seus membros oriéntase cara a Breton máis que cara á Tzara: período dos "soños".
2) 1924-1929. Primeiro período do movemento surrealista, marcado polas personalidades de Breton, Aragon, Éluard, Péret, Artaud, Crével, etc. Outros grupos relaciónanse co movemento: Clarté (Bernier, Crastre, Fourrier, etc.), Le Grand Jeu (Vailland, Daumal, Sima...), Philosophies (Friedman, H. Lefebvre, Politzer, etc.). Aparición de grupos surrealistas en Bélxica (Nougué, Souris, Magritte, Goemans, Chavée, Dumont, Lecomte, etc.) e Iugoeslavia (Dedinac, Matic, Ristic, Popovic, Davico...). Ingreso no Partido comunista. Nacemento e/ou aparición de diferentes grupos e revistas que se reclaman do surrealismo ou se enfrontan indirectamente a el: Le grand Jeu, Cahiers du Sud, Varietés, etc., sen formar parte do grupo central Parisino.
3) 1930-1939. Extensión do movemento: Checoslovaquia, Arxentina, España (Canarias), Chile, Xapón, Exipto, etc., ruptura no grupo inicial e rexeitamento a colaborar co Partido Comunista. Achegamento ao trosquismo.
4) 1940-1945. Ocultación do movemento debido á guerra mundial. Actuacións individuais ou semi-colectivas en Nova York, México, Lima, etc.. Francia: grupo La main à la Plume.
5) 1945-1966. Resurrección do grupo até a morte de André Breton.
Resurrección do grupo Parisino a partir de elementos novos reunidos arredor de Breton e Péret: Bédouin, Schuster, Joyce Mansour, Silberman, Legrand, etc.. Colaboración (e ruptura) con diferentes movementos nacidos á sombra do surrealismo: Phases, Internacional Situacionista, movemento Letrista, e aparición de movementos surrealistas "disidentes" e/ou revisionistas, Front Noir, RuPtUrE. Aparición do Grupo Surrealista de Lisboa (1947) e en 1948, produto dunha ruptura no interior do Grupo, nacemento do Grupo disidente, formado por Mário Cesariny, António Maria Lisboa, Artur do Cruzeiro Seixas e Mário Henrique Leiria, entre outros. Aparecen tamén grupos en Romenia: G. Luca. Trost, etc. Holanda, Inglaterra, Estados Unidos, Mundo árabe, etc.
1966-1970. O grupo sen Breton. Disolución do grupo. Difusión inesperada do surrealismo a partir da revolta Parisina de maio de 1968.
(A periodización está feita a partir do grupo francés, que é o que se disolve en 1969. Hoxe aínda hai grupos surrealistas (10) en Australia, Buenos Aires, Dinamarca, Estados Unidos, Grande Bretaña, Holanda, Madrid, Grupo de París -entre eles, o teórico marxista Michel Löwy-, Praga, Sao Paulo, Estocolmo, etc.)

                                                                                O CUARTO CANTO
É un home ou unha pedra ou unha árbore que vai comezar o cuarto canto.
Lautréamont

Cando André Breton morre, o 28 de setembro de 1966, non deixa ao movemento que fundou ningunha vía trazada. Soamente unha adquisición, tesouro que se trata de acrecentar ou contemplar. Os surrealistas deciden proseguer unha actividade da que todos alviscan, interiormente, a necesidade; criterio suficiente para quen non ten costume decidir o seu peso en función da solidez do termo. O mundo entra, sábese, nunha fase en que a enerxía revolucionaria se desxela, en que formas novas se erguen contra todas as institucións represivas. A esperanza surrealista nunha transformación radical da sociedade, indisolubelmente ligada á refundación das estruturas do espírito humano, esta esperanza sempre decepcionada, finalmente relegada á abstracción polo que parece ser consentimento xeral, retoma vigor. O surrealismo afronta así unha conxuntura histórica particular da que se pode dicir que se determina ao seu respecto por condicións subxectivas desfavorábeis (as consecuencias da desaparición de Breton) e por condicións obxectivas favorábeis (o renovamento do pensamento e a acción revolucionarias).
Tense demasiada tendencia, nun caso como o presente, a subestimar as condicións subxectivas en razón mesmo da ilusión euforizante que cumpren as condicións obxectivas. Cando a ilusión se esvai, os factores disolventes acadaron o seu obxectivo. [...]
A capacidade teórica e prática do Movemento surrealista durante o período coberto polos anos 1967 e 1968 pódese medir principalmente pola lectura dos sete números de L'Archibras, publicados de abril de 1967 a marzo de 1968. Cuba, Praga, maio do 68, é a historia mesma que traza unha vía que o surrealismo recoñece súa e na que se empeña no presente. A grande festa colectiva (que comeza en xullo de 1967 na Habana, se prolonga o abril seguinte en Praga para coñecer o seu paroxismo quince días máis tarde nas rúas de París) revela que unha esixencia poética condiciona, en adiante, a realidade política.
O lector, o historiador, a partir dunha documentación de fácil acceso, xulgarán se o Surrealismo, despois de Breton e nas circunstancias que acaban de ser evocadas, soubo estar á altura á vez do seu pasado e do acontecemento. Mais acho, canto a min, que mesmo se o veredito fose positivo, non podería servir de salvaconduto para o período ulterior. Un elemento fundamental está ausente, por definición, do dosier, o que resulta das condicións subxectivas das que xulguei sinalar unha compoñente decisiva: na ocasión, e para falar claro, digo que o prezo que foi necesario pagar en debates máis ou menos académicos, en compromisos ou pola contra en actos de violencia para concretizar a menor intervención, foi demasiado elevado: a obstinación só podía desembocar nunha falacia intelectual infamante, pensarase, certamente, que a menos de ser monolítico, xerarquizado, burocratizado e rexido por un sistema dogmático, cada grupo vive da libre expresión dos seus membros, oposición ás veces violentas e do que se chama dereito de tendencia*. Mais a vitalidade de todo grupo depende tamén dun mínimo de cohesión interna. Xulgo non faltar á verdade se afirmo que é constatando a ausencia de toda cohesión interna no Movemento surrealista que en febreiro pasado algún dos meus amigos e mais eu decidimos abandonalo a unha sorte que non nos concernía xa. Os que estaban dispostos a proseguer indefinidamente unha actividade en que a controversia permanente se introducía na menor proposición de acción ou de reflexión sobre a menor apreciación crítica -fosen de detalle ou de fondo- para substituirse a fin de conta a toda búsqueda dun impacto sobre a realidade, os que renunciaron tamén a manter unha prática baixo unha etiqueta vacía de toda significación, o nº 7 de L'Archibras, datado marzo de 1969, mais acabado de redactar en xaneiro, é a última manifestación do surrealismo en tanto que movemento organizado, en Francia. ¿O Surrealismo morreu, xa que logo? Non.
                                                                                                                             Jean Schuster.

*Observemos, sen embargo, que o dereito de tendencia, lexítimo nunha organización de vocación proselitista, convértese, nun movemento como o surrealismo, que sempre se quixo reducido nos seus efectivos, no dereito a erixir a ineficacia en principio.

Le Monde, 4 de outubro de 1969

     Como non é a nosa intención historizar o movimento -por evidente falta de espazo- remitímonos á cronoloxía. Debemos, porén, explicar o primeiro período, que dividimos en dous. Cara ao surrealismo: desde 1919, cando chega Tristan Tzara (1896-1963) a París, a finais de ano (ese mesmo ano, o grupo Parisino creara a revista Littérature, e Andre Breton & Philippe Soupault descubriran a escrita automática: Os campos magnéticos) até 1921, en que se produce a ruptura con Tzara. O inicio da ruptura estivo no Proceso a Barrès e culminou co chamamento de Breton á reunión dun "Congreso internacional para a determinación das directivas e a defensa do espírito moderno", ao que Tzara se opón, con Benjamin Péret e Paul Éluard, aínda que estes dous últimos tornan con Breton.
     A chegada de Tzara a París foi determinante para que un grupo de escritores deixasen de ser literatos. Á parte, o romeno, que fundara dadá en Zurich con outros escritores e artistas, ensinou aos futuros surrealistas a importancia das tomas de posición públicas para afirmaren unha actitude de ruptura nas ordes intelectual e moral. Ora ben, está por ver se dadá non retrasou o nacemento do surrealismo, debido sobre todo á postura de Tzara, que ao contrario do que acontecera en Zurich, actúa en París como un pallaso, quizais por non se dar conta que o grupo Parisino, aínda que literatos, estaba formado por mozos aos que, en palabras de André Breton, "a guerra de 1914 acababa de privar de todas as súas aspiracións, para guindalos nun sumidoiro de sangue, imbecilidade e lama" (11). Tzara pasara a guerra en territorio neutral e non coñecera a miseria nin a dor nin dos que foran á frente, como Benjamin Péret, nin dos que actuaban como médicos militares, aínda que non tivesen acabada a carreira (Breton, Aragon). O rexeitamento da carnicería que supuxo a guerra 1914-1918, era en Tzara a dun pacifista. Nos futuros surrealistas, algo máis profundo: viran pisoteada a condición humana en nome da patria, da relixión e da fraternidade. ¿Como non ían os futuros surrealistas censurar as pallasadas de Tzara cando estaban a condenar a toda unha xeración intelectual que levara aos homes a unha morte segura?
     Mais, con todo, Tzara, dadá, ensináronlles que a arte non é nada e a literatura menos. Porén, xa en 1916, Jacques Vaché (1896-1919), que Breton coñecera en Nantes durante a guerra, escribía "non apreciamos nin a arte nin os artistas". Mais a súa (a do romeno) importancia na reconversión duns homes que ían camiño de se converteren nas primeiras "plumas do seu tempo", é innegábel. Ora ben, polo o seu talante un pouco "pallasesco", non era o home que podía axudar á construcción dunha utopía. De aí, a ruptura.

          A TRAVÉS DOS MEUS OLLOS
1º ¡Dadá morreu! ¡Dadá morreu! ¡Dadá morreu!
2º Dadá propúñase destruír, mais desfíxose el propio antes de que a súa acción se fixese sentir.
3º Dadá non era un comezo, senón un fin.
4º A grande sedución que deitaban as ideas aportadas por Dadá, fixo que se satisfacese con elas sen procurar mellores. De aquí veu, rapidamente, unha imposibilidade de transformación e a morte de Dadá.
5º A contradición que permite case simultaneamente dúas opinións diferentes sobre o mesmo tema é dada.
6º A dúbida non pode ser dadá.
7º Non se experimenta, hoxe, máis sorpresa ao ler un poema dadá que un poema simbolista ou cubista. Moita xente espera que apareza o manual "a poesía dadá en vinte licións".
8º Reverdy: unha torca oxidada; Jean Cocteau: unha cagada de anxo; Raymond Radiguet: a pel de cagada de anxo; Max Jacob: o corazón de Xesús: Tristan Tzara: dadá; Man Ray: os cabelos da retina; Georges Ribemont-Dessaignes: o cuarto de hora de Deus... (¡e non continúo!) sentaron á sombra e dormen.
9º Guillaume Apollinaire e Marcel Duchamp espérannos.
10º Abandono as lentes dadá e, disposto a partir, miro de onde ven o vento sen me inquietar por saber que será e aonde me levará.
11ª Mañá, estarei aínda disposto a saltar ao coche do meu veciño se se dispón a tomar unha dirección diferente á miña.
                                                  Benjamin Péret. Littérature

     E mentres non chega o surrealismo, os homes que o van conformar, experimentan: o período dos soños, a prática da escrita automática, viaxes ao chou, a pé, sen saberen que rota toman, até que en 1924 eclosiona todo: fundación do Bureau de recherches surréalistes, aparición de Manifesto do surrealismo, panfleto Un cadáver, contra Anatole France, recentemente falecido, que era para os eles a figura típica do filisteo, aclamado pola dereita e pola esquerda. E o 1º de decembro dese ano, a aparición do número 1 da revista La révolution surréaliste, dirixida por Benjamin Péret e Pierre Naville.





Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega