A cámara de névoa

Páxina Anterior

IX.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirocamaradenevoa003.html

Eu era naquel tempo Herón de Foix:
o mar era un mercado
de froitos opalinos,
e á porta un aximez de dúas olladas
magnéticas, inexorabelmente
facía que galgase
cara el baixo un paso
de alancada iniciática. Ás vegadas
o mercado viraba santuario
e non se disteraba
se aquel sangue dos años
era de sacrificio,
ou de ben comestíbel
(un centro de simetría
fainos equidistantes
ao beche e xamanista).
Coa ollada posta en liña cos arroaces
marchaba emparellado
comigo Herón de Foix.
Ao acadarmos a praia
soaba unha balada e as frecuencias
dunha frauta enigmática,
recuaban as augas,
e outramente a liña de arroaces
era o noso obxectivo inamovíbel,
lonxincuo, inabranxíbel,
como unha excomuñón,
como unha mocidade,
como unha antiga amante
xa cadáver. Pulados
por unha sorte, (nada
en ancos agachados)
(nacida entre recantos agachados),
cansos, a xeira recomezabamos.
No pregue do horizonte sempre o mar;
sempre o mar arrolando os arroaces.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega