A cámara de névoa

Páxina Anterior

XX.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirocamaradenevoa004.html

No cimo eran as pombas e zoaban
outras pombas mecánicas, e chíos
multicores e rechouchío etrusco.
Aqueles anteollos procuraban
diante de ollos amuruxados, cansos,
e perante de ollos centenarios
incógnitas ou chaves labirínticas.
E a praza era unha cor como unha pedra
azul, esmeraldina ou simplemente
unha filtraxe de cristais ou ónices.
De súpeto escoitouse a treboada
do bazooka. Nas pedras ecoaban
os estralos e alguén abofellara
que se vira tremendo no sartego
ao idoso Pitti. Aterraba na Piazza
un vento azul de fronte sandinista
chegando dacabalo dunha estrela
innomeábel. Aló no campanario
ouviuse unha picada monocorde
facendo contrapunto variegado
á fala limpa do quetzal tintorio.
Na Ponte Vecchio o vello Leonardo
sorría esperanzado. Tencionaba
ir pondo en marcha un aparello acuático.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega