A cruz de salgueiro

Páxina Anterior

Segunda parte. Capítulo V (p. 70-76)

Páxina Seguinte

m4xrdguezlopezcruzdesalgueiro205.html
[p. 70]

     Martiño é un tipo muy distinto de Caitano: éste é moreno e de temperamento linfáteco, en aquel domina o nervioso.
     Ten Martiño 26 anos y é alto, rubio, de ollos azules, moi espirriquitado no vestir, e de corpo alegante e xeitoso.
     As suas finas maneiras seducen e ten un palique qu'estrae moito ás mulleres.
     Co-as nenas é de cote moi mixiriqueiro.
     Anque di a tod'o mundo que lle falta un ano pr'acabar a carreira de médeco, ainda lle faltan dous pol-o menos y os que aprobou foi debido á moita infruencia das amistás que ten o pai.
     Nunca se lle deu pol-os libros.
     En troques non hay xogo qu'él non conoza.
     Pasa por maestro no billar e contan que gana moitos cartos a o tresillo, e que ten diñeiro pol-a vella, anque seus pais non lle dan nada.
     Pró xogo que mais lle dá é a timba.
     Forma parte d'unha sociedade pra tallar e a pesar de ser nervioso é moi séreo no oficio.
     Por eso sin pedirlle nunca un carto a seus pais nunca lle falta diñeiro y-é dos estudeantes que millor visten e qu'andan mais alegantes.
     Pra que non lle falte nada adicouse a esgrima,

[p.71]

e fixo n'ela tales adiantos, que tivo varios asaltos con algús que pasaban por mayestros, saindo ben d'eles.
     Por eso naide se metia co-él.
     Esta importancea e respeto qu'a xente lle daba envalentouno de tal xeito, que se daba por ofendido por pouca cousa, e moi poucas veces atopaba quen lle chistase.
     Manexaba todal-as armas y en catro doelos que xa tivo saliu vencedor, a pesar de ter direito a escoller arma o contrareo.
     Os pirmeiros amores que tivo foron con Panchiña.
     A rapaza estivo tola por él a pesar da contra que lle levaban seus pais, e de decirlle todo o mundo qu'era un pérdis e un xogador, nunca o houbera deixado, pensando que lle falaban mal d'él por envexa ou porque non o conocian.
     Pra Panchiña era Martiño o home de millor pico, o máis goapo e máis alegante do mundo.
     Non via por outro ollo.
     Sobre todo era moi graceoso e si tiña algunha calaverada, todol-os mozos as teñen, e vivia co-a espranza de qu'as perdese dempois de casado.
     Tan quirida por él se cria, que pensaba que Martiño sacrificaria pol-o seu amor calquera viceo si o tivera.
     Pró nunca o puxo a proba, porque él era moi cumprido, parecía sempre moi namorado, non tiña d'él ningunha queixa e non queria darlle ningun disgusto privando das suas diversiós.
     Así lle foi fiel contra a voluntá de seus pais que lle daban todol-os días guerra na casa, e contra todol-os consellos das amigas, y-a pesar de todol os contos que lle traguían as candongas das criadas e costureiras.

[p. 72]

     Pró un dia dixéronlle que tiña outra novia, e pormetéronlle probalo levandoa a donde o poidese ver co-ela.
     Esto xa nono puido resistir: os celos empezaron a roerll'a alma e determinou non decirlle nada a Martiño hastra que se convencese pol-os seus ollos d'aquela terribre soedá.
     ¿Pra qué darlle un disgusto a o novio, sinon era certo, contándolle aquela nova inventiòn?
     S'era certo non podia perdonarlle a non darlle unha satisfauceón cumprida.
     A o outro dia viu por detrás d'unha vidreira entr'aberta d'unha casa da calle do Lobo, a unha morena moi goapa como d'us dazasete anos asomada a o balcón da casa d'enfrente.
     Con Panchiña estaba a filla da ama da casa, que fora quen descubrira o conto e lle levara a noticea.
     A fenestra donde Panchiña estaba, tiña unha cortina por entr'a que podia mirar o que pasaba fora sin ser vista.
     —Conqu'é esa do balcón, dixo Pancha á Bastiana qu'asi se chamaba a sua amiga.
     —A mesma: está agardando por él que logo debe chegar pois esta é a hora que ven todol-os dias.
     —¿Sabes qu'é goapa? Como lucen os pendentes das orellas!
     —Ten moi boas xoyas.
     —Chócame que tan cedo se poña ó balcón tan composta e con un vestido tan bon.
     —Pois ten dous ou tres tan bos com'ese: non pon o mesmo dous dias siguidos e sempre se compón moito pra cando él chega.
     —¿E como soupeche qu'é amiga d'él?
     —Verás tí. Xa pasa de nove meses que viven

[p. 73]

aqui. Chocoume non ver nunca no balcón mais qu'a ela e de vez en cando a sua mai, e como se presentaban sempre tan ben vistidas, encargueille á criada que lle preguntase á porteira quen eran, e contoume que lle dixo qu'era un matrimoneo: qu'ela chamábase doña Adelaira y él D. Martiño, que vivia co-eles a mai d'ela. Qu'o siñor paraba pouco na casa e que poucas noites dormia n'ela, qu'a sogra iba a praza a mercar de comer todol-os dias e que non tiñan mais que unha mandadeira. Qu'hastra ó d'agora foron pagando ben, pero qu'era unha familea moi extraña pol-a cras de vida que tiña.
     —¿Y en nove meses non viche a Martiño hastra antonte?
     —Non. Xa verás. A min dábame lástema esa probe muller, porque debia padecer moito sendo tan goapa, por ter un home tan ruin según dicían.
     Un dia veu por esta hora á facernos unha visita Mereguildo y-ela como de cote estaba no balcón, mirouna e díxome:
     —Non sabes quen é esa.
     —Non. ¿Ti conócela?
     —Descantiá, dende qu'eu era ben pequeno.
     —¿E logo?
     —A mai d'esa muller do mayestro d'escola que m'adeprendeu a ler. Morreulle o home e quedaron mal de fondos. Pra criar esa nena pasou moitos traballos sirvindo de madadeira. Por fin a nena fai pouco tempo xa ganaba algo cosendo no taller da modista X. Pró agora non lle falta nada porque ten un quirido que lle dá canto se ll'antoxa.
     —¿Logo non é casada?
     —Baiche boa. ¡Qué ha de ser!¡Si ti conoces ô amigo!

[p. 74]

     —¿E quen é?
     —Non cho digo porqu'as mulleres non tedes ningún siso na lengoa, e s'él sabe qu'eu o dixen pódeme costar un disgusto.
     —Pormétoche calalo a tod'o mundo, lle dixen chea de curiosidá.
     —¿Pormételo de certo?
     —Xúrocho.
     —Pois é Martiño, o novio da Pancha, me dixo acercando os seus labios todo canto puido o meu oido.
     Dempois contoume qu'él era un xogador e que a mantiña a conta do que ganaba, traguendo a sua mai y a ela moi ben vistidas.
     —¿Y a mai cómo consinte eso? lle perguntei horrorizada e inda dudando que fose verdá canto acababa d'escoitar.
     —A mai tivo tanta ou mais culpa qu'a filla.
     —Eso non é posibre.
     —¡E tanto! Martiño fíxolle á filla moito tempo a rosca do galo y-a nena non se daba á partido, porqu'él era un siñorito, y andaba tamén detrás d'ela un carpinteiro, que non-a deixaba a sol nin a sombra. Vendo Martiño que Adelaira lle facia mais caso ó carpinteiro, entendeuse co-a mai, díxolle que estaba namorado da sua filla, que tiña diñeiro bastante pra podelas poñer ben a entrambas n'unha casa, sin necesidá de traballar máis que no que quixeran, e que moito máis podian esperar d'il, en canto acabase a carreira de médeco, que d'un carpinteiro.
     Tanto fixo Martiño, que convenceu á mai d'Adelaira, e como ésta inda non se dese a partido, conviñeron en tomar un piso solo e ir a vivir a él as duas.
     Coidou moito Martiño de que non lles faltase

[p. 75]

nada e de que Adelaira notase o contraste qu'hay entre vivir con estreitura e vivir con comodidá.
     A nova vida, a millor comida, as visitas máis amiudo y-os regalos conque Martiño agasallou a Adelaira, non tardaron en convencela, y acabaron de facer caela na gayola os constantes consellos da mai, que lle facia ver a cada paso, con hiperbólicos encomios, as ventaxas do novo noivo sobre do carpinteiro y a sorte que lles viñera pol-a porta c'un home tan bon, tan goapo e que tan mortiño estaba por ela.
     Desque Martiño logrou a sua, inda tratou d'asegurar máis a presa, mercándolle xoyas e vistidos e traguéndolle peinadoras pra que se vise cada día máis bonita.
     A boa vida calquera s'afai logo, y-os poucos meses Adelaira estaba verdadeiramente namorada de Martiño, e parecíalle o seu estado o mais natural do mundo.
     Sin embargo, acometíana moitos momentos de duda e de tristura.
     —¿Deixarame algun dia? dicia, y esta idea magoaball'a y-alma de mala maneira.
     Por eso a sua tendencia era falarlle de casarse y-a de Martiño tratar de convencela de que non podia ser mentras non acababa a carreira.
     O que menos se figuraba Adelaira era que o seu noivo tiña amores con outra a quen queria de veras y-a quen respetaba, pol o mesmo que tremaba co-a sola idea de perder o seu cariño, por facerlle algunha festa imprudente pra unha siñorita que se quere manter dina.
     Adelaira afixose pronto a quelas cariceas e ainda as chegou a crer necesarias pra estar contenta, porque traducía n'elas o amor de Martiño e

[p. 76]

pensaba que a queria máis con canto máis antuseasmo lle facía festas y-agasallos.
     O carpinteiro que fora novio d'Adelaira non tardou en olvidala: en canto soupo que vivia c'un siñorito deulle lástema, pró nunca boa pia lle tivo dend'aquela a Martiño, o que lle facia dar volta a sangre de cada vez qu'o via.
     Martiño, pois, contaba sin sabelo, c'un enemigo que descoñecia.
     Pró ¿quen se acorda d'eso cando se ten diñeiro pol-a vella e se goza das cariceas d'unha muller tan bonita como Adelaira?
     O principal do caso é manterlle na yalma a ilusion de qu'é querida, non deixal-a recear de que outra lle poida roubar aquel amor, que fai toda a sua felicidá, encherlle a cabeza d'aire, facéndolle creer que cada vez é mais bonita e que gusta mais cada dia, aturdila entre xoyas e vestidos que a fagan vanidosa y entre comodidás qu'a adormecen nos brazos da folganazeria e da nugalla.
     O demais qu'ande pra diante, que xa Dios dirá.
     Martiño enganabas'asi mesmo botando de perda unha muller qu'o queria; a quen mercaba cariceas por engaños y-a quen pagaba o amor con pormesas. Pró nons'acordaba de que o que durante á novez sementa nas concencias arraiza na y-alma, y-a mala semente non pode dar bó fruto e costa moito caro acabar co-ela pra que deixe medral-a boca. ¿Quen sabe si sementaba ilusiós pra recoller bagoas e penas?

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega