A cruz de salgueiro

Páxina Anterior

Segunda parte. Capítulo XV (p. 136-140)

Páxina Seguinte

m4xrdguezlopezcruzdesalgueiro215.html

[p. 136]

     Caitano e Panchiña simpatizaron logo.
     Tiñan as mesmas aficiós e igoal modo de pensar.
     Entrambos eran artistas, e sentian a poesía da música e da pintura, e das delicias da natureza.
     Un corazón que sinte a poesía preside sempre un alma namorada dos bos sentimentos, é n'él a pasión amorosa máis viva, máis ideal e máis permanente que nos espritus que poden elevarse menos sobre da materia, ou que non poden entender máis que de cousas materiás.
     Por eso Panchiña conoceu en Caitano un home muy distinto de Martiño, un home que enchía mais á sua ilusión, que lle producía praceres novos que desconocera nos outros amores.
     Martiño conseguira namorala porqu'era listo, era atento, fino, con esmerada finura, e parecía qu'estaba sempre pronto a os seus deseyos: estaba satisfeita d'el.
     Era ademáis goapo y alegante e halagaba a sua vanidá.
     Pró Martiño non tiña a gracia espontánea de Caitano.
     Este era, si se quer, más descoidado qu'aquel,

[p. 137]

menos ceremonioso, moitas veces distraído, hastra o punto de que non-o conocendo podería parecer desatento ou mal criado; anque vestia ben non s'esperriquitaba tanto como Martiño y-a pesar d'esto gustáballe máis a Panchiña o seu trato, pol-o natural, porque nos seus ollos via un amor, un algo qu'a feitizaba; porque todo canto facía Caitano tiña pr'ela atractivo e chocáballe moito por coincidir co qu'ela sentia e co qu'a ela ll'agradaba.
     Caitano non tardou en namorala y-en facerlle borrar do pensamento á lembranza de Martiño, anque durante moito tempo se lle revolvía a sangue no corpo de cada vez qu'o via.
     Por este motivo anque moitas veces foi Sabela á visitala, non logrou que lle perguntase por seu hirmau, como de cote o facia antes de tronar co-él, nin quixo escoitala, unha vez que lle quixo facer ver que Martiño s'arrepentira e qu'estaba namorado d'ela.
     —Non é porque sea meu hirmau, lle dixo, pró eu de min á tí volvía a querelo.
     —Si queres que seamos amigos non me volvas á falar de teu hirmau. Alá que s'adivirta con que lle pareza. Pra min xa cucou pra sempre.
     En vista de esto Sabela aconsellou á seu hirmau que fixese o amor á outra siñorita, á ver si dándolle celos abrandaba Panchiña.
     Sabela pretendía duas cousas con este consello que seu hirmau c'un cravo sacase outro cravo e deixase de penar por Panchiña e qu'ó millor non se dera con Caitano, porque decatarase qu'estaba en relaciós co-a amiga.
     A o pai de Panchiña gustáralle tanto Caitano desd'a conversa que tiveron aquela tarde en cas

[p. 138]

de Sabela, que cando se decatou de que lle facia o amor á filla púxose ledo.
     A o pouco tempo notou que Caitano ll'andaba facendo as veiras pr'entrar na casa e falou do caso co-a filla.
     —Parez que me quer moito, dixo Panchiña colorada com'a grana, e ten mentres de casarse comigo pol-o qu'il di.
     —Si, ten trazas d'home de ben e seica é moi listo.
     —Uy! E fino como lá de gato. Ter ten moito saber, y-acaba a carreira drento de dous meses.
     —A min inda non me dixo nada craro.
     —E que non s'estreve, pró xa llo dirá.
     Asi foi. A o outro dia dempois de parrafear con Panchiña, estreveuse Caitano á ir á pedirlla ô pai, e dend'aquela entrou na casa todol-os dias.
     Non tardou moito tempo Caitano en fixarse n'un rapaz que sempre que pasaba miraba pras ventanas de Panchiña e cadroulle velo máis d'unha vez por tras dos vidros.
     Cando salia con Panchiña de paseo tamen se porcatou de que lle facia a rosca do galo.
     —¿Quén é ese? lle dixo Caitano.
     —E un que foi novio meu e inda non perdeu os celos, pró non teñas coidado que anda facendo o burro e perde o tempo.
     —¿E il que é?
     —Chámase Martiño López; hai xa cinco ou seis anos que estudia pra médeco; prò é un calavera que gana moitos cartos no xogo, según din, e tivo a pouca vergonza d'estar vivindo c'unha amiga cando tiña relaciós comigo.
     —¡Ora o demo dorme! ¿Pró á tí queríate?
     —Penso que sí. Pró a él figurouselle qu'en Madrid non se saben as cousas, e anque a levou á

[p. 139]

vivir bastante lonxe d'a miña casa, saliull'a porca mal capada, porque non faltou un paxariño que mo viñese á contar.
     —Serán contos,
     —¡Era boa! Eu mesma ó vin co-ela na mesma casa dend'a unha amiga que vivia enfrente. Asi é qu'agora anqu'il m'anda facendo as veces, y-anque unha hirmá que ten, amiga miña, me di qu'agora se fixo un santo e porfiou os sete porfiares, pra qu'o volvese á querer, dende que te quero à tí parez que non-o podo ver diante.
     —Pois eu farei que largue, e penso insinarlle logo que lle ten conto deixarnos en paz.
     —Non te metas co-il porque é un espadachin. Teño moitas veces oido que manexa moi ben as armas.
     —Pois eu nunca adeprendin á manexar outra arma qu'os puños, e poida que m'abonden.
     —Mira deixao: porque sin meterte co-il, logo nos ha de deixar, pois xa din que lle fai ó amor á filla d'un comendante e qu'entra na casa e todo,
     —¿Pró entón porqué te mira e te busca?
     —Velahí tes. Porqu'hai moitos que n'acaban de caer do burro embaixo y ese é un. Pró ti non t'acordes d'il pra nada pois abonda ben con qu'eu non lle faga caso ningún, pra qu'il se canse e vaya pr'onde deb'ir.
     —Pois ben lle pintará o non volver, que si vexo que m'enche moito os fociños doull'un escarmento.
     —Pidoche por Dios, Caitano, que non te metas co-il, porque cando s'incomoda parece un arroutado, porqu'é moi nervoso. Si lle falas por ben, poida que ganes máis, porque cando non está enfadado é un bon rapaz.

[p. 140]

     —Ben, esa é conta miña, falemos d'outra cousa.
     —Temo que me vas á dar un disgusto.
     —Non teñas medo.
     —¿De certo?
     —Non.
     —Xa o veremos logo.
     E siguiron falando de cando seria millor tempo pra casarse, pois Caitano xa lle esquirbira a seus pais, e por parte do asturiano xa non habia incomeniente.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega