A cruz de salgueiro

Páxina Anterior

Segunda parte. Capítulo XXXI (p. 241-244)

Páxina Seguinte

m4xrdguezlopezcruzdesalgueiro231.html
     
[p.241]

     Pasaron tres anos da morte de Pancha.
     Un dia recibiu Caitano a noticia de que a tia que tiña en Cuba morrera, deixando por herdeira á sua difunta muller, pró que algús parentes andaban urdindo a maneira de anular o testamento.
     Caitano determinouse á poñerse en camiño, según ll'aconsellaban, pra salvar aquela herencia do seu fillo.
     Chamou á Berta e díxolle:
     —Drento de poucos días vou á facer un viaxe algo largo, pois morreum'unha tía, e teño qu'ir ô outro mundo buscal a herencia.
     —Inda vai pra ben lonxe, respondeu Berta, pensando qu'era unha chanza de seu amo.
     —Non-o tomes á risa, qu'ir voume drento d'us dias. Non sei o tempo que tardarei, pró teño confianza en ti e xa che deixarei ó preciso pra que nada che falte namentras eu estou fora.
     —Ai siñor, volva logo, porqu'eu non sei como me vou afacer sin vosté, ou si lle chega á dar mal á Estebiño. Inda é millor que vayamos todos xuntos.
     —Non pode ser, qu'hay que pasar o mar e basta qu'afogue eu sin qu'afoguemos todos.
     —S'hay que pasar o mar, tampouco eu iba,

[p.242]

porque lle teño moito medo a auga, pró non sei como me vou amañar eu sola.
     —Moi ben. Mira, n'esta naveta eiche deixar diñeiro bastante pr'on ano, porque é todo ó máis qu'eu poderei estar por alá, e supoño que non tardarei a mitá do tempo. Por si morro, xa che deixarei nunha caixiña con todo amañado pra que o dia de mañá poida Estebo recramar ó qu'é seu.
     Efeutivamente ôs poucos días chamou á Berta outra volta pra decirlle.
     ?Mañá marcho. Aquí tel-a chave do caixón. Drento deixoche, como vas á ver, bastante diñeiro pra t'amañar co-él, anque tarde ben tempo, con tal de que ó vayas rixindo.
     —D'eso non teña medo, pois ben sabe que non malgasto unha cadela pequena.
     —Ben ó sei, por eso fio tanto de ti, dixo abrindo a naveta.
     D'ela sacou unha caixiña moi bonita, e dándolla á Berta, díxolle.
     —A ver s'abres esa caixa.
     —Siñor, pesa como si fora de ferro macizo. ¿Pró por onde ten o pecho que non llo atopo por ningures?
     —¿Ves esta marquiña?
     —Sí señor.
     —Y-estoutra d'estoutro lado.
     —Tamén.
     —Pois pr'abrir a caixa, hay qu'apretar nos dous sitios á un tempo, s'apretas calquera d'eles non abonda. E facendo esto abriu a caixa qu'estaba chea de moedas d'ouro moi pretas.
     Xa ves, este é o dote d'Estebo, e non quero que llo deas hastra que se case ou que teña vintecinco anos. Debaixo leva as escrituras do que herdou en propiedad, y-encima o retrato de sua

[p.243]

mai y-o meu. Agora vouna cerrar á ver s'a abres ti.
     Berta colleu a caixa cerrada, fixouse ben onde lle dixera o amo qu'apertara, afincou e tamén abriu.
     —Ajajá, dixo Caitano, supoño que non te esquecerás o día de mañá.
     —Perda coidado, e xúrolle que non se lle ha de tocar á caixa hastra que vosté volva ou hastra qu'Estebo teña condiciós pra saber d'ela.
     —Así ó espero.
     Debemos decirlle ós leutores que dende que á Caitano lle morrera a muller, tivera a disgracia de perder tamén á sua mai, de modo que en Lugo non tiña familia ningunha e non tiña tampouco trato cos parentes de seu sogro en Xixón.
     Así é que a o determinarse á entregarlle o fillo á Berta, non solo era pol-a confianza que n'ela tiña, sinon tamén por falta de parentes apropósito á quen poder fialo.
     Iba facer catro anos Estebo, cando seu pai se despediu d'él, cubrindoo de bicos, mezcrados co-as bagoas que lle caían dos ollos.
     Berta recibiu cartas de Caitano durante os pirmeiros seis meses. Dempois non volveu á saber máis d'él, e inda non faltaba quen lle dixese que seu amo morrera.
     A pesar de todo agardou por él en Madrid máis d'un ano.
     Dempois perdeu a espranza e determinouse a irse con Estebo pra Galicia.
     Tan ben rixira o diñeiro que lle sobraba cuasi a mitá do que lle deixaran.
     En Lugo fixo esculcas pra saber d'algún parente de Caitano y-algún atopou, pró por ningún soupo do seu paradeiro.

[p.244]

     Todos eles eran pra saber si lle deixara moito ou pouco o pai á Estebo.
     Berta á todos lles respondía que lle deixara algús cartos pró que se ll'acabaran, e qu'iba á vivir co-èl pra aldea, pois mirábao como fillo verdadeiro, e pr'él non ll'habia de faltar un pedazo de pan.
     Mentras que pensaron que Berta estaba ben de cartos por Estebo, os parentes convidaron-a comer e hastra á vivir co-eles; en canto viron que de certo iba á vivir â aldea, por non ter bastantes cartos, empezaron a negarse y-a aconsellarlle que se marchase pra sua casa, porque traballando nos bes, con algún aforriño que tivese podía ir vivindo.
     Desque a ventaron probe, non lle volveron á dar mais que consellos pra perdela de vista.
     Xa dixemos ô principio d'esta novela como se casou Berta n'aldea, en donde viviu na crenza da morte de Caitano, sin acordarse mais dos seus parentes, porque s'adicou ô traballo bruto de tal maneira, que pasaban anos que non iba á Lugo nin quería qu'o home fose á xunto dos parentes d'Estebo pra nada, porque quedara moi chea d'eles.
     Por esta circunstancia os parentes d'Estebo non sabían nin como s'apellidaba Berta nin onde vivia, como que máis adiante desearon moito saber e non atoparon á naide que lles dese noticia.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega