A estrada románica

Páxina Anterior

VIII. Outras igrexas con pormenores románicos

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1

     A igrexa de Santa Mariña de Agar era nas súas orixes prerrománica, mais foi profundamente transformada e na actualidade tan só conserva a traza da planta e algúns pormenores románicos, como uns canzorriños e un lintel facendo de sillar no muro sur.


     Na Historia Compostelana cítase o lugar de Lagartóns no ano 1108. E nun proceso con data 15 de maio de 1291 noméase a "Petrus Andrea milites de Lagartones". No presbiterio desta igrexa de San Estebo de Lagartóns sobresae, pola súa beleza e orixinalidade temática, o capitel setentrional que nos amosa un raposo (que seguramente viría do verdor cinguido da outra beira do Liñares tras cruzar a Ponte Vella) que vén de pillar unha galiña, tena na boca.

     A ventá do testeiro, o arco triunfal e unha porta no muro setentrional son os máis importantes pormenores desta igrexa que é un claro exemplo da pervivencia, tamén na nosa comarca, das formas románicas do século XIII, o que se coñece como románico serodio.


     Da edición da Historia Compostelana de Henrique Flórez chéganos unha doazón do ano 1114 na que Gundesindus Cidiz deu á Sé Compostelá "in Taberidos quartam partem Eclesiae S. Joannis de Santelta cum adjunctionibus." San Xoán de Santeles conserva do románico a súa portada de dúas arquivoltas e dous pares de columnas. Os arquiños superpostos na arquivolta exterior remítennos ás creacións mateanas. O tímpano é de circos entrecruzados. A data de construcción de San Xoán é de finais do século XII.


     Da primitiva igrexa románica de San Pedro de Orazo doada a Santiago, no 1115, pola raíña Urraca, quedan seis sillares con inscricións, estudiadas por Fermín Bouza Brey nos seus Epígrafes Medievaes da Eirexa de Ourazo. Segundo o restaurador desta igrexa, Rafael Fontoira Suris, estariamos diante dunha importantísima igrexa, aínda por descubrir, construída no sécuo X.
     A igrexa é de planta basilical, de tres naves e unha ábsida de planta cuadrangular. A nave central é o dobre de ancho que as laterais. Segundo Fontoira Suris, a pesares de que o aspecto exterior da igrexa, polos seus muros, a súa portada occidental e a súa torre campanario, parece a típica igrexa galega construída no estilo denominado "barroco compostelá", o seu aspecto interior é moi diferente. Os muros de separación das tres naves conservan casi intacta a súa obra orixinal do século X e asemade conserva seis arcos formeros de medio punto, de similares dimensións, apoiadas en pilastras cuadrangulares con arestas achafranadas.

     San Cristovo de Remesar vén de sufrir un incendio que provocou a destrucción total do retablo e de tódalas imaxes. Estamos, lamentablemente, falando dunha pérdida irreparable do patrimonio histórico e cultural do concello da Estrada. Esperemos —tal e como xa se prometeu— se restaure o máis pronto osible.
     Salvouse das lapas a estructura de pedra da igrexa; San Cristovo, de finais do século Xll, conserva da súa primitiva orixe románica a portada.


     Da igrexa de Santa Mariña de Rivela existe, aínda que eu non sei onde está, un epígrafe fundacional. No eclesiástico ten esta parroquia por filial a Liripio. Na igrexa parroquial de Liripio existe un sino que, segundo crenza popular, ten a virtude de afastar a treboada e os males que esta poida producir, ata o lugar no que poida escoitarse o seu tanxer. Velaí o cantar popular:

Campaniñas de Liripio
Cando empezas a tocar,
Nin que foras un feitizo
Vaise a tronada pr'o mar.

     Foi, precisamente, o crego de Rivela, como recolle Víctor Lis Quibén no seu traballo El conjuro de Ia tronada en Galicia, o que fundiu o primitivo sino que estaba crebado e fixo outro que, aínda que máis pequeno, segue a gozar segundo o convencemento popular, das mesmas propiedades que posuía o sino primitivo.
     De San Andrés de Vea perviven do seu pasado medieval uns canzorriños e un contraforte. Terra de Vea, terra fértil de abondosas produccións agrícolas e de boa xente, como canta o dito popular, que fala das persoas que viven ao carón da Ponte Vea: "Xente de Vea, Deus a dea."

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega