A estrada románica

Páxina Anterior

IX. As pías bautismais

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Unha pía bautismal de granito, dunha soa peza cadrada de oitenta centímetros de lado é a única testemuña que pervive da primitiva igrexa románica de San Andrés de Souto. Esta pía bautismal posúe a seguinte inscrición, seguramente do século XIII, "Fredenandus presbiter fecit fonts et restauravit eclesia vocabula Sancti Benedicti" que, na nosa lingua, quere dicir: o presbítero, Fernando, fixo a fonte e restaurou a igrexa.

     A outra pía románica existente no concello da Estrada conforma a única testemuña que pervive do pasado románico da igrexa de San Xurxo de Bellexia, que así se denominaba Vea cando foi doada no ano 911 polo bispo de Iria, Sisnando, ao mosteiro de San Martiño Pinario. O cardeal Jerónimo del Hoyo escribía, no século XVII, nas súas Memorias do arcebispado... sobre este raro e único exemplar de San Xurxo de Vea: "Hay en esta iglesia una pila baptismal con figura a Ia redonda de brocal de poço con un gran letrero alrededor con tantas abreviaturas que no se aciertan a leer sino muy pocas palabras ...".
     Visitei a igrexa na boa compaña de don Serafín, cura da parroquia de San Xurxo e de Frades, á entrada detémonos nunha inscrición, sita no lintel da porta occidental, que sinala unha reforma feita polo cura Alonso de Novoa Gundín no ano 1746.
     A pía atópase, nunha esquina, no lado esquerdo da porta. Ten forma de cilindro ou dun enorme "brocal de poço" como a describiu Jerónimo del Hoyo. Mide 0'92 m. de altura, 1'20 m. de diámetro e ten unha profundidade de 0'42 m., sendo o seu grosor 0'31 m. Como único adorno ten unha inscrición, entre dúas líneas, de 0.19 m. de longo, con moitos firuletes, que está a 0'39 m. do borde superior.

     A lectura de todo o epígrafe na pía é imposible por estar pegada ao chan con cemento. Don Serafín, gardaba un papel, no que aparece debuxada toda a epigrafía, na que se lé:
     SANCTI SPIRITUS GRATIA PURGAT INFANTIUM CRIMINA. ERA MCLXXXXVIII ET QUOTUM KALENDI IUNII. ORDONIUS DICTUR MAGISTER FECIT.
     (A gracia do Espírito Santo limpa os pecados dos infantes. Calendas de xuño da era 1198, ano 1160. Ordoño, chamado mestre fixo ).
     O epígrafe, amosa unha clara mensaxe didáctica, moralizante, e de adoutrinamento, propia desta época e vennos a indicar a idea que tiñan do bautismo no medievo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega