A poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín

Páxina Anterior

Etapas da evolución poética do autor

Páxina Seguinte

v1forcadelapoesiaferrin003.html
     Parece haber acordo unánime, e nisto non queremos establecer unha nova tipoloxía, ao sinalar a presencia de tres etapas na evolución da obra poética de Xosé Luís M. F.
     Unha primeira etapa de mocidade, que poderiamos ligar ao período existencialista que tamén coincide cos seus primeiros libros de narrativa, Percival e outras historias e O Crepúsculo e as formigas, e que se centraría fundamentalmente arredor do seu primeiro libro Voce na néboa. Esta etapa corresponderíase coa que Carme Blanco denomina, analizando o conxunto da obra ferriniana, "Os anos escuros, existencialismo e vangarda", e que delimita entre 1955 e 1964.
     Un segundo período, que iría de 1964 a 1980, caracterizado polo incremento da belixerancia política durante o que o noso autor vai publicar tres volumes de poesía: A antoloxía popular de Heriberto Bens, o Sirventés pola destrucción de Occitania, libros estes dous publicados logo conxuntamente baixo o epígrafe de Poesía enteira de Heriberto Bens, e Con pólvora e magnolias. Durante este período o autor leva a cabo tamén o desenvolvemento da súa obra narrativa con títulos tan significativos como Arrabaldo do norte, Elipsis e outras sombras e Retorno a Tagen Ata. A esta etapa poderíamos adscribirlle o mesmo epígrafe empregado por Carme Branco, que non é outro que o de "Escrita vermella".
     E, finalmente, unha etapa que chegaría ata a actualidade e que a crítica luguesa epigrafa como "o poder da imaxinación: fantasía, nostalxia e metaliteratura". Este último período estaría composto por unha serie de obras que representan un extraordinario desenvolvemento da creatividade do autor, manifestada en distintos eidos da literatura, tanto a poesía, (onde publica os xa mencionados O fin dun canto de 1982; Homes e illas de 1986; Morte de Amadís de 1990; Erótica de 1992; e Estirpe de 1994) , como a narrativa (con obras tan sobranceiras dentro da súa prosa de ficción como Crónica de Nós de 1980, Amor de Artur de 1982, Bretaña Esmeraldina de 1987, Arnoia, Arnoia de 1985, Arraianos de 1996), o ensaio (en 1984 publícase De Pondal a Novoneyra, que recolle e actualiza a que fora a súa tese de doutoramento), o articulismo (coa serie de artigos asinados baixo o pseudónimo de Dosinda Areses e outros que publica baixo o seu propio nome) e, mesmo, o teatro (en 1983 o grupo Antroido fai unha adaptación de certos textos da súa obra narrativa nun espectáculo denominado Percival e estrea a peza Celtas sen filtro coescrita co grupo de teatro Artello).
     Se os seus inicios literarios hainos que situar no poético dentro, ou cando menos nas proximidades, da denominada por el mesmo como a Escola da Tebra, o certo é que a obra literaria de X. L. M. F. percorre, e mesmo establece, unha chea de correntes e actitudes que preludian ou protagonizan o grande esplendor da tradición poética galega no final do século XX.


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega