A poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín

Páxina Anterior

A escola da tebra

Páxina Seguinte

v1forcadelapoesiaferrin004.html
     A Escola da Tebra vai estar constituída polas obras dun reducido grupo de autores, sendo en moitos casos estes libros o primeiro velar de armas de cabaleiros que estaban destinados a outros destinos na xesta literaria.
     A producción poética da Escola estaría formada, sen ánimo de sermos exhaustivos, polos seguintes libros:
     Muiñeiro de brétemas de Manuel María.
     Fabulario novo de Manuel Cuña Novás.
     Morrendo a cada intre de Manuel María
     Advento de Manuel María.
     Poema do home que quixo vivir de Bernardino Graña.
     O que se foi perdendo de Ramón Lorenzo Vázquez.
     Voce na néboa de Xosé Luís Méndez Ferrín.
     Acoitelado na espera de Alexandre Cribeiro.
     Bandeiras Neboentas de Raimundo Patiño.
     Entre o si e o non de Xosé Luís Franco Grande.
     A Escola da Tebra será unha escola poética na que serían moi perceptibles os mesmos ecos existencialistas que van vertebrar o primeiro amañecer do que se chamará Nova Narrativa Galega e que podemos percibir en textos narrativos como Vento Ferido de Carlos Casares ou O crepúsculo e as formigas de X. L. Méndez Ferrín. Este mesmo ambiente estaría, por certo, exercendo o seu dictado en A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e tamén estará presente en obras como O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro, sobre todo na parte inicial, onde o ton resulta máis emotivo e pesimista.
     Co paso do tempo, esta mesma actitude inquisitiva a propósito da existencia e dos problemas espirituais básicos do home, cederá preponderancia dentro do discurso a un texto máis comprometido co entorno social e político, abandonando as posicións levemente evasivas de carácter metafísico e levando así á Escola ao seu propio esmorecemento. Trátase dun proceso evolutivo moi semellante, como se pode ver, ao que vai seguir a Nova Narrativa Galega, no que desde unha fase de inicio na que salientan os temas de índole existencial, logo de atravesar unha fase intermedia na que prima o experimentalismo literario e o obxectalismo de orixe francesa, se pasa a unha etapa final na que a alegoría política abre o camiño para outro tipo ben diferente de literatura.
     En palabras de Miguel Mato Fondo: "A poesía da Escola da Tebra clama contra a inxustiza de tanta dor, de tanto horror revirado contra a humanidade, nun dramático discurso contra a mesma inxustiza da existencia. Mais o conflicto íntimo foi derivando cara a tensión entre o individual e o colectivo, e tería como saída a denuncia e o berro inconformista, nun progresivo avance cara á voz colectiva e o compromiso político. Este compromiso semellaba obrigado pola realidade social galega. O poeta descobre o país, apreixa a realidade que existe arredor del e faina materia poética. Parece existir unha evolución entre natural desde o estado de conciencia desconforme co mundo que nega a liberdade, ao berro crítico ante o estado social, no progreso cara á conciencia crítica como expresión vital e poética. De todas formas, o descubrimento da realidade do país non era un tema novo na literatura galega. Estaba ben presente desde o século XIX. E a fins da década dos cincuenta do noso século, aparecía tamén na poesía da diáspora que escribe a dolorosa epopea da emigración e do exilio político, invoca a patria perdida, os amigos asasinados, de forma épico-realista. L. Seoane (Fardel do exiliado, 1952; As cicatrices, 1959) e L. Varela mostran unha tensión épica protagonizada non por heroes significativos, senón por xentes humildes, por masas de traballadores. É a verdadeira crónica da Galiza americana que traballa na construcción da ponte de Brooklin, a do pintor exilado que recorda o ar gris das remotas paisaxes, a visión de Galiza como un xigantesco barco".
     Forxado na estética desta mesma escola, pero con características peculiares que o fan salientar por un achegamento paulatino a outros presupostos estéticos, que axiña veremos, xorde o grupo Brais Pinto composto polo propio X. L. Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Alexandre Cribeiro, entre outros. Convén sinalar, pois, que se trata dun grupo, formado por estudiantes de Letras que vivían por entón en Madrid, que baixo o patrocinio de Xosé Ramón Fernández Ojea, Ben-Cho-Sey, levou a cabo unha intensa actividade cultural e literaria e no que os seus membros se inclinan por distintas opcións poéticas. Así, mentres Raimundo Patiño, basicamente un pintor, escribe en 1959 Bandeiras neboentas, publicado serodiamente en 1992, un libro de poemas rupturistas, de sintaxe e ritmo entrecortados nos que se combinan o verso e máis a prosa, centrados tematicamente no tema da morte, a angustia existencial e o amor e a saudade abeirada como concepto metafísico, Alexandre Cribeiro publica Acoitelado na espera, un libro no que se mestura a imaxe surrealista coa temática existencialista máis desacougada, o neo-romantismo e a denuncia social. Diriamos, por tanto, que non todo Brais Pinto seguiu as consignas da Escola da Tebra aínda que moitos dos seus membros fixeron substanciosas aportacións á Escola.
     Sobre a actitude rupturista e a vontade de renovación da poesía galega do seu tempo, o propio autor ten dito que:
               Na poesía nós sabemos que está Jack Kerouac. Temos revistas do movemento beatnik e observamos
          que o  movemento existencialista e surrealista produce determinada materia poética que en Galicia non ten ningún
          tipo de repercusión. En Galicia segue vixente a cantiga cunqueiriana, o cal resulta absolutamente insoportable
          naquel momento, como todo Cunqueiro en xeral. Cheiraba a tarta, ¿non?, a tarta de crema. A literatura que se
          facía en Galicia parecíanos atrasada, decadente, feble; non tiña nada que ver co que o noso tempo esixía, co que
          se pedía. Por outra banda, tampouco aceptabámo-lo realismo social da literatura española: detestabamos a Cela
          moito máis que Cunqueiro. [Salgado E Casado 1989: 91].
     Con todo, e mesmo contradicindo o que parece terse convertido nun tópico da crítica ao respecto, a etiqueta de Escola da Tebra fica un pouco constrinxida para situarmos a vontade estilística e temática do primeiro volume do noso autor, toda vez que nel aparecen os primeiros sinais da súa peculiaridade creativa, encontrando no ton épico-lírico un rexistro que demostrará co tempo ser unha das claves persoais máis salientables.
     O propio poeta ten comentado, á hora de analizar os inicios da súa producción poética, que
               Por aqueles anos levaba escritos moitos contos e moitas poesías; os contos decidinme a publicalos en
          Percival e outras historias, pero a poesía non me decidía a editala, realmente por autocrítica. Entón, o que fixen
          foi unha selección de poemas pola miña conta e publiquei estes sete poemas que compoñen Voce na néboa na
          colección Alba de Vigo no ano 1957. Voce na néboa é unha escolma dun conxunto moitísimo máis amplo que se
          titulaba A xuntanza do piñeiro derrubado, no que aparecían catro trobadores, cada un cun nome diferente e que
          se xuntaban a carón dun menhir roto, que era o piñeiro derrubado. E alí facían unha asemblea e cada un cantaba
          dunha maneira diferente; é máis, eran coma heterónimos: un cantaba dunha maneira e o outro doutra; un tiña un
          tipo de voz e o outro, outro tipo de voz diferente. Pero iso constituía un libro longo e aquilo parecíame fóra de todo
          tipo de moda, excesivo e inaceptable e, entón, seleccionei sete poemas e iso constitúe Voce na néboa.
          [Salgado E Casado 1989:199]
     Para Xosé Manuel Salgado, que se ten ocupado da análise desta parte da poesía ferriniana:
               Nesta obra de temática moi intimista e imaxinativa, Méndez Ferrín introdúcenos no seu mundo poético.
          Un mundo denso, místico, cargado de símbolos e erguido sobre unha arquitectura lingüística constituída por
          símbolos e sonidos, onde a carga afectiva e lírica non deixa de estar nunca asociada a un clima de
          preocupación social.[Salgado 1985, 88]
     Diríamos que xa neste primeiro poemario Ferrín investiga o rexistro épico-lírico, asentando unha serie de recursos temáticos e formais que van logo ser recorrentes ao longo de toda a súa obra, nun xogo de intertextualidades coas unidades do propio corpus, non só poético senón tamén narrativo, moi característico do autor.
               A preocupación político-social, presente sempre na obra de Ferrín, vai ter cabida xa neste seu primeiro libro
          de poemas. En Camiño de loita vemos reflexado o ímpetu de dous loitadores no momento en que van
          enfrentarse cunha forza - "rebaño de elefantes"- moito máis compacta ca súa propia, mais non por eso recúan.
               No devandito poema, a intención do poeta é marcadamente social e concienciadora, de oposición directa a
          un status do seu mundo imaxinario, que o fai tomar participación activa, todo o contrario do que ocurría noutros
         poemas, como o anteriormente citado, Oración ao pé do monte, no que, aínda sendo distinta a motivación, o poeta
          refúxiase nunha especie de estoicismo derivado dun sentimento de impotencia. Ferrín adoptará de aquí en diante
          o tono épico como tratamento imprescindible. [Salgado 1985: 88]
     Voce na néboa combina, pois,
               Nun versolibrismo de tendencia hendecasilábica e recorrentes aliteracións, o pesimismo existencial de tintes
          surrealistas co persoal selo da fantasía primitivista e certos motivos dialécticos que anticipan o seu programa
         estético posterior: a opresión e a liberación, a fugacidade do tempo e a nostalxia, o amor e o desamor, e a
          soidade e a solidariedade, vertebrados en torno á violencia, ao exotismo, ao mito e á épica. [Vilavedra 1995: 383]
     Varios anos despois, no marco do seu poemario de 1982 O fin dun canto o poeta rememorará este seu primeiro poemario nun texto de igual título nun xogo de auto-referencias que forman parte intrínseca da súa maneira de comprender o conxunto da súa obra, creando así unha arañeira de intertextualidades cos seus textos anteriores que a fan en ocasións intencionada e peculiarmente críptica:
     "Póñenlle a Togor Fraa dentes as rochas /o mar escacha pra el fervor de pratas incendiadas /érguese témero o cómaro da ausencia /nubes escuras pasan como gando / a coruxa é un pano de estameña branca /entre a ramaxe dun bosco /pon leite xeado a lua nas penedas nostálxicas"


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega