A poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín

Páxina Anterior

O compromiso

Páxina Seguinte

v1forcadelapoesiaferrin005.html
     A segunda fase da producción poética ferriniana estaría constituída polos poemas que escribe para a unha serie de revistas de resistencia cultural e política ao franquismo que non sempre teñen a difusión que sería de desexar, cando menos nos circuítos de distrifución convencional, pero que, sen embargo, circulan de man en man, de boca en boca, entre elas Claraboya de León e Si la píldora bien supiera, no la doraran por fuera, onde publica tamén Novoneyra o seu Vietnam Canto e mesmo en La ilustración española e hispanoamericana de Jesús Munárriz ou en La Trinchera de José Batlló.
     Finalmente os poemas de Heriberto Bens son recollidos na antoloxía de Montevideo de 1972 que leva por título Antoloxía de poesía popular, máis tarde completada Sirventés pola destrucción de Occitania para dar o volume da Poesía enteira de Heriberto Bens.
     Sobre as características desta poesía, que algúns críticos teñen situado ao abeiro da estética do realismo social, o propio autor ten manifestado que:
               Eu nunca quixen facer unha literatura coma Celaya nin coma a que facía Curros; máis ben quixen facer
          unha literatura que non fose tan explicitamente social. Agora, neses poemas si que me propuxen unha
          mensaxe política moi clara, a partir do primeiro poema desa serie que se titula Roi Xordo, escrito no ano 1963,
          ó mesmo tempo que o Cancioneiro de Pero Meogo. Ese poema escribino lendo a traducción dun fragmento do
          Leabhar Gabhala que Otero Pedrayo fai na revista Nós. Estiven observando como se facían as concatenacións
          célticas e logo, cando estudiei a épica céltica, vin que terminaba un verso coa mesma palabra coa que
          comezaba o seguinte, de maneira que se vai producindo un entrelazo, un entrelazo semellante na plástica ó
          entrelazo celta e ó vikingo; entón dixen eu: aquí podíase facer un poema épico galego social e a ver como
          queda. En realidade, foi un experimento lingüístico e, para o meu gusto, quedou ben; logo, convencinme de que
          isto xa non se podía repetir, que había que deixalo así.[Salgado E Casado 1989: 219-220]
     Aínda que coincidente na actitude de denuncia da realidade circundante, na crítica do estado de cousas, na vontade de espallamento dunha ideoloxía que fose alternativa de solución para a Galicia do franquismo, e que coñecemos baixo o epígrafe de "nacionalismo de esquerdas", a poesía de Ferrín desta época márcase un distinto obxectivo: a da procura da calidade. Así, o propio autor sinala que:
               Mao Tsé-Tung dicía que unha poesía social ou política, por moi boa intención que teña, se non é unha gran
          poesía é unha poesía contrarrevolucionaria. Creo que está dito por Mao Tsé-Tung dunha forma clara. E Phan Van
         Trong, o presidente de Vietnam, un grande intelectual e excelente poeta por certo, coma Mao, recomendáballe ós
          ovos poetas vietnamitas dos anos 60 ler a Baudelaire. É dicir, hai que ler a Baudelaire, hai que coñecer algo das
          literaturas estranxeiras, non só a española, hai que ler a Dante, a Petrarca e, sobre todo, unha cousa tan
          elemental como coñecer a literatura galega. Unha boa parte dos escritores galegos, aínda hoxe, desprecian
          cordialmente a tradición literaria galega; despréciana, moitas veces porque non a coñecen; guían as súas lecturas
          e as súas afeccións polas páxinas literarias, hoxe de El País, onte de Triunfo. Ó despreciar a literatura galega e
          ó non investigala, prodúcense entón esas crebas de sentido tan profundo na súa obra. [Salgado E Casado 1989:
          222]
     Se como estamos a ver, a etiqueta de Escola da Tebra non canxaba perfectamente cos presupostos estéticos da primeira obra ferriniana, tampouco a etiqueta de social-realismo vai ser a máis adecuada para describir o seguinte período da súa escrita, toda vez que, como ten afirmado Carlos L. Bernárdez:
                    A partir dos 60 boa parte da renovación poética galega pasa pola obra dos membros desta xeración, aínda
          que en certa altura o seu papel poida verse aparentemente contestado pola hexemonía da estética socialrealista
          que se impón como moda despois da publicación en 1962 da Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro.
          Esta tendencia innovadora é manifesta na obra de Méndez Ferrín (Antoloxía popular) na que se mestura influxo
          beat con surrealismo, expresionismo, poesía céltica. Tamén é ben visíbel en textos de Novoneyra como "Letanía
          de Galicia" ou "Vietnam canto", nos que salientan os xogos tipográficos e mais o experimentalismo de influxo
          eat. Esta actidude de preocupación constante por anovar o discurso literario fará que poetas desta xeración teñan
          un sobranceiro papel cando o esgotamento do socialrealismo impoña novos rumbos á poesía galega a partir da
          metade dos 70, entrando moitos deles en diálogo coas promocións máis novas e sendo nalgúns casos os seus
          libros (pénsese na obra de Méndez Ferrín) decisivos na configuración da poesía galega dos 80. Outros exemplos
          serían os de Luz Pozo Garza ou o de Avilés de Taramancos, poeta que vai desenvolver a súa obra en estreito
          contacto coas novas xeracións logo dunha longa estadía en América, lonxe de toda relación co lector galego.
          [López Bernárdez 1994: 8]
     Sobre o libro que Ferrín publica coincidindo co remate do franquismo e o inicio da chamada "transición" tense dito case todo, constituíndo de feito a obra á que a crítica ten dedicado unha maior atención analítica. Con pólvora e magnolias constitúe hoxe por hoxe o volume de referencia de toda a obra ferriniana e non deixa de ser coherente coas propias características do autor o feito de que sexa na poesía onde teña colleitado os seus maiores éxitos.
     Tal e como ten sinalado Iris Cochón:
               Dialéctico vai ser todo o volume, dende o momento en que xira en torno a dúas razóns: a pólvora, isto é, a voz
          política combativa que podemos relacionar coa épica, e maila magnolia, que simboliza o sutuoso rexistro
          intimista e nostálxico relacionado coa lírica. Entre ambas as posibilidades, a voz solidaria da pólvora e maila
          solitaria da magnolia, vai establecerse un diálogo, na busca dun acordo no seu aparente desacordo. Fixémonos,
          e isto resultará fundamental no cambio de rumbo que se lle atribúe ao poemario, en que non se trata de escoller
          entre as dúas posicións, senón de integralas, como adianta a preposición de apertura: Con. Dalgunha maneira, e
          esta é unha recepción moi estendida dende o tempo da publicación, tal ensaio de complementariedade constitúe,
          de parte dun dirixente da Unión do Pobo Galego, unha resposta poética e política á que se consideraba posición
          comunista oficial, a do PCE, representada en títulos como Entre el clavel y la espada de Rafael Alberti, onde se
          inclúe idéntico debate con resultados ben diferentes. Pode argüírse, non sen razón, que a posición da UPG sería
          a da Antoloxía Popular de Heriberto Bens, pero non é menos certo que o limitado da súa difusión no noso ámbito
          levou á consideración de Con pólvora e magnolias como o verdadeiro fito desta corrente, sen entrarmos na menor
          irregularidade estética do conxunto. [Cochón 1997: 27]
     O propio Xosé M. Salgado, ao falar da transformación que se opera na perspectiva das voces que levan a cabo o canto en Con pólvora e magnolias ten sinalado que:
               Case tódalas composicións que aparecen no libro, caracterízanse por unha visión da vida moito máis
          amarga e desesperanzada. Aínda que os temas son os mesmos de obras anteriores -a morte, os recordos
          perdidos, os patriotas mortos, etc.-, o poema vólvese máis complicado en canto ó seu significado, forma e
          intención. Xa non é algo lineal, facilmente asequible e doado de comprender, cun obxectivo trazado que ten
          que cumplir no seu desenvolvemento, senón que enche os seus versos de alusións alleas ó tema que está
          a tratar, cargándoo de resonancias culturais, que, as máis das veces, non parecen vir a conto. O que si reflexa,
          claramente, é unha meirande inquedanza universalista, bastante lonxe, por outra banda, do receptor que nun
          primeiro momento tiñan as súas mensaxes poéticas. [Salgado 1985: 88]
     No Ferrín posterior a 1976 prodúcese unha síntese entre os dous paradigmas anteriormente predominantes: o realismo social que encontrará o seu mellor fetiche en Celso Emilio Ferreiro, e o culturalismo evasivo de Álvaro Cunqueiro.
     Tal e como ten escrito Carlos L. Bernárdez:
               Tense insistido, ao noso ver en exceso, na importancia de Con pólvora e magnolias ou Mesteres como           responsábeis case exclusivos da renovación poética dos oitenta. Cremos que a poesía que xorde en Galicia           desde finais dos setenta é producto da confluencia de factores moito máis variados, un deles o papel de autores
          a Xeración dos cincuenta e mesmo do 36 que aportan libros que colaboran decisivamente ao cambio de
          orientación da lírica galega. É obrigado salientar a publicación en 1980 do derradeiro poemario de Álvaro Cunqueiro
          Herba aquí e acolá, texto que vai impactar fortemente ea moitos autores dos oitenta. No libro, como ten sinalado
          Xosé María Álvarez Cáccamo, aparecen recursos técnicos que aproximan a obra do último Cunqueiro cos poetas
          que se estreaban a comezos da pasada década, culturalismo, discurso coidadoso sobre soporte
          fundamentalmente musical, sintaxe flexíbel, ton confidencial propio da poesía da experiencia, son parte deste
          código común.
     Méndez Ferrín en Con pólvora e magnolias comparte procedementos análogos aos agora referidos, nunha toma de posición por facer unha literatura formalmente avanzada sen abandonar a radicalidade do contido político nin caer na elementalidade que manifestaba a dicción socialrealista. Pero o escritor, ademais da revisión e o contacto coa tradición e o presente da poesía galega, bebe en fontes abertas pola súa curiosidade e a súa formación, a literatura europea, portuguesa, hispanoamericana, que xunto con factores como a formación lingüística fan que se individualicen as vías poéticas a seguir. A partir de 1976 xorden os primeiros colectivos, o máis importante o Grupo de Comunicación Poética Rompente (Reixa, Avendaño, Romón e Valdehorras) froito do contacto de poetas novos como Antón Reixa ou Alfonso Pexegueiro. E como testemuña de primeira man deste proceso, Méndez Ferrín explicaba, nun artigo publicado no Diario 16 de Galicia, así o seu xurdimento: "Arredor de 1975 houbo asembleas multitudinarias de poetas novos, axitados principalmente por Reixa e Pexegueiro, ás que acudían todos os que se atopaban á mao, e nas inmediacións políticas da AN-PG; algúns vellos (Bernardino, Novoneyra, Manuel María, eu...) tamén apareceron algunha vez ou moitas veces. Alí cociñouse unha ruptura e un troco de sentido da poesía galega. Alí naceu Rompente, grupo de comunicación poética."
     Este proceso terá como froito o primeiro poemario de Pexegueiro, Seraogna, e mais o libro colectivo Silabario da turbina, texto provocador, lúdico, rupturista, no que se asume e reivindica a vangarda e a contracultura. Co selo de Rompente sae tamén Con pólvora e magnolias. Vinculada en parte á figura de Pexegueiro xurdirá tamén a obra de Vítor Vaqueiro. [López Bernárdez 1994: 9]


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega