A poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín

Páxina Anterior

O poder da imaxinación

Páxina Seguinte

v1forcadelapoesiaferrin006.html
     A nova etapa de creación do noso autor iníciase en 1980 co volume de contos, extraordinario por varios motivos, Crónica de Nós. Diríamos que hai unha serie de fíos que a crítica aínda non ten aclarado suficientemente, que ligan a obra narrativa e a obra poética. De tal xeito que Crónica de Nós non se comprenderá sen o precedente de Con pólvora e magnolias, onde residen moitas das súas claves, do mesmo xeito que o seguinte poemario, O fin dun canto de 1982, tampouco se comprende sen a presencia de Crónica de Nós. Trátase en palabras do propio autor, do primeiro poemario escrito con vontade de unidade, lonxe dun simple amoreamento de textos de características máis ou menos diferenciadas.
     Composto por tres partes de distinta intención e tonalidade, "Salutación ás aigues", "Sombra de marbre e viño" e "As escuras estancias", o poemario parte da apelación aos deuses do pasado, introducindo o tema da trascendencia relixiosa que se desenvolverá ao longo de todo o libro para ser negada.
     "E xa que sei amar con desespranza /o adeus atroz do outono / e odio as primaveras / convocando erectas solucións de estanques e columas irtas, /podo eu celebrar o cínico morrer e rexurdir dos deuses / creados pra confirmar ao labrego e máis o hórrido señor / no inmutábel retorno das flores e dos froitos"
     As mencións de Eliot, Paul Valéry; a glosa do salmo "Oh Ierusalem, se eu te esquecer / que seque a miña man dereita / e a lingua se me funda co paladar"; o compromiso coa loita dos países do terceiro mundo e a súa igualación coas loitas de Irlanda e de Galicia, "Convosco Irlanda poboada de ventos sombras e raíces / queimando o mundo en Derry e no Bogside / e Galicia ateigada de millos nos socalcos de vran" ou a presencia dun poema como o titulado Mogor que preludia xa pola linguaxe e a temática o posterior Estirpe "Espiral guía nosa nai emblema / circuito solsticio grande insecto / aparición de aquel abrente cáustico / NO QUE O SOL É CRIADO CADA ANO / e comparece con toniñas portadoras do xasmín en cada ollo" e a asunción do ateísmo e, por tanto, da imposibilidade de transcendencia que observamos en Tito Lucrecio Caro "Besta irmá, certo que non hai cousas por derriba das cousas /e o terror dos deuses é unha braña seca /e temos que vencer o poder impuro /e amar a paz de bronce e azul espera" son algunhas das pautas propostas na primeira parte do libro, continuada logo por unha "Sombra de Marbre e viño" onde se desenvolven os poemas máis líricos, máis intimistas, e tamén máis tradicionais desde o punto de vista formal e temático.
     A parte final, denominada "As escuras estancias" combina poemas de moi distinta raíz, desde os poemas de homenaxe a camaradas e lugares, aos poemas en que a procedencia evidente, aínda que disfrazada, convérteos en fermosas homenaxes e, ao mesmo tempo, reconstruccións dos grandes tópicos da literatura universal. Referímonos, especialmente, ao titulado "A un meu fillo" en que se renova o que poderíamos denominar "tópico do regreso", presente, por exemplo, en Kavafis pero tamén en Ronsard, por citarmos unicamente os máis evidentes e que máis adiante sinalaremos entre as principais características da súa poesía baixo o epígrafe de "representación da intertextualidade".
               En 1986 edítase no cartafol titulado Homes e illas (Vigo, Deputación de Pontevedra, 1986) un poema sobre as           Cíes en homenaxe ao pintor Lodeiro, de quen se inclúen cinco gravados xunto cun prólogo de Marisa Sobrino           Manzanares. A composición en versos alexandrinos é tamén un recorrente homenaxe a Manuel Antonio e un canto           á presencia material das illas pero tamén aos misterios abisais que a mente humana proxecta nelas, pois           permanecen como símbolos polivalentes na nostalxia do refuxio que encerran e na atracción irresistible cara a soa
           final verdade que gardan.
               En 1990 publícase na Colección Tabelaría barcelonesa o poema Morte de Amadís (Barcelona, Antón Agra,
          s. d.) con gravados de Alberto Carpo. O libro desenvolve o tema abismal da vellez e a morte, a través da
          reinvención dun episodio do mito cabaleiresco devandito que xa fora parcialmente recreado en prosa polo autor.           Desta maneira, asistimos ao momento último no que o heroe se deixa ir no definitivo labirinto sen fin e sen principio           das fluviais augas mortas dun Arnoia que discorre nunha nova Brocelandia.
               E en 1991 aparece, con pinturas de Francisco Leiro, a obra Erótica (Ourense, Eloy Lozano, 1991), un conxunto           de oito composicións que abordan o transcorrer estacional do mundo de Eros, ao xeito de lúdica arte amatoria en           estampas fragmentarias de unións e diálogos de amantes. Esta última obra presenta unha linguaxe rupturista e de           collage en estreita comuñón temática con moitos dos motivos da prosa deste momento, que encontramos tamén
          en boa parte dos poemas da serie "Buscalque", "Despedida de Castro Laboreiro", "En las orillas del Sar", "Quai
          es Brumes" e "Sorga" publicada no Boletín Galego de Literatura (Méndez Ferrín, 1992: 150-154) e posteriormente           incluídos en Estirpe.
               [Branco 1993: 25]
     A seguinte obra publicada por Ferrín vai ser Estirpe de 1994
               O volume desenvolve unha evolutiva recreación da historia da patria oprimida, entendida esta en todo
          momento como cifra e paralelo da historia propia, quer do falante lírico quer do lector implícito, e así mesmo
          como exemplo da problemática das periferias, rescatada nos últimos anos polos estudios poscoloniais.
          Próximo, pois, á narración épica, da que proceden tanto as solemnes salmodias e o arcaísmo ritual coma as
          fecundas implicacións ideolóxicas e didácticas que se van establecendo, o amplo volume benefíciase, así
          mesmo, da relación de identificación co referido que provocan todas as variantes do discurso histórico.
               Definido polo escritor como "un manifesto en petición das raíces e sustancias ancestrais", o libro, opoñéndose           tanto ao pensamento posmoderno da fin da historia coma aos estereotipos provenientes do poder que a condición           periférica impuxo ao coñecemento da identidade nacional, desenvolve un esforzo cognitivo para restaurar a historia           comunitaria para enlazar pasado e presente. [...] Se a serie inicial construía un arcaico e perturbador mundo           ficcional, combinando as noticias sobre Galicia tomadas da historiografía clásica coas figuracións e as lendas do           imaxinario popular autóctono, a outra gran epopea do volume, desenvolta na serie "Quai des brumes", ten na           elusión, a transducción e as técnicas fragmentarias máis avanzadas, a súa base. Mesturando a intrahistoria cos           libros de aventuras da mocidade, o conxunto, que crea unha xeografía fantástica poboada por personaxes literarios           e reais, navíos históricos e naufraxios famosos, preséntase na clausura como relato ficticio narrado nas tabernas           mariñeiras da ría viguesa, co que se abre á liña máis persoal do volume. [Vilavedra 2000: 189-190]


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega