Artigos gastronómicos

Páxina Anterior

"Ósos de San Froilán"

Páxina Seguinte

Artigos de gastronomía

     Chega un a Lugo e todo e un recender a polbo cocido, que a cidade vive a súa festa grande, na que honra a San Froilán, natural da mesma.
     Entre tanta troula de casetas e barracas, o ir e vir á comer o polbo e a carne ó caldeiro, acompañados dun bo tinto da Ribeira Sacra, a ninguén lle queda un minuto para lembrar que despois desta festa, a máis grande das do outono galego, veñen datas de recollemento e lembranza dos que xa non se atopan entre nós.
     Novembro, Santos no calendario máis popular, comeza co día de defuntos, data triste para case todos, a pesar do cal non faltan nas mesas galegas as larpeiradas propias do tempo, como son os ósos de santo.
     Tiña para min que era esta unha tradición moderna en Galicia, e seguramente importada doutras partes de España, pero vexan por onde atopo en La Voz de Mondoñedo do 29 de outubro de 1904 un anuncio de La Dulce Alianza, confeitería que aínda existe en Mondoñedo, no que se anuncia que "En esta acreditada confitería se pondrán a la venta, desde mañana domingo, los tan exquisitos buñuelos de viento y huesos de santo, propios de la temporada". Velaí que a tradición ten xa, polo menos, un século.
     Pero o obxectivo destas liñas non son os ósos de santo sen máis, senón un doce que non se fabrica nin consume en Lugo, que eu saiba, anque levan o nome do patrón da cidade: Ósos de san Froilán.
     Poden atopar a receita nun libro estupendo titulado "Los dulces de las monjas" do que é autora Sor María Isabel Lora, monxa e cociñeira do mosteiro das Madres Dominicas de Nuestra Señora del Rosario, de Daroca (Zaragoza). Segundo explica na introducción, as receitas fóronlle transmitidas por súa mai na vila natal de Manchones, tamén na provincia de Zaragoza.
     Os ósos de San Froilán que non ofrece a monxa fanse cunha masa de fariña, lévedo, ovos, azucre e reladura de limón, amasado ata ter unha pasta fina. Unha vez léveda, fanse boliñas con esta pasta e estíranse, facéndolles unhas marcas pouco profundas, para que se abran ó fritilas en abundante aceite. Unha vez fritos, os ósos de San Froilán salfírense con azucre moído.
Non sería mala cousa que algún pasteleiro da cidade probara a fórmula.


Publicado en El Progreso o 13 de outubro de 2004

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega