Por algún motivo tódalas datas destacadas no
calendario teñen asociado o consumo de alimentos ou bebidas
específicas que, moitas veces, están tan asociadas a esa época do ano
que non volven á mesa ata pasados doce meses.
Chega a Semana Santa e chegan as torrixas a
moitas mesas domésticas e tamén, como non, ós escaparates de
confeiterías e cafeterías. É ben certo que en moitas zonas de Galicia
as torrixas xa aparecen no Antroido, pero noutras zonas da nosa terra, a
semellanza do que sucede en boa parte do resto de España, as torrixas
son practicamente exclusivas desta semana. Estas torrixas non son máis
que pan remollado en leite (ou en viño tinto, como prefería
Cunqueiro), pasado por ovo, fritido en aceite e espolvoreado de azucre e
canela.
En Galicia temos unha receita tradicional moito
máis orixinal, e para min máis saborosa, que emprega exactamente os
mesmos ingredientes: as chulas.
Na Mariña de Lugo prepáranse as chulas con
pan duro, que se pica en anacos ben pequenos (sen chegar a sen pan
relado) e se mestura con ovos batidos. Ponse a tixola ó lume con aceite
para fritir e, ó seu lado, unha cazola con leite, azucre e canela,
tamén ó lume. A masa feita co pan picado e o azucre vaise fritindo a
culleradas e, unha vez ben escorridas do aceite, póñense no leite, no
que se deixan ferver un pouco. Así amañadas, as chulas pódense comer
quentes, mornas ou frías, cada un ao seu gusto. Ponse unha ou dúas
chulas, ou máis, no prato, e bótase algo do leite no que coceron, e
cómense collendo coa culler un pouco de chula e un pouco de leite.
Exquisitas.
Lembro ter lido, hai ben anos, unha entrevista
ó escritor do Valadouro, Manuel Lourenzo, no que lle preguntaban sobre
as cousas que botaba de menos: "as chulas que facía miña
avoa" foi a súa resposta. Lamentablemente, non lembro ter visto
esta sinxela e exquisita receita galega na carta de ningún restaurante
nin no escaparate de ningunha pastelería.
Publicado en El
Progreso o 22-3-2005
|
|