Crónicas desde a India

Páxina Anterior

Poucas mulleres na política

Páxina Seguinte

v2mariareimondezcronicasdesdeaindia011.html

     Hai momentos en que unha semella quedar atordada ao final do día. En retrospectiva véxome saíndo a cámara lenta das casas e dos suburbios, como se o mundo me pesase toneladas nas costas. Os meus pés ralentizados levantan o pó que sobe en lixos visibles por entre os pregues do meu sari. Normalmente a luz da fin do día está impresa na miña caluga e as pálpebras pechan máis despacio na dor a esa velocidade. Os suspiros a cámara lenta parecen máis un resoprar coa sobrecarga... Pero logo, pouco a pouco, as impresións van pasando da lentitude a unha velocidade normal. E aquilo que tanto me pesaba convértese en combustible ecolóxico. Cando chego á oficina xa foron crecendo na miña cabeza os pasos e os plans. Véxome capaz de poñelos en marcha.




Excelencia sanitaria


     Hai uns meses organizamos un campo de saúde reprodutiva para as mulleres do proxecto. As mulleres rara vez comentan temas relacionados coa sexualidade, e en cousas tan básicas como a menstruación, as rapazas acaban preguntándolles ás amigas porque non teñen nin idea do que lles pasa. Ata o campo de saúde reproductiva, as rapazas nin sequera sabían o que era unha compresa. Usaban os mesmos panos que en Galiza hai uns cincuenta anos. Manter as mulleres ignorantes con respecto ao seu corpo e á súa sexualidade é unha garantía de éxito para o patriarcado.
     As mulleres adultas teñen eses mesmos problemas e outros engadidos, relacionados coa actividade sexual. Mutalakshmi quería saber por qué non tiña descendencia. E a xinecóloga díxolle que tiña que ir á consulta médica. Dixéronlle que tiña o útero demasiado pequeno para concibir e que tería que agardar uns anos. A min pareceume unha explicación algo estraña para unha muller de 25 anos. Así que seguín preguntando. O médico fora capaz de darlle esta información con mirarlle aos ollos. Un acto máis de excelencia sanitaria.




O pechado camiño cara á política


     Chégame con dúas preguntas e mirarlles aos ollos. Pódese ver o interese, a necesidade de saber. Algunhas veces son mulleres das clases de alfabetización. Outras beneficiarias dos grupos de aforro. Samsat, que sabe ler, contaba con detalle o aprendido no campo sanitario. A súa máxima ambición, estudar. Iso que ten 25 anos e non rematou a primaria. Hai posibilidades de entrar na universidade nesas circunstancias, comentámoslle.
     Pero ela coloca o pallu do sari tapando o pelo, engánchao detrás das orellas e di coa boca pequena que a súa sogra nunca lle permitirá estudar. Non pode saír da casa máis do que a familia política considera estritamente necesario. Cando lle pregunto qué lle interesa estudar di que política. Tamén lle pregunto se quere que falemos coa súa sogra pero nega enerxicamente coa cabeza. Que alguén veña preguntar agora por que hai poucas mulleres en política.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega