Panju Kidanu non é un sitio fácil para
traballar. Nin sequera outros dalits queren achegarse á
comunidade. Son os que limpan as latrinas e recollen a man o lixo
da cidade. Malia ter traballos do propio Concello e uns ingresos superiores á media dos
outros suburbios, a súa situación é igualmente precaria. Na rúa os homes alcolizados
esbardallan sen sentido. A taxa de abandono escolar tamen é importante.
Sen embargo non queremos deixar Panju Kidanu. As mulleres crearon xa
tres grupos de aforro. Krishnaveni é integrante dun deles. Como as demais, aforra 55 rupias ao
mes, está casada e ten dous fillos dos que se sente moi orgullosa. Sabe ler e escribir o suficiente.
E está disposta a acudir ao concurso de danza que imos organizar a final de mes para as mulleres do suburbio.
A súa é unha historia de esforzo como a de moitas mulleres coas que paso o tempo estes días.
A única diferencia é que Krishnaveni é xorda. Para ela as mulleres son un dedo sinalando o nariz
(onde se leva o pendente) e os homes un aceno de bigote.
Mensaxe na botella
Un dos nosos últimos proxectos en IND e o de
montar una exposición de arte un pouco especial. Arte creada polas mulleres, as nenas e nenos,
as persoas con discapacidade... resumindo, as beneficiarias e beneficiarios do proxecto de Tiruchi.
Nestas semanas que me quedan comeza a actividade frenética: o concurso de debuxo, relatos e teatro
para cada un dos grupos. A filosofía subxacente: que a propia comunidade conte qué é o
proxecto.
No meu segundo día en Panju Kidanu, as nenas e nenos en idade escolar
sentaban nos restos dunha choupana derruída cos seus cadernos para a clase de apoio. Un
deles, co caderno na man, amósame o debuxo que quere presentar ao concurso. Eu agardo unha estampa de
suburbio, unha casa, unha mensaxe ecoloxista, se cadra unha familia, só que a súa non ten
nin mai nin pai porque os dous morreron de tuberculose, e unha das súas irmás padece unha
discapacidade intelectual. No caderno, nada diso. Un debuxo en dúas partes: un home dentro dunha botella, un
home rompendo a botella.
Pregúntolle se o debuxo se lle ocorreu a el ou o viu nalgures. Dime con
orgullo que é propio. Quén precisa máis portavoces.
O venres á tardiña chegan Eva e Manuel. Eva é socia de IND. Están de
vacacións en Tamil Nadu e deciden pasar un par de días no proxecto. Eu aprezo o seu xesto
porque creo que o interese é o primeiro paso para cambiar o mundo. E o interese é una responsabilidade
individual. Como informarse do que fai unha ONG antes de colaborar con ela. Da escusa "non se sabe
onde van os cartos" ten unha xa os oídos cheos.
Eu respondo sempre o mesmo: as ONGs (as que o somos de verdade) deben
ter transparencia para saber onde van os cartos. Tamén uns principios de traballo como a
autosuficiencia da comunidade, o enfoque de xénero, a responsabilidade social. E é responsabilidade
de cada quen comprobar que todo iso é así. Pero para poder facelo, claro está, hai que ter
unha mínima idea do que implica traballar en cooperación. E iso é imposible sen un mínimo interese.
Nada de «memsahibs»
Eu coñezo abondas organizacións onde é
habitual recibir as visitas dos países doadores con todo tipo de boato. Aquí, na India, teño
visto (algo de lonxe, iso si) un inmenso despregue de grinaldas, cocos, benvidos amigos españois, flotas
de todoterreos para os "turistas de proxecto"... Persoalmente todo isto me dá un terrible
pudor. E politicamente paréceme totalmente inaceptable. Éntranme calafríos polas costas recordando as
épocas coloniais do dominio branco. O servilismo de quen recibe unha esmola, a grandeza de quen dá
do que lle sobra. Gran mérito. Eva e Manuel levan no peto outros agasallos. Deses dos que está feito o
compromiso por un mundo mellor.
|