Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

O país do inverno

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Cando Lourenzo, que era un gato negro moi fermoso e co pelo moi brillante, quixo ir visita-la súa moza, a gata Requintada, que era unha gatiña branca de pelo moi dondo e cuns bigotes moi longos e moi tesos, atopouse con que non sabía o camiño. Así que foi ve-lo seu amigo Xan Cadelo para que Ile axudase a atopa-lo camiño que o levaría ata a casa na que vivía a Requintada.
     —Mira Lourenzo —díxolle Xan Cadelo—, eu non sei se debes emprender ese camiño. Seríache mellor que lle mandases unha carta e que ela che saíse á feira de Grandor e alí acordabas con ela o casamento.
     —Nada diso —protestou Lourenzo a proposta do seu amigo—, eu quero ila ver á súa casa, que fóra xa a vin moitas veces. Agora quero ir aló e coñece-la súa familia. E se o camiño ata o seu domicilio é longo e difícil, mellor, así verá que vai casar cun gato valente e ousado.
     De nada valeron as razóns que Xan Cadelo lle deu coa arela de facelo desistir da súa teima. Visto que non había outro remedio, esplicoulle debidamente o camiño e mesmo lle fixo un plano nun papel para que non se perdese.
     Para o outro día, pola fresca, botouse Lourenzo ó camiño. A pé, e dando grandes alancadas, en pouco tempo púxose nas lindes do País do Inverno, que segundo o que Xan Cadelo lle dixera era país de moito coidado para pasar un só. Pero nada hai que poida parar un gato decidido, ousado e namorado.
     O País do Inverno era unha grandísima devesa, mesta e impoñente. Aínda así, Lourenzo meteuse nela sen pensalo dúas veces e con paso decidido.
     Non levaba moitos metros devesa adentro, cando empezou a orballar. Lourenzo pensou que se todo canto lle podía pasar era ter que atravesa-lo País do Inverno orballando arreo, non lle poñía medo o conto por moito que digan que os gatos lle temen á auga.
     Do orballo do comenzo do camiño polo interior da devesa, logo pasou a un chover forte. Un pouco máis adiante atopou con que o río ía moi cheo e xa levara a pontella pola que tiña que pasa-lo gato segundo estaba sinalado no plano. O noso amigo deu volta e encamiñouse río arriba na procura doutra ponte máis grande que, polo dito por Xan Cadelo, tiña que haber. Por alí podería atravesa-lo río.
     O caso é que, antes de chegar a tal ponte, pillouno a noite, e era tan escura que Lourenzo non atinaba cos camiños e botaba tempo e tempo andando e desandando, con perigo de se perder de seguir a tentas pola devesa. Era cousa de procurar un lugar para durmir e como comezaba a ter frío, debería meterse nun abrigo para pasa-la noite e tamén facer un pouco de lume para se quentar.
     Cando deu cun acobillo que lle pareceu apropiado, polo arredor non deu atopado uns poucos carabullos enxoitos para o lume e, aínda por riba, cando botou man ós mistos, estaban mollados coma a lama e non acendían. Enfurruñado foise sentar nun recuncho da covacha para ver de descansar un pouco antes de que chegase o día. Alí engruñado non era quen de durmir, porque estaba tan aterecido de frío e tocando dente con dente, que o propio ruído da súa dentamia lle impedía adormecer.
     Cando veu o día Lourenzo tiña tanto frío que case non podía nin move-las pernas. Mal que ben, foise pondo de pé e colleu o camiño cara á ponte. El sabía que a ponte marcaba o medio e medio da devesa e que, seguindo o que di o famoso xogo, nunha devesa só podes entrar ata a metade, porque de alí en diante o que fas xa é saír. E iso significaba que pouco lle faltaría para chegar á casa da Requintada.
     Ademais, como botara o máis da noite desperto, tivera ocasión de escoita-la lobería ouvear toda a noite coa fame, e isto a un gato dálle moitos azos para tentar de se afastar do lugar o antes que poida.
     Despois dunhas horas de camiño andando pola lama, porque non parara de chover en toda a noite, chegou Lourenzo á ponte. Pasouna entre vento e frío, e cando chegou ó outro lado atopouse con que o País do Inverno estaba totalmente cuberto pola neve. As pozas estaban xeladas. O gato caeu de cu coa sorpresa, pero como sempre fora un gato animoso e non lle viraba a cara ás amoladuras por fortes que fosen, non sei de onde, pero tirou azos novamente, e botou a andar pola neve adiante. As patas do animal espetábanse enteiras no chan nevado e o camiñar facíase penoso e difícil.
     Con vento, con neve, con frío,... seguiu horas e horas andando o gato pola devesa adiante. Xa se facía outra vez noite, cando Lourenzo observou que ó lonxe se albiscaba o remate do País do Inverno, así que apretou o paso, xuntando tódalas forzas que lle quedaban no corpo, para dar saído o máis axiña que puidese da devesa.
     Con noite pecha chegou o noso gato á casa da súa moza, a gata Requintada. Chamou á porta. Mandárono pasar e déronlle cama ó pé do lume, onde durmiu moitas horas arreo.
     Cando se ergueu e se lavou un pouquiño, como se lavan sempre os gatos, díxolle á súa moza moi resolto:

Hoxe ti e mais eu casamos,
e aquí a vivir quedamos.
Porque eu quero mellor
ir andando a Nova Iork
que atravesar ese inferno
que chaman País do Inverno.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega