Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

A familia Coriñas

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Isto sucedeu nos tempos en que os reis andaban con mantos que lles chegaban ata os pés e sempre arrodeados de servidores que parecían as sotas da baralla. Isto non significaría moito se non fose porque daquela os reis non só eran os gobernantes, senón que eran donos das vidas e das facendas dos seus súbditos, das que dispoñían como se lles antollaba.
     Pois ben, neses tempos, vivía nun lugar non moi lonxe de aquí, un home que era todo el verde.
     Si, si. Verde. Verde coma a herba, coma as follas das árbores, coma as leitugas, coma a carapucha que leva na cabeza o trasno, coma o vestido desa nena.
     Este home tiña dous fillos. Un neno todo amarelo coma o sol, coma a chorima dos toxos, coma o ouro,... E unha nena azul. Azul coma o ceo na primavera, coma a auga do mar, coma os ollos da Nena Azul.
     Non había que ter unha imaxinación moi grande para pórlle a esta familia o alcume que lle puxeron, porque todos lle chamaban a Familia Coriñas. Vivían moi felices todos tres, porque a eles o que máis lles gustaba no mundo era ser como eran: de cores.
     Un día pasou por diante da casa onde vivían, un home que non os vira nunca antes de daquela. Así que foi a correr e contoullo ó Rei. Díxolle que no seu reino había tres persoas que non eran coma todos. Entón o Rei, que estaba vestido coma o rei de bastos da baralla, enrabechouse moito.
     —Isto non pode ser. Non se pode consentir tal cousa, o único que podería ser diferente aquí sería eu, que para iso son o Rei. E aínda así son case igual a todos.
     E mandou que lle preparasen todo para ir a onde vivía a Familia Coriñas.
     Cando o Rei mandaba algo, no pazo comezaba toda unha feira de berros e carreiras para preparar axiña aquilo que o Rei mandaba. Daquela tamén se armou o lío dos chamados e do andar polos corredores topando uns cos outros:

¡Gardas!

¡A carroza real! 

¡Cabalos! 

¡O Príncipe!

¡As princesas!
¡Espadas!

¡Paus!

¡A Raíña!

¡Máis paus! 


¡Outra carroza, máis cabalos, máis espadas,...!

     Todo se ía preparando segundo se escoitaban os berros, aínda que ás veces os berros eran tantos que os criados quedaban paralizados, porque xa non sabían a quen facerlle caso, entón os edecáns e os maiordomos comezaban a couces cos criados... Así foi como todo estivo preparado para a partida do Rei, novecentos días despois daquel no que dixo "Irei aló". A verdade é que era un rei moi lacazán e sempre transcorría moito tempo desde que pensaba facer unha cousa, ata que se poñía a facela.
     Púxose o Rei en marcha e tardou outros novecentos días en face-lo camiño, porque, como se mareaba na carroza real, había que ir moi a modiño. Por certo que xa publicara un bando prohibindo que alguén se marease no seu reino. Se o Rei se mareaba, ninguén podía ser coma el.
     Chegaron por fin diante da casa da Familia Coriñas. Ó escoita-lo ruído que armaba o séquito real, saíron á porta o Pai Verde, o Neno Amarelo e a Nena Azul.
     —¿Por que es verde? —preguntou o Rei.
     —Nacín así —dixo o Pai—. Ó primeiro eu non quería ser verde, porque todos se rían de min. Ata cheguei a pensar que o que me pasaba era que aínda non madurara, porque era moi noviño, pero axiña me decatei que o tempo pasaba e eu seguía verde. Pero andando o tempo rematou por me gustar. Comecei a pensar que se nacera así é porque á Natureza lle interesaba que eu fose así. Algún motivo habería, aínda que non fose máis que unha razón estética. Agora xa non sabería ser coma todos, e mesmo penso que ós meus amigos xa non lles gustaría que fose doutra maneira.
     —E os teus fillos, ¿por que non son verdes coma ti?
     —Non sei, maxestade, tamén naceron así. Seguramente é debido a que a miña muller, que en gloria estea, era traspoleirada, e tiña unha cor distinta segundo de onde a mirasen ou segundo a hora do día que fose, porque non lle parecía a mesma ó mencer que ó mediodía ou ó solpor. Éralle moi bonitiña e moi boa. Así que os fillos nacéronnos, o neno, amarelo e a nena, azul. Sempre estivemos moi contentos de que fosen así, ademais son moi bos e moi listos.
     —Pois non pode ser que sexades así —dixo o Rei—. Tedes que ser coma tódolos meus súbditos, que son todos eles vermellos. Tedes que vos volver vermellos os tres.
     —Iso non é posible, maxestade —protestou o Pai Verde—. Nós nacemos así e, da mesma maneira que non tivemos culpa niso, tampouco temos que cambiar. Pero é que agora xa temos fachenda da nosa cor particular e queremos seguir sendo o que somos. Eu quero ser verde ...
     —E eu amarelo —engadiu o rapaz.
     —E eu azul —afirmou a nena.
     —Isto amáñoo eu de camiño —berrou o Rei—. ¡Gardas!
     —¡Maxestade!
     —¡Maxestade!
     —¡Maxestade!
     —Collede pintura vermella e pintade a estes para que queden coma todos.
     —¡Pintura!
     —¡Brochas!
     —¡Non quero!
     —¡Non quero!
     —¡Eu tampouco!
     —¡Has querer, xa verás como has querer... !
     Puxéronse os gardas do Rei a pintaren de vermello á Familia Coriñas ata que remataron todos vermellos coma tódolos súbditos do Rei caprichoso. Agora eran vermellos coma as cereixas, coma o lume, coma o sangue, pero non coma o sangue do Rei que non era vermello, era azul.
     En canto acabaron de pinta-la Familia Coriñas, o Rei fixo un aceno e edecáns e chanceleres comezaron de novo a berrar...
     ¡Gardas!
     ¡Carrozas!
     ¡Cabalos!
     ¡Criados!
     ¡Espadas!
     ¡Paus!
     ¡A Raíña!
     ¡O Prícipe!
     ¡As princesas!
     ¡Servidores!
     E marcharon polo camiño a modiño, moi a modiño para que o Rei non se marease.
     Polo camiño comezou a chover. Choveu moito e a auga foi lavando ó Pai que quedou outra vez verde...
     E a Nena, azul...
     E o Neno, amarelo...
     ¿E o Rei...?
     O Rei mollouse e pillou un catarro moi grande. Como el non quería ser coma os seus súbditos, pillou o catarro máis grande do mundo e leva novecentos anos na cama con mormeira e moqueando... Agora xa non lle chega con que o seu catarro sexa moito máis grande có dos homes vulgares, está a dictar un bando...

     "Eu, o Rei, a tódolos meus súbditos que queiran ou que non queiran, porque si ou porque non... Prohíbolles que se acatarren, porque só aquel que naceu rei, fillo de rei e pai de rei, que son eu, se poderá acatarrar no meu reino".

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega