Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

O prodixio

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     É unha verdadeira lástima que a estas alturas aínda non vos teña contado o PRODIXIO co que convive o meu amigo Martiño desde hai un tempo. Concretamente desde que tiña oito anos.
     O Martiño é un neno ó que lle gustan moito os animais. Pero non vaiades pensar que é un neno ó que lle gusta ir a un zoo e velos metidos en gaiolas, non, a el gústanlle os animais sempre que eles estean como máis lles gusta estar, e nunca nunhas condicións que sexan distintas das que eles consideran que son as dunha boa vida de animal.
     Sempre estaba chegando á casa con animais que atopaba nos longos paseos que daba, iso si, polos lugares por onde podía atopar animais. El sempre axudaba os animais que tiñan algún problema, así levaba á casa gatos ós que un automóbil lles partira unha pata e alí os tiña ata que se curaban, despois poñíaos en condicións de que escollesen ir a onde quixesen. Outras veces eran paxariños que se mancaran ó se golpearen contra os vidros dalgunha fiestra; non era nada raro que aparecese cun can abandonado, que non tiña máis enfermidade cá que lle ocasionaran varios días sen probar bocado.
     Os pais do Martiño soportaban os moitos inconvenientes do seu amor ós animais. Ás veces rifábanlle algo, pero como o facían con pouca forza, as cousas seguían igual.
     Pero o conto é, que un día en que o rapaz ía dando un dos seus paseos, mesmo de diante dos pés saíulle un porquiño a todo correr. Era pequeno, gordiño e colorado. Tiña as orellas moi dereitas, coma as dun xabarín.
     Correu o Martiño detrás del, sen máis arela ca de velo ben, e o porco parou de súpeto. Deu volta e quedou mirando para o neno. Pegou outra vez a correr e pasou por debaixo das pernas de Martiño. Foise o rapaz detrás e o porco aminorou o paso. De cando en vez miraba para atrás como se quixese comprobar que o neno ía seguíndoo.
     Desta maneira chegaron diante da casa do rapaz xusto ó tempo que o pai de Martiño saía da casa. Parou o porco en seco e parou tamén o neno.
     —Oes papá, ¿de quen será este porquiño tan bonito?
     —E eu que sei —dixo o pai cos ollos abertos coma dous pratos—. Os porcos sempre son de alguén, pero o caso é que son todos iguais... Aínda que dalgún lado escaparía...
     Mentres o pai do Martiño ía dicindo cousas achegábase ó porco co desexo de acariñalo pasándolle unha man polo lombo. Non lle debía gustar ó animal que o home se lle achegase tanto, porque a cada paso que o home daba, recuaba outro o porco, ata que o tivo tan preto que foi cando sucedeu por primeira vez o prodixio. O quino fora recuando ata quedar pegadiño ás pernas do Martiño e o pai seguiu avanzando cara a el, entón o porco comezou a virar de cor e foise poñendo todo el verde.
     Daquela quen ceou foi o home.
     —¡Carai! —dixo o pai do neno—. Nunca tal vin: un porco verde. Agora si que estou por dicir que non é de aquí, porque por estes lugares non hai bechos destes. ¡Estaríache bo o conto se me presento na policía municipal dicindo que atopei un porco verde! ¡De seguro que se escoitarían as gargalladas en medio mundo!
     Estaba o pai dicíndolle estas cousas ó seu fillo cando o porco pegou novamente a correr con tal velocidade que nun instantiño perdérono de vista. Só puideron apreciar que a medida que se ía afastando volvíase novamente sonrosadiño como era antes de virar verde.
     Ó outro día pola mañá, Martiño o primeiro que fixo foi volver ó sitio onde atopara o porco o día anterior, e alí estaba o animal. Deitadiño no chan coma se estivese agardando polo rapaz.
     Cando o viu ergueuse e botou a andar detrás do neno como se fose un can.
     Fixo Martiño o mesmo camiño do día anterior e logo chegaron diante da porta da casa. Entrou o neno para dentro e o quino detrás del.
Aínda non andaran máis ca uns metros polo interior da casa o porco comezou a virar azul.
     —¡Vaia! —falou o pai que acababa de ve-lo porco—. Agora é azul.
     Nesta ocasión o porco deixou que o pai do Martiño se lle achegase e mesmo permitiu que lle pasara a man polo lombo.
     Agora xa hai un certo tempo que o porco vive na casa con Martiño e permite que calquera se lle achegue e xogue con el, pero continúa sendo un porco prodixioso, porque segue cambiando de cor segundo o estado de ánimo no que se atope. Os da casa pouco a pouco van coñecendo o significado de cada cor, así xa saben que cando ten medo vira verde; cando se sente máis confiado ponse azul, e cando está verdadeiramente ledo e feliz, entón ponselle todo o corpo a cadros amarelos e granate.
     Por suposto que o porco aquí, na casa do Martiño, se sente seguro, porque todos o queren moito; en calquera outra casa, chegadas as datas do santo do neno, seguramente o convertirían en chourizos, touciño salgado, xamóns curados e outros anacos de porco destinados á mesa, aquí non, na casa do Martiño goza do cariño de todos. Aínda que por outra parte nunca se atreverían a facer con el tal cousa, porque ninguén sabe que raza de porco pode ser e se será comestible.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega