Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

Maneira de facer un conto, con exemplo práctico

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1

Unha vez había un burro.
E unha vez había un home.
E tamén había unha nena.
¿Cando?
Unha vez.
Entón podemos dicir:

Unha vez eran tres...
Un burro, un home e unha nena.

¿E como se chamaban os tres?
O home, Andrés...

O burro,... o burro,... Ministro.

¿E a nena, como se chamaba a nena?
Pois a nena, Magdalena.

Con isto que xa temos, imos facer un conto.
¿E como se fai un conto?
¡Ai, eu non sei! ¿Sábelo ti?
Eu tampouco... ¿E ti?
Eu si.
Pois entón, fagámo-lo conto.
¿Que se precisa de primeiras?
Para comezar fai falla unha máquina.
Que teña un beo para lle dar voltas.
Moi ben, pois ti encárgaste de lle dar ó beo.
E nós ímoslle metendo as cousas.
¿Que cousas?

Primeiro o burro.

¿E collerá por aquí?
Báixalle ben as orellas, e xa verás como si.
Agora a Magdalena... e o Andrés...
¡Xa están os tres!
¿Doulle ó beo?
Agarda, hai que meter máis cousas.
Unha casa.

Cunha corte...
E mais un monte...
Árbores, moitas...
E herbas...
E toxos...
Eu vou meter estas flores...
Eu, máis casas altas de moitas alturas
Tamén meterei coches... 

E camións..

E autobuses...
E música...
Logo, tamén violíns...
E trompetas...
E pandeiros...

... ... ...
     Metede todo canto queirades, cantas máis cousas mellor, máis bonito sae o conto.
     ¿Polo conto adiante tamén poderemos ir metendo as cousas que precisemos, non si?
     Todas cantas se vos antollen...
     ¿Doulle ó beo?
     Dálle logo.

     Agora hai que agardar, que se está cocendo o conto...
     Paréceme que xa está.
     Si, parece que vai saír...
     Xa podemos ver que conto fixemos hoxe aquí...



     O Andrés e maila Magdalena andaban preocupados co raro comportamento que tiña o burro Ministro desde había un certo tempo. ¡Non habían de estar preocupados! Un dos burros máis ledos e brincadeiros que se viran nunca por alí, agora estaba convertido nun animal triste e melancólico, que saía da corte tódolos días andando a modiño coa cabeza baixa e as orellas gachas, cando antes sempre o facía cun ledo trote lixeiro polo curral e ceibando couces ó aire coas dúas patas traseiras a un tempo.
     Este cambio producírase sen explicación ningunha, púxose así de súpeto. Viuno o menciñeiro e nada lle atopou que puidese ser causa de tal estado de melancolía.
     Así estaba o burro cando, un día pola tardiña, andaba ceibo polo curral. Deixárao alí o Andrés, que acababa de chegar cunha carga, porque en traballador o burro non perdera nada. O caso é que o animal foise achegando á fiestra do vertedeiro da cociña e alí ficou parado. Magdalena achegouse a el e púxose a lle acariña-lo pescozo, mentres lle deitaba na orella cousas coma esta: "Ministro, Ministriño, ¿que che pasa? ¿Por que estás triste? ¿Dóeche algo? ¿Que é o que che doe?..." E cousas así, todas ditas na orella do burro con voz baixiña e moi amorosa, porque a Magdalena queríalle moito ó Ministro.
     Pois ben, cando Magdalena lle estaba a dicir estas cousas ó burro, tamén se chegou a eles o Andrés, que lle pasou a man polo lombo ó animal, que nese mesmo intre meteu a cabeza pola fiestra; na cociña estaba prendida a televisión e nela víase unha gran cidade con moitas casas altísimas e con moitos autos que pasaban a todo correr por diante dos ollos do burro, con semáforos que facían andar ou parar, segundo a luz que tivesen acesa, os automóbiles ou os peatóns... Cando o Ministro viu isto, os ollos puxéronselle moi ledos, botouse a rir ensinando toda a dentamia ó tempo que daba pequenos saltiños e ceibaba couces coas dúas patas a un tempo.
     —¡Carai! —exclamou Andrés—. Xa sei o que lle pasa a este raio de burro.
     —¿Que lle pasa? —preguntou Magdalena con ansiedade.
     —Que quere ve-las cidades grandes. Como na televisión non saen aldeas coma a nosa, que só sacan as grandes capitais, este burro quere ir velas de preto. Iso é o que lle pasa.
     —Pois hai que levalo... —dixo Magdalena.
     —Pero Magdalena —protestou Andrés—, eu non podo deixar todo e marchar aló, só porque a este condanado burro se lle metese nesa grandísima cachola que ten, ir á capital.
     —Pois lévoo eu —retrucou Magdalena resolta.
     —Iso xa é outra cousa, se o queres levar ti, por min pódelo levar.
     Para o outro día pola mañá moi cediño, Magdalena púxolle a albarda ó Ministro, montou nel e despois de se despedir do Andrés, botaron os dous a camiñar pola estrada, cara á capital...
     O burro trotaba ledo porque sabía que aquel camiño o conducía á realización do seu soño... Logo chegaron ós arrabaldos da cidade. Notábase porque xa moitos coches pasaban a carón deles poñéndolle algo de medo ó Ministro que non estaba acostumado.
     Axiña estiveron no centro da gran cidade. Como o burro estaba algo inquedo, Magdalena botou pé a terra, colleuno de ramal e camiñaba á par del.
     O primeiro lugar onde o burro parou, foi no escaparate duns grandes almacéns, que xa sabedes que son enormes comercios de moitas alturas onde se merca de todo, aínda que un non queira nin precise nada do que hai neles.
     O Ministro andou un anaco de escaparate en escaparate e logo deu cunha porta, así que non o pensou e meteuse para adentro. Magdalena non tivo máis remedio que acompañalo aínda que un pouco amolada, pero tal como turraba o animal, parecía que era el o que levaba de ramal á nena. A xente reparaba neles algo sorprendida, pero Magdalena non quería deixar só ó burro, e pasaba da xente.
     Dirixiuse o burro a unhas escaleiras mecánicas, desas nas que os chanzos andan sós e levan á xente sen que haxa que lles dar ás pernas. Alí presentóuselle a primeira dificultade seria, porque o Ministro puxo as patas dianteiras no primeiro banzo que se lle presentou, mentres as traseiras lle quedaban en piso firme. Como as de diante andaban coa escaleiras e as traseiras non, o Ministro foise estricando e estricando ata que a barriga lle tocaba no chan. A xente que antes miraba extrañada, agora ría ás gargalladas e dicían que debía ser un número de entretenimento montado polo departamento de publicidade dos grandes almacéns.
     Cando Magdalena e mailo burro acadaron a chegar ó primeiro andar, xa estaban agardando por eles catro gardas do establecemento con cadanseu revólver no cinto. ¿Seica pensarán en lle pegar un tiro ó meu Ministro?, pensou a nena poñéndose diante do burro mentres lles dicía:
     —Non se apuren que xa nos imos.
     Colleron os gardas ó animal polo ramal e á nena polo brazo e conducíronos sen lles dar unha palabra, ó ascensor.
     Novamente gañou medo o animal cando se viu alí pechado, así que en canto se abriu a porta do ascensor, botou a correr coma un tolo levando arrastro o garda que tiña o ramal na man, mentres polo camiño ían caendo cousas dos estantes e mulleres gordas coas pernas polo aire. Magdalena corría detrás do Ministro, que xustamente cando chegou á porta, deuse liberado do garda que arrastraba pola corda.
     Cando se viron os dous fóra e lonxe dos gardas perseguidores, o Ministro e maila Magdalena recobraron o paso normal e puxéronse a andar pola beirarrúa para fuxir dos coches que os pasaban tan preto que case lles tocaban.
     A xente que os vía non paraba de mirar para eles. Aínda que todos ían con moita présa e andaban sen parar para nada. Miraban para o burro e dicían:
     —¿Que fai este burro aquí?
     —Este non é sitio para anda-los burros...
     —¡Que mal cheira... !
     —Que chamen a un garda...
     E chamárono. Ou non o chamaron, pero chegou. O garda díxolle a Magdalena que por alí non podía andar co burro.
     —¿E por onde podo andar logo?
     —Por aí —respondía o garda con cara de mal xenio ó tempo que lle sinalaba co dedo indicador a calzada.
     Montou outra vez a nena no burro e botáronse ámbolos dous no medio dos coches; o Ministro xa non sabía se lle puñan máis medo os coches ou os gardas. Os autos pasaban pola beira deles a todo correr e ceibaban bufaradas de aire que case tiraban cos dous no chan. Cada vez que chegaban a un semáforo que lles mostraba a cor vermella, Magdalena turraba un pouquiño polo ramal e o burro paraba, pero cando se puña verde, se o Ministro non arrincaba coma un raio, os coches que estaban detrás del, pitaban coma tolos. E ata unha vez que estaba así parado, agardando o cambio de cor do semáforo, un home que estaba nun automóbil, sacou o brazo pola xaneliña e turroulle polo rabo ó burro. O Ministro ceiboulle un couce ó coche que quedou crocado... Baixou o home todo alporizado e comezou a berrar coma se estivese tolo, dicíndolle a Magdalena que lle tiña que paga-lo amaño do auto... O Ministro xa non podía máis, estaba moi asustado con todo aquel rebumbio, así que mandoulle outra couce, pero desta vez foi nos fuciños do home onde atinou. Deu volta e botou a correr cara ó lugar por onde se adentrara na cidade mentres o garda, que vira todo aquelo, berráballes que se detivesen...
     Non se detivo o burro nin para beber auga ata que chegou á súa casa. Baixou Magdalena e o Ministro púxose a dar carreiriñas polo curral, mentres lle mandaba suaves couces ó aire coas dúas patas traseiras a un tempo.
     —Seica lle gustou moito ó Ministro a cidade, Magdalena —dixo Andrés ó ve-lo burro—. Cóntame como vos foi.
     —Foinos como nos tiña que ir. O caso é que non creo que ó Ministro se lle volva a meter na súa grande cachola ir de paseo á capital.
     Agora o Ministro vive feliz coa Magdalena, co Andrés...

...e felices todos tres.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega