Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

¿Quen despertou a Marcos?

Páxina Seguinte

Marcos despertou co ruído que fixo a lua ó rozar nas pólas dun dos carballos que hai detrás da igrexa
     Marcos despertou co ruído que fixo a lua ó rozar nas pólas dun dos carballos que hai detrás da igrexa. Ergueuse da cama e foi mirar pola fiestra. Non había ninguén fóra. Prendeu a luz, pero tampouco viu cousa ningunha que puidese se-Ia que fixera o ruído que o sacara do sono. Volveu para a cama, pero xa non foi quen de poder adormecer outra vez. ¿Como ía selo se, moi acochadiño debaixo das mantas, quedou cos ollos abertos porque desta maneira pensaba que podería escoitar mellor tódolos ruídos que se escoitasen e así identificar aquel que o despertara?
     Ó pouco tempo escoitou un novo ruído, aínda que desta vez era algo máis suave; fora outra vez a lúa, que, ó se meter por tras dunha nube, rozara con ela un pouco.
     Outra vez se ergueu o Marcos da cama. Outra vez prendeu a luz e achegouse á fiestra. Nada viu: a Lúa estaba agachada detrás da nube.
     Marcos xa comezaba a se pór nervioso, así que decidiu quedar diante da fiestra e non voltar á cama ata dar co causante dos ruídos que o despertaban.
     Axexando para un lado e para outro na procura do autor dos sons que se escoitaban, non se decatou de que a Lúa, que aquela noite estaba en debalo, quedara enganchada nos aramios da luz polo corno de abaixo. Cando turrou para se ceibar volveu a facer un novo ruído coma un forte asubío, un ruído, claro está, coma de aramios que abanea o vento. Marcos termou do alento e agardou moi quediño, a ver se se repetía.... E repetiuse tres ou catro veces seguidas antes de que Marcos escoitase, que na noite alguén chamaba por el.
     —Marcos,... Marcos,... Marquiños,... Ven acó, fai o favor.
     Agora si que pillou medo Marcos. Veña a ollar para un lado. Veña a virarse para o outro, pero alí non había ninguén que puidese falar. De todas maneiras Marcos non é un neno tan medroso para que unha cousa coma esta o puidese deixar paralizado, así que calzou os zapatos e botou fóra da casa.
     Cando chegou abaixo ollou de arredor sen ver nada. Mirou para arriba e non viu tampouco nada que non fose a Lúa. Paseou a vista polo chan e..
     —Marcos, axúdame a saír deste lío...
     ¡Outra vez chamaban por el! Pero desta vez si que se decatou de que a voz viña de arriba, así que voltou a ollar para o ceo e alí viu a Lúa enganchada nos aramios da luz polo corno de embaixo...
     —Axúdame, faime o favor, que xa vou moi retrasada e se chego tarde, o Sol rífame porque non pode saír á súa hora e disque despois andan mal tódolos reloxios do mundo enteiro. Non hai cousa que lle guste menos que ter que saír cando eu aínda ando polo ceo.
     O Marcos aínda quedou un anaquiño mirando para a Lúa antes de lle falar:
     —¡Vaia, esta si que é boa! Así que eras ti a que me chamabas. ¿E que queres que faga eu?
     —Vaite a quel pau da luz e abanéao con forza ata que eu me poda ceibar.
     Así o fixo o Marcos e, pouco despois, a Lúa ceibouse dos aramios e seguiu a correr polo ceo ó tempo que lle berraba, xa de lonxe, a Marcos:
     —Gracias Marquiños, gracias. Xa cho pagarei algún día...
     —Pois xa che podo dicir como mo podes pagar, abonda con que de agora en diante andes mirando ben por onde vas... así non irás despertando a xente pola noite...

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega