Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

O lameiro

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     O Lameiro é unha pequena viliña moi bonita que cae á beira dun río. As casas están todas moi xuntas, seguramente porque no inverno vai moito frío, e aprétanse unhas contra as outras para se dar calor mutuamente. Hai casas vellas de pedra e casas feitas con ladrillos e cimento aínda que están por fóra caleadas. No medio do Lameiro hai un xardín para que os vellos tomen a raxeira cando hai sol e os nenos teñen alí arrendeeiras e escorregadoiros nos que xogar cando non chove.
     Polo medio e medio do Lameiro pasa a rúa principal, estreitiña e cun chan irregular, pero fachendosa de que tódalas outras rúas rematen sempre por vir parar a ela.
     Os veciños, aínda que pareza mentira, lévanse todos ben. Isto non quere dicir que de cando en vez non haxa discusións e mesmo algunha que outra palabra en tono máis alto do que é normal. Pero o caso é que para o outro día, como xa pasou o motivo da discusión, tamén pasaron as palabras e os berros.
     Non vaia alguén pensar que as xentes do Lameiro non teñen problemas, que os teñen coma todos, e algún deles ben gordo por certo. Isto era o que lles pasaba cando en certos días do inverno chovía algún tempo arreo, porque daquela o río enchíase moito de auga e botábase fóra da súa cunca. Cando aparecía a chea do río, a auga chegaba ata as cociñas das casas. Nas casas que tiñan animais debían levalos para o sobrado. As leiras que case todos tiñan polas beiras do río, quedaban todas asulagadas. Ás veces algúns animais afogaban, porque non lles daba tempo para fuxir da auga.
     Isto amolaba moi de veras ós veciños do Lameiro. Esta xente que tan feliz era o resto do ano, cando chegaba o inverno e comezaba a chover, xa non quitaban ollo do río e todos andaban con cara de preocupación.
     Unha vez xuntáronse tódolos veciños e puxéronse a falar para ver se daban cunha solución para o seu grave problema.
     —Eu, a única que vexo —dixo o alcalde—, é pedir cartos á capital e facer unha muralla ben alta ó redor do Lameiro. Así cando veña a chea, a auga non poderá pasar.
     —Si —falou Carlos Xestos—, pero despois temos que pasa-lo ano enteiro sen ve-los montes nin nada de canto temos arredor da nosa vila.
     —Podíamos tirar tódalas casas e facelas outra vez enriba duns pés ben altos, así cando veña a chea a auga pasará por baixo —apuntou Primo Melón.
     —Estaría ben —dixo Segundo Subela—, pero teriamos que estar todo o ano espolicando acolá enriba por culpa duns poucos días de chea.
     —Iso non pode ser —volveu a intervi-lo alcalde—, sería moi caro e ademais sería malo para os velliños, tódolos días subindo e baixando escaleiras.
     Así estiveron ata que se deron conta de que debía ser moi tarde, porque alguén prendeu a luz cando se decatou de que xa case non vían as caras uns ós outros. Cando isto sucedeu algúns fixeron movementos que indicaban claramente que se querían ir, pero quedaron parados cando se ergueu un velliño ó que ninguén lle facía caso nunca, porque dicían que tiña moita imaxinación, cousa que é moi frecuente escoitar, cando debería ser xustamente ó revés, e a quen máis caso lle habería que facer é ós que máis imaxinación teñen. Todos calados volveron os ollos cara ó vello que, posto no medio e medio de todos, falaba en alta voz.
     —A solución —dicía—, é que cando vaia vi-la auga nos poñamos todos arredor do Lameiro, e agarrando todos a terra poñémo-lo Lameiro no alto, deixámolo así mentres dure a chea e o río pasa por baixo. Cando comprobemos que xa pasou a chea, empuxamos todos cara abaixo e volvémolo a pór no seu sitio.
     Botáronse todos a rir cando o vello acabou de expo-la súa idea. El dixo que se risen todo canto quixesen, que el pensaba erguer polo seu lado, e foise.
     Fóronse tamén tódolos veciños dicindo que botaran alí a tarde enteira e non se deran posto de acordo no que habería que facer para que aquel ano, a auga non lles entrase polas portas das casas. E ata había algúns que dicían que o que ían facer era marchar do Lameiro.
     Non tardou moito en comezar a chover e xa tódolos veciños vivían pendentes do río que vixiaban día e noite. E como choveu dez días arreo, chegou o momento no que alguén deu a voz de alarma:
     —¡O río, o río! ¡Que xa se está botando fóra!
     Todos foron a correr para pór a salvo da auga as cousas de estima e, especialmente, os animais.. Mentres o velliño facía todo o contrario e botábase fóra da casa camiño das lindes da vila. Alí anicrouse e agarrou firmemente unhas herbas que había, ergueu con tódalas súas forzas e entornou o Lameiro...
     As xentes comezaron a esvarar polas rúas abaixo, pero, un pouco a pé e outro pouco arrastrándose, deron chegado a onde o vello estaba turrando polo Lameiro para arriba.
     —¿Que facedes aquí mirando para min? — berroulles—. A ver, vós ide a correr a aquel lado; e vós ide para alí enfrente; os outros todos para detrás da igrexa. Veña, correde e erguede con forza que xa vén aí a auga.
     Fixeron todos como o vello Iles mandou e aquel ano o río parou por debaixo do Lameiro.
     Cando parou de chover e o río comezou a baixar, non fixo falla que ninguén lles dixese onde se tiñan que pór cada un, porque xa estaba todo ben organizado para facer tal e como o vello lles dixo que habería que facer para volver a pó-lo Lameiro no seu sitio. Colocáronse todos arredor da vila, agás un neno que lle mandaron que se puxese no campanario da igrexa, cando todos estiveron preparados o rapaz deu tres badaladas seguidas, e á terceira soltaron todos a un tempo e o Lameiro foise pousando a modiño no lugar que Ile correspondía. E todo volveu a ser coma antes, agás que agora pensan que nos casos difíciles de resolver, venlles moi ben botar man do vello porque ten moita imaxinación.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega