Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

A viaxe de Leonor

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Un ano á Leonor, polo día do seu cumpreanos, a madriña regaloulle un paxariño amarelo metido nunha gaiola.
     Leonor é unha nena moi boa que lles quere moito ós animais, así que coidábao moi ben. Tódolos días Ile limpaba a gaiola e poníalle auga para beber e grans para comer. Tamén lle daba galletas e mazáns. E ata lle poñía tódolos días auga morna na tapa dun frasco que para que se puidese bañar.
     O paxariño agradecíalle estes coidados a Leonor despertándoa polas mañás cos seus ledos cantos e asubíos.
     Moitas horas pasaba a nena coa cariña moi pretiño das rellas da gaiola e faláballe seguido. Tanto lle falaba ó paxaro que este aprendeu a falar coma a xente. Aínda que falaba coma os indios das películas, pero entendíaselle todo.
     —Eu non quero que ti pensar que non ser agradecido polo ben que ti me tratar a min, pero tampouco eu ser feliz aquí metido. Eu estar preso sen máis delito có de ser un paxariño que lle gustar ós humanos.
     Despois de se repor da sorpresa que lle causou o feito de escoitar que o seu paxaro falaba, e non coma os loros, que repiten o que aprenden de memoria, senón falando con sentido, Leonor díxolle:
     —¿E logo? ¿Que che pasa? ¿Que é o que che falta para ser feliz?
     —A min pasarme o mesmo que lles pasar a tódolos animais que estar presos: querer que nos ceibar e andar libres.
     —Pero é que se te ceibo non has estar tan ben como estás aquí. Non haberá quen che dea tódolos días a comida, sen ter que procurala por aí adiante nin facer nada por gañala.
     —A nós non nos facer infelices o ter que procura-la comida de cada día. Mesmo aínda que ter que pasar un día enteiro sen comer por non atopar comida, nós ser máis felices en liberdade ca aquí con mesa e mantel.
     Quedou Leonor pensativa co que o paxariño lle dicía. Era certo que o paxaro estaba preso dentro da gaiola, por iso estaba feita con porta e sen buratos polos que puidese fuxi-lo animal...
     —Xa —dixo Leonor—, pero se te ceibo quen vai quedar triste vou ser eu.
     —Pois ti vir comigo —respondeu rapidamente o paxaro.
     —Pero eu non son un paxaro e non podo ir voando contigo.
     —Ser ben certo iso. Pero ti poder ir de viaxe e poder vernos por aí.
     De novo quedou a pensar Leonor no que o paxaro lle dicía e ó pouco, abriu a garnicela, meteu dentro a man e o paxariño pousóuselle nela. Foise a nena á fiestra que tamén abriu. O paxariño mirouna sorrindo —xa sabedes que os animais sorrín cos ollos, co xeito de mirar—, e botouse fóra voando en liberdade.
     Daquela mesmo decatouse Leonor de que o paxariño non lle dixera como tería que facer para viaxar e seguir véndose os dous. A idea de viaxar resultáballe moi interesante, porque ela sempre quixera ver como sería o mundo que había máis aló da vila onde ela vivía. Pero cando lles falaba destas cousas ós seus pais, estes contestaban sempre coa mesma cousa: "cando sexas grande". Levaba moitos , anos escoitando tal cousa e nunca era grande para o que lle gustaba a ela, aínda que era grande dabondo para o que lle conviña ós outros: "anda, axúdame aquí, que agora xa es grande para axudar no traballo".
     Leonor era unha nena moi lista e moi decidida, así que logo se decatou do que habería de facer. Colleu unha maleta grande que había enriba dun armario e foise con ela ata a parada dos coches de liña. Pousouna no chan e meteuse nela. Como a maleta era vella e tiña un burato que lle fixera un rato, por alí podía ve-lo que pasaba fóra e mais respirar, porque de non ser así afogaría cando se esgotase o aire que había dentro da maleta.
     Cando chegou o primeiro autobús, a xente comezou a subir a el mentres un mozo ía metendo as maletas nesa especie de armario que teñen os autobuses na parte de abaixo, preto das rodas. Este foi o home que colleu a maleta na que estaba metida Leonor e púxoa coas outras, a continuación pechou a porta e Leonor quedou alí, dentro da maleta e ás escuras.
     Botou o coche a andar e, aquí paraba, por alí corría, a pobre de Leonor non sabía moi ben que había que facer e non lle quedaba máis remedio que agardar a que alguén viñese a saca-la maleta de alí.
     Ela, mentres, entretívose pensando no que faría cando o coche chegase ó seu destino e que non sabía onde era. Ela daría unha volta pola cidade e vería todo canto nela houbese que pagase a pena ver: monumentos, xardíns, grandes tendas de moitos andares,... Todo iso procurando sempre polo ceo e polas árbores para dar co seu paxariño. Despois volvería a se meter na maleta, á beira doutro autobús que se dirixise a outro lugar distinto. Seguramente —pensaba— axiña percorrería todo o mundo que se pode percorrer en seco. Máis adiante levaría a maleta a algún porto para que a metesen nun barco e poder ve-lo que hai no outro lado do mar. Todos estes pensamentos facíana moi feliz, e ata se sentía ben alí metida.
     E chegou o momento en que o autobús parou e o mozo abriu a porta, colleu a maleta e pousouna no chan. Leonor agardou un pouco para que non houbese xente arredor cando ela saíse da maleta.
     Abriu a modiño a tapa da maleta e botouse fóra. Grande foi a sopresa de Leonor cando viu onde estaba. Estaba na mesma parada do coche de liña onde se colocara co degoiro de viaxar e ver mundo.
     Ó lado dela había unha árbore e nunha póla estaba o paxariño amarelo que a nena deixara en liberdade aquel mesmo día pola mañá. Miraron un para o outro un anaquiño ata que, por fin, o paxariño falou:
     —Leonor, ti ter que perdoa-lo paxariño, que por non saber falar ben aínda, eu dicir que ti ir de viaxe para nos ver, cando eu querer dicir que ti e mais eu nos ver cando ti ir de pa-se-o...

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega