Cun ollo aberto e outro sen cerrar

Páxina Anterior

A cor da Rosiña

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Rosiña era, como é natural, unha rosa que había nunha roseira ó pé dunha casa. Era moi fermosa, da cor do sangue, igual ca tódalas súas compañeiras. Un día pola mañá, cando despertaron, todas miraron para Rosiña moi extrañadas e con cara de susto: Rosiña perdera a súa cor vermella e agora parecía coma unha cousa que de seguro ninguén viu antes, coma unha rosa sen cor.
     Só cando as compañeiras llo dixeron, decatouse Rosiña da grande desgracia que acababa de caer sobre dela, e botouse a chorar. Chorou tanto que pasou oito días chorando arreo. Non facía máis que chorar e as compañeiras veña a lle dicir que nada adiantaba con chorar, pero ela non podía parar por máis que lle dixesen que non seguise.
     Ata que un día a rosa máis vella da roseira, aquela que daba a semente para que nacesen roseiras todo ó redor da casa, díxolle que o que tiña que facer era ir na procura da súa cor, estivese onde estivese.
     Atendeu ben o consello Rosiña, porque xa estaba o sol ben alto cando parou a descansar na póla dun loureiro. Levaba moito tempo voando e estaba moi cansa.
     —¡Carafio! —dixo o loureiro—. ¿Que fai unha rosa por aquí!
     —Ando na procura da miña cor —dixo Rosiña choromicando—. Hai xa ben días que me desapareceu.
     —E logo, ¿como foi iso? —preguntou o loureiro.
     —Non sei. Un día ó despertar atopeime así...
     —Pois non procures máis, rouboucha a noite que che é moi envexosa da cor, como ela é negra de todo, pois claro...
A pobre da Rosiña botouse a chorar outra vez.
     —¿Que vou facer agora? —dicía entre saloucos—. Xa para sempre estarei sen cor.
     —Non, muller, non —consolouna o loureiro—. O que tés que facer é atopar un anaquiño de cor para pór en ti...
     —A miña cor era vermella coma o sangue.
     —Ben, pois vas onde haxa unha planta vermella e pídeslle unha pouca da súa cor, e xa está. E veña, vaite xa, que tés que atopala antes que veña a noite.
     Rosiña deulle as gracias ó loureiro e emprendeu de novo o seu camiño.
     Moitas horas andou na procura de a quen lle pedir unha miguiña de cor vermella. Pero atopou sabugueiros e carballos que nada lle puideron dar. Castiñeiros e salgueiros; bidueiros e freixos que nada tiñan de cor vermella. Despois atopou pereiras e pexegueiros que non podían darlle axuda á boa da Rosiña. Unha maceira díxolle que, no seu tempo, ela daba unhas mazáns que eran vermellas, pero que non lle parecía que fose a cor apropiada para unha rosa tan feitiña, así que sería mellor que vise de atopar unha cerdeira que tivese cereixas ben maduriñas. Pero por máis que buscou non deu atopado a súa cor naquelas árbores todas que andou a visitar.
     A tarde era moi avanzada cando a Rosiña andaba por unha fraga na procura dun espiño que lle dese a cor das súas boliñas. Xa Rosiña cansaba de andar a voar, cando volveu a pasar por diante do seu amigo, o loureiro.
     —Que, Rosiña, ¿como che vai? —preguntou a árbore.
     —Mal, non atopo ninguén que me poida da-la miña cor vermella coma o sangue. Agora ando detrás dun espiño e só atopei un branco.
     —Pois tiveches sorte, porque hai moi poucos. Andaron homes con machados, serras e tronzóns e case acabaron con todos. E igual pasou cos acibros que xa case non quedan desde que á xente lle deu por usalo como adobío pola Noiteboa. O que podes facer é buscar outra cor que che guste.
     —Home, a min sempre me gustaron moito as rosas amarelas...
     —Pois, veña... —urxiu o loureiro—, vaite axiña na procura da cor amarela.
     Novamente lle deu a rosa as gracias ó loureiro e foise a voar pensando que, sexa mimosa ou chorima, sexa no medio dunha margarida ou nunha xesta, atoparía, antes que chegase a noite, a cor amarela que sempre lle gustara tanto.
     Nestas andaba Rosiña, cando viu aló embaixo, un home anicrado na beira dun camiño. Achegouse máis e viu que era o señor Delfino, que é home moi avarento, e que estaba a contar nas moedas que, metidas nun pucheiro, tiña agachadas entre as pedras dun valado desde había moitísimos anos. Rosiña, que viu aquilo, voou alto por riba del e, de súpeto deixouse caer. Pasou polo medio das moedas de ouro e saiu de dentro delas convertida nunha fermosísima rosa amarela coma de ouro. Mentres o señor Delfino, que nin dera visto o que ocorrera, observaba coa boca aberta e os ollos de pampo, tódalas súas moedas convertidas en ferro enferruxado.
     Polo aire afastábase a máis fermosa rosa amarela que a ninguén lle foi dado ver. Era Rosiña, que apuraba o seu voo para ver de chegar á súa roseira antes de que chegase a noite.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega