Fábulas Galaico-Castellanas

Páxina Anterior

A araña e o coello

Páxina Seguinte

m4amadormontenegrofabulas029.html



[p. 50]


   De certo castiro
Na pola máis alta,
A tea, de presa,
Facía unha araña,
E ô pé de aquela albre,
A xeito de casa,
Seu tobo un coello
Tamén fabricaba.
   Un día, tan cedo
Que non inda a alba
Por riba dos montes
Seu rostro amosaba,
Entrambos veciños
Trabaron palabra:
—"O que é, meu amigo,
Si ben arreparas—,
Con xorna ô coello
Decíalle a araña—



[p. 51]


Tan baixo te alcontras
Como eu estou alta.
   Ti fozas na terra,
E a vida que pasas,
Afellas, amigo,
Non é pra envexada,
Pois sempre entre sustos
De morte, e con ánseas,
Tranquilo non vives,
Nin dormes na cama.
   Eu teño das albres
Na parte máis alta
A casa, e respiro
Das brisas máis sanas,
Os prácidos cheiros
Que rouban as áuras
Ás frores do campo
Que vexo cercanas,
E os homes contempro,
Que en vano se afanan,
E os bois, que no xugo
De cansos abafan,
E ríome de eles,
Moi ben recreada,
Pois nada me importa
Que froitos non haxa,
Que leve as cosechas
O sol, as xeadas,
A falta de regos
Ou a sobra de augas.



[p. 52]


   O bon do coello,
Que oira e calara,
As berzas deixando,
Que ledo rumeaba
Tres mil garatuxas
Facendo co-a cara, 
Poñéndose serio
Contéstalle: —«¡vaia,
Que afellas se esprica,
Señora madama!.
Eu ando, non minte,
Da parte máis baixa,
Non durmo tranquilo,
Nin teno de calma
Siquera un istante,
Que a pel me amenazan,
Dos homes a argúcea,
Dos cas a dentamia;
Mais noxo non deben
De termo, pois falan
De min ben e queren
Comerme, si cadra.
   En troques vostede,
Si sobe tan alta,
É porque lixando
Vai todo co-as babas,
E vive tan sólo
De Iíos e trampas.



[p. 53]


   Leutor, non che parece que o coello
            Moi ben a cras retrata
Que sofre, que traballa e leva âs costas,
Cal Cristo a cruz levou, do Estado a cargas?
¿E as arañas? Pra que ei de responderche:
            A cabeza levanta,
E téas mirarás, pol-os políticos,
Como as outras, apresa fabricadas:
¡Seus compromisos non verás cumpridos,
Nin cumpridos verás os seus programas!

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega