Memorias dun esquelete de aldea

Páxina Anterior

Capítulos nº 9-13

Páxina Seguinte

v1xlripaldamemorias003.html

IX

Na aldea , unha das ocasións en que sempre houbo máis alegría , e o Domingo de Ramos, no adro síntese unha grande afouteza, das máis grandes do ano tan só comparable co día da festa.
     Nun dos últimos celebrados na igrexa formouse unha liota que será dificil que se nos esqueza .
     A cousa xa se via vir , pois desde hai tempo xa había refregas entre rapaces ,pois á saída da misa andaban uns detrás dos outros a palitrocazo limpo como se di . Nesta ocasión que agora vou a contarvos a cousa estivo bastante máis movida , houbo participación de tódalas idades .
     Segundo era costume cada un traía o seu ramo de loureiro , pero este ano do que falo , alguén tivo a ocurrencia de enfeitalos con laranxas e ramallos de oliveira , cousa que imitaron os demais.
     O caso era que as laranxas eran das leiras do Sindín e as oliveira das do crego , sufrindo as consecuencias as árbores de ámbolas dúas .Ademais por si todo esto fose pouco o Pitelas que desde que viñera de Alemania todo quería facelo ó grande , levaba con outros compañeiros unha árbore de loureiro enteiro De xeito que ó pousalo enriba da tumba do Macario fixéronlle unha grande firgoa . O pobre mentras non lla arranxaron pasou moita friaxe , ademais que os seus ósos xa non estaban moi fortes que digamos .
     No momento de abendizoar o crego os ramos , había que ver a cara que tiña , de seguro que lles mandaría ,en lugar de salferirlles a auga bendita, unha boa couce no traseiro.
     A cara do Sindín non era tampouco que digamos de moitos amigos . O quedar privado por este ano dos seus zumes de laranxa.
     O parecer o Pitelas no decurso da misa andáballe a facer cóchegas nunha orella ó que tiña diante , este dícíalle : Segue , segue que a sáida as cóchegas vouchas dar eu fendéndoche a cabeza.
     E xa se sabe , como empece un a aburar , os demais imítanlle e o que comezou de riso tendo os seus máis e os seus menos dentro da igrexa , si ben o lugar aínda retivo os azos ; a saída xa non houbo posibilidade encerellándose nunha loita uns e outros , unha das liortas máis grandes que se recordan aínda que houbo outras, segundo contarei no seu momento.
     As laranxas ían dun lado para outro e os ramos caían nas testas dos descuidados . Mesmoo crego recibiu un laranxazo que se lle escachou no medio da cara . O adro daba mágoa velo todo estrado de polas e de laranxas machacadas . A xente á fin foise escamallando , coas mans na cachola doendose , abouxados esmazados semellaba que en lugar de vir da misa voltaban da guerra.
     O Candea o ver o adro tan cheo de lixo esgutiou:
     ¡ Téñoche traballo de abondo!


X

Que disgusto tivo o Roquiño ó escoitar a conversa de doús deses ladróns de santos , ó enterarse que ían a roubar o da súa devoción , o San Roque . Moitas igrexas pasaron polo mesmo , estes amigos do axeno saben os lugares onde se atopan as imaxes de valor, por tanto a nosa igrexa tiña que por forza tocarlle tamén.
     O Roquiño tan axiña como puido presentouse onde o Virutas que, como a noite era calma e de moita calor , atopábase o fresco co seu inseparable tricornio e mailo fusil entre as pernas.
     O Roquiño con un pouco de medo achegouse a el e ó velo o Virutas , antes de que puidese artellar palabra algunha ,díxolle:
     -Que se che perdeu por eiquí a ti para vir a falar con tan ruin garda , será para pidir algo ¿ ou non?.
     O Roquiño moi humildiño respóndeulle :
     - Pois home xa que vostede se adiantou a falarme direille que si , ademais ninguén pensa que sexa malo , o que pasa e que as veces o seu xenio desatase e claro...
     Entón o garda comezou a berrar .:
     -¡Moi ben ! Malia tódolos pesares , hai que seguir a contar coa autoridade ¿ Non si?
     O Roquiño cada vez máis cocaina baixou a cabeza sen dicir ripio.
     -Veña, ¿ cal é o asunto?- preguntou o Virutas .
     Se mo permite ireillo contando polo adro adiante pois hai un anaco que estaban forzando a porta polo que entendo que xa deberon entrar a roubar o santo patrón.
Esta declaración do Roquiño fixo que o Virutas , comezase de novo a berrar.
     -¡ Mal pocados ! Sen dúbida non saben eses que neste cimeterio atópase soterrado o Virutas , terror de contrabandistas , ladróns e xente de mal vivir , e de todo o que me votaron en vida e agora en morte.
     Tal alporizado se puxo que se esqueceu do fusil polo que volveu por el alancando a toda presa , con grande preocupación do Roquiño xa que pensaba non ía chegar a tempo.
     Os ladróns tencionaron baixar do altar o Santo Roquiño , o Virutas agardabaos sen presa que saíran , cando o fixeron plantouse diante deles . Ante semellante visión os dús ladróns quedaron sen poder dicir nada , un co medo deixou caer o santo que o Roquiño apurouse a coller antes de que se esnaquizase contra o chan.
     Os ladróns por máis que se empeñaron en fuxir canto antes non puideron impedir que recibisen varios culatazos no lombo que lles guindou o Virutas co fusil.
     Certo que tiña un xenio que o levaba o demo pero era un home cumplidor das sñuas obrigas , aínda que estas as veces tamén teñen os seus límetes como tódalas cousas.


XI

Unha das veces en que atopei máis alporizado ó crego foi cando o Candelas despertou por mor de fundirse o sobrado no velatorio do Fuco. Tan alporizado estaba que podiamos oir a conversa sen dificultade desde o adro.
     -¡ Tiña que pasar ! Agardaba esto dun día para outro e ó cabo sucedeu.
     Entón o Candelas tencionou de calmalo dicíndolle.
     -Bon, señor cura , a fin a casa do Fuco era das máis vellas do lugar , por tanto...
     Non me veñas con andrómenas . Non me canso de dicir que esos actos nos velatorios non se deberían de celebrar , xa que a nada conducen.
     Entón continuou o Candelas
     -Pense vostede que os costumes, e as tradicións , están aí e non se deben despreciar.
     - Pero , ¿ de que tradición me falas ? ...Esta clase de velatorios nunca foi propia destas terras , pois trouxérona da Rías Baixas , precisamente por esa familia , que ten aló as súas orixenes.
     - Non obstante viñese de onde viñese é unha tradición , como pode ser , por exemplo,o xuntarlle o viño a vostede os feligreses.
     -¡Alto . alto ! Non confundas os mandamentos da Santa Nai Igrexa, que como sabedes mandan a xudar as súa necesidades , con esa primitiva costume ,propia de paganos.. Pero deixémonos de tanto falar e vaíamos ver o que sucedeu.
     Pois o que pasara contouno o Fuco . O certo foi que o sobrado non estaba moi seguro, que digamos, e ainda quedou peor despois da trapisonda que se formou por mor do "abellón" que direi que era unha danza arredor do cadaleito imitando o zoar destos insectos sen que ninguén deixáse de bufar , xa que esto podía acarrear malas consecuencias. Ademais como estaban todos quentes , pois o xerro de viño ía de man en man enchendo os golletes , os azos eran grandes. Así que chegou o momento en que se afundiu o sobrado .
     O principio todos pensaron en que houbese algún malfado , pero non foi así . O sobrado daba a dous lugares , un a corte das vacas e o outro a un pequeno cubil dos porcos que estaba en obras polo que tiña grande cantidade de laxes .
     Os que foron a caer na corte tiveron sorte , xa que estaba recen estrada de toxos , así tan só esgazaron uns as pernas e outros mazaron o cu ó caer na croca das vacas .
     O que non saiu tan ben pardo foi o morto o Fuco, o ir a caer na outra parte o golpe foi tan forte que o cadaleito quedou reducido a pitelas , e o corpo do Fuco vacoteado dun lado a outro ,polo que o seu estado quedou dunha forma lastimosa. Ata tal xeito que cerralleiro que temos no adro tivo que empregar de novo toda a súa agudeza para recompoñelo .
     Despois deste suceso non houbo novas no adro de que se celebrase na aldea algún abellón máis.. Desde logo que moitos degaros non quedaron despois do acontecido.


XII

No adro non podía faltar un emigrante o Salustiano . Había xa tempo que tiña verdadeiros devezos de que me contase como lle fora polas Américas , das que trouxo como recordo uha pertinaz coxeira e unha cadea de ouro . Por sorte para el non lembraría o que pasou o día do seu enterramento pola noite , xa que mentras podrece o noso corpo non temos acordo algún . Aquilo prodúxome grande enoxo , pois si roubar a un vivo esta mal , que diremos do que rouba a un morto .
     O Salustiano sempre levaba a cadea no seu chaleque , endexamais se desprendera dela , e foi a súa vontade de ir con ela a tumaba.
     Máis non pensaban o mesmo os seus sobriños , pois dicían que unha cousa de tanto valor , non podía perderse , non obstante cumpliuse a vontade do morto de ser enterrado coa cadea. Aquela noite non todos dormian ,pois alguén achantándose na oscuridade , dirixiuse a tumba , do "Pata Camba"alcumio coque se coñecía ó Salustiano . E ripando a lousa que cubría , quedou abraíado , a cadea non estaba , ¿ Que pasara? . Que outro sobriño .mal nacido adiantárase .
     Un día puiden comezar a conversa con el ,comentándome como principiaran os seus negocios en América .
     Ben , eu tiven bastante sorte -díxome -pois cheguei o novo pais para min, con traballo xa asegurado ; sen ter que pasar polo desacougo producido polo continuo devalar dun lado para outro na procura de emprego.
     - ¿Entón como foron os teus comezos?-pregunteille.
     En principio traballei nunha fábrica de bolsas de esparto para cereais que tiña o meu irmán , que emigrara algúns anos antes que eu . Pouco a pouco funlle collendo gosto a este traballo e co tempo cheguei a ter a miña propia fábrica..
     -Iso non lle gustaría moito ó teu irmán -
     -Pois non che falta razón , non lle gostou nada , ata o punto de poñerme moitas trabas , máis non ven o caso comentalo agora.
     - A envexa de sempre.-dixenlle eu .
     - Pois si, semella que endexamais poderémola arredar do mundo.
     - Bon , si che ía a vida tan ben alá .¿ Por que te viñeches ? -
     - A cousa eche ben doada . Aínda que os negocios prosperaban , non era o mesmo coa saúde . O reuma comezoa atacarme ata o punto de que case non movía as pernas e como deste xeito non podía continuar , voltei a terra . Merqui unha casa onde acostumaba a pasar as temporadas que non permanecía na aldea.
     -¿ E logo non emprendiches acó algún negocio?
     - Si, do que non quero acordarme, os negocios eiquí non che son tan doados de facer como aló -
     O que lle respondín eu.
     - Falando dos negocios que fan por aló algúns espilidos, coa boa fe dos nativos , tamén habería moito que falar non é así.
     - Non che digo que non , é seguindo co que me preguntabas direiche que merqui un camión e dediqueime a xuntar cireixas polas aldeas pensando logo vendelas en almacéns das vilas ...
     Chegando a este punto da conversa , o home fitou coa súa caliveira ó chan e foi entón cando me decatei da mágoa que lle estaba a producir falar do asunto . O cabo díxome :
     -O caso foi que esto determinou a miña ruína . Non logrei vender a froita e ó ser unha mercancia que hai que depachar deseguido , apodreceron sen que eu puidese facer nada para remedialo . Así que non tiven máis remedio que enterrar as cereixas na finca.
     Como vin o moito que se amerceaba coa conversa tratei de cambiar o rumbo da mesma cara outos asuntos.
     Teño que dicir que o Pedro , un día que estaba na casa que mercara ripóuselle a perna por un burato que deixou unha táboa o romperse , a ferida que se fixo complicouselle o que ocasionou que Pedro volvese a emigrar, esta vez a onde o facemos todos sen remedio , máis tarde ou máis cedo: o cemiterio.


XIII

Nunha desas noites nas que , de verdade , presta estar no adro e que o silencio só se rompe co canto dos grilos e das cantaruxas , paseando eu co mestre , ollamos como o Virutas , moi alporizado , falaba co Roquiño , pois desde o asunto do roubo do santo fixéranse moi amigos.
     Entón , ó achegarnos a eles , pidemos escoitar como o Roquiño lle dicía :
     -Eche cousa ben estraña , ho . En todo o tempo que levo no adro nunca vin nada igual .
     -¿ Que é o que tanto te espanta ? - pregunteille o Virutas .
     Pois aquela ringleira de luces coma en procesión non hai dúbida de que se trata da Estadea.
     O Virutas moi enrabexado dille .
     -Eu sei moi ben a quen pertenecen esas luces , os de sempre :ós contrabandistas , a Santa Compaña non anda por estas terras.
     E aínda non rematara de dicir esto cando xa estaba a poñerse o tricornio e a coller o fusil en sinal de loita. O velo así o Roquiño tencionou de calmalo dicíndolle:
     - Acougue vostede, non ve máis que contrabandistras por tódolos recunchos . Nin que non houbese outra clase de pillabáns polo mundo.
     O mestre que xa levaba un longo anaco de tempo a escoitar a conversa , meteuase nela para dicirlles:
     - Ámbolos dous estades trabucados ¡ Que Estadea nin que contrabandistas.! Esas ringleiras de luces que estades a ver ó lonxe non son máis que os focos dun grupo de mozos e mozas que voltan da festa do San Miguel . A Santa Compaña é outra cousa , almas que saen a percorrer os lugares da parroquia.
     - Entón , coma nós tamén estamos mortos , as nosas almas tamén poden facer o mesmo . -di o Roquiño un pouco arredado
     -Pois si, -continua a falar o mestre -mais non te que temer nada ,eu penso que eso pasa antes de que apodreza o corpo , e que eu saiba nunca tiven novas de que nesta freguesía ocurrise unha cousa así.
     Un dos esqueletes que ,poucoa pouco, se ían achegando ó grupo pola cnversa que tiñamos , preguntoulle ó mestre como estaba tan seguro do que estaba a dicir.
     -Mirade respóndeulle o mestre - se así fose xa no lo tería dito o Chinfano, o gaiteiro , o ser o esquelete máis vello de todo o adro .
     - ¡ E que terá que ver o gaiteiro coa Santa Compaña ! Ou é que o contratan como acompañante no recorrido.
     Falou outro dos esqueletes entre o riso xeral da concurrencia , que cada vez ía sendo máis numeroso . So o Virutas , como o can ó cheirar unha peza , estaba a seguir as luces que para el , eran as dos contrabandistas.
     Si, o Chinfano ten moito que ver nesto - porfíaba o mestre - mágoa que non poida estar eiquí connosco agora . Xa sabedes que, como é tan vello , xa non lle gosta sair ó adro . Pois el endexamais dixo que algún esquelete quedase algunha vez sen un óso.
     -E logo , ¿ seica rouban ósos eses da Santa Compaña? De ser así tamén terei que perseguilos por ladróns - dixo o garda que aínda arredado seguia a conversa..
     - Eu penso que si -di o mestre-xa que as luces que levan nas mans non son velas senón ósos dos difuntos.
     Depois destas palabras do ensinante , quen máis e quen menos colleu un medo que lles fixo tremar a osamenta como un xunco . Entón o Roquiño atreveuse a dicir :
     Pois si que ten razón o Chinfano en non vir polo adro a esta horas , así que eu voume.
     Pouco a pouco todos se foron arredando , mesmo o Virutas que xa se cansara de ollar as luces E así en poucos momentos a xore era total de maneira que de novo se podían escoitar os grilos e as cantaruxas. Eu non quixen marcharme sen botarlle unha ollada ó adro .Ante tanta calma aledeime que a Santa Campaña nunca partira deiquí.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega