Grimorio

Páxina Anterior

Escolma. "Día de atravesar pantasmas"

Páxina Seguinte

v4emmapedreiradiadeatravesarpantasmas.html
Ate as sabas abranguen e zumegan poros e bocas de loucura,
finxidos espacios de sono,
memoria-materia de luz que alucina
a morte presentida
pola casa adiante
preñada de esperas e unha laboura de eclipses e
soidades.

Todos os dedos foran paralizándose nunha proclama:

Hei ser a máis vencida
          arrincádeme
a mentira de nacemento

Hei ser a orfa
se non resistes o meu corpo en movemento,
a danza do aquelarre iniciado
           xa se desequilibrou en ti.

A consigna dos últimos anos foi fermentando entre as sombras de ataúdes 
que agardan como berces que están pechando os ollos
e se derreten sobre si mesmos.
Ou quizais esteamos ocultándonos entre os dedos
o eivado pracer de destruírnos,
amortallarnos
e liberarnos a entraña por estancias que pretenden
e que ignoran.
O pazo insustituíbel do recordo,
a catacumba xeada
que é o ventre anoándose sobre o corpo inacabado
a sorprendida tenrura do raso negro onde me perdo
a pel e os labios contornos estreitos dun segredo que ensombrece e atrona.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega