O gaiteiro de Soutelo. Unha espresión da cultura popular

Páxina Anterior

Momentos dunha vida

Páxina Seguinte

v2rivastroitinhoogaiteirodesoutelo003.html

     Ao remate do século XVI, Soutelo pasa a chamarse Soutelo de Montes; a causa está en que, nesa data convírtese na capitalidade da Terra de Montes. D. Pedro de las Landeras, xuez meiriño, foi o autor da desiñación da nova capitalidade, e él mesmo trasladóu alí a sua residencia. Soutelo, considerado o lugar máis céntrico e millor comunicado con toda a xurisdicción de Montes, foi, dende aquela, a sé do xuez, da sala de xusticia, do arquivo, e tamén do cárcele. Un campo, o da Picota, foi adicado dente entón a lugar de execución, triste privilexio que tiñan os xueces de Montes.
     Deica tempos recentes sigueu alí a capitalidade, da Terra de Montes primeiro, e do Concello Municipal de Forcarei despóis. Unha "Plaza de la Constitución" lembra aínda a primeira carta constitucional de España (1).
     Neste pobo de longa historia, morrendo xa o século XIX veu ao mundo un home, mitade dese século —polas suas artes— e mitade do século XX, polos seus recursos vitaes. Foi o ano do seu nacemento un ano decisivo na historia de España; unha lúcida xeración cultural perpetuará esa data de 1898, o ano da perda das colonias españolas na América.
     O 15 de febreiro dese ano estala o "Maine"; cáseque dous meses despóis, o 13 de abril, os americás declaran a loita á España, e o día primeiro do mes en que nace Avelino Cachafeiro destruen a escuadra española de Filipinas. Son malos tempos pra nacer, mesmo prá Galicia, onde moitos dos seus fillos loitaban lonxe da terriña ou vían o seu fin de emigrantes por alá.
     O matrimonio de Fermín Cachafeiro Balado e Dolores Bugallo Paz contou, dende o 26 de maio dese 1898, un quinto fillo, nado en Soutelo ás once da mañán.
     Xoan Cachafeiro, de Sanguñedo, e Aurea Cachafeiro, abó e tía do rapaz recén nado, foron padriños do bautizo ese mesmo día. O rapaz chamábase, dende entón, Avelino Cachafeiro Bugallo, nome á engadir aos de Regina, Marcial, Darío e Carolina, irmáns maiores do recén nado. Os aboengos destes rapaces eran todos de Montes. Pola banda do pai, os abós —Xoán Cachafeiro e Loisa Balado— entroncaban en Sanguñedo; e pola banda da nai, as raíces tópanse en Dosiglesias, terra da abóa María Paz, i en Forcarei, onde vivía Inigo Bugallo, outro abó do rapaz.
     Soutelo era daquela un pobiño tranquilo, coñecido abondo polos seus canteiros; e na bisbarra, tamén polos gaiteiros que aledaban moitas festas patronaes. Coido que tamén soara a gaita en Soutelo o día do nacemento de Avelino; o seu abó e padrino tiña sona de bó gaiteiro, e o pai do rapaz tamén. Arte e oficio que se iría transmitindo aos fillos, anque dous deles nacerían máis tarde. Sabela fai o número seis dos irmáns, que completarán Bautista, nado o 24 de xunio de 1904, e Víctor Castor, o benxamín, que veu ao mundo o 18 de setembre de 1906.
     Os rapaces fóronse afacendo a escoitar a gaita naquela casa de gaiteiros, e cicáis soñaban co día en que eles poideran facela soar. Ao fin, medraron durmindo na deshinchada xoroba do fol, que lle gostaba decir a Avelino.
     Este, asegún lembra sua irmán Sabela, empezóu a aficioarse á gaita polos seus doce anos. Do abó adeprendera o rudimentario da téinica, e o demáis foino coñecendo ás agachadas. Os montes de Soutelo foron o conservatorio onde se formóu o que sería virtuosista da gaita, o lugar onde comenzóu o diálogo antre istrumento e intérprete.
     O pai cobraba daquela seis pesetas por tocar nas festas, e deixar as gaitas nas máns daqueles rapaces era arriscarse a perdelas. Por eso, Avelino tivo que escapar aos montes para adeprender os segredos da gaita. Pro o pai enteróuse das xogadas do fillo, e foi honrado. Escoitou ao rapaz e decatóuse de que lle chegaba a hora do relevo. Regaloulle entón as gaitas a Avelino, i él adicouse a tocar o bombo, a cantar e a bailar muiñeiras. Gaiteiro de vellos tempos, non se lle daba mal o novo oficio, outro máis na sua vida, xa que denantes tocara o clarinete nunha banda de música da bisbarra.
     Avelino adeprendía tamén o oficio de ferreiro en Carballás. Cando os irmáns pequenos foron medrando, tamén se aficioaron á música. Co remate da primeira loita mundial naceu o grupo de "Gaiteiros de Soutelo". O pai xa non tocaba agora co abó, senón cos seus propios fillos. O líder era Avelino, gaiteiro, oficio que tamén tiña Castor. Bautista, o outro irmán, cantaba de tenor e tocaba a caixa, mentres o pai se facía cárrego do bombo e cantaba ou bailaba. Andrea, tía dos rapaces, acompañábaos co pandeiro. Asi que, deles cáseque podería se decir a cantiga popular:

O gaiteiro toca a gaita,
a muller toca o tambor,
os fillos tocan o bombo
o can ládralle ó roncón (2)

     A sona do grupo empezóu a medrar, e tamén o número de aituacións. Mercaron entón un auto —un Ford— pra poder atender todas as chamadas naqueles tempos en que cáseque todos os Axuntamentos tiñan gaiteiro titular. Pro os de Soutelo seica eran moi bós, e pra unha festa ao ano ben se podía botar a casa pola ventana. A verdade é que eles sabían aledar as festas; eran todo un show; botábanlle de vez en cando unhas cantigas ao xeito, e ¡árdelle o eixo, carballeira! No descanso, pra que a festa fora completa, baixaban do palco e dábanlle á muiñeira coas mozas do lugar.
     A Avelino chegoulle, no intre, a hora de servir a patria. Non era boa cousa naqueles tempos. Moitos dos seus veciños andaban entón, xogando a vida, polas terras de Africa, onde os mouros facían das suas. O primeiro de agosto de 1920 entrou Avelino en caixa: se lle tocaba pra Africa, ¡adeus, gaitiña galega, por uns cantos anos! E, aínda que non o destiñaran pra aló, era moi posíbel que tivera que ir dar unha voltiña por aquela terra, non pra aledar festas, senón pra usar outros instrumentos máis ríspidos, os fusís.
     De entrada, tocóulle pra o reximento de Infantería número 65 do Ferrol. Alí se presentou o 14 de Santos do ano 21, cicáis lembrando a cantiga:

Cando saín de Soutelo
os meus ollos eran fontes;
¡Adiós, montes de Soutelo!
¡Adiós, Soutelo de Montes!

     Pro Avelino tivo sorte. Aos tres meses mandárono prá casa, como excedente de cupo. Xa podía seguir adicándose á gaita.
     Avelino foi nomeado entón gaiteiro da Sociedade Artística de Pontevedra. Alí enterouse dun concurso que se ía celebrar na ciudade de Compostela no mes de Santiago do ano 1924. Avelino tiña, xa daquela, moita sona, pero aquela era unha proba de fogo. Castor, o irmán pequeno, tamén se apuntóu. Eran, en total, nove gaiteiros os que ían polos premios. O pai, que xa tiña os seus anos, díxolles: "hai que tocar ben, que a xente mira todo".
     E alá foron a Santiago, dispostos a todo. Castelao, xa consagrado naquela data, recolle o ambente daqueles días en Soutelo, nun artigo que trascribimos noutro lado (3). Avelino era, entón, outo, ben posto, elegante, falador e moi artista, sobor de todo co seu traxe enxebre, calzón curto, roxa monteira e chaleque broslado.
     Cando voltaron, Avelino traía o tíduo de "Millor gaiteiro de Galicia". Moitos contratos dende entón, e moita groria. Ninguén se convencía de que os gaiteiros dos seus pobos non foran millores ca os de fora. Había que escoitar aos que lle decían "millores gaiteiros de Galicia" pra ver se era certo, anque lles tiveran que pagar 500 pesetas, máis que a unha banda de música de 35 profesores. Os gaiteiros eran ben pagados; a cantiga popular recollía esa realidade ao seu xeito:

ó criado do gaiteiro
déronlle un oso ó xantar;
dixo que se fora can
tiña ben en que rillar.
O Gaiteiro de Soutelo
Un raio de Dio-lo mate
Non quer tocar a gaita
Sin que lle den o chocolate

     Os gaiteiros de Soutelo ían levando aos seus paisáns o sentimento da Terra galega no fol da sua gaitiña. Nos xornaes de Galicia do ano 24 xa topamos reseñas abondo das suas aituacións. A maioría do vran pasárono tocando en Mouzón (4), pero con tempo pra aledar outras festas, como unha benéfica anual celebrada no parque da Eiriña en Pontevedra o 20 de agosto.
     O vello "Ford" non podía ir ao ritmo dos gaiteiros. Mercaron entón un "Eses Super" por 8.000 pesetas. ¡Moito andou este cochiño, que non tiña día libre! Os gaiteiros de Soutelo, daquela, estaban un día en Bilbao, e ao seguinte en Bouzas ou na Cruña; outro tocaban en Madrid e despertaban aos veciños de Verín cunha alborada pola mañán seguinte. As carreteras coñecían aos gaiterios; e as carballeiras tamén.
     No mes de xulio do ano 1928 graban 6 discos na casa Regal de Ourense. Unha das finalidades desto era facer cartos pra dar unha volta polas Américas. Pro no intre, sucederon cousas tristes no grupo. Cando lle falaron do asunto ao pai, que xa se sentía un pouco vello, confesóulles a sua falta de ánimo pra ir tan lonxe, e menos en barco. "Na terra, se pasa algo, pódese ún agarrar; pero no mar, non hai a qué", disque dixo quen tanto contribuira ao trunfo do grupo. E morreu o 27 de marzo de 1928, aos 68 anos.
     Un ano despós, Avelino cambeou de estado. Nas suas xiras polas festas, foran moitas as mozas que se namoraran del.

As mozas de Reborán
cando bailan no quinteiro
botan os ollos prá gaita
as olladas pra o gaiteiro.

     E certo que nos seus anos de rapaz, o xogo de pistón no campo da feira, deixouno sin un ollo. Mais eso non lle quitaba ao gaiteiro de Soutelo o "aquel de señorío". De calquera xeito, él xa levaba anos namorado dunha boa rapaza, nada en Compostela, pro que vivía na Terra de Montes. Home afeito á idiosincrasia galega, fixo tamén nesto verdade a cantiga popular:

Non quero zapatos baixos
que se me enterran na area,
non quero amores de lonxe
que os teño na miña aldea.

     Xosefa Cortizo Nogueira era o nome da sua musa, a que sería compañeira da sua vida e que daría pé ao silencio de Avelino dende o ano de 1946. O casorio do millor gaiteiro de Galicia coa filla do segredario de Axuntamento de Forcarei celebrouse en Santiago, na parroquia de Conxo, o 23 de marzo de 1929. Avelino ben puido decirlle á rapaza naquel casorio sinxelo:

Moitos, moitos ollon vin
e sóio aos teus, miña nena,
e sóios aos teus me rendín.

     Chegou no intre a hora da partida prá América. Con eles levaban pra bailar un fillo e unha filla do Sr. Novás, un sustituto do pai —Antonio Ferro, "Charrone", de Pontevedra— e moita ilusión.
     O viaxe seica foi moi agradábele. Tranquilizaban a inquedanza con humor do bó a mancheas. E os emigrados, que ían pra alá, aínda se sentían na terriña mentres escoitaban a gaitiña galega.
     A presentación dos "Gaiteiros de Soutelo" no Teatro Avenida de Bós Aires foi o 28 de febreiro de 1930. Os decorados que levaban pra tan especial ocasión eran obra de Castelao —sempre incondicioal— e de Camilo Díaz Baliño, o gran pintor que tanto fixo por Galicia. Tanto ún coma o outro eran grandes artistas e grandes intérpretes da ialma das xentes e da psicoloxía das nosas paisaxes. O trío era dos bós: Castelao, Camilo Díaz e o Gaiteiro de Soutelo. Galicia non podía deixarse en millores mans.
     O día 18 daquel mes firmaron un contrato entre Avelino e o dono do Teatro. A novos tempos, novos contratos. Estes xa tiñan a sua historia. Xa no ano 1517, o 27 de maio, os vicarios da cofradía de San Nicolás de Noia contrataran ante o escribán da vila —Xoan Rodríguez—, a Xoan Rivas do Mar, gaiteiro, pra tocar nesa festa nos días da vida do gaiteiro (5).
     60 anos máis tarde pagaron en Bouzas 34 reás, e maila comida e a bebida, por tocar a gaita e a caixa no día e no víspera do Corpus (6).
     Agora, contrataban a gaita pra tocar nun teatro, non en festas relixiosas. Os termos son os seguintes: Entre don Avelino Cachafeiro director del Quintento Artístico denominado "Os gaiteiros de Soutelo" y don Enrique Díaz Argüelles, arrendatario, empresario del Teatro Avenida de Buenos Aires, se establecen las siguientes condiciones para la función a celebrarse en el Teatro Avenida de Buenos Aires la noche del viernes veintiocho del corriente.
     El Sr. Díaz Argüelles se compromete a presentar en dicho Teatro la Compañía de Zarzuela que dirige el actor Vicente Mauri, para representar una obra de dos actos que se elegirá de acuerdo con el Sr. Cachafeiro y todo lo concerniente al buen funcionamento del Teatro.
     El Sr. Cachafeiro se compromete a actuar al final de la obra, con su quinteto artístico.
     De las entradas que se obtengan, se descontará el impuesto municipal, derechos de autor, propaganda extraordinarias, fijación y un mil doscientos pesos m/n (1.200 $ m/n) y del resto percibirá el Sr. Cachafeiro el sesenta por ciento (60%) y el cuarenta por ciento (40%) restante el Sr. Díaz Argüelles.
     El precio de las localidades será el relacionado a tres pesos m/n platea.
     Y para que conste se firman dos ejemplares en Buenos Aires a diez y ocho de febrero del año mil novecientos treinta".
     O ésito foi tan grande que alí seguiron un mes máis, cobrando agora o 20% da entrada bruta. E pronto mandaron prá casa 20.000 pesetas.
     A estadía alá non lle costaba ren, xa que —asegún conta un testigo daqueles trunfos— o Intendente de Bos Aires invitounos á sua quinta. Rosario, Córdoba e Montevideo foron as posteriores etapas da xira dos Gaiteiros de Soutelo polos países do Prata. O trunfo foi económico e artístico. Comentábao, con toda modestia, Avelino nunha entrevista que lle fixeron, hai pouco nun xornal galego: "Creo que hemos elevado el prestigio de Galicia".
     Voltaron á terra pagando boleto de terceira, pro viaxando realmente en primeira. Un pouco de música e un retraro do capitán feito a carbonilla por Avelino ben merecían esa deferencia. E, xa en terra, seguiron tocando. As cousas non ían ben por aquel tempo.
     Bautista morreu en abril de 1933; era moito traballo e non poido chegar ao remate. Francisco Viéitez, de Soutelo, pasa entón a formar parte do grupo.
     Un día de xulio do ano 1936, mentres tocaban en Barcelona, enteráronse de que España estaba en loita. A Cultural Obrera de Madrid trasladounos á capital do País pra aledar os espritos das xentes en loita, mentres Antonio Ferro se ía pra o campo de batalla e topou a morte. Xente exaltada de Soutelo iñoraba, no intre, aos gaiteiros nos rezos públicos, e decía deles: "¡Polo demo foron, polo demo volvan!" ¡Onde levan as pasións!
     Nesta estadía en Madrid pasoulle a Avelino unha anécdota moi divertida. Perdeu a cola da cea e tiña que aituar deseguida na Chueca. ¡Quen sabe se perdeu a cola a propósito porque lle cheiraba o carneiro que asaban nun bar da Calle Maior, perto do Goberno de Casares Quiroga!
     "Eu levaba uns vasiños no corpo e decidín entrar a pola miña parte do asado". Dito e feito.
     Entrou coa sua gaitiña ao lombo e o traxe enxebre, que xa lle quedaba pouco tempo para aituar. A xente, ao velo entrar, deixou de comer e púxose a mirar pra él, coma se fose un espantallo.
     I él berrou na sua doce lingua ao momento: "Perdín a cola da cea, e se non me dades de comer, digo ¡Viva Cristo Rei!".
     Cicáis non faga fala decir que comeu canto carneiro lle coupo no corpo.
     Pro a gaita non é pra tocar nesas circunstancias. Gracias ao segredario de Casares Quiroga, conqueriron un pasaporte e sairon pra Francia. ¡Qué distinta saida á de anos atrás camiño de América! Avelino deixou a barba "deica volte á terra", naquel triste día, o 22 de outubro de 1936.
     París era somentes un lugar de paso pra os nosos gaiteiros. Eles ían a Berlín aos Xogos Olímpicos, anque nunca alí chegaron, porque a parella de baile non poido saír de Madrid.
     Deciden entón vir hastra Bourdeaux e, por Portugal, tenlle que mandar cartos os seus parentes. Dalí queren sair e non poden, por non ter pasaporte legalizado. Atópase entón Avelino cun frade.
     —¿Parlez-vous francais?, pregúntalle, e o frade dille que fale na lingoa que queira. Esprícalle o caso, e o frade dalle unha tarxeta; con ela logo lle deron o pasaporte no peirao. E, o 25 de Santos saen de Bourdeaux camiño da casa, por Lisboa. Alí chámaos a policía do porto:
     —Vosé, ¿dónde veñen?, dinlle ao rapaz do tamboril.
     —De Francia.
     —E antes, ¿ónde estiveron vosé?
     —En Madrid e Barcelona.
     —Entón, ¿vosé son bermellos? E o rapaz, asustado, dixo:
     —Non, señor, que nós somos de Soutelo de Montes.
     Con esta resposta, que non entende de bandos, remata o interrogatorio, e danlle 48 horas pra chegar á fronteira de Tui.
     Piden axuda na Embaixada e néganlla por non ser colonia española naquel país. Cando saían, tópanse cun médico de Mondariz que traballaba en Lisboa. Xa todo estaba arranxado. O médico lévaos a un hotel pra repoñerse uns días; danlle de paso billetes de primeira clas delea Tui, e duas cestas de comida.
     Na estación de Entroncamento chaman por eles: é pra darlle outra cesta de comida. "E así, escribéu Avelino matamos a fame da loita civil, ¡queira Deus que non volva!".
     Era o primeiro de decembro cando, por fin, chegaron á querida Galicia.
     Circustancias posteriores que se dirán no seu momento, fan que o sonado grupo se disolva. Castor, terceiro premio no Concurso do 24, emigrou pra Venezuela. Alí dorme a sua morriña na escola de gaitas de pequenos emigrantes, que dirixe na Irmandade Galega.
    Avelino adícase entón a outras aitividades. No ano 29 montara un surtidor de gasolina en Soutelo, o número 2207 do país. Agora, cando as festas deixan de celebrarse ao aire libre, pon unha sala de baile, ten unha funeraria e no ano 48 instala un cine en Soutelo. Pinta tamén e escribe poemas.
     Percorre as terras galegas, non pra levar o mensaxe de Soutelo, senón pra recollelo. Dispónse a impreñarse do sentimento da terra. A sua lenda xa é irreversíbele.
     De vez en cando, antre os que o coñeceran, corríase a voz de que morrera. Entón replicaba ao seu xeito: "Vou a Doade, que dixeron que morrera; e vou pra que vexan que non morrín".
     No ano 1963, un accidente de coche estivo a punto de facer certos os rumores; a verdade e que pensaron que morrera. Rompeulle unha perna por once sitios, perto do Paraño. Levárono ao Carballiño e non parou hastra que o trasladaron a Santiago. Na cidade galega sentíase as gusto; alí fora proclamado Millor gaiteiro de Galicia, e tiña sona de bós médicos.
     Así foi, pouco a pouco, perdéndose na lenda, mesmo a sua vida histórica. De vez en cando, recoñocíao un xornalista e adicáballe unhas páxinas nos xornaes.
     Avelino xa se sentía soio dende 1956. A sua muller, aquela rapaza coa que se casara na plenitude da lenda, levaba xa dez anos encamada; e o 11 de marzo deixouno. Avelino lémbrase entón do filliño que non vivira e aconséllao que lle dea un biquiño á nai que vai na percura del. Que esperen, namentres, por él.
     Vai pasando o tempo e Avelino perde a saúde, que non o humor. Percorre os camiños e santuarios de Galicia. Achégase a Madrid pro volta aos dous días porque ten morriña.
     Asiste, con máis espranza que sastisfacción ao "boom" da música galega comercial. E unha dura enfermedade —cáncer de recto— vai se apoderando del. Os médicos recoméndanlle unha operación, e aceita que lle poñan "un transistor na barriga", pero non se conquire ren.
     Conscente do seu próisimo fin, pasa uns días na cama, da que xa non sairía polo seu pe. A paz espritual dos seus derradeiros momentos, pasados en soedade cos seus recordos e espranzas, veuse consumada o 13 de abril de 1972. Ese día voltou ao Pai a quen tanto cantara nos seus poemas.
     O pobo enteiro foi, no seguinte día, darlle o derradeiro adeus a quen fixera coñecido no mundo enteiro o pobo común. Escribéuno o crego no libro de difuntos: "En el cementerio parroquial de Santa María Magdalena, el día 14 de abril de mil novecientos setenta y dos se dio sepultura al cadáver de don Avelino Cachafeiro Bugallo, el que fue gran Gaiteiro de este pueblo de Sotelo, gran conocido por el mundo entero por este su oficio, quien también dio a conocer su pueblo natal; tenía 72 años de edad, era hijo de D. Fermín y de Dña. Dolores, natural y vecino de esta parroquia en el lugar de Sotelo, habiendo recibido los sacramentos de Penitencia, Eucaristía y Santa Unción, que administró el que suscribe. Se funeró y se aplican responsos dominicales. Y lo firma, José Pérez Bertolo".
     O demáis eran dados pra lenda. Galicia chorou a morte dun esgrevio intérprete dela. Somentes algunhas emisoras de radio adicaron unhas horas a ensartar a sua figura e a sua obra. Algúns ademiradores deixaron tamén constancia na prensa da morte dun galego cerne.
     Home sinxelo, decote de bó humor, respetuoso con todos, cumpridor das suas obrigas con Deus e coas leis; home laial, amigo de comprender máis ca de xuzgar, de verba crara, foi un prototipo da Terra de Montes. "Parece la encarnación de su Montaña" escribiron del no ano 29.
     Ao rematar estes dados elementaes da sua biografía, pódese decir del, con esa sensación de decilo todo, "era un bó home".




          ——————————

          NOTAS


(1) A. RODRÍGUEZ FRAIZ: Tierra de Montes. ob. cit., pp. 360-363. Dende hai algúns anos somentes se lé "plaza de la" na que foi "Plaza de la Constitución".
(2) A maioría destas cantigas están recollidas da "Antífona da Cantiga", de Ramón Cabanillas, Galaxia, 1951.
(3) No capítulo adicado maiormente ao gaiteiro.
(4) Crf. "Vida Gallega", mes de Santos de 1924.
(5) P. PÉREZ CONSTANTI: Notas Viejas Galicianas. Vigo, 1927, II, p. 127.
(6) Ibid., p. 136.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega