O gaiteiro de Soutelo. Unha espresión da cultura popular

Páxina Anterior

"O millor gaiteiro de Galicia"

Páxina Seguinte

v2rivastroitinhoogaiteirodesoutelo004.html

     ¿Qué fixo Avelino coa gaita pra que dende mozo o seu único nome fora o de Gaiteiro de Soutelo?. ¿Qué segredos lle non descubriría prá deixar as suas melodías e o seu mensaxe ao capricho de Avelino?
     A gaita é o noso símbolo, "escudo de Breogán", que di Avelino nun dos seus poemas. E máis é certo. Por eso, non se adeprende a tocala nos Conservatorios; é outro o meio en que ten senso.

     Antre as carballeiras de Galicia pode se sentir o esprito da terra e da gaita. O demáis, o ser gaiteiro, xa é do artista; e se éste o é, recolle o esprito do seu tempo e do seu pobo. Foi o que fixo Avelino e, por eso, deixou de chamarse así pra se chamar namáis que "o gaiteiro de Soutelo". Coma si nos sons da sua gaita fora todo o esprito da Terra de Montes, e despóis o de Galicia enteira.




ENCOL DA GAITA

     E, de verdade, xa que na historia da gaita pode se condensar a historia de Galicia e cicáis tamén a de outros países pois estivo estendida por toda Europa en formas parellas, anque con nomes diferentes. Os libros adicados á música falan dela baixo o nome xenérico de cornamusa (1), que se fai coñecida xa dos románs, co nome de "tibia utricularis"; e, dende a Edade Media, habería de ser istrumento moi usado en Europa, chamándose "zampogna" na Calabria e nos Abruzos, "sackpfeife ou Dudelsack" na Alemania, "doedelzack" nos países flamengos, "bagpipe" na Escocia e na Irlanda, "cabrette" na Auvergne, e "biniou" na Bretagne (2).
     Até no norte de Africa alcóntrase un istrumento parello, que leva o nome de "gaita" (3); e Pedrell engade que se topaba tamén na Asiria, Babilonia, Persia e Arabia, anque fora o istrumento favorito das naciós jaféticas e celtas (4).

     Todas esas variedades e lugares onde se topa fan difícil percisar o seu siñificado e a sua orixe. Antre os vihuelistas españoes coñecíanse as "gaitas" coma unha forma musical que "llamábase así porque en ellas imitaba el estilo y sonido de la gaita" (5).

     Máis a verba gaita aparece en grabaduras e poemas máis antigos. Dende logo, xa se atopa na copra 604 do "Poema de Alfonso XI, escrito en 1348, contando la coronación de este rey (1332), (en que se) refiere cómo, en el Monasterio de las Huelgas de Burgos, tañían los juglares sus instrumentos.


...
la gayta que es sotil

con que todos placer han" (6)

     Cobas Paz siñala, ademáis, 43 representaciós de gaitas ou gaiteiros dende o século XI ao XVI (7).
     A data destes documentos fai difícil percurar a orixe, até da mesma verba. Covarrubias propón o grego yaiw que siñifica aledarse, coidando que tal é o fin da gaita. O P. Sarmiento corrixe que abonda con remontarse ao latín "gaudeum" que tén o mesmo siñificado.
     Coma o istrumento tamén se topa na Africa, hai quen fai derivar dalá a voz. Esta hipóteses tivo moitos seguidores, antre eles, Pedrell e Brenet (8). A verba viría de "gaitetum" ou "gayetum" (do verbo "gayete") que quere decir inchar as meixelas (9).
     Outra teoría que contou moitos defensores siñala ao occitano (provenzal) "gayta" como dadora do nome á gaita musical. Díez, fundado na espresión portuguesa "na primeira gaita", deduce que a gaita siñifica vixilancia, axexo. Menéndez Pidal foi dos que aceitaron esta hipóteses, anque, basado en que "el provenzal gayta, velador, no tiene el significado de instrumento músico ni en Raymonard ni el Levy" (10), suxire que "pasó a significar el instrumento que el velador tocaba para anunciar las horas de la noche. El origen de este nombre puede ilustrarse con una miniatura de la Crónica Troyana, que representa un castillo en cada torre del cual hay un tañedor de trompa (en la muralla y en las salas se tañen vihuelas y salterio), y en la torre más alta, propia para el centinela o aguaita, está un tañedor de gaita" (11).
     Nembargantes no ano 1950 xurde unha hipóteses que pasa a ser unánimente aceitada, nun traballo de J. Corominas (12). A voce gaita, asegún esta teoría, viría do suevo "gaits" que siñifica cabra.
     As razós que da son convincentes: Na Biblia de Ulfilas, o gótico gait traduce o grego "Ximarós" (cabra). Ademáis, nos vocabros dialeitaes do alto-alemán antigo aparecen verbas da mesma raíz, co siñificado de cabra; que desiñando nun comenzo á cabra, cuio pelexo se usaba como fol, paffsou logo a nomear o propio istrumento, semellante á nosa gaita, chamada así dende a invasión dos suevos. Menéndez Pidal aceita esta teoría e descarta definitivamente a hipóteses do provenzal ou árabe como orixe da voz gaita (13). O cambio fonético do suevo gaits ao gaita romance non tén dificultade, e debeuse dar polo remate do século VI (14).
     Pola miña banda, esta teoría tamén se me semella a máis acertada, anque sexa outra a perspeitiva. Se os gaiteiros non teñen nome propio, fora do dos seus pobos, tamén é moi posíbel que a gaita non quixera outro nome pra ela que o da sua orixe material, a cabra neste caso.
     Esta ligazón cos xermáns remóntanos ao problema da orixe da mesma gaita galega. A maioría dos musicólogos non se fan tal pergunta, porque atenden somentes á tipificación dos istrumentos; e o dado de gardarse o aire no fol, en vez de ir direitamente no sopro do gaiteiro, fai que xunten todas as variedades no xenérico cornamusa ou bagpipe.
     Semella certo, con todo, que a gaita foi istrumento celta, do que viría a gaita galega. Milá i Fontanals, Pedrell e outros siguen esta liña de opinión sen concretar data. Santalices afirma máis categóricamente que "Galicia conocía la gaita al final de la Guerra del Peloponeso, 500 años antes de Cristo". E Cobas Paz, cuiua opinión se nos semella rigurosamente estudade e ben fundada, di: "Podemos concluir que la gaita gallega es de origen celta, y que fue introducida en Galicia por las invasiones de los pueblos de esta raza, 6, 10, 14 ó 20 siglos antes de Cristo" (15).
     Dende esa data enigmática até hoxe, cicáis a gaita foise perfeicioando na sua estrutura. Na penínsua ibérica hai tamén outras variedades dela; pro na mesma Galicia, asegún o seu afinamento, tópanse tres tipos: a) grileira, en re natural maior; b) a tumbal ou roncadoira, en si bemol; e c) a normal ou redonda, afinada en do natural. Cicáis desta clas derradeira eran as gaitas que usara Avelino, xa que é a de máis uso pola Terra de Montes. Nembargante, hei de decir que o gaiteiro de Soutelo mercaba os seus istrumentos en moitos lados e, polo tanto, debeu de ser virtuoso de todas elas (16).
     De calquera xeito, a estrutura da gaita galega neste século é a mesma, que recollemos —longa, mais compreta— de Pintos: "La gaita gallega es un instrumento compuesto de un pellejo de cabra o carnero, al que se le da el nombre de fol, con cuatro agujeros o aberturas para otras tantas boquillas, donde encajan los tubos por los cuales entra y sale el aire. El primer tubo, que es por donde se sopla para llenar el cuero o fol, que se coloca debajo el brazo izquierdo, se llama soplete; el tubo mayor, que consta de tres piezas unidas formando el largo de una vara, se llama ronco o roncón; y sirve como de bajo pedal, está colocado cerca del soplete y descansa sobre el hombro izquierdo del gaitero. Otro de los tubos cae debajo del anterior, del mismo lado de éste, y se llama ronquillo, cuyo sonido es la quinta del bajo del roncón, pero en octava alta. El tubo principal, que es como una especie de chirimía con sus correspondientes agujeros, cae debajo del soplete, y lo maneja el gaitero con ambas manos, dándosele el nombre de punteiro, y tiene en el extremo que encaja en el fol una boquilla o palleta como las del oboe o fagot, a diferencia del roncón y ronquillo que las tienen cilíndricas, formada por cañutos delgados con un corte que forma como una lengüeta para vibrar y producir el sonido, llamándose este cañuto pallón" (17).
     A estrutura é lixeira, máis o gaiteiro non pode trampear con ela. Por eso, di a cantiga popular que:

Non hai amores máis firmes
que os do gaiteiro e a gaita:
eu soplo e ela toca,
nin a engano nin me engana
ela toca si eu punteo,
eu sopro si ela desmaia.

     Non deixa de chamar a atención que, sendo a gaita o noso símbolo e sínteses, sexan tan poucas as cantigas populares a éla adicadas.
     Hai quen interpreta esta ausencia nun presunto senso da voce gaita referida, á certos órganos do home (18). Non sei até onde se pode manter esa explicación.
     Coido que nalgún tempo ou ambente poida ser a gaita un sinal sesual. Pola miña banda, somentes atopei unha cantiga que semella unha crara alusión desa clas:

Aviva a gaitiña, Pedro
que ela vai amortuxada
e as rapaciñas da Ulla
quérena máis avivada.

     Tamén é verdade que o gaiteiro ten —ou tivo— en Galicia unha sona semellante á de Don Juan, anque ao noso xeito. Curros, no poema ao gaiteiro de Penalta, recolle algúns dados pra esa lenda. Nembargante, nunhas copras do ano 1885 queda moi craro o papel do gaiteiro nas festas galegas, e non é tanto o de conqueridor coma o de elemento imprescindíbele da festa:

Rapaciñas,
garridiñas,
que de amores
salayades,
aquí tedes,
se queredes,
ó que tanto
deseades.
Acudide,
vide, vide,
feiticeiras
sin tardar,
que o gaiteiro
pra o rueiro
vai cos mozos
do lugar.
Ala nenas,
fora penas,
vide todas
de arredor,
cantaremos,
a muiñeira
qu'é ó mellor.
Xa se sinte na foliada
da gaitiña o doce són
co que a ialma namorada
cura o enfermo corazón.

     Máis descritiva é a longa e fermosa definición que Xoan Manoel Pintos fai do gaiteiro:

"¿Sabes ben o que é o Gaiteiro?
O Gaiteiro é unha cousa
que non se lle topa enxempro.
E a elegría dos vales,
dos montes e dos outeiros;
das xentes é o consolo,
é o solaz e recreo,
e dos tristes corazóns
quita os pesares por dentro.
E o responso do santo
San Antonio o milagrero,
e non hai na foliada
onde tocare o Gaiteiro
enemigos, nin hai moza
a quen acometa o demo.
¿Non che abonda de lembrarte
que hasta milagres fixeron
nos espitales no norte
os tocares dos gaiteiros?
¿Que os atacados do gripe
e máis do cólera negro,
das camas brincaban sans
ao oir aquel son do Ceo?
¿O Gaiteiro... ! Ese músico
a nativitate feito,
en que dominan os sinos
máis millores que hai no ceo,
sin máis mestres nin máis libros,
nin Simóns nin Cirineos,
é capaz de far bulir
a paxarela e os nervos
dunha vella xa sin dentes
 e que relouque por telos.
E capaz de far bulir
coa forza do seu alento
os árbores e as pedras
e fasta os mortos comestos.
¿Qué Curti nin Paganini,
nin home macarroneo
se porá él máis prantado,
máis garrido nin máis cheo,
abrazado e dando bicos
decote ó seu estrumento,
e se desbafe con él
e goce, se derretendo?
¡Quen fai todo esto, digo,
sinon somente o Gaiteiro?
¡O Gaiteiro...! Velo ahí vai
para o romaxe correndo,
levando as mellores mozas
detrás del polo vieiro,
os mancebos e rapaces
e tamén os homes vellos,
todos cos ollos cravados
nas prumas do seu prumeiro,
no ronco e nas suas borlas,
no ronquillo e no punteiro.
¡Que xentío! Non hai home
máis mimado no terreo,
máis querido e cancelado,
máis aturuxado arreo.
Nunca só na romería,
nin solo está no campelo,
nin a porta da sua casa
chegou solo en ningún tempo.
A mellor copa ou rosquilla
ou de viño o mellor neto,
no ha de ser pra ninguén
e ha de ser para o Gaiteiro.
Si bombas hai ou foguetes,
bótanos dél alí preto;
e ó seu arredore
se enxendran, ó pé dél mesmo,
e nacen, crecen e brincan
os amores dos romeiros;
e dendes que Adán botóu
o seu fandango primeiro
e a muiñeira coa sua moza,
que as ten todas o Gaiteiro
gardadas, esas tocatas,
no fol, pra vitam aeternam" (19).

     E a gaita... ¡Se entenderamos a sua fala! Lembraríanos cómo, nos tempos de Priscilián, acompañaba as pregarias e os cantos nas eirexas, do que protestaba despois Martiño de Dumio (20). Comentaríanos as primeiras piligrinaciós a Compostela, e de cando empezou a soar na Catedral pra marcarlle o ritmo da muiñeira ao Coco e á Coca. ¡E de cantas cousas máis non falaría!
     Algúns falaron, tempo despóis, por ela. Xoan Manoel Pintos fai ao gaiteiro protagonista do seu libro "A gaita galega", no que ela é testimuña das inxusticias. Andrés Muruais, na cantiga "Unha de paus", mentres "tocaba a gaita o Canexo, o tamboril o Paneira, e o bombo Can de Palleiro, o fillo da Xuba seca", fainos testimuñas dunha boa pelexa entre os de Santa Comba e os de Tourón. ¡Cántas cousas se non farían mentres a gaita aledara aos paisáns nas festas!
     Evaristo Martelo, Lamas Carbajal, Curros, Rosalía... ¿houbo algún poeta que non adicara algúns versos á gaitiña ou ao gaiteiro? E Valle Inclán, tamén:

Remotas campanas,
gaitas aldeanas,
saludan al sol.
¡Qué majo el gaitero
sopla en el puntero
y templa en el fol! (21).




DADOS PRA LENDA DO "GAITEIRO DE SOUTELO"

     O gaiteiro de Soutelo, que tanto falóu coa gaita, non podía esquecerse de cantala, e dille no seu adéus á gaitiña:

falabas cos verdes castros
cos meus dediños da man,
co alento da miña alegría
ás mociñas facías bailar.

     Ao fin, debíalle todo á gaita, como lembra noutra cantiga:

Coa miña gaitiña ao lombo
de Soutelo rompín a voar:
esmaltando a miña doce Galiza
co meu agasalleiro cantar.

     Así foi de verdade, cando nos seus tempos de rapaz empezóu a tocar a gaita. Foron os anos de loita, ou os anos de namoramento da gaita, que, ao fin, era muller. Alí, nas carballeiras e montes de Soutelo, foi coñecendo os segredos todos dela con pacencia e xeito. Na banda do artista, a Naturaleza é responsábele da sua capacidade; mais na banda do virtuoso, Avelino foi un titán, ensaiando até dez horas por día. Eso esplica o seu conocemento da gaita; sóio os gaiteiros de Penalta e Ventosela chegaban tan lonxe.
     Pouco a pouco, os pobos do arredor foron se decatando do arte de Avelino. Xa tocaban o abóo e mais o pai, pro gaiteiro, gaiteiro, era moito millor Avelino. Foise entón pra Pontevedra. A sociedade Filarmónica contratóuno pra aledar as suas festas, e por toda Galicia un nome empezaba a soar: o Gaiteiro de Soutelo. A lenda iba, pouco a pouco, a se facer.
     Somentes faltaba un bó concurso antre os millores gaiteiros do tempo. Xa se celebrara o literario, e alí estiveran os millores escritores daquela: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Gómez Barros, Angel del Castillo, Filgueira Valverde... Extraodinario debía de ser o ambente de Compostela naqueles últimos días do mes de Santiago, cando xa o seu concurso tiña un primeiro gañador. "Todo o campo é unha oración", repetía o poema de Eladio Rodríguez González.
     O día 28 de Santiago había de empezar o concurso de gaitas, ás seis da serán na praza dos Literarios, ou da Quintana, como tamén se chama. Chovía. En Santiago había nove gaiteiros polos premios.
     Namentres, en Soutelo, a xente falaba. Deixémoslle o comentario a Castelao: "Namentras acolá en baixo rebulen as xentes con acontecimentos inventados polos homes, eiquí na montaña as xentes siguen rebulindo cos acontecimentos da Natureza. Un día de choiva fai falar máis que un troque de réximen político.
     No concurso de gaitas de Santiago presentábase o gaiteiro de Soutelo i este acontecimento extraordinario preocupou as xentes coma se fose un acontecimento da Natureza. E falábase moito e facíanse pronósticos.
     —Hoxe é o día i o gaiteiro baixou onte xa.
     Un feirante duvidou do trunfo, cicáis porque alá nos seus tempos escoitou a Ventosela... E as xentes descorazoadas prepararon o esprito pra recibíla nova dunha inxusticia.
     —Os premios danse por empeños e o gaiteiro non os ten.

     O día rendeu moito e todos tíñamos un concurso de gaitas nos miolos. ¡Qué regalia dos ollos se poidésemos destapalas cacholas de toda ista xente!, porque compre non esquecer que os máis orixinaes decorados crianse na maxinación inocente do pobo aldeán.
     —¿E se Avelino se corta? Mirai que tocar alí non vos é o mesmo que tocar en Soutelo" (22)

     En Santiago era festa, pro había tamén moito rebumbio. Uns días denantes estivera por alí Primo de Rivera. O alcalde dimiteu cando marchou o xeneral; facía pouco tempo que tirara do seu despacho os retratos de Montero Ríos e de García Prieto.
     Cicáis os sons das gaitas escoitábanse pola cidade. Había qué templalas pra o concurso da tarde. Chegarían, sen dúbida, ao mesmo Arcebispo, e aledaríase, que pra eso era tamén galego e poeta o tan querido Lago González.
     Noutros lugares da cidade as parellas de baile daríanlle á muiñeira, pra que saíra millor á serán. Tamén deso habería concurso.
     ¿Saberían os do xurado que, ao mesmo tempo, en Soutelo, a xente poñía en dúbida, por se acaso, a sua honradez? Non eran máis ca tres quen o componían: D. Xosé Gómez Curros, D. Ricardo Fernández Carreira —que era o direitor da Banda Municipal— e D. Esteban Mariño Caldelas, contador da Liga que orgaizaba o concurso.
     O gaiteiro de Soutelo tiña daquela sóio 24 anos, e seu irmán Castor namáis ca 17. Algúns dos outros gaiteiros deberon de escoitar o ensaio de Avelino, ou cicáis ouviran que de Soutelo saía un gaiteiro moi bó. Tres deles xa non se quixeron presentar ao concurso. Quedaban sóio seis, e había tres galardóns. O xurado, aínda que antes pensaran outra cousa os de Soutelo, non era dos que regalaban premios. No concurso de baile deixaron desertos os dous primeiros.
     Pro os de gaitas déronos. O primeiro, cómo non, foi pra Avelino: 150 pesetas. Era a procramación púbrica. Dende aquela xa tiña Galicia gaiteiro que merecera cantala e facela sentir co son da sua gaita. Avelino tocara, coma todos, a Alborada de Veiga, e un "pasacalle o pasa corredoira", como dí a prensa dentón. E se non cortóu, coma pensaban —ou temían— os seus veciños.
     Celestino López, de Santiago, levóu o segundo premio. Non debía de ser mal gaiteiro cando quedóu tras de Avelino.
     E Castor —aínda que os xornaes poñen Pastor (23)—, que era un rapaz, levóu o terceiro: 50 pesetas; e un traxe que despóis lle mercaría seu pai.
     Os que gañaran o día antes o Festival da Lingoa galega tamén estaban escoitando os sons das gaitas. Dende aquela quixeron a Avelino, era xa "o gaiteiro", o millor gaiteiro da Galicia; na aperta de Castelao i a aperta de toda Galicia coma ao "máis rexo e armoñoso carballo do bosque antigo" (24). Eles eran tamén os millores poetas. Aquela noite, o gaiteiro de Soutelo aledóu á xente e aos seus poetas con outra moitas pezas. ¡Se o souperan os veciños!
     "E no serán do siguente día velahí ven Avelino cos seus irmáns —
todos vestidos ó xeito enxebre— tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo ó mesmo canciño de San Roque. O pai do gaiteiro, na porta da casa, botou un foguete.
     Avelino ganara o primeiro premio.
     
—Beno decíamos: non hai quen poida co gaiteiro de Soutelo.
     E as xentes da montaña alentaron con fachenda.
     Eu entrei con todos na casa do Gaiteiro e sentín que tamén me tocaba parte do trunfo porque o arrufio da emoción corríame polas costas. O pai, a nai e a irmán, denda sorrisa dos seus beizos, dixeron a unha:
     
—Contade.
     I o irmán pequeno contou:
     
—Eu tamén ganei o terceiro premio. Deixáronme tocar e toquei. ¡Se vise, meu pai, que ben me saiu a alborada!
     
—Pois ganaches un traxe, rapaz.
     Aquela noite escoite denda cama coma as mozas cantaban:

Toca, gaiteriño, toca,
meniñas, correi a velo
qsue é moita gaita a gaitiña
do gaiteiro de Soutelo" (25).

     Castelao, esgrevio xa daquela, aínda fixo algo máis ca darlle a aperta e escribir o artigo. Ousequióu á Avelino co seu retrato, coa cara de Rosalía no fol da gaita do millor gaiteiro da Galicia.
     Dende entón poucos lugares do fogar de Breogán quedaron sen chamar aos Gaiteiros de Soutelo prás suas festas. ¡Era moito gaiteiro! O pai iba tamén con eles, todo cheo de razón. E, de vez en cando, arrincábase nunha muiñeira, como fixo no Carballiño. Alí xa rompera a xente o palco dos gaiteiros: todos querían estar perto deles pra ver se se esplicaban o arte nunca coñecido. Pero, era bó púbrico o do Carballiño e por eso facían os gaiteiros sonados cousas moi arriscadas. Avelino seica chegóu a tocar a gaita sóio co sopro do nariz, mentres o diaño do pai, aos seus anos, botáballe unha muiñeira coas mozas do lugar. Gaiteiro, era millor Avelino; pro, dándolle á muiñeira, non había quen lle poidera ao pai. Un día, chegóu a bailar cunha moza —cicáis xa non tan nova— que non a apertaban dous homes. Non fai falla decir que alí estaba todo o pobo a velos. ¡Aquelo sí que era festa!
     No intre, "o gaiteiro" era máis lenda. Naquel mesmo ano, a revista "Vida Gallega" pubrica un longo poema co título "O gaiteiro de Soutelo", cuio remate xa o recollía Castelao no seu artigo: era o pobo quen o creara. O poema leva a firma de Manoel García Barros, ganador do sesto premio no Festival da Lingoa Galega:

Dendes do Leres lixeiro
ás veigas qu'o Miño esmalta
non houbo no mundo enteiro
mais arrogante gaiteiro
qu'o gaiterio de Penalta
                            Curros
Eiche de cantar gaiteiro
gaiteiriño da alegría
e ven quixera cantarche
como canta a cotovía.
Como canta a cotovía
cotovía mañanceira
no ceo movendo as aliñas
nas mañáns da Primaveira.
Nas mañáns da Primaveira
no despertar da alborada,
como canta o tordo meigo
qu'asubía na enramada.
Qu'asubía na enramada
que na enramada asubía,
cantando amores á noite,
cantando amores ó día.
Qu'e a tua gaita gaiteiro
consoliño do penar,
suspiro tenro de nena
con ánseas de namorar
cal ruliña arruladeira
qu'arrula coitas d'amores
na sombra da carballeira.
Toca gaiteiro, toca,
meniñas, viende ó rueiro,
bailade mozos d'aldea
que toca o voso gaiteiro.
Que toca o voso gaiteiro
gaiteiro aposto e lanzal
notas das nosas ribeiras
airiños do noso val.
Airiños do noso val
romos dos nosos rigueiros,
arpexios de reisiñores,
doce triar de xilgueiros.
Doce triar de xilgueiros
airiños da terra nosa,
con efruvios dos pinales
con cheirumes de mimosa.
     Gaiteiriño repolido
gaiteiriño da ledicia
qu'apreixas antr'ises dedos
tod'alma de Galicia.
Tod'alma de Galicia
que bule n-ise punteiro,
que xa xeme ou xa relouca:
toca isa gaita gaiteiro.
Toca isa gaita gaiteiro,
alento do corazón
saudade da nosa Terra
da alma doce ilusión,
alalá das raparigas,
concerto dos anxeliños
marmurio das nosas fontes
múseca dos paxariños.
Múseca dos paxariños
soar qu'as penas amoca
soar qu'as tristuras mata,
toca gaiteiriño, toca.
     Toca, gaiteiriño, toca,
meniñas, correi a velo
qu'é moita gaita a gaitiño
do gaiteiro de Soutelo" (26)

     O gaiteiro xa era lenda. O pobo e o seu arte sentíanse identificados; a xente sentíase interprelada na música que espresaba coma ninguén o seu propio sentir. Os gaiteiros levaban aos seus paisáns o sentir da Terra Nai. E Galicia deixábase latexar naqueles sons verdadeiros que saían do fol á orden dos dedos dun gaiteiro no punteiro. Xa que "na vos da gaita cantan, como  en ningures, a lembranza e a delor, os abrentes latexantes da espranza e as longas delores da aldea e a soedade envolveitas nos íntemos, nos adispaciones adeuses do serán" (27).
     Os "gaiteiros" deixanse escoitar por toda Galicia. As Américas foron chegando os ecos dos trunfos. Pro ainda non chegaran os "gaiteiros de Soutelo".
     En Ourense graban entón seis discos: xa podían tocar nun lado e aledar soedades noutro. Era o ano 1928, cando graban estes temas: A "Muiñeira de Chantada" era unha boa creación de Avelino, que recolle tamén unha vella muiñeira de Ponte Sampaio, cáseque esquecida. "A alborada de Rosalía" adeicáralla Avelino á sua poetisa. Pontevedra latexa no "Fandango de Pontevedra" e na "Marcha do Corpus de Pontevedra". "Viva Barriño de Arén" e "Eicho de dar queridiño" a Foliada de Luxán e unha Foliada rianxeira forman o cuarteto de foliadas. Tres muiñeiras máis ian naquela grabación, "estroupele, estroupele", e "farruquiña, chaman á porta", e a de Orense. Un paso corredoria, "A volta da festa", remata a grabación escepcioal do son de gaita galega de Avelino Cachafeiro.
     Sempre falan as gaitas antre elas nas creacións ou versión do "Gaiteiro de Soutelo". El gostaba de dialogar: nos primeiros tempos foi él coa gaita; despóis foron os dous con Galicia; e, ao fin, son as gaitas antre elas. Coma falaban os reiseñores e os xilgueiros e as pombas. O poeta García Barros decatouse disto, por iso compara ao gaiteiro de Soutelo cos paxariños que tantas cousa suxiren; comparanza que, anos depóis, tamén fai Otero Pedrayo, cando di "paxarada pousada nos gromos a nos ramos do esprito" (28).
     I é certo. A gaita non ten senso fora dese meio natural. Hai outros istrumentos que sirven pra tocar nas casas ou en ambentes de salón, ou que se adaptan a calquera ritmo. A gaita galega, pola contra, é esclusiva do campo galego; e os seus ritmos, os seus temas, os seus virtuosos.
     A gaita sóio sabe das cousas galegas. Rirá ou chorará asegún os seus fillos fagan. Pro nunca tocará cancións estrañas. Somentes sabe do seu, anque deso ninguén saiba falar coma ela. Rezará tamén, ás veces, coma o órgano, nas fetas das ermidas galegas; ou aledará polas noites os amores dos mozos que bailan arredor dos cruceiros; ou chorará, si é un canto de tristura o que ha de entoar.
     Cicáis a gaita sexa rural. Non sei si saberá tocar nas rúas das novas cidades. A paisaxe da gaita é moito máis libre: góstalle sentirse no meio das carballeiras, ou polas corredoiras, ou ao pé das eirexas soíñas no meio do monte.
     O que lle gosta moito á gaita galega é a xente. Fai falla unha boa xuntanza de galegos pra que os seus sons saian ledos. Ao fin, é nai de moitos fillos; e, cantos máis teña xuntos, máis leda estará ela.
     Por eso di, con toda razón, a cantiga: Viva a gaitiña galega, que é a nai da nosa terra.
     A levar aos fillos alonxados da terra a fermosura do recuncho natural de cada un foi o "millor gaiteiro de Galicia" ás terras do Prata. Era o paso derradeiro prá lenda, anque podía ser tamén o desastre. Moita era a sona que levaban, pero tamén moito era o arte de "gaiteiro de Soutelo". Diante dél, mandou o "Noso saúdo", uns versos coas sua firma:

Airiños, airiños, aires
quitadoiriños de penas,
os airiños de Bos Aires
irmáns dos da miña terra.
Si foran pedras os soños
dos que atravesan o mar,
o camiño da Galicia
sería ben bó de andar.
     Arxentino que me escoitas,
o mellor d-esta canción
é que está feita na fala
en que falaba Colón.
     Da miña terra che traio
as rosas de máis feitizo:
os pensamentos das nais
que aquí teñen os seus fillos.
     Si hei morrer en terra allea
quero morrer na Arxentina
en onde sempre hai quen fale
na fala da terra miña.
     O gaiteiro de Soutelo
no ronco da gaita leva
o berro de: ¡Terra a nosa!
¡y-arde o eixo, carballeira!

     Os galegos de Bós Aires, Rosario, Córdoba e Montevideo convencéronse de que "o Gaiteiro de Soutelo" ben merecía a sua sona. Con é ía o esprito de Galicia. Anos antes, o poeta José Candocia escribira na Habana "Recordos"; alí se ve o siñificado da gaita naquelas terras lonxanas da "terriña":

Eu nunca penséi que tanto
fora da patria se chora;
pois non s'alcontra a gaitiña...
¡e sin ouvila, morrer!
¡ay! é unha pena tan grande

pro qu'está da patria fora,
que un gaiteiro nai querida,
improvisado hei facer.

     Esa foi a misión dos "gaiteiros de Soutelo" nos países do Prata: aledar as soedades dos que lonxe estaban. A proba foi boa. Agora, aínda era máis lenda "o gaiteiro de Soutelo". Xa non era sóio o millor gaiteiro da Galicia; tamén o era das Américas. Dende entón, os trunfos soaban ás duas bandas do Atlántico, que deseguida volveron a atravesar.
     Seguiron tocando nas festas. Aínda percorreron Galicia e chegaron aos Xogos de Barcelona no ano 1936. Os tempos xa non eran bós pra escoitar a gaita; ela é siñal de festa, non da door. Por eso, en ningures estaba a xente pra escoitar ao gaiteiro de Soutelo, nin en Francia, nin en Portugal. E despóis, xa non había folgos pra tocar.
     Así mudeceu a gaita, cando aínda tiña tanto que falar. Avelino podía facer, antes de tempo, o que lle recomendaba a cantiga:

Toda a miña vida andiven
aire vendendo nun fol,
agora que vou velliño...
¡gaiteiro, déitate ao sol!

     O gaiteiro de Soutelo xa era lenda. Avelino gardou entón a sua gaita (29) e adicouse a outras cousas. O que lle dixera Castelao non puido facerse, e a gaita quedou sin ir á Universidade. Galicia perdeu daquela un intérprete, un autor e un direitor, que todo eso era Avelino. Dende aquela, pasou a carón de moita xente, pero ninguén o coñecía. O gaiteiro de Soutelo perdíase nas brétemas das mitoloxías, coma o gaiteiro de Ventosela e máis o de Penalta.
     Soio tres gaiteiros, na longa historia da gaita, chegaran tan lonxe.
     A sua gaita aledara moitas festas e vira moitas terras. Pra que na fixera falar, somentes era un recordo. Nos derradeiros anos aledábase ao ver rexurdir a afición. Nas festas levábanse outra vez aos gaiteiros. A miña derradeira lembranza dél foi na festa da Santiña de Acibeiro. Tamén él tocara alí moitas veces. Desta, eran uns gaiteriños os que rebulían ao pe do convento. O que fora millor gaiteiro de Galicia miraba pra os rapaces e escoitábaos, non sei si con señardade doutros tempos ou con espranza pra os vindeiros.
     Cicáis alí escribiu o seu "Adeus, miña gaitiña galega".

Adeus, miña gaita galega,
escudo de Breogán,
falabas cos verdes castros
cos meus dediños da man,
co alento da miña alegría
ás mociñas facías bailar

entrenzando a muiñeira.
A que arrandeaba millor a muiñeira
xa se podía casar.
¡Quen me dera, quen me dera,
gaitiña, contigo cantar!
Os meus dedos non acertan
pra volver contigo falar.
Eu vello e ti sempre moza...

     Hai moita xente en Galicia que pensa que o gaiteiro de Soutelo nunca existéu. Na historia da gaita galega sempre terá unha outa cadeira o Gaiteiro de Soutelo de Montes, e anque non haxa gaiteiros, os ouvídos galegos poderán escoitar, a pouco que se esforcen, os ecos do diálogo antre a gaita e os seus amores: os gaiteiros de Penalta, Ventosela e Soutelo de Montes.
     Do que foi procramado "millor gaiteiro de Galicia" temos de lembrar o seu testamento, mentres non xurda alguén disposto a recoller o facho da gaita galega.

Non deixemos que morra na lareira
o lume dos abós,
a terra e nós,
o mar e nós,
o vento e nós (30).

     Sirva de remate deste capíduo o testamento do gran gaiteiro de Galicia:

Meu abóo e meu pai gaiteriños
E meus hirmáns tamén,
alentando a Galiza nun fol,
ó vento que vai e non ven...
Aledamos as festas do Apóstol
No regazo de Rosalía,
Cantaban os paxariños
O meu chorar de alegría
Alí bauticei a muiñeira
a Que lle puxen de Chantada;
Diante o altar de Rosalía
E carballos de Santa Susana.
Muiñeiriña, ti vas pra Chantada
E enfeitizas a pomba branquiña:
Cando te toco na gaita
engaiolas a ialma miña.
E sinto e inteira Galiza
no meu corazón cautiva.
Cando saibas que morrín,

gaitiña miña gaitiña,
desperta a miña alborada
que toco pra Rosalía...
que dorme no teu punteiro

cos meus dedos tapadiña. (31)





          ——————————

          NOTAS


(1) Enciclopedia della Musica, Ed. Ricordi, Milano, 1963, I. p. 553. Encyclopédie de la Musique, Ed. Fasquelle, París, 1958. Os ingreses falan de "bagpipe": The International Cyclopedia of the Music and Musicians, London, 1964, p. 116
(2) Na enciclopedia francesa non se incrue a gaita galega; o que é estraño ao citar tantas outras variedades da xenérica cornamusa. Por outra banda, tamén é certo que hai autores acordes con esta ausencia. Así, no Diccionario Enciclopédico de la Música (Barcelona 1947) dise da gaita: - gallega: gaita típica que suele confundirse indebidamente con otros instrumentos de los llamados antiguamente flautas de odre, tales como la cornamusa y la dulzaina" (I, p. 257). E, se mal non recordo, o riguroso tratadista da gaita galega tamén participa desta idea (V. COBAS PAZ, La gaita gallega, Santiago, 1955).
(3) Cf. Encyclopédie de la Musique; II, p. 199.
(4) V. COBAS PAZ, ob. cit., p. 300  e ss.
(5) Diccionario Enciclopédico..., I, 257. E tamén na Encyclopédie... II, p. 199.
(6) R. MENÉNDEZ PIDAL, Poesía juglaresca y orígenes de las literaturas románicas, Madrid, 1957, p. 46.
(7) Ob. cit., p. 126 e ss.
(8) Tamén no Diccionario Enciclopédico de la Música, I, 257.
(9) Dende esta teoría, uns —SCHUCHARDT, MEYER, ENGELMANN, STEIGER— siñalan o turco coma orixe da voz, que sería trasmitida polos árabes; outros —DOYZ, SEYBOLD, SIMONET— insisten na procedencia española. Na mencionada obra de COBAS PAZ poden ampliarse estes datos, p. 209 e ss. 
(10) Ob., cit., p. 50, nota 2.
(11) Ibid., p. 50.
(12) Dado a coñecer nos "Estudios dedicados a Menéndez Pidal", C.S.C.I., Madrid, 1950, I, p. 20 e ss.
(13) Na sesta edición de obra mencionada, pubricada polo Instituto de Estudios Políticos COBAS PAZ xa recolle esta teoría.
(14) COROMINAS, ob., cit.; e COBAS PAZ na p. 228 e ss. da sua obra
(15) Ob., cit., pp. 300-317
(16) Algunhas seica llas facía un tal LUIS DE ASTURIAS, home do que non fun capaz de conseguir datos
(17) Na mencionada obra de COBAS PAZ, p. 30.
(18) Ibid., p. 317. O capíduo III está adicado á Paremioloxía da gaita, e non se topan alí espresiós no senso que él supón.
(19) Recollidos da reedición das "Foliadas do Gaiteiro" de XOAN MANOEL PINTOS pubricada na coleción "O Moucho".
(20) Se J. LAPOULIDE coñecera a nosa historia, cicáis non fixera afirmacións no senso seguinte: "Por su sonido chillón no se emplea más que en las fiestas populares". Cf. Diccionario gráfico de arte y oficios artísticos. Barcelona, 1963, III, p. 233.
(21) Mencioado na "Fisonomía y alma de Galicia", de RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, Madrid, 1955, p. 511.
(22) No xornal "Galicia" de Vigo do 10-VIII-1924.
(23) Cf. "El Compostelano", diario independiente, do 29 de Santiago de 1924 e "El Eco de Santiago" do mesmo día.
(24) OTERO PEDRAYO, no limiar a "Voando cas aás da vida", p. 10.
(25) "Galicia", de Vigo. 10-VIII-24.
(26) "Vida Gallega", do 25 de Santos do 1924.
(27) Limiar a "Voando"..., p. 9
(28) Ibid. p. 10
(29) Un punteiro, que pertencera xa a seu bisabó, regaloullo ao seu irmán Castor, que vive aitualmente en Venezuela.
(30) C. E. FERREIRO, Viaxe ao pais dos ananos, p. 94.
(31) Voando..., p. 54.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega