O gaiteiro de Soutelo. Unha espresión da cultura popular

Páxina Anterior

A dimensión poética de Avelino Cachafeiro

Páxina Seguinte

v2rivastroitinhoogaiteirodesoutelo006.html

     Otero Pedrayo, patriarca das Letras Galegas, soupo espresar escepcionalmente a conceución "poética" do "gaiteiro de Soutelo".
     Nefeuto, quen cantara a Galicia co son e o ritmo de gaita non podía mudecer. Por eso, foi necesidade da ialma ensaiar "a nova fórmula de arte racial e galego do grande fidalgo Avelino Cachafeiro, pois quixo honrar con senlleiro e emozoado voto de arte o Credo antigo e espranzado guía da sua nenez, compañeiro e espranza deica más alá do morrere, e quixo devolvere éco e voce ós montes e os ríos, ás xentes e os curazós, sempre cumprindo seu deber de outo artista e decrarando ó seu xeito o degaro do seu esprito" (1).
     Quen percorrera Galicia enteira, atento sempre a escudriñar a propia ialma da terra, "quen sabe escoitar a voce do silencio das serras e os temas frolecidos no canto popular, sempre vivo e aberto pra que o sépia amar" (2), non podía silenciar os sentimentos ían pousándose, cáseque instintivamente, no seu intre.
     Os sons da gaita fixéronse agora verbas. ¡Cál non é a maxia desta, cando moitas esplicacións cosmogónicas empezan pola verba! (3).
     Non podemos concretar moito cándo se fixo presente a vocación poética do "gaiteiro de Soutelo". Nembargante nas follas de presentación feitas pra sua xira pola Arxentina xa aparesce "O noso saúdo" (4) coa firma de Avelino. Semella que despóis tivo marxinada esta faceta, anque dos poucos poemas que levan data, topéi un do ano 1955. E, de certo, adícase á poesía con acougo a xeito nas longas horas de estadía no sandoiro (1963).
     O feito é que nun momento determinado xurde con forza. E o papel —calquera papel á mán— faise o confidente afortunado de quen, coma a maioría dos galegos, soupo xuntar nun mesmo amor a terra galega e os sentimentos máis puros cara á divinidade. Ao fin, o poeta ten ialma divina:


Poeta que corres sinxelo
os vieiros do pensamento
ríes, choras e mais cantas
os ideás que levas dentro.
¡Don de Deus a tua ialmiña
ardente na arca do peito... (5)

     Convén lembrar, unha vez máis, qué clas de criterios estéticos han se de apricar á poesía galega. Semella amostrado que a mitoloxía popular da nosa terra, cos seus ritos festas, costumes... e, na realidade, toda a idiosincrasia galega, a sua conceución do mundo, está lonxana á dos pobos que a arrodean; i é moi semellante á dos pobos nórdicos.
     Rof Carballo falaba, hai pouco (6), do galego enfermo, resaltando dous aspeitos: un fundamental psiquismo na enfermedade e unha interpretación simultánea da mesma. O talante galego, nefeuto, interpreta ao seu xeito o que lle sucede. Moi poucas veces se queda na descrición seca dos feitos.
     A poesía do "gaiteiro de Galicia" é, así, unha visión suxetivamente descritiva da paisaxe galega e dos espritos que nela teñen o seu lar.
     I é xustamente nese aspeuto no que intresa a este ensaio encol da cultura popular galega. Avelino Cachafeiro non é poeta, polo menos no senso academicista que lle dan os empresarios da cultura. Avelino Cachafeiro é un membro da cultura rural, consciente e orgulloso dela. Cachafeiro leva ao papel as suas vivencias que, xustamente por non ser poeta, coinciden coas vivencias colectivas dun pobo e da sua conceución vital. Por eso, lle adico as seguintes páxinas á imaxen da vida que compartillan os galegos sinxelos, e que latexa na obra en verso do gaiteiro de Soutelo. Deste xeito, as obras que recollo de Avelino Cachafeiro queren ser entendidas coma se foran anónimas.
     Non é a poesía de Cachafeiro a que se estuda, senon a conceución vital dun pobo —feita espresión escrita por un home dese pobo. Esta acraración abondará por qué se lle adican tantas páxinas á obra de escasa calidade teinica de A. Cachafeiro.
     E preciso ir máis alá do autor e da feitura dos versos pra calar na Waltanschauung dos galegos que latexa nesta concreta espresión dun deles. Dese xeito, a calificación de "vulgar" que xentes cultas apricaron á obra de Avelino é a mais atinada, anque nun senso distinto ao que eles lle deran.
     Lémbrese o que dixen no Limiar. Hei de engadir eiquí algunhas consideracións. O galego sinte a Terra como nai. Ao fin, é o lugar onde se desenrolan as nosas aitividades. Nela percuramos o retorno á nai, se Freud leva razón. Francisco de Asís pode dar a pauta neste senso, cando fala da "nosa irmá, a terra nai". I é certo. A nai é o pozo do placer e de felicidade pra o fillo, cando están xuntos.
     E a terra é nai, non sóio polos seus froitos, senón tamén polo noso recollemento final. Nos "Contos de Canterbury" hai un vello que di: "Cal prisioeiro inquedo, camiño pola terra e coa miña caiada, máis tarde ou máis cedo, peto e digo: ¡déixame entrar, nai querida1" (7). O mesmo caráiter maternal aparece no xudeu que di: non esquezas, home, que és terra, e terra tornarás a ser (8).
     A mitoloxía grega vai tamén nesta liña. A terra é pra eles unha nai nova, a máis fermosa das mozas; chamábana Pandora, i era, á xunta, nai e amante. Velaí como había que amala (9).
     Polo mesmo, as nacións nórdicas poboan as suas carballeiras de fermosas hadas.
     En tempos recentes, o francés Saint-Exupery escribe un fermosísimo libro. Cando se perde no deserto co seu avión, soio na area coas estrelas no ceo, soña (cicáis non fora soño) cun pequeno principiño (10) que vive nunha delas e faille visitas. Así se fixeron as estrelas as suas compañeiras e confidentes naquelas noites. E, cando voltou ao seu lar, a vista dunha estrela facíalle sentir a presencia, na lonxanía prósima, do seu amigo o principiño.
     Algo semellante quere decir un persoaxe de novela de Torrente Ballester, o que lle semellaba natural que, ao se espallar os homes, tamén se fragmentara a historia; e que as partes dela habería que percuralas nas mitoloxías das distintas civilizaciós (11).
     E decir, os criterios estéticos que haberán de se apricar á poesía naturista —animista, diría millor— son específicos prá poética galega. A estética da Natureza ten un siñificado máis fondo, xa que contemplar a terra é, como vimos, contemplar a nai. Nesa contemplación hai decote, xa se sabe, moito de suxetivo.
     A comenzo de século, Xoan Barcia Caballero, no discurso de contestación ao Sr. Amador Montenegro na Real Academia Gallega, insiste nestas notas, —a suxetiva e a descritiva— coma ialma da literatura galega. "Unha e outra, sin ser, craro está, exclusivas das nosas obras están nelas tan fondamente sintidas e con elas talmente maridadas, que mesmo non é posible delas separaras. Non compre ista afirmación con exemplos, que sí así fora, afellas qu'os hay á barullo n-o noso Parnaso. Ben se pode decir qu'a porfía parés que s'empeñan en confirmala todo-l'os nosos poetas.
     E máis ambas, as duas son fáciles de razonar sin moito traballo. A primeira é condición de raza. Somos nos os gallegos calados, tristós, malencónicos, metidos alá dentro de nosoutros mesmos, non derramados para fora e pouco parleiros; e pola mesma pensamos máis, e acaso máis fondo e máis firme que outros de contraria condición. e por iso nas nosas longas e caladas meditaciós ainda sin percatarnos delo, estudiámonos compridamente; e anaco por anaco e peza por peza descompoñemos e desarmamos toda a máquina do noso esprito (...) Nada ten de estrano pois, que iste hábito (...) se traduza a amostre nos nosos escritos, que non son nin poden ser outra cousa que a gráfica dos nosos pensamentos. E paréceme esta uha das boas probas do noso parentesco cos homes e coas razas do Norte coma nos pensadores e coma nas tristonas coma os picachos dos nosos montes coroados de eternas brétemas que así velan o sol coma a alegría (...)
     En canto á nota descriptiva, non é menos crara, nin menos frecuente nos nosos poetas. Non hai un solo deles que máis ou menos non o sepia. ¡E coma non si á cutío se nos meten polos ollos eses tesouros da fermosura sin par en que é tan rica a nosa terra! Fragas e chouzas, veigas e cortiñas, arroos e regueiros, sombríos uns e soñadores coma a imaxen do misterio; ledos e risoños outros coma a alegría mesma e agasallantes todos coma si fosen o mesmo Paraíso, conviden e atraen pra que neles se busque inspiración e numen" (12).
     Nesta perspeitiva encadramos a obra oética de Avelino Cachafeiro. Ben a recolleu o patriarca das nosas Letras, ialma en comuñón costante coa paisaxe, ao afirmar: "é o xenio da Terra o ispirador diste miragre" (13).     
     A maioría das cantigas do "gaiteiro de Soutelo" van nesta liña xeográfico-espiritual da terra. Poemas que ían xurdindo espontáneamente "a un mandado do esprito". Por eso atopei apuntes, e mesmo algún poema compreto, nos sitios mais inesperados: páxinas de xornaes, facturas, anaquiños de papel...
     Home viaxeiro, por necesidade e por gusto, non podería decirse del aquela frase do vasco Unamuno: "el que viaja mucho va huyendo de cada lugar que abandona, y no buscando cada lugar al que llega" (14)
     Da percura de Galicia e dos seus espritos, responden, pois, non sóio os moitos poemas que a describen, senón tamén eses espresivos papeles que inicialmente foron os seus depósitos.
     Máis alá dun estudo eshaustivo dos "poemas" de Avelino Cachafeiro, tencionaréi agora siñalar os seus temas poéticos, e neles, o sentimento enxebre que latexa en quen sintéu a Galicia dun xeito tan escepcioal. Esto ao marxe da maior ou menor calidade literaria das suas coplas. O criterio, non se esqueza, é outro.



A XEOGRAFÍA COMO REFERENCIA

     O tema xeográfico en ningures aparece só. Xa fixen denantes insistencia en que a Terra é algo máis que locación na ialma dun galego. Un sitio concreto, xa que logo, fará referencia, ou á divinidade que a preside, ou ás grorias que alí viviron.
     A Natureza ten, en calquera caso, a sua mensaxe:

¡A vida da natureza
tamén ten o seu cantar
que ledo soar misterioso
quen te me dera escoitar! (15)

     Esta será, unhas veces, o recordo dos seus fillos: as augas de Fonte Miña deron orixe ao Miño, as de Antas ao Ulla, nas de Augas Santas nace o Vergudo, e das de Candán sai o Lérez (16).
     Lembranza que vai decote xunta cos trunfos deles, os seus fillos. A Fonte Miña, poñamos por caso, non esquece que o seu Miño

abraza en Lugo as Murallas
dalle un bico ó Sacramento (17).

     Nin as Antas de Ulla se esquecen tampouco de que deica o seu río chegou o Apóstolo Sant-Yago, (18) mentres Augas Santas lembra a fazaña da Ponte Sampaio na loita da Independenza, e o Lérez leva o sorriso da Santiña de Acibeiro á virxe pelengrina co seu filliño.
     Outras veces, o seu sentimento religioso é o que lle da o senso ás terras:

Se a Terra de Montes vas
tes que saudar primeiro
ós Dolores, ó Rosario
e á Santiña de Acibeiro (19).

coma na "Panxoliña do Miño":

A Santiña dos Remedios
amostra o seu filliño,
ó pe da ponte Senlleira
na riveiriña do Miño.

na que esta donación de senso obriga ao río a non facer barullo:

Río, río Miño, vai caladiño
non lle despertes o seu meniño.
Río, río Miño, vai caladiño
Río, río, río doce Miño (20).

     Ese xeito de sentimento relixioso dende a locación xeográfica é, coma se poder ver, unha constante na obra do "gaiteiro". Mesmo nas cantigas máis miudas, que poideran semellar triviaes, hai decote ocasión pra manifestar unha certa primacía do sentimento da divinidade encol desa paisaxe:

A Pontevedra fun e volvín
e volvín volver a volver,
na fonte da Ferrería
volvereiche volver a beber.
Na igresiña que mira pra ría
receille a Santa María
¡o seu filliño na porta amostroume
a groria que il me ofrecía!

     Noutros intres, a xeografía ispíralle ao "gaiteiro de Soutelo" consideracións doutra clas. Vexamos algúns casos:

Soutelo de Montes garda
un ¡adeus! de Rosalía.
Cando pasou por Soutelo
iba chorando a probiña (21).

mentres na seguinte cantiga, a mesma terra orixina lembranza dos primeiros hérois:

A terra de Montes pechan
catro cumes o seu van,
Seixo, Costoia e Coco
e o bon petrucio Candán.
Despertade os catro Castros
pois dormidos nas grorias están
cos primeiros heroes de Montes,
do fogar de Breogán.

     Caso semellante é "Piñeirales do areal de Canido", pretesto pra facer, nun canto á Celulosa e á Tafisa, un canto á espranza de Galicia. Mesmo na cantiga trivial non falla a referencia xeográfica:

Estrelliña do luceiro
quen che me dera estar nela
pra mirar os aviós
que ten as liñas de Iberia.

     Pra min, que todas estas semellas xeográficas teñen un senso especial. O que latexa tras delas é a nota do realismo. Os seus poemas non son elucubracións, senón a escoita da linguaxe da Terra, desa Natureza que ten tantas cousas que decir. En calquer caso, é dela de onde hai que partir; e ao "gaiteiro de Soutelo" sírvelle pra ir na percura da face de deus: é o camiño poético seguido polos místicos, Francisco de Asís, San Xoán da Cruz, Teilhard...



A MORTE COMO TEMA

     Nesta liña do realismo, o tema da morte non podía ser esquecido. Por algo é ún dos máis reaes da vida humán:

nacer e morrer a forza
¡que lei de vida ruin!

     Este tema da morte aparece moi avencellado ao sentimento relixioso, tal e como se amostra nos escritos de Avelino. A sua espranza e a sua fe Deus latexan en todolos seus poemas:

Almiña que estás no meu peito
. . . . 
na porta da miña morte
voarás cas áas da vida (22).

ou tamén:

Alma por Deus agromada
no meu peito frolecida,
naces no corpo da morte
pra ser semente da vida (23).

     Nas vivencias do "gaiteiro" semella que a morte non é ningún corte; latexa nos seus escritos un certo estoicismo, ou, cando menos, unha seriedade que chama a atención. Ousérvase, moi ás craras, que unha unidade máis fonda lle está dando senso á vida e á morte: Deus i a ialma inmorrente:

Voute vendo na trasposta
miña vida delorida,
mágoas tes, meu corazón,
volve a tua loita perdida.
No firmamento viaxa
a miña estreliña miudiña.
Non esmorexas estreliña
non te perdas, queridiña.
Grandeza de natureza
que vexo no mundo vivente
¡miña! vida é roseira da terra
onde agroma unha ialma inmorrente!

no máis alá falan da fonda convición con que Avelino apertou o Cristianismo, e permítenlle escribir os versos máis delicados e tenros da sua obra. As sinxelas, emozoantes. O destinatario é o seu fillo que non viveu máis ca unhas horas.

Meu filliño, subiches pro ceo
sin darlle un biquiño a tua nai.
Agora arrecaderas a naiciña,
e na busca de ti ahí che vai...
Apértaa e dalle o biquiño
e colle a tua nai pola man.
Cando me vexades chegar
aceneádeme coa man.
Pedide o noso Señor
que eu vos poida atopar
alí no meio da groria
¡podernos os tres atopar! (24).

     A teoloxía de Avelino é sinxela, anque lle abondara pra topar o senso á sua vida. O tíduo que lle puxo ao seu libriño de versos é ben espresivo dela. Como remate deste tema lembremos tamén os primeiros versos da "Panxoliña do Miño":

Deus tamén quixo ter unha nai
e nacer no mundo coma nos,
pra ensinar as almas a voar
pro ceo que nos coida pra nós (25).




LEMBRANDO AOS ESGREVIOS

     Cas áas da vida voaron tamén outros homes cernes que Galicia non pode esquecer. "O gaiteiro de Soutelo", que quere cantar con verbas a Galicia enteira, adícalle as suas humildes verbas.
     O poema "Illa de Tambo, río Lérez", poñamos por caso, vai adicado, sin nomealo, a Cristóbal Colón. (O gaiteiro, coma tantos gallegos —en especial os que leeron o intercámbeo de escritos antre os italianos xenovesistas e os historiadores galegos na revista de Centro Gallego de Montevideo, alá polos anos 20— participa da creencia de que Colón era galego. Cicáis se a historia non tivera tamén intereses, poidera se acrarar algún día ese segredo):

acórdate que enseñaches
nas tuas ondas, bon amigo
a quen había de facer
a sua patria o don mais rico
co presente das Américas
de regalías prodixio...
En ti afíxose a coller
na vela o ar fuxidio
e cas tuas ensinanzas
asucando o mar infindo
regalou a cristiandá
un mundo descoñecido (26).

     María Pita tamén é lembrada polo "gaiteiro" no poema tiduado "Beiras de Orzán" (27); e Conceución Arenal, que "sorrí pra os obreiriños de España". Pondal e o irmán Camoens merecen tamén a lembranza de Avelino (28).
     Deixamos pra o remate deste apartado, os nomes de catro galegos dos máis esgrevios. Rosalía Castro, cuias soedades quixo aledar coa sua gaitiña, foi a única deles que non coñecéu. Os outros tres honrárono, coa sua amistade: Castelao, "dos bós e xenerosos" (29), que lle esmaltara a cariña de Rosalía no fol da sua gaita despós de apertalo nunha data solene. Francisco Asorey, o gran escultor, polo que choran as pedras que fican orfas e soias dende a sua morte (30). E o patriarca Otero Pedrayo que sementa as letras que falan (31).



CON XEITO DE AUTOBIOGRAFIA

     Os versos de Avelino esplican o que a gaita sóio poidera suxerir. Cando él, que fora tan bó gaiteiro —o millor de Galicia— se adica á "poesía" pra dar saída aos seus sentimentos, non se esquence de decirnos con verbas o que denantes quixera espresar coa gaitiña. Era, ao cabo, un canto a Galicia:

Coa miña gaitiña no lombo
de Soutelo rompín a voar,
esmaltando a miña doce Galiza
co meu agasalleiro cantar.

     Os versos autobiográficos son, nonstante, moito máis íntimos. Neles exprésase todo un sentimento de formar parte dunha longa cadea, anque moi concreta. As contas da sua vida empezan nos seus devanceiros, pola parte do pai:

Meu abóo e meu pai gaiteriños

e pola banda da nai

Na riveiriña do Lerez
nasceu miña nai Dolores
naquela aldeíña da Ponte,
naiciña dos meus amores.

     Os demáis intres da sua vida vainos plasmando tamén en verbas: a saída de Soutelo coa gaitiña ao lombo. Toca logo nas festas do Apóstol diante ao altar de Rosalía. Bautiza a muiñeira que lle pon de Chantada. Aleda as festas todas. Sofre a morte do seu filliño e a da sua muller. Tamén el está a piques de morrer ("No altiño do Paraño / morrendo ouvín soaren gaitas"). Escribe entón o seu "Adeus, miña gaitiña galega" e fai o seu "Testamento", xa que vai vendo na trasposta a sua vida. E, ao cabo, a espranza:

Eu, máis alá do morrer
rexurdirei tocando a gaitiña
¡na longa gaiola do vento
co froleo da ialma miña!




UN POUCO DE HUMOR

     Pra remate deste percorrido polos temas poéticos do "gaiteiro de Soutelo" recolleremos unhas notas de humor. Este sirve agora pra facer unha crítica do arredor. O humor dábase a mancheadas na presencia do gaiteiro; e do bó e enxebre. Na sua obra escrita non podía fallar esta faceta.
     Unhas veces aparece como anceio:

Os cartos deberán ser
como froito das patacas
o cabo dos anos manidas
e o que as come sementalas (32).

mentres outras se amostra máis esplícito:

As uvas de Alongos
non queren que lle voten
auga o seu viño.
Dabondo coste tiveron
con nacer na veira do Miño.

     Cicáis se ría de sí mesmo, cando recolle duas cantigas que o pobo lle adicara moitos anos atrás.

O gaiteiro de Soutelo
¡un raio de Dios o mate!
non quere tocar a gaita
sin que lle den chocolate.

     A segunda delas recolle o mesmo esprito; semella que o traballo non lle gustaba moito á Avelino:

E ¿tí qué fas, Avelino?
E ¿ti qué fas polo vran?
Todos sachando no millo
e ti ¡ca gaita na man! (33).

     Non quixera silenciar as duas alusións sociás que se atopan en toda a sua obra escrita. A primeira, referida á Cruña na loita da Independencia, está tratado do seguinte xeito:

Xibraltar das vidreiras de prata,
rosiña da Santa Cristina,
de tí namorouse Inglaterra
non lle deixou María Pita (34).

     A segunda, non percisa comentarios:

Galicia de Breogán,
moitas igresiñas tes
e poucas escolas che fan.

     Rematado eiquí o seguimento do temario poético de Avelino Cachafeiro, podemos concluir que a letra espresou o que a gaita suxerira noutros tempos: a vida de Galicia e dos seus fillos. E, respeuto ao "gaiteiro de Soutelo", ben se ouservan as cualidades da sua vida. Foi un home crente, atento aos sinaes da terra, da paisaxe e do humán do arredor, nos que capta e fai levibles a mensaxe do cotidián e a do eterno.
     Coma un mozo namorado, todo lle fala do seu amor: a fe, a inmortalidade, Galicia, a gaita. Cicáis a misión do poeta sexa recoller esas notas esparexidas que chegan da Natureza e do fondo da sua ialma. Con elas, Avelino Cachafeiro compuxo o seu canto e devolvéuno ao pobo.
     Rosalía, que soupo espresar o que estaba na ialma de todo un pobo, latexa tras dos poemas do "gaiteiro de Soutelo". Pro non na forma, que o gaiteiro tena propia. A semellanza está no esprito que anima aos dous. E o pobo que, na realidade, canta e fala tras deles.
     Poderá se comprender agora o que suxerín no meu limiar, cando recollía aquela afirmación do filósofo: "non somos nos quen falamos; é a sociedade a que fala mediante nós". Esto é indubidábel na obra de Rosalía e na de Avelino Cachafeiro.
     Este caráiter, o ser voceiros auténticos dun pobo é o máximo valor dun artista; dun xeito especial, cando ese pobo é tan grandioso. ¡Que o pobo non esqueza a voz e o arte de quen tanto o amaron!
     Os poetas son trasparentes. Deixan ver a sua ialma. Cicáis por esa trasparencia, X. Santayana escribéu: "A poesía é relixión na que se deixou de crer" (35).
     Pro no caso do "Gaiteiro de Soutelo de Montes", haberíamos de apricar, máis ben, a paráfrase de Niebuhr: "A relixión é poesía na que se cree" (36).



          ——————————

          NOTAS


(1) OTERO PEDRAYO no Limiar a "Voando cas aás da vida", p. 12.
(2) Ibid., p. 12.
(3) Así a xudea e a cristián. Tamén a psicoanálises, vai polo camiño das verbas pra libertar ao enfermo.
(4) Transcribímolo no capítulo adicado ao "Millor gaiteiro de Galicia".
(5) Voando..., p. 27.
(6) Nunha entrevista no "Faro de Vigo" no vrán do 1973.
(7) The Pardoneres Tale
(8) Xénesis, 3, 19.
(9) Cfr. G. VAN DER LEEUW: Fenomenología de la Religión, F.C.E., I, s. 10.
(10) Tal é o tíduo. A obra está traducida primorosamente ao galego na Ed. Galaxia.
(11) La saga/fuga de J.B.
(12) Dito en decembro de 1909. A cita recólloa da "Literatura Gallega", de E. CARRÉ ALDAO, Ed. Maucci, 1911, pp. 493-494.
(13) Limiar a "Voando", p. 11.
(14) "Niebla", Ed. Espasa Calpe, 1966, p. 28.
(15) Voando, p. 53.
(16) Voando..., pp. 14-16.
(17) Ibid., p. 14.
(18) Ibid., p. 15.
(19) Ibid., p. 39.
(20) Ibid., p. 50.
(21) Voando..., p. 34.
(22) Voando..., p. 42.
(23) Ibid., p. 43.
(24) Coido que coa fixación escrita das suas cavilacións, Avelino superou a door que tiña decote na sua ialma dende o ano 46. Coido tamén que debeu de escribilo anos despóis da morte da sua musa.
(25) Voando..., p. 50
(26) Voando..., p. 19
(27) Ibid., p. 23.
(28) Ibid., p. 14.
(29) Ibid., p. 45
(30) Ibid., p. 47.
(31) Ibid., p. 46.
(32) Voando..., p. 36.
(33) Voando..., p. 30.
(34) Ibid., p. 23
(35) En G. E. WRIGHT, God who Act's, London, 1956, p. 123.
(36) Ibid.,


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega