O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

("3.4.1. Sectores sociais nos que tenta de implantarse o P.G.")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada010.html



     3.4.1. Sectores sociais nos que tenta de implantarse o P.G.

    
Un sector no que denodadamente anceia implantarse o P.G. é o dos conserveiros. O interés que lles merece o sector da conserva ven dado tanto pola súa importancia cuantitativa (era o principal ou un dos máis importantes sectores fabrís de Galicia) como por ser unha industria ben integrada na estructura económica de Galicia, na medida en que traballaba unha materia prima, cal era o peixe, que extraía a flota pesquera autóctona.
     Tanto procuraba o apoio deste sector económico que en 1934 escomenza a aparece-lo seguinte solto en «A Nosa Terra»: «As conservas galegas de peixe son as mellores do mundo (74).» O feito de que este slogan impregnado de chauvinismo económico non vaia firmado por ningunha empresa conserveira en concreto é indicativo do obxectivo que procura este anuncio: ergue-la bandeira da exaltación e defensa das conservas galegas para así acada-lo apoio do sector. Proseguindo con esta teima chegan mesmo a postula-la consagración dun día adicado á conserva galega, que co tempo pensaban na posibilidade de amplialo a unha semana, na que se promoverían degustacións e diversos actos de promoción e exaltación da conserva galega. Noutro apartado aludimos á protección que o P.G. solicita para este sector con problemas de stocks sen saída.
     Mencionemos un texto que recolle moi ben todo o devandito, saído da pluma de Manoel Beiras García:

«A industria conserveira é hoxe unha industria nazonal galega que non conta ainda coa merescida atención do noso pobo. E preciso ver que todos e cada un dos galegos teñen alí incorporado un anaco da súa persoalidade. Non ten esta industria a protección patriótica que todos lle debemos [...] se ten de popularizar mais o consumo das conservas de peixe, porque traballa nela unha importante población proletaria da terra e do mar; porque os cartos invertidos no consumo da conserva de peixe son cartos que non saen pra fora de Galicia.
     E preciso que o P.G. orgaice o Día da Conserva de peixe como primeiro ensaio chegando co tempo a orgaizar a semán, pra que o seu consumo en Galicia se popularice antre as xentes acomodadas e modestas (75)

     Estaba claro que procuraban representar a este grupo industrial; o que xa non o está tanto é que o conqueriran. De feito, segundo os datos que obran no noso poder e que son resultado de intensas pescudas, non conseguiron practicamente nada apreciable. O único propietario da industria conserveira que chegou, non a militar, pero sí a establecer nexos de simpatía co P.G. e mesmo a ofrece-lo seu apoio económico a algún proxecto deste partido, foi Massó. Este era propietario dunha fábrica en Bueu, sobre a que sabemos que foi creada en 1880, contando con modernas instalacións e maquinaria; sintomáticamente fixera colocar letreiros nas paredes da emprea escritos todos en galego (76). Ademais pagaba anuncios en galego en certas publicacións galeguistas, concretamente no Boletín de Estudos Políticos, «Alento» (77) e na revista «Logos». Ó cabo, aparece o seu nome, entre unha relación de persoas aportando 15.000 pts. para adquiri-lo periódico «El Pueblo Gallego», propiedade de Portela Valladares, operación promovida polo P.G. coa colaboración secundaria de certos elementos republicanos (78).
     Podemos considerar que había tres ou catro conserveiros máis, que, dun xeito ou doutro, simpatizaban, sobre todo ó principio, co P.G.; nos mítins que organizaba o Grupo de Vigo en «A Barxa», ían, ás veces, algún destes conserveiros, especialmente os Cerqueiras e Daniel Vázquez. Este último primordialmente, xunto co seu irmán Xosé María, vía con os ollos ó partido e temos constancia de que Daniel Vázquez foi quen enviou o primeiro donativo, consistente en 1.000 pts., para contribuir a financia-la campaña electoral do P.G. en 1933 (79).
     Paz Andrade confirmounos tamén o apoio de Massó ó P.G., pero, tanto o deste como o dos restantes, semella que foi esmorecendo conforme o P.G. se foi decantando cara posicións de esquerda (80).
     Como se ve, pouco foi o conquerido, ó que cabería suma-lo relativamente importante número —que non se nos precisa tampouco— (81)de executivos e altos empregados destas fábricas de conserva que perteñeceron ó P.G.
     Todo o cal non era de extrañar dado que a gran maioría dos conserveiros eran de orixe catalana, tardaron bastante en aculturarse na sociedade galega e sempre formaron unha especie de gueto arredado; polo demais eran máis conservadores que o P.G. (82).
     Sabemos, ademais, que cando foi do Alzamento do 1936, a patronal conserveira axudou afervoadamente ós militares sediciosos (83). AIgúns destes conserveiros chegaron mesmo a amosar gran animadversión, naquel momento, contra Paz Andrade (84).
     A maior abundamento reproduzamos unha alusión feita polo P.G. ós conserveiros, co gallo do convenio de importación de carne do Uruguai, considerado moi perxudicial para a gandería galega, que demostra o alonxamento destes:


«[...] López Varela, diputado bola-negrista por Pontevedra, pra defender a sua acta e a dos seus colegas, conservando os votos duns conserveiros trabucados de Vigo, non somentes non foi contra o convenio, senon que o defendeu (85).» (Suliñado de X.C.P.)

     Cremos que isto é testimuño claro de que cando menos un considerable sector dos conserveiros apoiaba ó Partido Radical, e do restante —salvo as excepcións arriba mencionadas— non hai a menor mostra de que sostivese a actividade do P.G., dado que nin sequera se anuncia en A.N.T. tendo que figura-lo spot publicitario de forma anónima. Tamén Del Riego (86) testimuñounos que os conserveiros apoiaban maioritariamente á Ceda e ós radicais.
     De todo isto séguese que é infundada a afirmación que fai Alfonso Bozzo na súa valiosa obra, repetidamente mencionada no noso traballo; concretamente afirma que:


«el P.G. encontrará en la burguesía industrial conservera y pesquera un apoyo que, por otra parte, es en algunos aspectos tradicional y tenía una de sus manifestaciones en la vinculación personal de algunos de los dirigentes galleguistas en la provincia de Pontevedra al patronato pesquero y conservero (87)

     Como apoiatura a esta tese menciona a Paz Andrade, persoeiro do P.G. que era avogado da patronal pesqueira viguesa, e tamén a Fernández del Riego, de quen asegura que era o xefe da redacción da revista da patronal pesqueira «Industria Conservera». Pois ben, temos que dicir que estas opinións vertidas por Bozzo verbo de Fernández del Riego son categóricamente erradas. Efectivamente, nos primeiros anos da República, Del Riego cursaba estudios de Dereito e mais de Filosofía, de xeito que ó rematalos incorporouse ó departamento de Dereito Adeministrativo como profesor, función que desempeñou ata o remate da República, momento no que foi depurado polas autoridades franquistas. Polo tanto, Del Riego, en tanto que foi membro das Mocedades primeiro e do P.G. despois, non tivo nada que ver coa revista dos conserveiros vigueses, e conseguintemente carece de sentido establecer unha ligazón conserveiros-P.G. por mediación de Fernández del Riego.
     Bozzo, sen dúbida escoitou campanas pero non sabe a ciencia certa en que sitio, porque sería xa no período da postguerra cando Del Riego, suspecto ante o réxime, tivo que percurar traballo nunha academia de Vigo «Labor», exactamente) e, como complemento, por encargo de Paz Andrade, ocupóuse de escolmar das revistas pesqueiras extranxeiras información para publicar na revista dos conserveiros vigueses. Era este un traballo meramente técnico, posto que os editoriais e maila liña ideolóxica da revista eran da competencia de Valentín Paz Andrade.
     Polo que respecta a Paz Andrade tampouco resulta certeira a apreciación de Bozzo. En primeiro lugar porque non era fundamentalmente ós conserveiros (88) a quen estaba vencellado senón os armadores, concretamente á importante asociación patronal «La Marítima de Bouzas (89)»; e en segundo lugar, porque a súa afección ó P.G. non era do fuste necesario como para garantizar ese vincallo conserveiros— P .G., do cal constitúe un elocuente testimuño o feito de que vaia disminuindo paseniñamente a súa militancia ata que chega a abandona-lo partido a fins de 1935, tal como relatamos noutro apartado. En efecto vémolo formando parte do primeiro Consello Executivo do P.G. (elixido o 6 de nadal de 1932) pero xa non volve formar parte das tres directivas que sucesivamente se escollen nos seguintes anos. Tamén desaparece pronto a sección que publicaba nun principio en A.N.T. co título de «Verbas ao Pobo».
     O sector católico e moi especialmente os sacerdotes (polo influxo que exercen na poboación) é certamente apetecido polo P.G., como o denotan as constantes queixas polo seu alonxamento do galeguismo. Bo reflexo deste interés témolo na proposta, escrita por un galeguista anónimo, consistente en que os galeguistas se apoderasen (sic) do profesorado dos seminarios e presionasen para que as dióceses vacantes foran cubertas con nativos de Galicia (90). Nesta angueira de galeguización da Igrexa de Roma foi Lousada Diéguez —como sinala J.A. Durán (91)— un pioneiro. E como epígono distinguido destacou Otero Pedrayo quen alude no curso dun discurso parlamentario, en tono recriminatorio dende logo, á supresión do presuposto destinado ó clero (92). Pesia elo, pouco llo agradeceron os católicos ourensáns a xulgar por un comentario no que fica patente que non gozaba Pedrayo da suficiente estima dos católicos que non lle propuxeron ser candidato a deputado. Sen deixarse gañar polo desalento o noso comentarista recaba o voto dos católicos, nas eleccións lexislativa de 1933, para Otero Pedrayo (93).
     A intelectualidade era unha esfera que o P.G. procuraba atraer. Xa temos visto como moitos galeguistas, e de maneira especialmente marcada os dirixentes, procedían da intelectualidade polo que non extrañará que, por elementais razóns de afinidade, tenten de reclutar nela o maior número posible de adhesións. Este feito aparece ben recollido nun comentario aparecido en «El Ideal Gallego», do que A.N.T. se fai eco sen desautorizalo; dicía así aludindo ás miras proselitistas do P.G.: «As suas xestións diríxense principalmente a conquerir os núcleos seleitos i-en tal senso fan unha intensa campaña na Universidade de Santiago (94).
     Tanta importancia como a intelectualidade tiña para o P.G. o campesinado. Polo de pronto xa nos ilustra sobre esta preferencia a atención que lle otorgaba ós problemas agrarios, tanto nas intervencións dos deputados galeguistas no Parlamento, como no espacio que a eles adica «A Nosa Terra». Recabémo-lo testimuño de Víctor Casas:


«Hai que se poñer urxentemente en contacto co agro. Tanto para a loita si é necesario como para a construcción da Galicia do porvir [...] xa que no agro está a verdadeira Galicia a ela temos de ir (95)

     Castelao, pola súa banda, coidaba que Galicia contaría cun gran partido galeguista: «Cando os labregos abran os ollos e lean o programa galeguista (96)
     Traíamos a colación tamén un enxundioso comentario de Risco:


«E certo que (os galeguistas) teñen algunha preferencia polos peisanos e polos mariñeiros, porque son os mais, os que mais traballan e contribuien á riqueza verdadeira de Galicia e porque iles foron os únicos que, nos momentos en que Galicia estaba en perigo de ser asimilada polo castellanismo do Estado, souperon ser rebeldes e conservaron a nosa língua e as esencias da nosa nazón galega (97)

     O campesinado ofrecía, en efecto, un atractivo doble para os galeguistas: nel pervivían as esencias da Galicia auténtica, e sobre todo, o campesinado era a gran masa de poboación activa. Velaí porque a actuación do P.G. se endereitou preferentemente a gañalo apoio deste sector, que tería de se-lo máis permeable ás predicas do nacionalismo dado que era no seu seo onde se conservaban incólumes a língua e maila cultura diferenciais, e, por ende, constituía unha inxente masa de maobra que podería dar unha rexa apoiatura ó proxecto político do P.G.
     «E sobor do campo, sobor do labrego, que a Galicia do porvir ten de ser edificada. E o campo empeza a vir a nós (98).» Ben significativas son estas optimistas verbas de Risco, quen incluso chega a afirmar máis adiante: «Se algunha crase ten dereito a o predomiño político, se algunha crase ten dereito a impor a súa vontade, dereito a exercer a dictadura é a crase labrega, son os paisanos (99).» Engádese a isto que sobre a base do pequeno propietario labrego, capaz de prosperar mediante o cooperativismo no marco do autogoberno de Galicia, se encontra a chave que garantizará a estabilidade social da democracia republicana. Este dato non escapa ó P.G., como o demostra Suárez Picallo nun discurso que citamos no apartado do «Programa do P.G.», como tampouco o ignora o P.N.V. (100). Polo demais, nos manifestos e comunicados que o partido dirixe á opinión publica, apélase sempre especialmente ós labregos.
     Menor importancia teñen as mulleres na asioloxía social do P.G., pero algunha teñen. Así, en ocasións recaba o seu compromiso co galeguismo: «As nosas mulleres non poden esquecer o seu deber de axudar aos homes na mesma tarefa hestórica, que en Galicia hoxe non pode ser distinta ao conquerimento do Estatuto (101)Unha das causas do novedoso interés político polas mulleres estribaba no feito de que na República acadaron o dereito ó voto. De feito, convén non esquecelo, na estructura organizativa do P.G. había unha sección femenina.
     Maior atención que ó sexo feminino, pero inferior que o campesinado, outorgan á mocidade. A organización xuvenil do P.G., «Federación de Mocedades Galeguistas» tiña unha envergadura notable, e á súa promoción adicaron os galeguistas adultos improbos esforzos. E elo porque o sector social xuvenil presentaba dous alicientes para os galeguistas; un deles, isto é ben claro, era que a mocidade encarnaba a Galicia do futuro, que era, despois de todo, a que pretendían eles construir con arreglo ás súas pautas programáticas; segundo aliciente cifrábase en que a mocidade —como tamén en gran medida o campesinado— constituía un eido virxe no que facía á influencia das outras ideoloxías que competían coa galeguista, por atoparse nun estado primario de conciencia. O P.G. dicía que: «[...] aspira principalmente a recoller a actividade dos mozos galegos, (e) dirixe as suas actividades á ourentación das masas virxes do noso pobo, no agro e na mariña [...](102).» Para engaiolar a esta mocidade o P.G. ofrécelle-la posibilidade de se-los cadros dirixentes da futura Galicia autogobernada:


«Tendes unha patria nova que descubrir como Olaf, o navigante do norte; tendes unha patria nova que redimir como os irmáns irlandeses [...] Galicia, dentro de poucos anos, estará nas vosas máns. Serede-los técnicos das cooperativas campesiñas e peixeiras, e do colectivismo forestal da nosa terra (103)

     De entre os xovenes interesaban especialmente os estudiantes, e dentro destes os universitarios. Polo demais, tamén os mozos son sistemáticamente invocados cando se trata de contestar ó que se considera como unha aldraxe do centralismo, e nas distintas proclamas que o partido dirixe ó País Galego (104).
    
Os mariñeiros —que tamén se alude nos manifestos do P.G.—, como sector co-depositario da cultura tradicional galega son ollados cóbizosamente polo P.G., pero non na mesma medida que o son os labregos. Isto é constatable coa soa observancia da considerablemente menor cantidade de veces que son mencionados, e mesmo na postergación de que é obxecto o estudio da súa problematica, se o comparamos coa do sector agrario. Este feito, na nosa opinión, obedece a dúas causas: en primeiro lugar por ser un sector da poboación incustionablemente menor que o campesinado; en segundo lugar, e moi principalmente, polo seu relativamente alto nivel de afiliación á C.N.T., sindicato pouco receptivo ó influxo do galeguismo, tanto polo seu xeito de entende-la fraternidade universal, que debería rebasa-las fronteiras nacionais, como pola súa animadversión a todo o que significase un principio de autoridade, e moi primordialmente, a estatal; e teñamos presente que o P.G. non soamente non tencionaba destrui-lo Estado central —simplemente pretendía remodelalo— senón que mesmo pretendía multiplica-los estados levando un para cada nacionalidade, que non outra cousa é, en suma, o federalismo.
     Un sector que queda en gran medida ó marxe do proxecto galeguista é a clase obreira. Como os propios galeguistas recoñecen «O Galeguismo naceu na cidade, estendendose d-ista pol-os camiños e corredoiras do meio rural (105)»; pois ben, sendo isto así, cabe destacar que o galeguismo en gran medida renuncia a implantarse nun dos grupos sociais que conforman o tecido do seu berce nativo: o proletariado urbano. Polo demais, neste sector tampouco prendía doadamente a semente nacionalista, por estar en boa parte adscrito a partidos ou sindicatos que lles imbuían o credo do internacionalismo proletario, facéndoo así bastante impermeable.
     As reticencias das organizacións obreiras verbo do galeguismo foron notorias na República. Así o líder da C.N.T., Villaverde, criticou acerbamente ós galeguistas nun mítin que deu en Vilaxoán, dicindo deles que falaban en galego para mellor explotar ós obreiros e mailos labregos (106).
     O proletariado é o sector das clases populares con máis conciencia de clase e tamén con maior capacidade organizativa, habida conta das posibilidades que ofrece a concentración de gran número de traballadores nunha mesma unidade de producción. Por esta razón non é tan fácil que, como o campesinado, constitúa a masa de manobra doutra clase social.
     Tendo en conta que as ideoloxías de maior predicamento no medio dos asalariados industriais eran a marxista (na súa doble vertente socialista e comunista) e maila anarquista, imbuídas ámbalas dúas de espírito internacionalista, pouco matizado no que fai ó problema das nacionalidades oprimidas, non era de extrañar que os treballadores politizados ollasen con desconfianza a un partido que se declaraba nacionalista. Deste xeito adoitaban encadrarse en organizacións de clase, de ámbito estatal que, segundo o P.G., os enfeudaba a estratexias importadas amais de extrañas ó ser diferencial de Galicia. Polo demais o proletariado era numéricamente escaso. Engadamos que os traballadores tiñan forzosamente que ollar con desconfianza a un partido que presentaba un tinte tan interclasista como o P.G., e que ademais contaba con personalidades de acendrado catolicismo; sobre e todo, os obreiros máis conscientes tiñan que sentir espanto ó escoitar falar de Patria e de tradición nacional. Engadamos que o capitalismo, do cal os traballadores forman parte indisociable, tal e como se daba en Galicia, servía para introducir na sociedade galega pautas productivas e culturais alleas, polo que non serían vistos dunha maneira demasiado positiva, dado que os esquemas culturais da Galicia tradicional, na que se basaba o P.G., eran eminentemente precapitalistas. Bóveda mesmo deixou constancia desta consideración:
    


«Conven en Galicia unha política de clase, non habendo como non hay proletariado mais que en número cativo ¿ou é preferibre política agraria e mariñeira, que é a maioría e, polo tanto, a crase que ten dereito a facer a súa política e ser dirixente e non renunciará ainda as suas terras e as suas creencias? (107)

     Risco deixou dito que os galeguistas, despois dos campesinos e mariñeiros, tamén tiñan certa preferencia «[...] pol-os obreiros, inda que istes moitas veces se deixan influenciar por xentes alleas a Galicia e que teñen incluso intereses contrarios aos seus (108).» Por elo non se lle asigna un rol destacado; máis aínda, case nin o mencionan a non ser en contadas ocasións. Entre estas excepcións cabe suliña-la alusión que se fai ós traballadores das obras do ferrocarril central de Galicia, que se atopaban sen emprego pola paralisación das obras, importándolles realmente máis o problema destas que o daqueles.
     Atopamos, ademais, unha referencia ós traballadores dos asteleiros do Ferrol, que tamén estaban en paro, ó se-la industria da construcción naval ferrolana preterida polo Goberno que decidira traspasar a Cádiz a construcción dun barco planeiro que estaba en principio previsto que fora construído no Ferrol.
     En contadas ocasións os galeguistas dan conferencias ante un auditorio de obreiros, como as que, a fins de 1932, e en 1933, pronuncian destacados galeguistas como Del Riego, Carballo Calero ou Bóveda, no «Centro Obrero Cultural de Ferrol» (109).
     Moi de cando en vez algún galeguista —A. Villar Ponte, Picallo, Bóveda, sobre todo— menciona a clase obreira nalgún escrito ou conferencia, pero sempre en moita menor medida que ó campesinado. Expoñamos algún exemplo: A. Villar Ponte dicía a fins de 1931:


«Chegou a hora de que os estudantes e os obreiros galegos axuntense de novo, como s'axuntaron antaño no bosque de Conxo... Da mocedade universitaria e da mocedade obreira agardámolo todo (110)

     Picallo, pola súa banda, entendía que eran necesarias as «conquistas democrático-sociais tendentes a un superior nivel de vida das nosas clases laboriosas (111)
     Bóveda alude ós obreiros nunha conferencia organizada polo Grupo galeguista de Vigo, cando dicía que os galeguistas tiñan que loitar contra os que «se propoñen furtar as lexítimas conquistas dos obreiros, tiranizar ao labrador, agobiar ao contribuinte pobre [...] (112)
     Foron moi contadas as ocasións en que participaron asalariados nas asambleas galeguistas. Con motivo da celebración da asamblea anual dos Grupos galeguistas do Concello de Rianxo, escribía o cronista en A.N.T.:


«Concurriron centos de irmáns da comarca na que o galeguismo ten o seu mais rexo baluarte. Non deron collido no local. Atraidos pola trascendencia e novedade do sistema puramente democrático que o galeguismo practica, asistiron tamén a xuntanza representacións dos partidos de esquerda e obreiros de Santiago, Padrón, Puebla e Rianxo, e outros pobos veciños (113)

     De tódolos xeitos, dado que o P.G. era un partido que quería ser amplamente integrador, non vería mal nin moito menos que os obreiros se incorporasen ás súas filas. Tanto é así que A.N.T. estará atenta á aparición dos mais leves signos que revelasen un cambio da actitude dos obreiros en relación co galeguismo. Deste xeito reproducen un traballo firmado por Fausto Brand, aparecido no semanario sindicalista «Trabajo», no que este recoñece o dereito de autodeterminación das pequenas nacionalidades e considera progresistas ós movementos de liberación nacional, indicando tamén que debían cesa-las desconfianzas do mundo obreiro verbo do nacionalismo dos países oprimidos. Como colofón do mesmo apostilIaba A.N.T.:


«Non é esta a primeira vegada que A.N.T. reproduce traballos nos que se pon de bulto como nos medios obreiros se vai producindo un movimento de comprensión e simpatía cara as nosas ideas nazonalistas (114)

     Quizais se a tentativa do P.G. non fose truncada polo levantamento militar, iría pouco a pouco facéndose máis sensible ó mundo obreiro. É a este respecto sintomático que na IV e derradeira Asamblea do partido fose presentada unha moción do Grupo de A Coruña urxindo a ampliación do apartado programático no que se facía referencia ó Traballo, poñéndoo en consonancia co crecente peso que o proletariado ía tendo na política galega, de modo que permitise a propaganda do P.G. nos centros industriais (115).

Representación por medio dun «Gráfico de Bastóns» dos
 Sectores Sociais nos que tenta de implantarse o P.G., 
cun valor Aproximativo


A Conserveiros E Mulleres
B Intelectuais F Mariñeiros
C Labregos G Cregos
D Mocedade H Obreiros




(80:moito; 50: bastante; 30: algo; 10: pouco; —10: insignificante).

 




NOTAS

 

 

(74) O primeiro anuncio deste tipo aparece por primeira vez en A.N.T., do 25-VII-1934.
(75) A.N.T., 1-IX-1934.
(76) «Ultreya»; NOS, núm. 3, IX-1934.
(78) Documento consultado no Arquivo do P.G.
(79) Sabemos que estes datos non son moi precisos, pero as fontes orais —outras non hai— non permiten detallar máis; Declaracións de Valentín Paz Andrade, Vigo, 25-XII-1980.
(80) Neste sentido manifestouse o noso informante Paz Andrade.
(81) Segundo Paz Andrade, un deles, Xosé Barreiro, militaba no Grupo de Bueu. Sabemos tamén de Xavier Soto Valenzuela, do P.G. e apoderado dunha fábrica de conservas, así como Ovidio Temes, de Vigo.
(82) Testimuño de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-V-1978.
(83) Freixanes, Víctor, O Fresco. Memoria dun fuxido. 1936, Edicións Xerais, Vigo 1980, páx. 103.
(84) Declaracións de Francisco Fernández del Riego, Vigo, 5-VII-1980.
(85) A.N.T., 25-V-1935.
(86) Declaracións de Francisco Fernández del Reigo, Vigo, 5-VII-1980.
(87) Alfonso Bozzo, A.; Op. cit., pp. 175-176.
(88) Paz Andrade estaba personalmente ligado a un grupiño pequeno (non excedía de tres ou catro) de conserveiros cos cales fixo un labor de achegamento ó P.G., que non obtivo o resultado apetecido; Declaracións de F. Fernández del Riego, Vigo, 5-VII-1980.
(89) Declaracións dó propio Valentín Paz Andrade, Vigo, 25-XII-1980.
(90) Escrito mecanografiado que figura no Arquivo do P.G.
(91) J.A. Durán, Crónicas 3. Entre La Mano Negra y e/nacionalismo galleguista, Akal, Madrid 1981, páx. 297.
(92) «Intervención de Otero Pedrayo en favor del ferrocarril»; Heraldo de Galicia, 7-XI-1932, páx. 1.
(93) Firma: «Un Católico», «Los católicos han de votar a Otero Pedrayo»; Heraldo de Galicia, 8-IX-1933, páx. 1
(94) A.N.T., 8-IX-1934. Polo demais no bloque histórico que anceia fragua-lo P.G., os intelectuais desempeñan un importante papel: «Loitemos todos por unha Galiza ceibe, por unha Galiza de traballadores do campo e do mar xunguidos nun fraternal abrazo con aqueles traballadores intelectuás que sintan o orgullo e a honra de ser nados na nosa Galiza». A.N.T., 25-VII-1934.
(95) V. Casas, «Do Momento», A.N.T., 25-VII-1931.
(96) Castelao, «Verbas do Chumbo» (IV); A.N.T., 11-V-1935.
(97) Vicente Risco, «Ideas que defende e fins que se propón o P.G.»(XI) As Clases sociales; folleto publicado por entregas en A.N.T., 31-VIII-1935.
(98) Vicente Risco, «Espranza no Hourizonte», A.N.T., 8-IX-1934.
(99) Frase de V. Risco, citada por M. Buxán Rivas, A.N.T., 14-VII-1934.
(100) Vide Beltza, El nacionalismo vasco (de 1876 a 1937), Mugalde, Hendaya 1974, páx. 290.
(101) «Manifesto publicado pol-o Partido no Dia de Galicia de 1932»; NOS, Publicacións Galegas e Imprenta.
(102) Introducción ós «Documentos da I e II Asambreia do P.G.», xaneiro 1933; NOS, Publicacións Galegas.
(103) A.N.T., 24-II-1934.
(104) Así por exemplo a que aparece en A.N.T., 22-XI-1935.
(105) Xosé García Nodar, «O Galeguismo no meio ruraI»; A.N.T., nº 414.
(106) 15-IV-1932.
(107) Notas manuscritas de Bóveda para ser utilizadas nunha conferencia. Arquivo do P.G.
(108) Vicente Risco, «Ideas que defende e fins que se propón, o P.G.», (XI) As clases sociais: A.N.T., 31-VIII-1935.
(109) González Probados, Manuel, «¿Cultura Obrera?»; A.N.T., 11/17-VIII-1980.
(110) A. V. Ponte, «Na hora da suprema realidade»; A.N.T., 1-X-1931.
(111) «Proposta de declaración da Asamblea do afiliado R.S. Picallo»; A.N.T., 11-I-1934.
(112) A.N.T., 17-III-1934.
(113) A.N.T., 13-VII-1935.
(114) A.N.T., 25-VIII-1934.
(115) A.N.T., 27-IV-1935, páx. 2.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega