O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: "Informe encol do posible convenio cos federales"

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada225.html


     Tiven tres conversas con Marial, no Congreso, e outra na Direición xeral de Comercio.
     O que máis preocupa arestora ós federales é a formación dún bloque de diputados autonomistas ou menor de Partidos, que poida contrarrestar a forza dos centralistas. Falamos moito do asunto e vexo que os federales entran pol-o bó camiño, esquecendo aquelas manias adxetivas que si estaban incluídas no testamento político do fundador nada teñen que ver co nome do Partido; tales como é a custión relixiosa, que a xuicio de Marial está fora das finalidades verdadeiras que se persiguen. Os federales deben representar na Hespaña unha forza liberal que se opoña ó esprito reaicionario que a republica herdou da monarquía e que representa a mesma i-alma de Castela. Considerara necesario orgaizar a loita antre os dous espritos; e máis agora en que o perigo de invasión das modas imperialistas pode favorecer unha reaición contr'as autonomías. E da mesma maneira que se produxo a división entre dereitas e ezquerdas debe producirse axiña a división antre centralistas e descentralizadores. Neste bloque derradeiro caben tódolo-os grados: dend'os nacionalistas que aspiren á independencia dos seus pobos deica os simplemente rexionalistas que somentes arelan unha autonomía. Velahí porque os federales intentan bautizar este bloque co nome de Federación republicana autonomista. Iste nome é o axeitado para presentarse no Parlamento hespañol amparados pol-a mesma Constitución da república. A verba Federación refírese somentes ós Partidos políticos que a integrarán e siñifica o recoñecimento da súa libertade para actuar no pobo correspondente. A verba autonomía ten un siñificado tan ancho que pode incrusive ir máis alá da federación, posto que ista supón a vountade para arredarse cando lle conveña (Nada ten de ver con Galeuzca).
     Aparte vai un anteproyeito de bases que compre estudar, e co-as indicacións necesarias debe ser remitido á Marial. Iste diputado marchará decamiño a Barcelona para falar con Maciá e logo teranse conversas cos bascos. Todo isto debe facerse axiña para que poidamos dar conta da formación do bloque o primeiro de outono.
     O que xa se pode facer agora, denantes da discusión dos presupostos, é ingresar na minoría federal, ou mellor dito, para formal-a. Axiña.
     Eu non cerrei trato ningún, pois fixen saber as nosas prácticas democráticas e a necesidade d'una consulta previa ó Consello. Pero prometin que por telegrafo se lles facería saber a nosa decisión.
     Para comunicarlle o noso acordo, como para tratar do que conveña debemos dirixirmos a Marial, teléfono: 57588. Madrid.
     Agora compre que eu informe e dea o meu parecer espoñendo as razóns e os feitos en que me afinco:
     O grupo en que nós podemos entrar está formado por persoas dinas e acretadas en xeral. Somentes un é persoa que non enche os meus degoiros de limpeza moral: Doncet.
     Son istes os Srs. siguentes:
     Franchy, Marial, Arauz, Companis, Crespo, Valle, Doncet. Total sete i'entrando nós serian os dez que eisixe a formación da minoría parlamentaria.
     Para darse idea da escolma feita compre saber os que se arredaron; Cordero Be., Barriobero, Sediles, Soriano, Niembro.
     Quedan ainda dous federales que non están con uns nin con outros: Ayuso e Pi y Arsuaga.
     Estudando as condicións persoales d'estes grupos de diputados eu coido que a sua compañia non poderia luxarnos.
     A minoria parlamentaria non produciría máis efectos que os puramente parlamentarios, quedando sempre libres para opinar e votar ó noso albitrio. A cuestión relixiosa nin tocala tansiquera; dentro da minoría federal quedaríamos tan libres como estamos agora mesmo os tres diputados galeguistas perante o planteamento d'unha cuestión relixiosa, que teríamos que resolvela ollando somentes á nosa convencia.
     As ventaxas que eu veso son as siguentes:
     Libertade para votar.
     Arredamento do goberno.
     Representación na Diputación permanente, que nos defendería ó cerrárense as Cortes.
     Representación nas Comisións.
     Bóa calidade das persoas.
     Entrada no Decano dos partidos Hespañoles republicanos, que nos ampararia de calisquera acusación de antirrepublicanismo.
     O non servir ista minoría máis que para efectos parlamentarios. Disculpa de esta unión por afinidades programáticas.
     Representación do noso partido na Galiza, en certo modo, dos federales e a consiguente inclusión no noso Partido de algúns que están arredados.
     Velahí unas cantas ideas que sen gran meditación se me ocurre apuntar.
     Pero a mellor seria a sorpresa que n'este intre causaria e que podemos aproveitar con notas na prensa. A nota primeira para dar noticia do noso ingreso na minoria federal pode ser algo que faga meditar moito ós contrarios.
     Os inconvenentes son menos que as ventaxas. Cicáis se nos critique por ingresar n'un Grupo de caraiter nacional; pero iso non é un Partido sinón unha minoria parlamentaria feita con diputados de ideoloxia afin que ademáis respetan en absoluto a nosa ideoloxia particular.
     Eu fixen saber as condicións que impedirían a unión; pero de moitas d'elas non hai para qué falar, posto que no Goberno non queda Casares e non ten tampouco representación dos Federales. Somentes o convenio co Uruguay pode quedar como incomenente; pero eles dixeron que nós podemos defender a nosa economía galega con enteira libertade, tal como eles ou algún d'eles terán que defender a súa.
     Velahí canto teño de decir. Non sei se esquecín algún dato importante; pero en xeral isto é o único que se me ocorre agora, no mesmo intre en que acabo de chegar de Madrid sen lavarme tansiquera.
     Pontevedra, 13 de sepbre. de 1933.


Castelao

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega