O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: Carta de Castelao a Bóveda

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada232.html


Transcripción dunha carta manuscrita de Castelao a Bóveda, s.d. pero situable en 1935, escrita en Badaxoz.



Querido Bóveda:
     Mándoche esa carta de M.ª Risco, para que a leas e ma devolvas. Fíxate ben: que ma devolvas. Teño carta de Xerardo onde me conta o que lle dixo Peinador dende Madrid: que quén redactara o informe de I.R. fora Honorato Castro etc., etc. Xa ves cómo algunhas veces compre andar con tento. Esa carta de M.ª Risco reflexa a verdade. Xa eu notara que no referente á custión forestal había unha meirande comprensión. Para que vexas que teño ollo. Tamén verás por esa carta o eisito das estampas de «Bola Negra».
     De Pontevedra enviáronme duas cartas que alí tiña retidas de Casares Quiroga. Mandeillas a Xerardo para que se enteren. Son cartas moi garimosas dándome as gracias pol-o telegrama que lle puxen con motivo do debate do alixo de armas e ademais cóntame as suas xestiós para que de I.R. nos contesten axiña. Pol-o tanto xa fica arranxada en principio unha parte dos meus propósitos. Eu contesteille e dinlle unha impresión habilidosa da resposta que recibimos de I.R. (impresión persoal) na que lle digo, en resume, que no que se refire ao que a I. R. intresa fundamentalmente estaremos de acordo, ainda que no que para nos é esencial debemos opoñer algúns reparos. Dígolle que teño mentes de ir a velo para liquidar o pasado, «pois estimo que sería unha torpeza non falar do pasado xa que tanto él como eu podemos facelo sen perigo para a nosa amistade».
     «A Nosa Terra» que recibo hoxe, ven plagada de erratas. A min coláronme «os recos comen pouco» por «os ricos comen porco». Ven terrible e ademáis en duas ou tres partes atácase o problema clerical que non conviña tocalo agora como non fose discretamente e por un católico. Eso non me agrada e considéroo imprudente.
     Creo tamén que compre suprimir os ataques personales a Portela, sen que por eso se prive un de decirlle o que se lle debe decir. Crítica da sua xestión e da sua traición a Galiza; pero nen chistes, nen ironías. Paréceme que esta prudencia é boa, pois non sabemos ainda se en algunha ocasión teremos que anovar o noso trato con él. ¿Quén está libre deso? Xa ves o que pasou con Casares.
     O viaxe a Madrid debe facerse. Eu escribolle a Xerardo para que vaian preparando o caixón de cousas que compre levarlle de regalo a Azaña e o que se lle debe decir, así como a resposta que debemos mandar por diante ou levala por man. Eu estou facendo de xefe, porque o meu xefe marchouse cun permiso de enfermo e outro compañeiro, que é auxiliar do instituto, ten de sair a esaminar por ahi adiante e necesita pedir permiso. De modo que eu somentes estarei en condicións de ir a Madrid despois do 10 de xunio. Se tivéramos decidido ir antes de rematar o mes tamen podería ir; pero está visto que compre deixalo para o mes que ven; pero eu non podo solicitar permiso senon dispois da voltar o meu compañeiro, pois a oficina non pode quedar cun soio empregado. Quedamos, pois, en que conmigo somentes se pode contar dispois do día 10.
     Esquecín a tua direición de Puerto Real. Mándama.
     ¿Siguen gustándoche os meus artigos?
     «Ser» está ben, moi ben.
     Apertas.


Castelao

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega