Para
o outro día pola mañá, tódolos rapaces andaron máis lixeiros en
face-los labores que cada un na súa casa tiña sinalados. Tódalas nais
se estrañaron de que cada un tiña a súa cama feita antes de almorzar, e
que mentres tomaban o almorzo, preguntaban se había algunha cousa que
tivesen que facer, ou se podían marchar. Ningunha delas sabía que
entre os acordos da tarde anterior, estaba o de facelo desa maneira,
para que ningún deles atopase obstáculos que lle impedisen estar á
hora acordada, ás dez e media, no adro da igrexa con cadansúa
bicicleta.
Emprenderon o camiño do río. Na ponte
deixaron as bicicletas, da mesma maneira que fixeran na tarde anterior e
mailo primeiro día que baixaran ó río na procura dunha pista que lles
aclarase o que, daquela, estaban iniciando.
Dirixíronse directamente ó muíño. Desta vez
levoulles menos tempo chegar, porque o camiño éralles cada vez máis
coñecido e familiar.
Metéronse dentro. Xa Pedro levaba o foco na
man, disposto a explora-lo sobrado do muíño, pero xa non lles fixo
falta, porque aínda non deran ben dúas pasadas dentro do muíño, viron
unha escada apoiada nunha trabe, que a tarde anterior non estaba alí.
Despois de se ollaren entre si, pero sen pronunciar nin unha soa
palabra, Pedro achegouse á escada e escomenzou a subir por ela arriba.
Cando estaba a catro chanzos do remate da escada, prendeu a linterna, e,
con ela, alumou a trabe. Foina percorrendo coa luz dun lado a outro e,
finalmente, parou a luz nun punto enfrente del mesmo.
Aquí hai algo.
¿Que é?
preguntáronlle os de
abaixo.
Un papel que está metido nunha
fendedura da trabe. Non vou ser quen de quitalo sen que me rache.
Baixa e déixame a min a ver
dixo
Cristina.
Subiu a
rapaza pola escada ata chegar ó lugar sinalado. Tampouco foi quen de
arrinca-lo papel da fendedura.
Tamén o
intentaron os outros, pero non tiveron éxito. De súpeto Miguel tirou
unha navalla do peto do calzón, abriuna e subiu pola escada arriba.
Alí escomenzou a labrar na regaña ata que a agrandou dabondo como para
poder quita-lo papel sen que rachase. Baixou con el na man e sen
desdobralo.
Cando estivo
abaixo abriuno, ollouno e deullo a Cristina.
¡Arrea! Agora escribe en
chinés exclamou.
Todos ó
redor de Cristina ollaban o papel en silencio.
¿Que será iso?
preguntou Delio.
Polo de agora non o sabemos pero
haberá que descifralo como fixemos cos outros
respondeu Pedro á
pregunta do seu amigo.
Ímonos de aquí
ordenou Cristina.
Xa atopámo-la mensaxe que viñemos procurar, nada nos queda
que facer aquí. O traballo agora hai que
facelo na casa. Xa faremos falar a este papeliño.
MENSAXE QUINTA |
|
Se queres coñece-lo texto desta
mensaxe, pon un papel branco enriba da páxina, copia a mensaxe
pasando cada signo cun lápiz por riba do orixinal. Corta en
catro tiras e, compoñendo como se explica máis abaixo, poderás
lelo. |
Botaron a andar pola beira do río. Na ponte
colleron as bicicletas e regresaron a Eiranova. Pasaron polo adro da
igrexa onde viron o auto de Xes, pero non pararon. Para eles aínda tiña
moito interés o asunto do reloxio, e para o crego perdérao de todo.
Cando chegaron á casa de Miguel e Cristina,
deixaron as bicicletas na porta e foron directamente ó cuarto de
detrás da cociña.
Cristina desdobrou novamente o papel e púxoo
no medio e medio da mesa. Ó redor dela, todos quedaron ollando para el,
sen falar. O primeiro en rachar aquel silencio foi Pedro.
Está visto que ollando para el non lle imos tirar cousa ningunha.
Será mellor que cada un diga como lle parece que podemos facer para
descifralo.
Pois o primeiro é velo ben replicou Elisa.
MENSAXE QUINTA
Cristina colleu o papel e apartouse con el dos
outros. Puxo o papel cara a eles, diante da súa cara.
¿Divos algo visto así de lonxe?
A min o mesmo que de preto, garabatos resolveu Miguel.
Eu diría que son letras falou Elisa como cavilando en
alto. ¿A
vós non vos parecen letras incompletas?
Por iso o puxen de lonxe comentou Cristina
poñendo o papel dereito
na fiestra mentres ela se afastaba para ollar. Eu tamén penso que son
letras ás que lles falta algo.
Entón unha maneira de intentar resolver isto sería tratar de
completalas aportou Delio . Collede un lápiz, e ímoslle facendo raias
a cada un dos signos ata que pareza unha letra.
Agardade curtou Pedro . Será mellor copialo, porque se lle facemos
máis raias, despois non saberemos cal era das que había no papel e cal
das que nós lle fixemos.
Todos estiveron de acordo en facer unha copia
da mensaxe, e para iso, o mesmo Pedro colleu un papel e un lápiz. Puxo
o papel en branco enriba do outro, e os dous apoiados no vidro da
fiestra. Desa maneira fixo unha copia exacta do orixinal. Imitaron todos
o que Pedro acababa de facer e de seguida tiveron cada un unha copia na
que poder traballar.
O traballo consistiu, tal e como dixera Delio,
en ir tratando de completar cada signo ata que tivese a forma dunha
letra maiúscula. Desta maneira estiveron traballando moito tempo.
Sempre no medio de risas, porque os textos que lles saían
resultábanlles moi graciosos, pero ningún deles tiña sentido dabondo
para poder calificalo de pista válida para avanzar na resolución do
caso que os tiña ocupados.
Cristina xa tiña o seu papel cheo de raias e
chataduras e xa non lle era posible traballar nel sen se facer un lío
tremendo. Así que colleu outro papel e foi ó vidro para copiar
novamente a mensaxe. Reproduciu a primeira liña de signos e os brazos
cansábanlle de termar nos papeis, así que afrouxou a presión da man
esquerda e deixou cae-la dereita ó longo do corpo para descansar. Con
isto un papel esvarou pola superficie do outro e a primeira liña da
copia quedou superposta sobre a segunda da mensaxe orixinal.
Cando Cristina ía emprender novamente o labor
de copia-los signos, quedou un anaquiño, menos dun segundo, fitando os
papeis na posición na que estaban, e inmediatamente corrixiu a
posición dos papeis ata que ámbalas dúas liñas primeira da copia e
segunda do orixinal coincidían plenamente.
Colleu os dous papeis na man e,
pegando un berro chamou polos seus amigos como se estivesen moi lonxe,
anque estaban a menos dun metro dela.
¡Vide, vide! ¡Vide acó que xa o atopei...!
Precipitáronse todos a onde estaba ela
preguntándolle como había que facer e que dicía...
Fixádevos; se poño este que copiei, enriba desta segunda
liña do
papel que atopamos no muíño, lese perfectamente.
¡Iso é! iIso é! dixo Elisa nervosa polo achádego.
Hai que cortalo todo en tiras e poñe-Ias dúas primeiras unha enriba
da outra. Hai que face-lo mesmo coas outras dúas e xa está concluíu
Pedro.
Foi Miguel a correr por unhas tesouras coas que
curtaron o papel en catro fitas. Cada unha contiña unha lira de signos
do papel da mensaxe quinta. Puxeron as dúas primeiras unha enriba da
outra e leron a primeira frase. Fixeron igual coas outras dúas liñas e
leron a segunda frase completa.
Xa témo-lo asunto resolto dixo moi leda
Cristina. Esta é a última
mensaxe e hoxe váisenos dar a coñecer. Non sei como nin como non, pero
teño a seguridade de que se nos vai presentar.
Agora ninguén sabía que dicir no medio
daquela mestura de arela de coñece-lo desenlace e medo por se poñer
diante da persoa que, ninguén en Eiranova, fora quen de descubrir en
tódolos días que levaba tocando unha badalada a maiores ás doce de
cada noite.
Cando se serenaron unha miguiña, Pedro
dirixiuse a tódolos outros rapaces para lles facer unha pregunta que
lle andaba na cabeza desde que lera a mensaxe última.
¿E en que farol? Porque hai moitos.
Había algo máis dun mes que se inaugurara un
alumado en tódalas parroquias do concello. En Eiranova colocaran farois
cada vinte ou trinta metros. E tódalas rúas estaban iluminadas con
farois que penduraban dun brazo suxeito nas paredes das casas. Desa
maneira, moitas delas caían mesmo enriba das portas ou das fiestras.
Á hora en punto explicou
Cristina, iremos por tódalas rúas
fixándonos ben no que hai debaixo dos farois. Dividirémonos en dous
grupos, e quen atope algo manda aviso.
¿E como facémo-los grupos? preguntou Miguel.
Elisa, Pedro e mais eu, iremos pola banda da igrexa; e Delio e mais ti
pola outra banda.
Xa sabía eu que os grupos habían ser máis ou menos así
dixo
Miguel con picardia.
¿E non sería mellor ir un pouco antes da hora?
preguntou Delio.
Non respondeu Cristina. Non podemos chegar antes da hora, porque
arriscámonos a que aínda non chegase a persoa que nos cita. Pero anque
teña que agardar a que cheguemos, de seguro que non se vai, porque se
dará conta que andamos a procuralo polos outros farois.
Eu xa me estou ponendo nervoso comentou
Miguel. Moito me vai tardar
en chega-la hora.
Nese intre escoitouse a voz da nai de Delio que
chamaba por el para xantar. Esto fíxoos reaccionar a todos e darse
conta da hora que era. Primeiro a interpretación dos signos da mensaxe
e despois a emoción de ver que se achegaba o final, fixéraos
esquece-la hora e non se decataran de que xa era moi tarde, e tiñan que
ir xantar. Así que se despediron, quedando en se ver ás cinco, diante
da casa de Elisa, que era a que consideraban máis indicada para
inicia-lo percorrido, por estar situada onde escomenzaba o alumado de
Eiranova.
Ningún deles comeu aquel día con moito
apetito. Todos tiñan un mesmo pensamento, que se resolvía nunha chea de
preguntas que se lles amoreaban na cabeza: ¿Quen será? ¿Por que o
faría? ¿Por que lles mandaba as mensaxes? ¿Por que lles descubría a
eles o seu segredo?
Aínda debían faltar uns vinte minutos para a
hora á que quedaran citados, cando xa estaban todos diante da casa de
Elisa. Querían falar doutras cousas distintas pero non podían: a
conversación íaselles de continuo ó tema da persoa que os tiña
citado.
Oes ¿e se nos botamos a
adiviñar
quen é? preguntaba Delio só por ver quen atina ¿eh?
Eu non
teño nin idea de quen pode
ser respondeu Pedro.
¿Non me iredes dicir que non se
vos pasou pola cabeza máis dunha e máis de dúas persoas de Eiranova?
insistía Delio.
Si
respondía Cristina, pero en
canto o pensaba un pouco xa atopaba algo polo que non podia ser aquela
persoa. Desa maneira, logo pensei en tódolos habitantes de Eiranova.
Ti xa
viñeches a dici-lo outro
día, que, de primeiras, desconfiabas de todos díxolle Miguel a súa
irmá.
Así foi
pasando o tempo e chegaron as seis da tarde, hora na que tiñan acordado,
tal e como a mensaxe recibida lles indicaba, escomezar a percorrer
Eiranova rúa por rúa e farol por farol.
Repartidos
en dous grupos, escomezaron a camiñar polas dúas beiras da estrada que
cruzaba Eiranova. Os primeiros en se arredar dela foron Delio e Miguel, que na primeira rúa que atopaban na
súa man, metéronse en dirección ás rúas da parte baixa da vila.
Andaban a modo, parándose en tódolos farois e ollando de arredor.
Uns metros máis adiante, pero pola banda de
enfrente, tamén Cristina e Pedro, seguidos de Elisa un pouquiño máis
atrás, abandonaron a estrada e subiron polo Camiño da Igrexa, rúa que
remataba no adro. Como nada atoparan en todo el, deron volta e seguiron
por entre as casas que quedaban á dereita do camiño, porque pola banda
esquerda non había máis casas que aquelas que estaban situadas na
orela mesma da canella. Non deixaron farol de ollar, e tampouco se
recataron moito en mete-las cabezas en portais e fiestras cando caían
debaixo dun farol.
De súpeto Pedro parou de camiñar. Virouse cara
ás dúas amigas. Ollounas fixo, en silencio. Despois faloulles:
¿E por que nos
empeñamos en
procurar unha persoa? ¿Por que non pode ser outra mensaxe o que nos
agarda?
Elisa e
Cristina olláronse entre elas dúas e despois a Pedro.
Pode ser, non che digo que non
díxolle Cristina. Pero eu interpreto que é unha cita, anque non
sabería dicirche moi ben por que. Tal vez polo tono da mensaxe.
Desde o mesmo intre en que desciframos aqueles signos, todos pasamos a
pensar que se trataba o final e, entón, non podía haber outro final
que non fose o de atopa-lo autor das badaladas
tentou Elisa de
convencer a Pedro. Pode aparecer outra mensaxe, certo, pero haberá de
ser por forza unha que nos leve a nos atopar con... Con quen sexa...
Sigamos a ver que pasa
aceptou Pedro. Podedes ter razón.
Seguiron
andando por entre as casas e nada atoparan cando remataron de pasar por
diante de tódolos farois que había na banda que lles correspondera
percorrer. Volvérona baixar polo Camiño da Igrexa ata a estrada. Nada
máis desembocar nela, xa viron a Miguel e Delio que estaban sentados no
chan co rostro serio. Fixéronse uns a outros un aceno de negación.
Proseguiron
o percorrido xuntos polo resto de estrada que lles quedaba sen revisar.
Atravesaban dun a outro lado cada vez que ollaban ó redor dun farol
dunha das beiras para ir ollar no correspondente de enfrente.
Xa poucos
farois restaban, e o desámino escomenzaba a se lle notar a algún dos
rapaces. Dubidaban que interpretan correctamente a mensaxe. Cristina
camiñaba diante de todos. Atravesou a estrada para ir ver se había algo
de interés no farol de enfrente. Quedou parada no medio da acera. Os
outros rapaces non repararon na súa súpeta parada ata que chegaron a
par dela. Daquela fitárona e ela fíxolles un aceno apuntando cun dedo
estricado ó farol que tiña diante.
iOllade!
Ergueron
todos a vista ó farol e viron que no seu brazo había un papel pegado.
¡Outra mensaxe!
exclamou Pedro.
Hai que collelo. ¿Quen sobe alí?
apuntou Miguel.
Ti
respondeulle Pedro. Pero hai
que ter coidado que non nos vexa ninguén.
Dúas cousas moi
doadiñas: que suba eu, que precisamente son o máis
pequeno de todos, e que non me vexa ninguén agatuñar por unha parede
no medio de Eiranova. Amiguiño, a ti non che rexe ben a cabeza.
Escoita
insistiu PedroTi sobes
enriba dos meus ombros e cólle-lo papel sen faces aspaventos de máis.
Todos pensarán que é un xogo que estamos a facer, e non se van fixar
en nós. A non ser que cando o collas te poñas a berrar ou calquera
desas cousas que a ti se che poden ocorrir.
Fixérono
tal e como Pedro dicía, e efectivamente, Miguel colleu o papel e
ninguén reparou nel. Baixou e escomenzou a abrir.
O papel tiña
un texto moito máis curto do que acostumaban a selas mensaxes, pero non
ofrecía dúbida a autoría, porque o papel dicía así:
Os rapaces
olláronse entre si e, despois, viraron cara á casa onde o farol estaba
colocado. Pola fiestra da pranta baixa podíase ve-lo comedor da casa.
Había unha mesa cuberta cun mantel branco. Nunha cabeceira da mesa
había tres bandexas: unha con refrescos, outra con fiambres e unha
terceira con pastas e galletas. No medio da mesa un floreiro con flores,
e apoiado nel, virado cara á rúa, un cartón onde estaba debuxado un
grande signo de interrogación metido dentro dunha paréntese.
Poñéndose ben pegados á parede, tamén se
podían ver uns pés calzados cunhas zapatillas leviáns. Os vidros non
permitían mete-la cabeza pola fiestra, así que non era posible ver
máis. |